Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Luns, 18 de agosto de 2003 Páx. 10.672

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2003 sobre delegación de competencias en determinados órganos universitarios.

I O artigo 20 da Lei 6/2001, do 21 de decembro, orgánica de universidades (LOU) atribúelles ós rectores das universidades a meirande parte das competencias que a autonomía universitaria lles confire ós órganos universitarios. Pola súa banda, o artigo 78 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela determina, de xeito específico, as competencias do máximo órgano unipersoal da universidade.

O incremento dos asuntos encomendados ós rectores das universidades, unido ás funcións de representación e dirección da institución universitaria, fan necesario que sexan delegadas estas funcións noutros órganos universitarios, principalmente nos vicerrectores, quen deben asumir en primeira instancia as decisións e asina-los actos administrativos nas materias da súa competencia, coas excepcións pertinentes e sen prexuízo do dereito de reclama-las competencias en calquera momento.

II

A Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común regula a delegación de competencias no seu artigo 13, establecendo que os órganos das distintas administracións públicas poderán delega-lo exercicio das competencias que teñan atribuídas noutros órganos da mesma Administración, establecendo no seu punto segundo deste artigo as prohibicións de delegación, así como a imposibilidade de delegar competencias que xa posúan por delegación.

III

A elección de novo rector conforme a LOU, nomeado polo Decreto 201/2002, do 13 de xuño (DOG do 14 de xuño), determinou unha nova estructura de goberno con cambios nos vicerrectorados tanto na súa denominación como nas funcións que asumen, o que supuxo a inoperatividade parcial da delegación de funcións efectuada por Resolución do 1 de febreiro de 2000 sobre delegación de funcións en determinados órganos universitarios (DOG do 1 de marzo). Para corrixir esta situación, con data do 10 de xullo de 2002 dictouse unha delegación de sinatura do rector nos membros do seu equipo de goberno en tanto en canto no se aprobase unha delegación de competencias e se proceda á súa publicación no DOG, para os efectos de evita-la saturación de competencias no máximo órgano de goberno unipersoal da USC.

IV

Transcorrido tempo dabondo para afianza-las novas competencias e adecua-las novas estructuras administrativas ós distintos procedementos, faise necesario dicta-la delegación de competencias correspondente e derroga-la delegación de sinatura precedente así como a anterior delegación de competencias do ano 2000. Así mesmo, esta delegación complétase con outra resolución da secretaría xeral pola que se delegan as competencias do secretario xeral noutros órganos administrativos co fin de axiliza-la resolución dos asuntos encomendados, así como unha encomenda de xestión para o campus de Lugo que garanta a descentralización deste campus universitario.

Por todo o anterior, este rectorado, no uso das atribucións conferidas polo artigo 20 da Lei orgánica de universidades e 78 dos estatutos da USC, resolve:

I. Delegación de competencias en favor de vicerrectores e vicerrectores adxuntos.

Primeiro.-Queda delegada nos vicerrectores da universidade, dentro do ámbito da actividade que a cada un deles se lle encomende, a facultade de resolve-los expedientes e asuntos con competencia atribuída ó rector, a de asina-los documentos necesarios para o efecto, así como a coordinación e dirección dos servicios da súa competencia.

Segundo.-Esta delegación abrangue tanto os actos administrativos de simple xestión ou trámite como os definitivos que poñan fin ó procedemento administrativo.

Terceiro.-Os vicerrectores poderán realizar todo tipo de actos de xestión, de comunicación e de trámite en materias propias do seu vicerrectorado.

Cuarto.-Así mesmo, delégase nos vicerrectores a competencia dos seguintes actos:

A) Vicerrector/a de Calidade e Planificación Estratéxica.

1) O desenvolvemento de programas de calidade.

2) O deseño e execución de plans estratéxicos.

3) A solicitude de proxectos, axudas e subvencións en materia de calidade.

4) As convocatorias propias do vicerrectorado, así como a súa resolución.

B) Vicerrector/a de Organización Académica e Profesorado.

1) A convocatoria de prazas de persoal docente contratado.

2) O nomeamento dos tribunais de persoal docente contratado así como a apreciación de causas que impidan a actuación dos membros, coa excepción da apreciación das causas de abstención e recusación.

3) A aprobación de listas definitivas e provisorias de persoal docente funcionario e contratado.

4) A presidencia da Comisión de Revisión.

5) O nomeamento de profesorado interino e contratado así como a sinatura dos contratos.

6) A concesión de permisos e licencias do persoal non delegadas ós decanos, directores de centros, directores de departamentos e no vicerrector adxunto de Organización Académica e Servicios á Comunidade Universitaria.

7) Tódolos actos derivados da xestión e tramitación dos procedementos de xubilación do persoal docente.

8) A tramitación de procedementos seguidos ante a Seguridade Social ou Muface do persoal docente.

9) Proposta e informe sobre autorización ou recoñecemento de compatibilidade do persoal docente cando lle corresponda a súa resolución ó rector.

10) A comunicación de resolucións rectorais en materia de persoal docente.

11) O recoñecemento de trienios e a comunicación da concesión do complemento específico singular por méritos docentes.

12) Todos aqueles actos relativos á situación administrativa do persoal docente que non figuren atribuídos a outros órganos universitarios, así como a reorganización docente que implique cambio de campus do persoal docente universitario.

13) A xestión, coordinación e aprobación do Plan Docente Anual (PDA) dos centros e do Plan de Organización Docente (POD) dos departamentos universitarios, sen prexuízo da delegación no vicerrector adxunto de Organización Académica e Servicios á Comunidade Universitaria.

14) A resolución de reclamacións en materia de confección do POD.

15) A coordinación dos procesos de elaboración, modificación e implantación dos plans de estudios oficiais e con validez en todo o territorio nacional.

16) A sinatura de convenios para a realización de prácticas en empresas ou institucións dos alumnos de titulacións de primeiro e segundo ciclo, tramitados pola USC directamente ou a través do seu Consello Social.

17) A dirección e coordinación dos procesos para a elaboración da guía docente dos alumnos e profesores no marco do espacio europeo da educación superior.

18) A elaboración de instruccións sobre o plan de traballo anual do profesorado.

19) A convocatoria e resolución das bolsas de monitores de clases prácticas.

20) As competencias derivadas do proceso de proposta de elaboración das normas ou documentos sobre adaptacións e validacións.

21) As resolucións relativas ó apoio titorial extraordinario, agás actas e resolucións de recursos.

C) Vicerrector/a de Investigación e Innovación:

1) A proposta e formalización de contratos de proxectos europeos e de contratos e convenios realizados ó abeiro do artigo 83 da LOU.

2) A sinatura de solicitudes de proxectos PETRI así como doutros proxectos de investigación europeos, estatais, autonómicos ou doutras administracións públicas ou privadas.

3) En materia de contratos, informes do artigo 83 da LOU:

a) As follas resumo e autorizacións de actividades aprobadas polo Consello de Administración do CITT.

b) Os nomeamentos de bolseiros.

c) Os nomeamentos de persoal de administración e servicios colaborador.

d) A autorización de pagamentos a profesores e persoal investigador por actividade investigadora.

1) As convocatorias de axudas para investigación propias do vicerrectorado e doutras institucións e resolución destas.

2) As solicitudes e informes para as convocatorias doutros organismos.

3) Os informes anuais e finais dos proxectos de investigación.

4) A formalización de pólizas de seguros de accidentes dos bolseiros.

D) Vicerrector/a de Terceiro Ciclo e Extensión Docente.

1) A xestión e coordinación na aprobación e desenvolvemento das ensinanzas conducentes ó terceiro ciclo e as titulacións de posgrao e formación continua da USC.

2) A resolución de solicitudes, reclamacións ou recursos en materia de alumnado de terceiro ciclo, posgrao e formación continua sobre as que non estea delegada a competencia ou a sinatura noutros órganos ou unidades administrativas.

3) En xeral as convocatorias e resolucións de solicitudes que garden relación coas funcións do CPTF.

4) Os actos e resolucións derivadas do cuarto ciclo universitario e do Centro de Linguas Modernas.

5) As accións e procesos derivados da política de formación de persoal docente encomendada ó ICE.

6) A sinatura de convenios para a realización de prácticas en empresas ou institucións do alumnado do CPTF.

7) A convocatoria de cursos internacionais para estranxeiros, así como a súa acreditación.

8) En materia de cursos de terceiro ciclo, posgrao e formación continua:

a) O nomeamento de bolseiros.

b) O nomeamento de PAS colaborador.

c) Autorización do pagamento ós directores e coordinadores de cursos.

d) A formalización de pólizas de seguro de accidentes.

1) A convocatoria de axudas para a mobilidade dos alumnos de terceiro ciclo e profesores invitados a cursos de doutoramento.

2) A convocatoria e resolución de bolsas de prezos públicos para alumnos do terceiro ciclo.

3) A sinatura do certificado de aptitude pedagóxica ou título que o substitúa.

4) A sinatura dos diplomas e acreditacións dos cursos de formación continua.

5) A representación da USC nos procesos selectivos de bolsas doutros organismos destinados a estudiantes de terceiro ciclo.

E) Vicerrector/a de Estudiantes:

1) A convocatoria e resolucións relativas ó proceso de selección no Servicio Universitario de Residencias (SUR).

2) As resolucións das reclamacións do SUR.

3) A presidencia do xurado nas bolsas da convocatoria xeral do MECD.

4) A representación da USC nos procesos selectivos de bolsas compensatorias da Xunta de Galicia.

5) A representación da USC nos procesos selectivos de bolsas doutros organismos, destinadas a estudiantes.

6) A convocatoria e resolución de axudas e subvencións de prezos públicos de primeiro e segundo ciclo así como as bolsas de colaboración do SUR.

7) A convocatoria e resolución doutras bolsas convocadas polo Vicerrectorado de Estudiantes.

8) A supervisión das cafeterías e comedores universitarios

9) A coordinación e dirección da Oficina do Voluntariado da USC.

10) As materias relacionadas coas asociacións de estudiantes, e en particular coa convocatoria e resolución de axudas de promoción de asociacionismo de estudiantes, así como a resolución das reclamacións contra as mesmas.

11) As resolucións relativas ós procesos de bolsas e axudas ós estudiantes en 1º e 2º ciclo.

F) Vicerrector/a de Extensión Cultural e Servicios á Comunidade Universitaria:

1) A convocatoria dos cursos de verán, así como a súa acreditación.

2) A xestión e coordinación da Escola Infantil Breogán (gardería universitaria), así como a resolución das reclamacións en materia de admisión.

3) A convocatoria e resolución de axudas ou subvencións para programas culturais, así como resolución das reclamacións contra elas.

4) A convocatoria de campionatos deportivos.

5) A fixación de tarifas por servicios deportivos.

G) Vicerrector/a de Tecnoloxías e Infraestructuras:

1) O seguimento e xestión de contratos de obras e das infraestructuras da USC, sen prexuízo das facultades delegadas ó vicerrector de Economía e Financiamento.

2) A solicitude de licencias e outros actos de tramitación perante outras administracións públicas, contratistas ou terceiros en materias relacionadas no punto anterior.

3) O seguimento das subvencións para adquisicións de infraestructuras.

4) As actuacións relativas á ordenación urbanística do campus e á xestión de espacios nas instalacións da universidade.

5) A dirección operativa do Servimav.

6) A dirección da xestión administrativa e económica dos servicios integrados na área de tecnoloxías da información e das comunicacións.

H) Vicerrector/a de Economía e Financiamento:

1) Os actos administrativos que en materia de contratación administrativa lle correspondan legalmente ó rector da Universidade de Santiago de Compostela (pregos, presidencia da mesa de contratación, etc.).

2) A formalización dos contratos administrativos de calquera natureza e patrimoniais que efectúe esta universidade.

3) En materia económico-financeira e orzamentaria:

a) A elaboración do proxecto de programación plurianual e de orzamento anual.

b) A elaboración da memoria económica e a formulación das contas anuais esixidas na lexislación vixente.

c) O exercicio das funcións de proposta ou aprobación de modificacións orzamentarias atribuídas ó rector.

d) A ordenación de gastos e pagamentos.

Exceptúanse da delegación outorgada no punto anterior:

1. As impugnacións que se presenten contra o procedemento de adxudicación.

2. O acto definitivo de revogación ou de resolución dos contratos administrativos, tralo procedemento instruído para o efecto.

3. A execución forzosa, tras apercibimento, dos ingresos públicos deixados de percibir así como a reclamación administrativa de débedas procedentes de ingresos privados.

I) Vicerrector/a de Comunicación e Proxección Exterior:

1) Tódalas competencias relacionadas con programas europeos e de intercambio nacional e internacional.

2) As convocatorias de axudas para mobilidade de estudiantes e profesores cara ó exterior.

3) A representación da USC nos procesos selectivos das bolsas Séneca.

4) A convocatoria de bolsas pre e posdoutorais para iberoamericanos.

5) A dirección operativa do Gabinete de Comunicacións.

6) A dirección operativa da Oficina de Relacións Exteriores.

L) Vicerrector/a de Coordinación do Campus de Lugo:

O vicerrector de Coordinación do Campus de Lugo exercerá a representación ordinaria da Universidade no Campus de Lugo en ausencia do rector e coordinará os vicerrectores adxuntos no exercicio das competencias que se delegan ou naquelas áreas de traballo que se lle encomenden.

Así mesmo, coordinará o impulso e desenvolvemento do campus de Lugo en materia de infraestructuras, titulacións, investigación, docencia e xestión administrativa. En particular, será competente para:

1) O impulso de convenios con outras administracións, outras universidades nacionais ou estranxeiras ou con institucións públicas ou privadas en materias que afecten o Campus de Lugo (intercambio de estudiantes, prácticas de alumnos de primeiro e segundo ciclos, terceiro ciclo, cuarto ciclo, posgrao e formación continua, etc.).

2) A proposta de actividades culturais e deportivas da USC para o Campus de Lugo e aqueloutras que se consideren de interese.

3) O impulso, seguimento, control das infraestructuras do Campus de Lugo, sen prexuízo de que os actos executivos derivados da súa actuación correspondan ó rector ou ó vicerrector de Economía e Financiamento.

O vicerrector de Coordinación do Campus de Lugo dirixirá a xestión ordinaria, de tódalas materias propias do seu vicerrectorado e, en particular:

1) A xestión dos programas de autoemprego, orientación laboral, voluntariado e calquera outro programa de atención ós estudiantes promovido, ben pola universidade, ben por calquera Administración pública ou institución privada.

2) As relacións coas asociacións estudiantís do Campus de Lugo.

M) Vicerrector/a adxunto/a de Organización Académica e Servicios á Comunidade Universitaria.

Delégase no vicerrector adxunto de Organización Académica e Servicios á Comunidade Universitaria a competencia sobre os seguintes procedementos respecto do profesorado que, segundo o POD anual, teña a totalidade ou a maioría da súa docencia no Campus de Lugo:

1) A autorización de licencias por docencia e investigación, licencias sen retribución e calquera outra non delegada en decanos e directores de centro.

2) A supervisión e coordinación da proposta anual do Plan Docente Anual (PDA) para as titulacións que se imparten no Campus de Lugo e a coordinación do Plan de Ordenación Docente (POD) para o profesorado que imparta docencia nas titulacións deste campus, en colaboración co vicerrector de Organización Académica e Profesorado e dentro das normas reguladoras do PDA e do POD.

3) A elaboración da proposta de convocatoria de prazas de profesorado contratado, en colaboración co vicerrector de Organización Académica e Profesorado e á vista das necesidades xurdidas e dos recursos dispoñibles.

4) A supervisión e coordinación de servicios á comunidade universitaria no Campus de Lugo e, en particular, a autorización para residir na Residencia Universitaria Bal e Gay nos supostos que non se vexan afectados polas convocatorias de carácter xeral, podendo realiza-las convocatorias que considere oportunas sempre que non afecten os principios xerais polos que se regula o SUR.

N) Vicerrector/a adxunto/a de Economía e Infraestructuras:

Deléganse no vicerrector adxunto de Economía e Infraestructuras as seguintes competencias, no marco dos orzamentos descentralizados no Vicerrectorado de Coordinación do Campus de Lugo e dos procedementos de contratación xeral establecidos pola Universidade de Santiago de Compostela:

1) A sinatura, logo do procedemento que cumpra aplicar en cada caso, dos contratos administrativos, calquera que sexa o seu obxecto, que afecten exclusivamente o Campus de Lugo e non sexan xestionados de xeito centralizado para toda a USC, que a seguir se especifican:

a) Contratos menores.

b) Contratos que se adxudiquen por procedemento negociado sen publicidade por razón da contía, que non requiren proposta de adxudicación efectuada pola mesa de contratación da USC.

2) A sinatura dos contratos privados ata un importe máximo de 30.000 euros, nos mesmos termos que os contratos administrativos citados no punto anterior.

3) A elaboración das propostas de infraestructuras que se consideren necesarias para o campus lugués, así como a súa inspección.

4) A coordinación das actividades que se desenvolvan na Aula de Informática do Campus de Lugo.

5) O impulso das actividades na área das tecnoloxías da información e da comunicación no Campus de Lugo, no marco da programación xeral establecida na universidade.

Ñ) Vicerrector/a adxunto/a de Investigación, Terceiro Ciclo e Extensión Docente.

Deléganse no vicerrector adxunto de Investigación, Terceiro Ciclo e Extensión Docente as seguintes competencias no ámbito do Campus de Lugo:

1) A sinatura de solicitudes de proxectos PETRI así como doutros proxectos de investigación europeos, estatais, autonómicos ou doutras administracións públicas ou privadas que sexan solicitadas por profesores, alumnos, bolseiros ou calquera outro persoal que desenvolva a súa actividade no Campus de Lugo, agás que proceda unha tramitación unificada.

2) Os informes anuais e finais dos proxectos de investigación que se desenvolvan en exclusiva no Campus de Lugo.

3) A coordinación, supervisión e apoio á xestión dos estudios de terceiro ciclo, posgrao e formación continua.

4) A elaboración da proposta dos estudios de cuarto ciclo para impartir no Campus de Lugo e a dirección operativa da súa xestión; en particular da admisión e anulación da matrícula, a reclamación e devolución de prezos e calquera outro acto para o desenvolvemento ordinario da matrícula, agás a expedición de certificados.

Quinto.-1. En caso de ausencia, enfermidade ou imposibilidade de actuar, os vicerrectores poderán designar outro vicerrector ou adxunto ó vicerrector para o despacho de asuntos da súa competencia.

2. Nos supostos sinalados anteriormente poderase designar, mediante acto rectoral individual, o vicerrector que, por razón da súa persoa, supla transitoriamente o rector, por imposibilidade de actuar, no exercicio de calquera das ditas competencias.

II. Delegación a favor do secretario xeral.

Sexto.-Delégase no/na secretario/a xeral:

1) A sinatura dos certificados supletorios dos títulos académicos.

2) A certificación de actos presuntos.

3) A resolución de peticións de carácter xeral que non sexan competencia propia ou delegada doutros órganos universitarios.

4) O asinamento das resolucións motivadas que se dicten autorizando ou denegando a rectificación das actas académicas.

5) As competencias relacionadas con actas académicas e órganos colexiados xerais da USC, agás o Consello Social.

6) A convocatoria e resolución, e a resolución de impugnacións, de axudas en materia de normalización lingüística.

7) As resolucións de peticións, reclamacións ou recursos en materia de xestión académica para as que non estea delegada a sinatura noutros órganos ou unidades administrativas.

8) A resolución de solicitudes de equivalencia de titulacións obtidas no estranxeiro para realizar estudios de primeiro, segundo e terceiro ciclo e posgrao.

9) A presidencia da Comisión Electoral Central.

10) As resolucións relativas ó apoio titorial extraordinario en materia de actas e resolucións de recursos.

Sétimo.-En caso de ausencia, imposibilidade de actuar ou enfermidade, o secretario xeral será substituído automaticamente polo secretario xeral adxunto.

III. Delegación en favor do xerente.

Oitavo.-Delegación a favor do/a xerente.

Queda delegada a xefatura do persoal de administración e servicios (PAS) no xerente da universidade.

Estas facultades abranguen:

1) Executar, coordinar e controla-la política aprobada polos órganos de goberno sobre o PAS laboral ou funcionario.

2) Establecer as directrices conforme as cales exercerán as súas competencias en materia de persoal os distintos órganos e servicios da Universidade de Santiago de Compostela.

3) Dictar instruccións sobre política de persoal.

4) Establece-los criterios para coordina-la programación do PAS.

5) Prepara-la oferta de emprego público así como os actos derivados dela.

