Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 24 de xuño de 2003 Páx. 8.323

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

ORDE do 11 de xuño de 2003 pola que se convocan prazas para residencia de educadores en centros de atención a menores dependentes da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.23º atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

O Decreto 195/2003, do 20 de marzo, que establece a estructura orgánica da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, no seu artigo 1 asígnalle as competencias sobre protección de menores á citada consellería.

Coa realización desta convocatoria preténdese favorece-los estudiantes con dificultades económicas para o seu acceso ó ensino universitario e ós licenciados universitarios que están realizando estudios de doutoramento, ó mesmo tempo que se dota de apoio no eido educativo e asistencial ós centros de atención de menores que se relacionan no anexo II desta orde.

Para este fin destínase un crédito de 50.490 A con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.212B.228, que figura cunha dotación económica de 6.026.567 A nos estados de gastos do orzamento para o ano 2003 establecidos na Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 251, do 30 de decembro).

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

Convoca-la cobertura de 33 prazas para residencia de educadores en prácticas para o curso escolar 2003-2004 nos centros de internado de menores dependentes da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, segundo o número e distribución que figura no anexo II desta orde.

Artigo 2º.-Condicións dos solicitantes.

Son requisitos para participar na convocatoria os seguintes:

a) Ser español/a ou nacional de calquera país membro da Unión Europea, legalmente establecido en España e con residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Non ter cumpridos os 26 anos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

c) Estar cursando estudios universitarios de 1º ou de 2ª ciclo, e ter aprobado integramente dous cursos dos devanditos estudios, ou ter finalizada unha licenciatura ou diplomatura.

d) Non ter perdido con anterioridade a condición de educador en prácticas por causa imputable ó solicitante.

e) Non padecer defecto físico que impida o desenvolvemento normal da actividade do centro.

Artigo 3º.-Solicitudes.

Os interesados deberán cubri-la solicitude que figura no anexo I, podendo optar soamente por centro/s dunha mesma provincia, remitila e presentala na delegación provincial da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado que corresponda, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Xunto coa solicitude presentarán asemade os seguintes documentos:

a) Xustificación de ingresos da unidade familiar: copia da declaración do IRPF de cada membro da unidade familiar obrigado a declarar.

No caso de non ter obriga de presentar declaración:

-Os solicitantes de devolución rápida (MOD. 104) achegarán copia da comunicación que lles envía a Axencia Estatal de Administración Tributaria en aplicación do artigo 81 da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.

-As persoas non obrigadas a declarar e que non solicitan devolución rápida (MOD. 104) achegarán certificación dos datos existentes na Administración, expedida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, en aplicación do artigo 16 da Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes.

b) Orixinal ou fotocopia compulsada do expediente académico.

c) Proxecto sobre un taller para realizar cos menores dos centros que se soliciten.

d) Fotocopia compulsada dos certificados que acrediten a experiencia en traballo e intervención educativa cos menores, animación sociocultural e coñecementos específicos en materia físico-deportiva.

e) Fotocopia compulsada da matrícula en facultades ou escolas universitarias e/ou do título que acredite os estudios realizados.

f) Acreditación, se é o seu caso, da condición de educador en prácticas en anos anteriores dalgún centro de menores dependente na actualidade desta consellería.

g) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade do solicitante, ou da tarxeta de residencia en réxime comunitario no suposto de nacio

nais da Unión Europea ou do espacio económico europeo legalmente establecidos en España.

h) Certificado médico que acredite non padecer defecto físico que impida o desenvolvemento normal da actividade do centro.

i) Declaración de non realizar actividades profesionais remuneradas por conta propia ou allea, nin recibir bolsas equiparables ás desta convocatoria.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, os interesados disporán dun prazo de dez días para emendar calquera falta ou acompaña-los documentos preceptivos nos termos que establece o artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Dereitos dos adxudicatarios.

A concesión da praza comporta para o/a educador/a en prácticas:

a) Aloxamento e mantenza gratuítos no centro desde o comezo das prácticas. O aloxamento será de tal xeito que lle permita o/a educador/a en prácticas a normal realización dos seus estudios.

b) A asunción pola Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado dos gastos seguintes:

-Custos de matrícula de estudios universitarios nunha facultade ou escola universitaria ou nun curso de doutoramento, posgrao ou máster, ata un importe de 210 euros, logo de xustificación.

-Custos pola adquisición de libros relacionados cos estudios cursados, ata un importe de 120 euros, logo de xustificación.

c) A asunción pola Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado de ata 120 euros/mes durante dez meses en concepto de bolsa, logo de xustificación polo director do centro da realización das prácticas como educador/a nos meses correspondentes.

d) A solicitar das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, no caso de ser alumnos delas, o recoñecemento de 2 créditos de libre elección curricular.

Para o recoñecemento destes créditos, os alumnos deberán presentar nas universidades que lles correspondan a seguinte documentación:

* Diploma ou certificación acreditativa da superación das prácticas realizadas.

* Unha memoria da actividade realizada no centro.

Estes créditos recoñeceranse como de libre configuración curricular, sen que sexa posible supera-los límites que para estes efectos establecen os correspondentes plans de estudios.

Artigo 5º.-Obrigas dos adxudicatarios.

A condición de educador en prácticas obriga ó adxudicatario dunha praza ó seguinte:

-A realiza-las tarefas relacionadas coas prácticas, que a dirección do centro lle encomende, en horario de actividade extraescolar. Estas deberanse realizar de tal xeito que resulten compatibles co aproveitamento académico do propio educador en prácticas.

-A gardar absoluta confidencialidade sobre os datos persoais e familiares ós que teñan acceso como consecuencia das actividades realizadas e documentación observada nas unidades nas que realicen as prácticas.

-Os datos obtidos ou observados, dos que se teña constancia por medio das prácticas realizadas, relativos ás diferentes materias xurídico-administrativas referentes ós centros (funcionamento, actividades, programas, persoal, etc.) que se puideran coñecer e utilizar en traballos de natureza académica non poderán facerse públicos de ningún xeito e, por suposto, en ningún medio de comunicación público ou privado, agás que a Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado o autorice expresamente.

-A presentar unha memoria da actividade realizada no centro, ó remate do período de prácticas e estancia no centro, que será remitida á Dirección Xeral de Familia. Edificio administrativo San Caetano, s/n. 15781 Santiago de Compostela.

Artigo 6º.-Duración das prácticas.

A duración das prácticas, e polo tanto, as estancias nos centros dos adxudicatarios das prazas, será do 1 de setembro de 2003 ó 30 de xuño de 2004.

Ó remata-la estadía no centro, seralles entregado polo/a delegado/a provincial da consellería e logo do informe favorable do director do centro, un diploma acreditativo das prácticas realizadas.

Artigo 7º.-Procedemento para a avaliación das solicitudes.

Para a adxudicación das prazas procederase da seguinte maneira:

1. Constituirase unha comisión por cada provincia onde se sitúen os centros, presidida polo respectivo xefe de Servicio de Familia, Infancia e Menores e actuando como vocais, un funcionario designado polo delegado provincial e os directores dos centros que deban recibir ós educadores en prácticas

2. A dita comisión examinará as solicitudes presentadas, valorando no seu conxunto os seguintes datos:

-Expediente académico universitario (de 0 a 5 puntos).

-Experiencia en animación sociocultural e coñecementos específicos en actividades deportivas (de 0 a 2 puntos).

-Experiencia en traballo e intervención educativa de menores. (de 0 a 2 puntos).

-Situación económica da unidade familiar (de 0 a 6 puntos).

-Ter sido educador en prácticas dalgún centro de atención a menores dependente na actualidade desta consellería (de 0 a 5 puntos).

-Entrevista persoal, na que se terán en conta as aptitudes e actitudes persoais para a función que se vai desempeñar (de 0 a 10 puntos).

