Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 16 de maio de 2003 Páx. 6.333

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 6 de maio de 2003 pola que se establecen axudas para a adquisición de vehículos todoterreo equipados para a loita contra os incendios forestais durante o ano 2003.

A Consellería de Medio Ambiente, coa colaboración de tódolos sectores e axentes socioeconómicos implicados, e co fin de minorar ó máximo as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais provocan sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e producción dos nosos montes, así como sobre a fauna, a flora, e a paisaxe de Galicia, considera necesario continua-la súa política de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Na data do 11 de decembro de 2000 publícase no Diario Oficial de Galicia o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o disposto nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financiero e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Neste sentido son aplicables nesta orde os preceptos contidos no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e no Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba a Lei de réxime financiero e orzamentario de Galicia, así como o regulamento do Consello 1257/1999, sobre axuda ó desenvolvemento rural a cargo do Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agrícola.

Por todo isto, e de acordo co establecido no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía para Galicia e no Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, polo que se lle transfiren á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servicios en materia de conservación da natureza, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 12/1989, do 4 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establece-las axudas que as entidades locais da Comunidade Autónoma

de Galicia poderán percibir para a defensa contra os incendios forestais a través da adquisición de vehículos todoterreo equipados para a loita contra os incendios forestais.

Artigo 2º.-Condicións xerais.

Os interesados solicitarán a concesión da axuda baixo as seguintes condicións:

1ª Deberán presenta-la solicitude antes de merca-lo/s vehículo/s.

2ª Caso de ser concedida a subvención, o seu pagamento farase unha vez realizada a compra do/s vehículo/s.

3ª A axuda é unha porcentaxe do orzamento da subministración, polo que o total da axuda calcularase segundo o orzamento máximo da subministración, non superando en ningún caso o importe máximo por unidade segundo o disposto no anexo I. As cantidades xustificadas en concepto de IVE non serán subvencionables na medida en que sexan recuperables pola Facenda pública.

4ª Os vehículos que se van subvencionar deberán estar operativos na data que estableza a Consellería de Medio Ambiente no escrito de aprobación que se remita.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables.

1. O material que se vai subvencionar corresponde á adquisición, no ano 2003, de vehículos todoterreo equipados para a loita contra os incendios forestais cun depósito para auga cunha capacidade útil mínima de 3.000 l., incluíndo chasis, carrozamento para a extinción de incendios, equipamento e demais extras que a xuízo do solicitante poidan contribuír a mellora-la operatividade do vehículo, cumprindo sempre as características mínimas esixidas no anexo II.

2. Homoxeneidade e integración.

As características do material obxecto da subvención supeditaranse á normativa comunitaria, nacional e autonómica, se a houbese, sobre vehículos todoterreo equipados para a loita contra incendios forestais.

Artigo 4º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. As entidades locais beneficiarias da subvención que teñan Grupos Municipais de Intervención Rápida (GRUMIR) terán que mante-los vehículos operativos mentres se manteña o convenio coa FEGAMP. Caso de non se renova-lo citado convenio, a devandita entidade local estará obrigada a asinar un convenio de cooperación coa Consellería de Medio Ambiente, tal como se especifica no seguinte punto deste artigo.

2. As entidades locais beneficiarias da subvención estarán obrigadas a asinar un convenio de cooperación coa Consellería de Medio Ambiente en materia de prevención e defensa contra incendios forestais mediante a actuación do/s vehículo/s todoterreo equipado/s para a loita contra os incendios forestais durante un mínimo de cinco anos, incluíndose o presente ano naquelas subvencións nas que a subministración estea operativa antes do mes de agosto deste ano, e contando a partir do ano 2004 no caso de non ser así.

3. Os vehículos equipados para a loita contra os incendios forestais que se adquiran coa axuda obxecto desta orde levarán rotulado nas portas da cabina deste o anagrama da Consellería de Medio Ambiente, así como que está subvencionado pola dita consellería, segundo as indicacións que a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais facilitaralle ó beneficiario no seu momento.

4. Os beneficiarios deberán dispor do vehículo totalmente equipado e en perfectas condicións de uso e operatividade, como máximo, ós catro (4) meses da recepción da concesión da axuda.

Artigo 5º.-Incumprimento das obrigas.

Consonte o disposto nos artigos 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financiero e orzamentario de Galicia, e o artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, será motivo de revogación (total ou parcial) da axuda recibida, mediante resolución razoada do mesmo órgano que a concedeu, dando lugar ó reintegro total ou parcial da mesma xunto cos xuros:

-O incumprimento da obriga de xustificar.

-A obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

-O incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

-O incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

Artigo 6º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios desta axuda as entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En todo caso os solicitantes deberán acreditar documentalmente a representación que teñen, de conformidade co artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada polas leis 4/1999, do 13 de xaneiro, e 24/2001, do 27 de decembro, e Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e o Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, polo que se aproba o texto refundido das disposicións lexislativas vixentes en materia de réxime local.

Artigo 7º.-Importe da axuda.

1. A contía da axuda estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

2. No anexo I desta orde figura o importe máximo que se concederá para a adquisición de cada unidade de vehículo equipado para a loita contra os incendios forestais, non sendo este importe superior ó 50% do prezo total do vehículo totalmente equipado para tal fin.

Artigo 8º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes deberán presentarse en impreso normalizado que facilitarán os servicios de defensa contra incendios forestais nas súas oficinas provinciais ou de distrito forestal, utilizando o modelo adxunto a esta orde. A este impreso engadirase unha factura proforma con tódalas características técnicas e prezo do vehículo/s que se pretende/n adquirir, detallado. Especificarase, polo tanto no mesmo, o prezo de cada unha das unidades que comporán o vehículo (chasis, carrozamento para a loita contra os incendios fores

tais, equipamento do que disporán, e calquera outro accesorio que se queira engadir), no que teñen que figura-las características mínimas que ten que cumpri-lo/los vehículo/s, conforme o exposto no anexo II.

A presentación das solicitudes poderá realizarse en calquera lugar dos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXPAC), modificada polas leis 4/1999, do 13 de xaneiro, e 24/2001, do 27 de decembro, e serán dirixidas ó conselleiro de Medio Ambiente.

Artigo 9º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes será corenta días hábiles, a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º-Criterios de selección.

Segundo o artigo 3.1º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, a concesión de axudas axustarase ós principios de publicidade, concorrencia, e obxectividade. Os criterios de selección para a concesión das axudas serán os seguintes:

1. Concellos adheridos ó convenio subscrito entre varias consellerías da Xunta de Galicia e a FEGAMP para a actuación en emerxencias e tarefas de protección civil, intervención nas estradas autonómicas derivadas de tales emerxencias e prevención e extinción de incendios forestais no ano 2002, excepto aqueles concellos que non cumpriran con algunha das cláusulas estipuladas no citado convenio: 3 puntos.

2. Entidades con convenios de motobomba nas campañas de incendios (de xullo a outubro) desde o ano 1997: 0,5 puntos por ano de convenio.

3. Entidades sitas en zonas de especial vixilancia de incendios forestais: 3 puntos.

4. Por necesidades da distribución operativa do distrito forestal onde estea sito o concello solicitante da subvención: ata 3 puntos.

Artigo 11º.-Órganos de xestión: emenda e mellora da solicitude. Aprobación.

A Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, a través da Subdirección Xeral de Defensa Contra Incendios Forestais, valorará as peticións segundo os criterios de selección mencionados no artigo anterior.

A instalación de calquera accesorio ou elemento a maiores do especificado no anexo II, conforme a solicitude que se presente, supeditarase á autorización da Subdirección Xeral de Defensa Contra Incendios Forestais para asegura-la súa operatividade para o fin proposto, comunicándose a dita autorización na resolución da aprobación da subvención, ou ben a denegación ou corrección destes segundo o parágrafo seguinte.

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos nesta orde, a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais requirirá o interesado para que, nun prazo de dez días contados a partir do día seguinte ó da recepción de requirimento, emende as faltas ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixera, se lle terá por desistido da súa petición, arquivándose sen máis trámites, consonte o disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada

polas leis 4/1999, do 13 de xaneiro, e 24/2001, do 27 de decembro.

O director xeral de Montes e Industrias Forestais elevará as súas propostas ó conselleiro de Medio Ambiente, a quen lle corresponderá dicta-la resolución de aprobación de subvención, notificándolla ó beneficiario.

Artigo 12º.-Resolución.

O conselleiro de Medio Ambiente resolverá conceder ou denega-la axuda no prazo máximo de dous (2) meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no DOG. No caso de non recaer resolución expresa no dito prazo, o interesado poderá entender desestimada a solicitude sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRJPAC), modificada polas leis 4/1999, do 13 de xaneiro, e 24/2001, do 27 de decembro. As ditas resolucións serán notificadas a cada un dos solicitantes, dentro do prazo de 10 días seguintes á toma do acordo.

Contra a resolución aprobatoria ou denegatoria, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, no prazo dun mes que comezará a contar a partir do día seguinte ó da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada a solicitude por silencio administrativo; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fora expresa, ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, consonte o disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXPAC), modificada polas leis 4/1999, do 13 de xaneiro, e 24/2001, do 27 de decembro, e no artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 13º.-Execución da subvención.

A aprobación da subvención implicará o compromiso do solicitante de executa-las accións indicadas nas condicións propostas. A execución da compra obxecto de axuda deberá realizarse na extensión e co orzamento indicado no impreso de solicitude.

No caso de renuncia, despois de recibida a aprobación da subvención, deberá comunicarse por escrito á Consellería de Medio Ambiente.

O prazo máximo para a execución da adquisición do vehículo/s todoterreo equipado/s para a loita contra os incendios forestais será de catro (4) meses contados a partir da data da recepción da concesión da subvención.

Artigo 14º.-Responsabilidade.

A organización e materialización das actividades subvencionadas será responsabilidade exclusiva do beneficiario.

Artigo 15º.-Xustificación de gastos.

O gasto de execución da acción subvencionada será debidamente xustificado polo beneficiario, mediante a presentación de factura orixinal e demais documentos acreditativos da xustificación do investimento previsto no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

No momento da xustificación da execución total do proxecto e, con anterioridade ó pagamento o beneficiario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Así mesmo, terá que acompañar á dita declaración, certificación do órgano competente da finalidade para a que foi concedida, e da aplicación dos fondos destinados a tal efecto. Neste senso ademais da factura deberá achegarse a acta de recepción polo concello. O órgano xestor deberá certifica-lo cumprimento das obrigas que leva consigo para os beneficiarios a concesión da axuda.

O prazo para a achega de xustificantes da adquisición do vehículo obxecto da subvención, rematará na data de finalización do prazo máximo para a execución da adquisición do/s vehículo/s.

Artigo 16º.-Comprobación.

O beneficiario comprométese a someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente ou, se é o caso, a colaboradora e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, consonte co disposto no artigo 78.4º d) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do réxime xeral e orzamentario de Galicia e o capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 17º.-Aplicación orzamentaria.

O financiamento das axudas que recolle esta orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.422-C.760.0, código de proxecto 15.2000.722, subvención para investimentos en materia de incendios forestais, dotada con seiscentos mil euros (600.000 A), no orzamento da Consellería de Medio Ambiente para o exercicio de 2003, podéndose incrementa-lo orzamento mediante as oportunas modificacións orzamentarias no caso de que se considere oportuno pola elevada demanda de peticións.

Artigo 18º.-Modificación da concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, consonte o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro e no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición adicional

Única.-A axuda contida nesta orde é compatible con outras subvencións de calquera Administración pública para a mesma finalidade, agás as concedidas ó amparo do Real decreto 1887/1991, modificado polo Real decreto 62/1994, do 21 de xaneiro, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total do orzamento aprobado.

