Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Luns, 24 de marzo de 2003 Páx. 3.502

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 10 de marzo de 2003 pola que se declara de interese galego a Fundación CIP e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Con data do 7 de febreiro de 2003 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde de clasificación da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 29 de xaneiro de 2003. Con data do 7 de marzo de 2003 publicouse no Diario Oficial de Galicia corrección de erros da antedita orde, pola que se clasifica como mixta a Fundación CIP e se adscribe á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día 22 de agosto de 2002, ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Armán, co número mil novecentos cinco do seu protocolo, por Pedro Pablo Rey Vera, Ana María Ortiz Álvarez, Ana María Jesús Álvarez Arias, José Manuel de Oliveira Marques e Emilio Rey Vera, que interveñen no seu propio nome e dereito, facéndoo, ademais, Pedro Pablo Rey Vera en nome e representación da compañía mercantil Centro de Iniciativas Profesionales CIP, S.L.; esta escritura foi emendada por outra posterior ante o mesmo notario e co número de protocolo dous mil setecentos nove.

Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a organización de actividades docentes de carácter universitario e profesional, social ou cultural, relacionada, entre outros, con aspectos estratéxicos do desenvolvemento de Galicia, levando á práctica todo tipo de actividades docentes, seminarios, cursos, xornadas, conferencias, mesas redondas, etcétera,

e elaborando estudios de carácter xurídico, socioeconómico e sociolóxico no ámbito local, autonómico, estatal e comunitario.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación CIP, ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación CIP no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública