A Deputación Provincial da Coruña, en sesión do día trece de setembro de dous mil dous, aprobou
o proxecto de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial 1104 de Boiro á ponte de San Francisco, punto quilométrico 1,500 ó 7,500 e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.
A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día oito de abril de dous mil tres.
Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala a Deputación, a actuación é necesaria co fin de evita-lo altísimo risco de accidentes con perigo para a vida humana, debido á existencia, entre outros extremos, de curvas perigosas con pequeno raio, edificacións e vivendas pegadas á estrada, o estado do piso, o largo da calzada, de dimensións inferiores ás necesidades dos vehículos, e a intensidade media do tráfico.
A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de maio de dous mil tres,
DISPOÑO:
Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial da Coruña para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial 1104 de Boiro á ponte de San Francisco, punto quilométrico 1,500 ó 7,500, debendo, de se-lo caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obte-las autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ó inicio das obras.
Santiago de Compostela, dous de maio de dous mil tres.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Antonio Pillado Montero
Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración
Local