A concesión doutra subvención compatible, distinta da regulada pola presente orde, obriga o beneficiario a facer declaración dela perante a Consellería de Medio Ambiente, independentemente da fase na que se atopa o trámite da solicitude presentada á citada consellería.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Industrias Forestais para dictar tódalas disposicións

complementarias, co obxecto de desenvolve-la presente orde.

Segunda.-A entrada en vigor da presente orde será ó día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2003.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO II

CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS MÍNIMAS QUE TEN QUE CUMPRI-LO VEHÍCULO TODOTERREO EQUIPADO PARA A LOITA CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS

Chasis.

Bastidor especialmente deseñado para a súa utilización en todoterreo, con tódolos seus elementos distribuídos e/o protexidos para que non poidan ser danados nin arrincados accidentalmente por ramas ou otros elementos ó circular polo monte.

Motor.

-Potencia máxima non inferior de 130 c.v. nin o par máximo desenvolvido inferior a 40 m/kg.

Cisterna.

-Cisterna de aceiro inoxidable, AISI 316, de 3 mm mínimo de espesor, con capacidade útil mínima de 3.000 l.

-A lonxitude da cisterna no será superior ó 80% do largo da superficie carrozable.

Bomba combinada.

-Será de tipo centrífugo, construída en bronce ou aliaxe lixeira tratada, resistente ás augas salobres. O eixe será de aceiro inoxidable.

-As características hidráulicas mínimas serán:

Tipo: BC 16/8-2/30.-Baixa presión:

H: 80 m de columna de auga.

Q: 1.600 l/m.

-Alta presión:

H: 300 m de columna de auga.

Q: 200 l/m.

A bomba debe conseguir manter presións de 20 kg/cm en baixa presión e 40 kg/cm en alta presión, sen producirse quentamentos anormais.

A bomba será accionada polo motor do vehículo.

Circuíto hidráulico.

O colector de impulsión, de aceiro inoxidable, dotarase con válvulas de paso total, provistas de racores con tapa e cadea.

Constará de: 2 saídas de 25 mm con racores TB e 2 saídas de 45 mm con racores TB.

O colector de aspiración do exterior, de aceiro inoxidable, situarase de tal xeito que a cota desde o centro ó chan, co vehículo baleiro, non sexa superior a 1,10 m, tendo unha inclinación cara abaixo duns 30º respecto a horizontal. O racor será como mínimo Storz 100 con tapa e cadea.

Carrete de primeiro socorro.

Será preferentemente metálico, alimentado a través dunha válvula de peche rápido e xunta axial xiratoria, con saída de 25 TB, dotado de freo, rodo, guía e dispositivo de rebobinado de accionamento hidráulico ou eléctrico, e manual para usar en caso de avaría.

Estará dotado de:

-Un (1) tramo de 40 m de mangueira semirríxida de 25 mm con válvula de peche rápido no extremo libre e racores de 25 TB en ambos extremos.

-Unha (1) lanza ou pistola de chorro cheo-pulverización, con racor de 25 TB, o cal a 10 kg/cm non superará os 100 l/m.

Panel de control.

Tódalas operacións de cebado, aspiración, impulsión, refrixeración, etc., poderán ser controladas constantemente, para o cal se disporá dos aparellos de medida e control necesarios situados de xeito centralizado, anexos ó cadro de mando do equipo.

En bombas accionadas polo motor do vehículo constará de:

a) Control de conexión (bomba).

b) Manómetro (bomba).

c) Vacuómetro (bomba).

d) Tacómetro (bomba).

e) Control de aceite (motor).

f) Contacto (motor).

g) Arranque (motor).

h) Termómetro (auga motor).

A caixa transfer do vehículo deberá levar un dispositivo de seguridade que impida a posta en marcha do motor, desde o cadro de mandos posterior, se a panca de accionamento da caixa non se atopa en punto morto.

Tódolos aparellos e mandos mencionados estarán claramente rotulados en castelán, sobre placa metálica, de xeito indeleble, resistente á auga, intemperie, gasolina, aceite, deterxentes, etc.