6) Propoñer convocatorias de probas de persoal.

7) Asumi-la inspección de persoal.

8) Propoñe-la designación de representantes da Administración universitaria nas distintas comisións de negociación colectiva.

9) Negociar directamente ou determina-las instruccións ás que deberán aterse os representantes da universidade cando proceda a negociación colectiva coa representación dos traballadores xa sexa laborais ou funcionarios.

10) Os actos de execución dos convenios colectivos ou similares e outros pactos legalmente formalizados.

11) Propoñe-la estructura de postos de traballo.

12) Propoñe-la designación de membros en comisións de selección e avaliación de PAS (funcionario e persoal laboral).

13) Autoriza-la asistencia a cursos de selección, formación e perfeccionamento.

14) Concede-los permisos e licencias non delegados ós decanos, directores de centros e xefes das distintas unidades administrativas.

15) Tódolos actos derivados da xestión e tramitación dos procedementos de xubilación salvo as certificacións que correspondan.

16) Tramita-los procedementos seguidos ante a Seguridade Social ou Muface, así como as reclamacións previas á vía xudicial ou recursos que non esgoten a vía administrativa.

17) Propoñer e informar sobre autorización ou recoñecemento de compatibilidade cando lle corresponda e a súa resolución ó rector.

18) Autorizar e asina-los contratos de persoal laboral contratado con carácter temporal e o nomeamento de interinos no caso que proceda.

19) As accións e procesos derivados da política de formación do PAS.

20) Comunica-las resolucións rectorais en materia de persoal.

21) Todos aqueles actos de administración e xestión ordinaria do persoal, que non figuren atribuídos a outros órganos universitarios.

22) As derivadas da coordinación da prevención de riscos da USC.

Noveno.-O xerente, respecto das funcións delegadas, poderá realizar encomendas de xestión ou delegación de sinatura en favor dos vicexerentes.

Décimo.-Quedan excluídos da presente delegación a favor do xerente:

1. O nomeamento de persoal funcionario.

2. O asinamento dos contratos do persoal laboral fixo.

3. As adscricións provisorias e as comisións de servicios.

4. Os cesamentos e xubilacións.

5. A convocatoria de probas selectivas para persoal laboral fixo.

6. A declaración das situacións administrativas.

7. O recoñecemento, adquisición e cambio de grao.

8. A presentación dos recursos que esgoten a vía administrativa.

9. A interposición de demandas ou iniciación de procedementos xudiciais.

10. A imposición de sancións administrativas no caso que sexa necesario o expediente disciplinario previo, o despedimento e a separación do servicio.

11. O encargo de funcións de categoría superior.

Décimo primeiro.-Igualmente, deléganse no xerente as funcións, actos e tramitación de expedientes

de xestión en materia de patrimonio da universidade, así como velar polo seu debido mantemento.

Exceptúanse desta delegación:

1. As resolucións de carácter xeral.

2. A interposición de recursos ou iniciación de procedementos xudiciais.

3. Aquelas competencias propias do Consello Social ou doutros órganos universitarios.

Décimo segundo.-En caso de ausencia, imposibilidade de actuar ou enfermidade o xerente será substituído automaticamente polo vicexerente radicado en Santiago de Compostela. De concorre-las mesmas causas no vicexerente, a substitución será realizada polo xerente adxunto.

Décimo terceiro.-Exceptúanse da delegación outorgada nos puntos anteriores, que continúa atribuída ó rector:

a) Os asuntos que se refiren ás relacións cos órganos e institucións da Administración do Estado e da Administración autonómica galega, salvo os de trámite.

b) Os que teñen relación co Consello Social, Claustro Universitario e Consello ou Xunta de Goberno.

c) Os actos que supoñan o exercicio da excepcionalidade da súa eficacia retroactiva, establecida no artigo 57.3º da LRXAP-PAC.

d) Os actos sancionadores e os referidos ó exercicio da potestade disciplinaria.

g) Os que dean lugar á adopción de resolucións rectorais de carácter xeral.

h) A resolución dos incidentes de abstención e recusación.

IV. Delegación a favor dos decanos/directores de centros e xefes de unidades administrativas en materia de permisos do PAS.

