Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Luns, 18 de agosto de 2003 Páx. 10.668

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 11 de agosto de 2003 pola que se regula o proceso de integración no réxime estatutario do persoal funcionario e laboral que preste servicios en postos de traballo de institucións sanitarias incluídos nas relacións de postos de traballo do Servicio Galego de Saúde.

Desde a creación do Servicio Galego de Saúde, nas súas institucións sanitarias vén prestando servicios persoal suxeito a diferentes réximes xurídicos derivados da diversidade dos vínculos de orixe. Así, conviven o persoal estatutario, xunto co funcionario e o laboral, caracterizados por unha regulamentación propia e específica de cada un deles, que conduce á xeración dunha realidade xurídica heteroxénea, coas conseguintes dificultades de xestión e organización do traballo.

As diferencias existentes entre os colectivos fai necesaria a súa homologación e integración funcional na rede sanitaria, na procura da concordia imprescindible que garanta unha convivencia pacífica e ordenada entre o persoal dos centros, debidamente cohonestada coa organización do traballo.

Para tal fin, logo da negociación coas organizacións sindicais lexitimadas, publícase o Decreto 447/1996, do 26 de decembro (DOG nº 148, do 7 de xaneiro de 1997), no que se establecen as bases para a homologación e integración funcional do persoal transferido á Xunta de Galicia dos centros sanitarios das corporacións locais, de persoal pertencente ó Servicio Galego de Saúde con vínculo xurídico funcionarial dos corpos e escalas da Administración especial sanitaria e corpos xerais e doutro persoal con vínculo laboral fixo.

Levada a cabo a homologación do persoal transferido das corporacións locais, resulta necesario posibilita-la homologación do persoal funcionario dos corpos e escalas da Administración especial sanitaria e corpos xerais así como do persoal laboral fixo, que ocupan postos de traballo de institucións sanitarias incluídos nas correspondentes relacións de postos de traballo do Servicio Galego de Saúde e que non tiveron aínda a posibilidade de integrarse no réxime estatutario por non seren obxecto dun procedemento de homologación impulsado polo citado organismo.

Na disposición derradeira do citado decreto facúltase a Consellería de Sanidade para adopta-las medidas necesarias para o seu desenvolvemento e execución, e dicta-las disposicións que formalicen os procesos de homologacións que afecten os distintos colectivos de persoal, coa secuencia temporal que considere conveniente.

A presente orde, pois, dentro do marco normativo exposto, posibilita, con opción voluntaria, a integración do referido persoal, tanto funcionarial como

laboral, nos réximes estatutarios, sen afectación nin menoscabo dos dereitos normativamente recoñecidos.

Na súa virtude, logo de negociación no seo da mesa sectorial de negociación de persoal das institucións sanitarias do Sergas, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Ó persoal funcionario de carreira e o laboral fixo titulares de postos de traballo dos centros relacionados no anexo I á presente orde, que figuren nas correspondentes relacións de postos de traballo do Servicio Galego de Saúde referentes ó persoal de corpos e escalas da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma, da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia e do IV convenio colectivo único da Xunta de Galicia, e que non tiveran a posibilidade de homologarse ó réxime estatutario por un procedemento de homologación anterior impulsado polo Servicio Galego de Saúde, poderá homologarse ó réxime estatutario e integrarse no correspondente estatuto de persoal da Seguridade Social, nos termos e condicións que se establecen na presente norma.

En todo caso, queda excluído das previsións do presente decreto o persoal dos corpos facultativos superior e de grao medio da Xunta de Galicia pertencentes á subescala de atención primaria, clases de médicos, practicantes e matronas titulares, que se rexen pola súa normativa propia.

Artigo 2º.-Requisitos.

1. Os profesionais incluídos no ámbito anterior deberán reuni-los requisitos de titulación e, de se-lo caso, especialidade esixidos pola normativa vixente para o acceso á categoría profesional que corresponda e sempre que á entrada en vigor desta orde se encontren nalgúns dos supostos seguintes:

a) En situación de activo.

b) En situación que implique a suspensión na relación de servicios laboral ou funcionarial, con reserva de posto de traballo, por algunha das causas establecidas na lexislación vixente, así como en situación de servicios especiais, no caso de persoal funcionario.

c) En situación de excedencia voluntaria, sempre que non transcorrese o tempo máximo desa excedencia prevista legalmente para cada caso. Neste suposto a integración efectuarase na situación de excedencia voluntaria e a posterior situación de activo obterase de conformidade co previsto na Lei 30/1999, de selección e provisión de prazas de persoal estatutario dos servicios de saúde. A opción de integración poderá formularse no momento de solicita-lo reingreso ou no prazo previsto para o exercicio da opción que se estableza nesta norma.

2. Non poderá exerce-lo dereito de opción o persoal con vínculo temporal, de carácter funcionarial ou

laboral, calquera que sexan as características de tal vínculo, que estea prestando servicios nas institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde.

Artigo 3º.-Exercicio do dereito de opción.

1. Prazo.

Sen prexuízo do establecido no inciso final do artigo 2.1º c), o exercicio do dereito de opción de integración deberá realizarse con carácter individual, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo modelo de instancia que se xunta como anexo III.

Os profesionais que non formulen opción expresa de integración no prazo anterior entenderase que optan pola situación prevista no artigo 7º desta orde.

2. Solicitudes.

As solicitudes, debidamente dilixenciadas pola dirección do centro correspondente, dirixiranse á División de Recursos Humanos do Sergas, e poderán presentarse nas direccións provinciais do Sergas ou no rexistro da institución sanitaria, sen prexuízo do establecido no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Documentos.

O persoal que realice a opción achegará, xunto coa súa solicitude, os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada da titulación académica ou, se é o caso, do libro de escolaridade.

b) No caso de persoal facultativo que se integre en praza de facultativo especialista de área, achegarase o título da especialidade que o habilite para o exercicio da praza para a que solicita a homologación.

Artigo 4º.-Resolución.

As opcións serán resoltas pola División de Recursos Humanos no prazo máximo de tres meses desde que remate o prazo de presentación de instancias para formula-la opción de integración. O anteriormente exposto enténdese sen prexuízo do disposto no inciso final do artigo 2º.1 c) desta orde.

Artigo 5º.-Efectos.

1. Prazas básicas.

O persoal que exerza o dereito de opción da forma establecida no artigo 3º da presente norma, homologarase nas categorías básicas do réxime estatutario que corresponda, coa súa integración no estatuto de persoal aplicable segundo as características da praza orixinaria e a estatutaria de referencia.

Para tal efecto, establécese unha táboa de homologacións, como anexo II, na que se relacionan as categorías orixinarias funcionariais e laborais e as correlativas estatutarias.

2. Nomeamentos de xefaturas.

Non obstante o anterior, no momento no que se resolva a solicitude de homologación e integración,

expedirase un nomeamento adicional ó persoal que desempeñe postos de traballo de xefatura adquirida en virtude dun concurso ou libre designación, no posto equivalente de carácter estatutario. Este nomeamento poderá ser definitivo, se o orixinario tiña tal condición ó ser obtido por concurso ou concurso-oposición, ou ben provisional, se aquel foi expedido en virtude do sistema de libre designación.

3. Réxime xurídico.

O persoal que resulte homologado ó réxime estatutario integrarase no estatuto que resulte de aplicación, segundo o grupo e categoría a que pertenza, dentro dos tres existentes para o persoal estatutario: Estatuto xurídico do persoal médico, Estatuto de persoal sanitario non facultativo e Estatuto do persoal non sanitario.

O réxime económico e xurídico do persoal que resulte integrado será o correspondente ó estatuto do persoal que en cada caso sexa de aplicación e a súa prestación de servicios adecuarase á estructura asistencial das institucións sanitarias do Sergas.

4. Antigüidade.

Ó persoal que resulte homologado nos réximes estatutarios da Seguridade Social respectaráselle, para tódolos efectos, a antigüidade que teña á entrada en vigor da presente orde, se ben os trienios que se lle recoñezan con posterioridade á data en que teña efectividade a integración o serán de acordo co previsto na disposición 2ª.2 do Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro, e normativa de desenvolvemento aplicable.

5. Situacións administrativas.

5.1. Funcionarios.

O persoal funcionario que se integre nos réximes estatutarios da Seguridade Social será declarado, de conformidade co establecido no artigo 55.a) da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, na situación de excedencia voluntaria por incompatibilidade no seu corpo ou escala de orixe.

5.2. Laborais.

Igualmente, o persoal laboral que se integre nos mesmos réximes será declarado na situación de excedencia voluntaria por incompatibilidade na súa categoría de orixe.

Artigo 6º.-Complemento persoal e transitorio.

1. Ó persoal que, tendo efectuada a opción de integración, percibira retribucións superiores ás correspondentes á categoría de homologación no Sergas, recoñeceráselle un complemento persoal e transitorio consistente na diferencia de retribucións. O citado complemento será absorbido por calquera mellora retributiva que se produza neste exercicio ou posteriores, incluídas as derivadas de cambio de posto de traballo ou categoría, de acordo coa normativa orzamentaria.

2. De conformidade co establecido no artigo 16.1º g) da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de

orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2003 e na disposición transitoria primeira do Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro, para o cálculo do complemento persoal transitorio non se terán en conta as cantidades percibidas en concepto de atención continuada, complemento de nocturnidade, complemento de perigosidade, penosidade ou toxicidade, e realización de horas extraordinarias, así como calquera outro equiparable, nin as cantidades que, en concepto de antigüidade, teñan recoñecidas ata a data en que remate o prazo de presentacións de instancias do artigo 3º.

Artigo 7º.-Persoal non integrado.

1. Ó persoal que non se integre nos estatutos do persoal da Seguridade Social respectaráselle o réxime económico e xurídico que derive da súa situación de orixe coa dependencia orgánica e funcional do Sergas, de acordo co establecido no artigo 9 do Decreto 447/1996, do 26 de decembro.

2. Respecto das lagoas que se produzan na regulamentación do colectivo laboral, aplicarase por analoxía o estatuto do persoal da Seguridade Social relativo ó grupo e categoría de persoal equiparable.

3. A prestación de servicios deste persoal non integrado adaptarase ás características de funcionamento da institución sanitaria do Sergas, onde está adscrito, coa súa plena imbricación na estructura e organización do traballo. Para tal fin, a dirección do centro adoptará as medidas de xestión e organización adecuadas para acada-la plena adaptación e integración deste persoal nel.

Disposicións adicionais

Primeira.-Excepción do título para a homologación á categoría auxiliar de enfermería.

De acordo co establecido na disposición transitoria segunda da Orde do 26 de decembro de 1986 (BOE do 12 de xaneiro de 1987) e segundo o disposto na disposición adicional 2ª do Decreto 447/1996, do 26 de decembro, ó persoal que se homologue á categoria de auxiliar de enfermería non lle será esixido o título de formación profesional de primeiro grao rama sanitaria, sempre que á entrada en vigor da citada orde se encontrase prestando servicios en praza desa categoría que resulten debidamente acreditados.

Para tal fin, o centro sanitario que corresponda expedirá certificación dos servicios prestados.

Segunda.-Amortización dos postos de traballo e situación do persoal temporal.

1. Os postos de traballo de orixe do persoal que opte pola súa integración nos réximes estatutarios consideraranse amortizados e reconvertidos ós correspondentes estatutarios que determina para cada caso a táboa de homologacións que se inclúe no anexo I desta resolución.

2. As vacantes que se produzan de persoal laboral ou funcionario que non se integren nos réximes esta

tutarios da Seguridade Social e que non estean afectados polas situacións previstas no artigo 2º.1º b) desta orde declararanse necesariamente a extinguir logo da súa amortización e, se é o caso, substitución, por prazas de persoal estatutario do Sergas.

3. Os postos de traballo vacantes ocupados polo persoal temporal do artigo 2º.2 desta norma, consideraranse amortizados e reconvertidos en prazas de persoal estatutario, polo que o persoal que os ocupa cesará no seu desempeño.

Xa que logo, con efectos do día seguinte ó do cesamento, expediráselle-lo nomeamento que corresponda para ocupa-la equivalente praza de persoal estatutario, co mesmo caracter temporal.

Terceira.-Tratamento do PRD por quendas.

1. Con respecto ó complemento PRD por quendas establecido para a remuneración das prestacións de servicios en réxime de quendas en aplicación do acordo sobre determinados aspectos retributivos e outras condicións de traballo de persoal estatutario sanitario non facultativo e non sanitario das institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde, publicado pola resolución conxunta da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas con data do 25-1-1996, modificado polo acordo de concertación social (DOG nº 55, do 19 de marzo de 2001), dado que este concepto retributivo é de aplicación con carácter fixo e periódico ás categorías de persoal ás que fai referencia o devandito acordo, se ben con variación do seu importe en función do réxime de quendas concorrente, incluirase entre as retribucións correspondentes á categoría de homologación para efectos da determinación de complemento de persoal e transitorio á que fai

referencia o artigo 6º da presente orde.

2. A consideración deste complemento no cálculo do complemento persoal e transitorio practicarase sobre a asignación da contía correspondente á modalidade de quendas que corresponda ó posto de traballo de homologación.

3. No suposto de producirse con posterioridade á homologación unha alteración no réxime de prestación de servicios do posto de traballo que determine a variación estable do réxime de quendas tomado en consideración para o cálculo do complemento persoal e transitorio, procederase á revisión do devandito CPT para reflectir nel a nova modalidade do complemento PRD por quendas que pase a resultarlle de aplicación.

4. A revisión do complemento persoal e transitorio á que se fixo referencia procederá unicamente mentres o traballador que optou pola integración se manteña no posto de traballo que pasa a desempeñar como consecuencia deste proceso. No suposto de pasar a desempeñar outro posto de traballo distinto, non se revisará o complemento persoal e transitorio aínda que varíe o réxime de quendas que resulte

de aplicación, sen prexuízo do disposto no parágrafo 1 do artigo 6º.

Cuarta.-Disposición específica para a integración de persoal auxiliar sanitario.

1. O persoal da categoría de auxiliar sanitario poderá integrarse nas categorías estatutarias de auxiliar de enfermería ou celador, segundo sexan as funcións que veña realizando de xeito estable e regular na organización de traballo no centro e resulten debidamente acreditadas mediante certificación emitida pola dirección del.

2. En todo caso, será condición imprescindible reuni-los requisitos de titulación esixidos pola lexislación vixente para cada categoría de integración, sen menoscabo do establecido na disposición adicional primeira desta orde.

Disposicións transitorias

Primeira.-Réxime de dedicación.

1. O persoal que se integre no réxime estatutario deberá exercer, no momento que a formalice, a opción polo réxime de dedicación normal ou de dedicación exclusiva ó sector público sanitario, coa conseguinte renuncia ou solicitude de percepción do complemento específico, segundo o previsto no Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regula o réxime de percepción do complemento específico para o persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde e se establecen os prazos para formular solicitude e renuncias.

2. A citada opción resolverase, conxuntamente coa solicitude de homologación, no prazo establecido nesta norma.

3. De non exerce-la dita opción, entenderase, de acordo co previsto na disposición adicional primeira do Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro, que opta por presta-los seus servicios en réxime de dedicación exclusiva.

Segunda.-Persoal en expectativa de obte-lo título da especialidade.

O persoal suxeito a réximes transitorios de obtención do título da especialidade, que na data de publicación da presente orde non estivese en posesión deste, e aquel persoal que posúa unha titulación respecto da cal aínda non estivese desenvolvida a regulamentación das súas especialidades, homologarase á categoría estatutaria de persoal técnico titulado superior que corresponda, sen prexuízo da súa posterior integración como facultativo especialista de área no intre en que, consonte o réxime transitorio da normativa de desenvolvemento das especialidades respectivas, obteña a devandita titulación, e sempre que a dita normativa prevexa a integración á citada categoría.

A dita integración realizarase logo de solicitude do interesado, só e exclusivamente, desde a praza na que se produciu a homologación ó réxime xurídico de persoal estatutario de conformidade co disposto nesta orde.

Disposición derradeira

O proceso de integración regulado nesta disposición non determinará incremento de gasto no capítulo I do orzamento de gastos do Servicio Galego de Saúde.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2003.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Relación de centros de xestión con RPT

susceptibles de homologación

-C.H. Juan Canalejo-Marítimo de Oza.

-C.H. Arquitecto Marcide-Profesor Novoa Santos.

-C.H. Universitario de Santiago de Compostela.

-C.H. Xeral-Calde.

-C.H. de Ourense, salvo o persoal de RPT procedente do Hospital Psiquiátrico de Toén, por existir un proceso previo de homologación impulsado polo Servicio Galego de Saúde.

-C.H. Xeral-Cíes.

-C.H. de Pontevedra.

-Hospital do Meixoeiro.

-X.A.P. de Lugo.

ANEXO II

Posto de traballoCategoría básica de homologación

Posto base grupo AFacultativo especialista de área

Posto base grupo AFacultativo xerarquizado medicina xeral

Posto base grupo APsicólogo

Posto base grupo APersoal técnico superior

Xefe sección provincialFacultativo especialista de área

Posto base grupo BATS

Posto base grupo CGrupo administrativo

Operador entrada de datosAuxiliar administrativo

Xefe de grupoAuxiliar administrativo

Posto base grupo DAuxiliar administrativo

Posto base grupo ECelador

Asistente social USMTraballador social

Asistente social Traballador social

Auxiliar sanitarioCelador

Auxiliar sanitarioAuxiliar enfermería

Auxiliar de clínicaCelador

Auxiliar de clínicaAuxiliar enfermería

CamareiraPinche

LimpadoraLimpadora

MédicoFacultativo especialista de área

Oficial laboratorioTécnico especialista

Axudante técnico de laboratorioTécnico especialista

OrdenanzaCelador