Cadro de mandos.

Os mandos do equipo contra incendios estarán agrupados de xeito que poidan accionarse por un só home sen necesidade de desprazamento.

Constará de:

a) Acelerador manual.

b) Mando de aspiración de cisterna.

c) Mando de enchido da cisterna.

d) Mando de alimentación carrete primeiro auxilio.

e) Mandos de impulsión exterior.

f) Mando de refrixeración auxiliar (caso de non ser automático).

g) Mando de apagado do motor.

h) Mando de acelerador do motor.

Tódolos aparatos e mandos mencionados estarán claramente rotulados en castelán, sobre placa metálica, de xeito indeleble, resistente á auga, intemperie, gasolina, aceite, deterxentes, etc.

Aparellos de iluminación de alarmas sonoras.

Ademais dos equipos de iluminación esixidos polo código de circulación vixente, a unidade irá provista de:

a) Faro de prioridade, de gran intensidade, de color ámbar, intermitente por destello ou xiro, situado sobre a cabina no seu centro xeométrico e claramente visible.

b) Faros de traballo delanteiro e traseiro, orientables, de alcance no inferior a 80 m e potencia mínima de 35 W.

c) O faro traseiro terá un dispositivo tipo mastro que permita elevalo ó menos 60 cm sobre a altura da cisterna.

d) Iluminación do panel de instruccións.

e) Iluminación de cofres para transporte de material.

Os aparellos de iluminación e alarma, propensos a sufrir impactos, tales como faros dianteiros, faro de prioridade, pilotos, etc., irán protexidos con defensas metálicas.

A unidade irá provista como mínimo de:

1. Sirena oculta normalizada de gran potencia, podendo ser accionada en cabina polo conductor e o seu axudante.

2. Alarma sonora ó conectar a marcha atrás.

Carrocería.

O carrozamento da unidade estará realizado en chapa metálica protexendo o circuíto e órganos motrices que o precisen. Posuirá cofres ou aloxamentos, en material inoxidable, para o material de extinción que se vai transportar.

Reparto de cargas e estabilidade.

A plena carga o reparto de pesos será dun 40% sobre o eixe dianteiro e un 60% sobre o traseiro, con desviacións previsibles en ±5%. O centro de gravidade do conxunto (vehículo + equipo contra incendios) estará o máis baixo posible, sen desprazamentos lonxitudinais ou transversais, que afecten á súa estabilidade, de xeito que poida realizar desprazamentos e manobras de xiro en ramplas laterais do 30% (media ladeira).

Dotación.

O equipo contra incendios irá provisto dos aparellos e materiais de ataque mínimos seguintes:

1. Mangotes.

Os mangotes de aspiración do vehículo serán de tipo semirríxido, non colapsables cun baleiro interior equivalente a 9,5 m.c.a., dotados de reforzo protector metálico, o máis lixeiro posible, de baixa rugosidade interior e mínima perda de carga.

Estarán dotados de acoplamentos de aliaxe lixeira, de igual tipo e dimensións ós da bomba combinada contra incendios.

A lonxitude mínima total non será inferior a 6 m en catro tramos iguais. Posuirán alcachofa desmontable, con válvula de pé.

Mangueiras.

As utilizadas coa bomba combinada en baixa presión cumprirán as características técnicas seguintes:

1. Constarán dun tubo flexible, exento de rixidez en tódalas súas partes, formado por 4 capas, que ó entrar en carga adopte a sección circular. Os materiais en que estea construído, así como o seu espesor, serán tales que a dita armazón teña a resistencia necesaria para soportar alomenos unha presión de servicio de 45 bars, no caso de mangueiras de 25 mm, e de 25 bars, no caso de 45 mm, e para tolerar unha presión de rotura de 90 bars, no caso das mangueiras de 25 mm, e de 50 bars, no caso de 45 mm, segundo os ensaios 4 e 6, respectivamente, da norma UNE 23091-2B. Ademais estes materiais serán impermeables.