Décimo cuarto.-Delégase nos decanos, directores de centros e xefes das distintas unidades administrativas a concesión de permisos e licencias ó persoal nos seguintes casos:

1. Por nacemento, acollida ou adopción dun fillo, por falecemento, por accidente ou enfermidade grave dun familiar.

2. Por traslado de domicilio.

3. Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou representación do persoal e deberes inescusables de carácter público ou persoal, polo tempo indispensable.

4. Para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais.

5. Permisos por asuntos propios, atendendo sempre ás necesidades do servicio.

Os decanos, directores de centros e xefes de unidades terán a obriga de informar sobre os permisos concedidos sempre que así o requira a Xerencia da USC.

As restantes solicitudes de obtención de permiso ou licencia, retribuída ou non, deberán formularse ante a xerencia, cunha antelación mínima de quince días á da data do seu comezo, co obxecto de que poidan ser resoltas en tempo e forma. Exceptúanse aquelas que se poidan producir por circunstancias imprevisibles que se acrediten, que se tramitarán por un procedemento de urxencia. En todo caso, a concesión do permiso será requisito necesario para que o solicitante poida ausentarse do seu posto de traballo.

A concesión de permisos haberá de solicitarse nos modelos oficiais establecidos para o efecto.

V. Delegación en favor do xefe do Servicio de Xestión Académica e dos xefes de unidades de xestión académica.

Décimo quinto.-Deléganse no xefe de Servicio de Xestión Académica as seguintes competencias:

1. A sinatura dos seguintes actos de xestión na tramitación dos procedementos que teña encomendados:

1) Os escritos ós que fai referencia o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2) Os trámites que teñan que efectua-los interesados, conforme o artigo 76 da mesma lei.

3) O pedimento de informes que teñan carácter preceptivo e os facultativos cando o determina unha disposición administrativa de carácter xeral, ou se xulguen necesarios para a resolución do procedemento, de conformidade cos artigos 82 e 83 da citada lei.

4) A aceptación da desistencia ou da renuncia da solicitude de matrícula dos alumnos.

5) A realización dos trámites que establece o artigo 92 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, relativos á caducidade dos procedementos de matrícula ordinaria.

6) Calquera outro acto de xestión que, pola natureza do procedemento, sexa necesario adoptar en virtude da competencia verbal do artigo 55 da Lei 30/1992.

2. A sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos:

1) As solicitudes, en materia de xestión académica, non delegadas nos xefes das unidades de xestión académica.

2) As solicitudes, en materia de xestión académica, presentadas fóra dos prazos establecidos na normativa.

3) A resolución das anulacións de matrícula, que non estea delegada nos xefes das unidades.

4) A resolución das admisións para continuar estudios en titulacións con límite de prazas.

5) As resolucións de validacións parciais de estudios estranxeiros.

Décimo sexto.-Delégase nos xefes de unidades de Xestión Académica a sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos:

1. A admisión de alumnos en titulacións sen límite de prazas.

2. As anulacións de matrícula por falta de pagamento do 2º prazo.

3. As validacións e adaptacións, agás as validacións de estudios estranxeiros

4. As autorizacións de simultaneidade de estudios.

Décimo sétimo.-1. Os actos dictados en virtude da presente delegación, non poderán exceder dos límites da dita delegación, declarándose, en caso contrario, nulos de pleno dereito.

2. Cando se dicten actos e resolucións en uso da delegación de atribucións contidas nesta resolución, farase constar así expresamente e consideraranse como dictadas pola autoridade rectoral.

Décimo oitavo.-En ningún caso poderán delegarse as competencias delegadas nesta resolución, sen prexuízo da posibilidade de delegación expresa de sinatura ou de realización das encomendas de xestión que se consideren pertinentes.

Décimo noveno.-En calquera momento o rector pode reclamar para si o coñecemento e a resolución de cantos asuntos considere oportunos en relación coas atribucións delegadas.

Disposición derrogatoria

Esta resolución derroga a Resolución do 1 de febreiro de 2000 (DOG do 1 de marzo) sobre delegación de funcións en determinados órganos universitarios, así como a Resolución do 10 de xullo de 2002.

Disposición derradeira

Esta resolución terá eficacia o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2003.

Senén Barro Ameneiro

Rector da Universidade de Santiago de Compostela