O Concello de Samos, en sesión que tivo lugar o día doce de novembro de mil novecentos noventa e nove, aprobou o proxecto de alargamento e pavimentación no acceso a Chelo (San Cristovo de Lóuzara) e na sesión do vinteseis de novembro de dous mil dous acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.
A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día oito de abril de dous mil tres.
Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala o concello, a actuación vén dada pola necesidade de comunicación das persoas que habitan nas catorce vivendas deste lugar, debido a que o acceso de que dispoñen é unha carreira que non ten largo suficiente para acceder con vehículos, tendo incomunicadas as vivendas existentes no lugar, o que comporta graves riscos de saúde para os veciños e tamén falta de servicios básicos en xeral.
A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de maio de dous mil tres,
DISPOÑO:
Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Samos para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos
concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de alargamento e pavimentación no acceso a Chelo (San Cristovo de Lóuzara).
Santiago de Compostela, dous de maio de dous mil tres.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Antonio Pillado Montero
Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración
Local