2. Os semiracores situados ós extremos da cada tramo serán simétricos, do tipo cola estriada, anticorrosivos e de alta resistencia, e capaces de soportar presións de traballo de 45 kgs/cm.

3. O tecido do armazón será de fibra pouco combustible e o suficientemente resistente para soporta-la presión interior e os desgastes que, por arrastre ou rozamento contra o chan ou outros corpos, poida experimentar. O grao de elasticidade e de dilatación en ningún caso deberá ser superior ó 6%.

As unidades levarán:

-500 m de mangueira con racores TB de 25 mm en vintecinco (25) rolos de 20 m.

-60 m de mangueira con racores TB de 45 mm en catro (4) rolos de 15 m (2 para impulsión e 2 para alimentación).

-5 m de mangueira con racores TB de 70 mm nun (1) rolo (para alimentación).

Lanzas ou pistolas.

Poderán impulsar a chorro cheo ou en pulverización; estarán construídas con material non plástico resistente á corrosión, protexido o orificio de saída contra golpes accidentais e provistas de válvula de apertura e peche. Serán de tres efectos e con posibilidade de regula-lo caudal.

Subministraranse as seguintes unidades, que atendendo ás súas dimensións, non poderán supera-los seguintes caudais máximos:

-Tres (3) lanzas de 25 TB de 100 l/m.

-Dúas (2) lanzas de 45 TB de 200 l/m.

Material vario.

Estará construído, preferiblemente, de aliaxe lixeira anticorrosiva de alta resistencia. Constará alomenos de:

-Dúas (2) bifurcacións de 45 TB/25 TB con válvulas de paso.

-Dúas (2) reduccións de 45 TB/25 TB.

-Unha (1) válvula de corte con racores TB de 25.

-Duas (2) chaves de conexión de mangotes de aspiración para racores Storz 100.

-Dez (10) xuntas de racores de 45 TB.

-Dez (10) xuntas de racores de 25 TB.

-Cinco (5) xuntas para mangotes de aspiración do vehículo.

Ferramentas e accesorios.

Para a realización de operacións de mantemento, ou de reparacións de emerxencia, a unidade irá provista de:

-Ferramentas para o vehículo, constando alomenos de:

* Extintor.

* Unha (1) roda de reposto e chave.

* Un (1) gato hidráulico.

* Un (1) cable de aceiro para remolque da unidade de 6 m de lonxitude.

* Cables para arrincar.

* Lanterna halóxena.

* Un (1) martelo.

* Un (1) alicate universal de mordaza.

* Dous (2) desparafusos planos.

* Dous (2) desparafusos de estrela.

* Dúas (2) chaves inglesas (unha das medianas).

* Un (1) xogo de chaves fixas dobres.

* Unha (1) bomba de engraxe de accionamento manual e graxa.

* Un (1) xogo de lámpadas e fusibles.

* Un (1) xogo de correas trapezoidais.

* Dous (2) triángulos pregables, de sinal de perigo.

* Unha caixa de urxencias.

* Dous (2) calzos.

* Unha (1) caixa de ferramentas.

Ademais disporá das necesidades para o normal funcionamento das bombas contra incendios e as obrigadas polas disposicións legais pertinentes.

Todo o material deberá ir firmemente suxeito ós seus axeitados soportes, en tódalas condicións previsibles de marcha do vehículo, e disposto nunha caixa situada convenientemente e de fácil acceso.

Comunicacións.

Levará instalado un equipo de radiocomunicación móbil, altofalante xunto ó cadro de mandos da bomba e antena, de acordo coas especificacións que determine a S.X.D.C.I.F., así como un kit de mans libres para cumpri-la normativa vixente ó respecto.

Matriculación.

Os vehículos terán que estar matriculados, estando todo debidamente autorizado e aprobado pola Inspección Técnica de Vehículos, no momento da entrega de toda a documentación acreditativa necesaria para o pagamento da subvención concedida, sendo a conta do beneficiario da subvención os gastos correspondentes de matriculación e paso da ITV.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA