Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Mércores, 21 de maio de 2003 Páx. 6.566

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2003 pola que se ordena a publicación da desafectación do edificio e predio denominado Hospital Xeral de Galicia na rúa de Galeras de Santiago de Compostela (A Coruña).

Con data do 14 de xullo do ano 1993 (DOG do 11 de agosto), aprobáronse as normas de xestión

patrimonial da Universidade de Santiago de Compostela, elaboradas de acordo coa lexislación básica aplicable (Constitución española, L.R.U., Lei autonómica 5/1987, do 27 de maio, Lei do consello social da universidade, e leis do patrominio da Comunidade Autónoma galega e do Estado e demais disposicións de desenvolvemento).

O título segundo das citadas normas, no seu artigo 10 establece que o alleamento ou gravame dos bens inmobles, requerirá a declaración de alienabilidade por parte do consello de goberno da universidade, tralo informe do Rectorado ou órgano en que este delegase as funcións e xestión en materia de patrimonio.

O artigo 5 das citadas normas, indica que os acordos relativos á disposición dos bens de dominio público, así como os patrimonais, corresponderán ó consello social, por proposta da xunta de goberno, de acordo coa lexislación aplicable.

Resultando que o ben inmoble Hospital Xeral de Galicia, situado na rúa das Galeras, s/n, de Santiago de Compostela (A Coruña), deixou de estar destinado ós fins educativos e de investigación superiores propios da universidade.

De conformidade co previsto na disposición adicional 8ª da Lei autonómica 8/1999, do 30 de decembro de medidas fiscais e orzamentarias e da función pública e actuación administrativa que di textualmente «De acordo co previsto no punto 5 da disposición adicional vixésimo terceira da Lei 50/1984, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 1985, cando se produza o cesamento das actividades docentes e asistenciais na parte do inmoble ocupada polo Hospital Clínico Universitario (Santiago de Compostela) que lle foi transferida á Comunidade Autónoma polo Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro, a dita parte do inmoble deixará de formar parte da rede sanitaria e quedará sen efecto a súa adscrición demanial á Administración sanitaria, pasando a integrarse no patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela.

Considerando que o consello de goberno da universidade, na súa sesión do día 9 de abril de 2003, acordou aprobar e propoñer ó consello social a desafectación das parcelas de propiedade da USC en Galeras. Expediente de reparcelación OE-5, e tendo en conta que o Pleno do citado consello social desta universidade, na sesión celebrada o día 23 de abril de 2003, tomou entre outros, o acordo de aproba-la desafectación das parcelas antes indicadas.

Este rectorado en cumprimento da normativa antes exposta, resolve a publicación da desafectación ó servicio público da educación superior do predio e máis do ben inmoble referidos con anterioridade, coa conseguinte asunción da súa natureza patrimonial a favor desta universidade.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2003.

Senén Barro Ameneiro

Rector da Universidade de Santiago de Compostela