Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 11 de abril de 2003 Páx. 4.659

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 211/2003, do 3 de abril, sobre distribución de competencias entre os órganos da Xunta de Galicia para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrucción do labor inspector.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 29.1º, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, competencias e servicios que neste eido, e no ámbito de execución, lle corresponden ó Estado respecto ás relacións laborais, sen prexuízo da alta inspección deste.

De acordo co anterior, polo Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, transfírese á Xunta de Galicia a potestade sancionadora por infraccións na orde social, na actualidade asignada á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Ó abeiro do anterior, e conforme a normativa substantiva, procedemental e orgánica vixente, dictouse o Decreto 376/1996, do 17 de outubro, sobre distribución de competencias entre os órganos da Xunta para a imposición de sancións por infraccións nas materias laborais, de prevencións de riscos e por obstrucción do labor inspector.

Sen embargo, desde entón, producíronse varias modificacións que afectaron tanto a organización da Xunta de Galicia como a normativa reguladora das infraccións na orde social.

Efectivamente, o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado mediante o Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, e o Regulamento xeral sobre procedementos para a imposición de sancións por infraccións de orde social e para expedientes liquidatorios de cotas de Seguridade Social, aprobado mediante o Real decreto 928/1998, do 14 de maio, xunto coa reestructuración orgánica operada na Xunta de Galicia a través do Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a súa estructura orgánica, e do Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estructura orgánica dos seus departamentos, e coa propia reestructuración orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, fan necesario proceder a unha actualización da distribución da potestade sancionadora en materia laboral, de prevención de riscos laborais e por obstrucción da actividade inspectora, entre os órganos da Xunta de Galicia, para adecua-lo seu exercicio á

súa actual estructura e á mencionada normativa.

Así mesmo, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, dictada en uso da competencia exclusiva establecida no artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia, regula no seu artigo 139 o réxime de infraccións e sancións en materia de sociedades cooperativas.

A isto hai que lle engadi-la introducción do euro pola normativa comunitaria, establecida no Regulamento (CE) número 1103/1997, do Consello, do 17 de xuño de 1997, sobre determinadas disposicións relativas á introducción do euro, e o Regulamento (CE) número 974/1998, do Consello, do 3 de maio, sobre a introducción do euro, o que fai conveniente efectua-la conversión expresa á nova moeda das contías das sancións propostas que serven para determina-lo órgano competente para a súa imposición, e isto de conformidade co establecido na Resolución do 16 de outubro de 2001, da Subsecretaría de Traballo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais.

Finalmente, o artigo 34.7º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente, segundo redacción dada polo artigo 30 da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo, permite a atribución regulamentaria da competencia para resolve-los recursos administrativos promovidos contra as resolucións das entidades ou organismos da consellería a outros órganos distintos do seu titular.

Visto o anterior, por proposta da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de abril de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Materias e competencia.

O coñecemento das infraccións nas materias laborais e de prevención de riscos laborais e por obstrucción ó labor inspector no ámbito competencial substantivo da Comunidade Autónoma corresponderalle á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, en virtude de acta levantada pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, e mediante a tramitación do correspondente expediente.

Artigo 2º.-Competencias sancionadoras.

1. A competencia para sancionar por infraccións en materia laboral e obstrucción á actividade inspectora corresponderalles:

a) Ós delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ata 6.010,12 euros.

b) Ó director xeral de Relacións Laborais, ata 30.050,61 euros.

c) Ó conselleiro de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ata 60.101,21 euros.

d) Ó Consello da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ata 90.151,82 euros.

2. A competencia para sancionar por infraccións en materia de prevención de riscos laborais corresponderalles:

a) Ós delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ata 30.050,61 euros.

b) Ó director xeral de Relacións Laborais, ata 90.151,82 euros.

c) Ó conselleiro de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ata 300.506,05 euros.

d) Ó Consello da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ata 601.012,10 euros.

3. A competencia para sancionar por infraccións en materia de cooperativas de conformidade co disposto no artigo 139.5º da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, corresponderalles:

a) Ós delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ata 6.010,12 euros, cando a cooperativa figure inscrita nos correspondentes rexistros provinciais.

b) Ó director xeral de Relacións Laborais, ata 18.030,36 euros.

c) Ó conselleiro de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais ata 30.050,61 euros.

Artigo 3º.-Determinación do órgano competente.

1. Para a determinación do órgano competente para a imposición das sancións correspondentes, en cada caso, terase en conta a contía proposta pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, a través da acta levantada para o efecto.

2. Nos supostos de pluralidade de infraccións correspondentes á mesma materia nun único expediente sancionador, será órgano competente para impoñe-la sanción pola totalidade das devanditas infraccións, o que o sexa para impoñe-la de maior contía.

Artigo 4º.-Suspensión de actividades de empresas de traballo temporal.

Será competente para resolver o conselleiro de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais nos supostos de reincidencia da empresa de traballo temporal na comisión de infraccións tipificadas como moi graves, no artigo 18 do texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado mediante o Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto , cando o expediente sancionador leve aparellada a proposta de suspensión de actividades, conforme o previsto no artigo 41.3º da mesma norma.

Artigo 5º.-Suspensión ou peche do centro de traballo.

O Consello da Xunta de Galicia, cando concorran circunstancias de especial gravidade nas infraccións

en materia de seguridade e saúde no traballo, poderá acorda-la suspensión das actividades laborais por un tempo determinado ou, no caso extremo, o peche do centro de traballo correspondente, sen prexuízo, en todo caso, do pagamento do salario ou das indemnizacións que procedan e das medidas que se poidan arbitrar para a súa garantía, de acordo co establecido o artigo 53 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 6º.-Recurso de alzada.

As resolucións dictadas polos delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderán ser obxecto de recurso de alzada ante o director xeral de Relacións Laborais.

As resolucións dictadas polo director xeral de Relacións Laborais poderán ser obxecto de recurso de alzada ante o conselleiro de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Disposición transitoria

Ós procedementos en tramitación seralles de aplicación o previsto neste decreto, adecuándose a distribución de competencias á nova estructura orgánica.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións de inferior ou igual rango que se opoñan a este decreto e, en especial, o Decreto 376/1996, do 17 de outubro.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de abril de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais