Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 16 de maio de 2003 Páx. 6.332

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 259/2003, do 2 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Ortigueira, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de urbanización das vías da Vicoña e posterior.

O Concello de Ortigueira, en sesión do día oito de marzo de dous mil dous, aprobou o proxecto de urbanización das vías da Vicoña e posterior, e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día oito de abril de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello, a zona se atopa nunha zona límite do núcleo urbano bastante poboada e os seus habitantes -cunha alta porcentaxe de idade avanzada-, non contan con zonas seguras, ó non ter continuidade as beirarrúas, cunha calzada que non reúne as condicións de seguridade adecuadas, e cunha insuficiente iluminación pública, que permita realiza-los desprazamentos desde as súas casas cun mínimo de seguridade, nun lugar onde o tráfico é bastante frecuente e fluído, co risco que entraña de provocar danos e accidentes. Así mesmo, é necesaria a actuación para a continuación da implantación dos servicios urbanísticos esenciais de competencia municipal, como son o saneamento, o abastecemento de auga potable, a electricidade e a telefonía.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de maio de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Ortigueira para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras

do proxecto de urbanización das vías da Vicoña e posterior.

Santiago de Compostela, dous de maio de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local