A puntuación máxima será de 30 puntos.

3. En canto ás titulacións, terase en conta o ámbito de actuación no que se desenvolverán as prácticas polo que, neste sentido, terán prioridade os solicitantes con estudios máis directamente relacionados coas funcións a realizar nun centro de menores, como son os estudios de Psicoloxía, Ciencias da Educación, Psicopedagoxía, mestre nas diferentes especialidades e Educación Social.

4. A comisión competente confeccionará unha lista, por orde de preferencia, das solicitudes recibidas para cada centro, elevando a correspondente proposta de resolución ó delegado provincial da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado no prazo máximo de quince días, contados a partir do remate do prazo de presentación das instancias.

Si algún solicitante fora seleccionado como educador en prácticas para máis dun centro, seralle comunicada tal circunstancia, para que nun prazo non superior a 10 días desde a data de comunicación, opte por un dos centros nos que foi seleccionado.

Artigo 8º.-Resolución.

A resolución correspóndelle ó delegado provincial da consellería, que a dicta por delegación da conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado, logo da fiscalización da Intervención, e comunicarase tanto ós centros como a tódolos solicitantes. O prazo máximo para resolver será de 2 meses, contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. No caso de non existir resolución expresa transcorrido o prazo, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, de acordo co previsto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os seleccionados terán un prazo de 10 días desde a notificación da concesión da praza para acredita-la domiciliación bancaria, para efectos do pagamento, así como calquera outra documentación alegada na solicitude, que lle fose requirida pola delegación provincial correspondente.

A non presentación en prazo da acreditación referida ou a non suficiente acreditación dos méritos alegados na solicitude, suporá a perda do dereito á praza, procedéndose a adxudicar esta ó seguinte solicitante que figura por orde de puntuación na lista confeccionada inicialmente.

Utilizarase este mesmo procedemento cando, durante o curso escolar se producira algunha vacante nas prazas ofertadas.

No caso de non haber solicitudes para determinado centro ou as que houbera fosen valoradas negativamente, a praza de educador/a será considerada deserta.

Unha vez lle sexa asignada a praza de educador/a en prácticas nun centro determinado, deberase pór en práctica o proxecto presentado para ese centro.

Artigo 9º.-Natureza da relación entre o educador en prácticas e a Xunta de Galicia.

A concesión da praza non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra orde entre a Xunta de Galicia e o adxudicatario.

Artigo 10º.-Perda da condición de educador en prácticas.

A condición de educador en prácticas extínguese ó remata-lo curso académico na data fixada no artigo 6º desta convocatoria, así como por renuncia expresa do interesado.

Así mesmo, o incumprimento por parte do educador das obrigas ás que se refire esta orde, a ausencia inxustificada, o non cumprimento da disciplina do centro, a obtención da praza sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión ou a non utilización coa finalidade para a que foi concedida, serán causas da perda da condición de educador en prácticas para tódolos efectos. A resolución pola que se acorde esta circunstancia correspóndelle ós delegados provinciais desta consellería logo de instrucción do oportuno expediente de conformidade coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Familia para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2003.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado

ANEXO II

Relación de centros e prazas de educadores

en prácticas

ProvinciaCentroLocalidadeNº prazas

A CoruñaCentro Virxe do CarmeFerrol3

A CoruñaColexio San José de CalasanzA Coruña3

A CoruñaResidencia de Estudio SoutomaiorFerrol4

LugoCentro Educativo Santo Anxo da GardaRábade2

LugoCentro Educativo Virxe dos Ollos GrandesLugo2

OurenseCentro Educativo MontealegreOurense3

OurenseResidencia de estudios A CarballeiraOurense8

PontevedraCentro Especial Avelino MonteroPontevedra4

PontevedraCentro de Menores de MarínMarín1

PontevedraCentro Fogar San PaioVigo3

Total de prazas: 33