O artigo 5.3º da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo, establece que cando o perito terceiro designado nun procedemento de taxación pericial contradictoria promovido contra os actos de comprobación de valor correspondentes ós impostos sobre o patrimonio, transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e sucesións e doazóns, esixa a provisión de fondos polo importe dos seus honorarios con carácter previo ó desempeño do seu cometido, os depósitos correspondentes á Administración e ó interesado realizaranse na Caixa de Depósitos da delegación territorial da Consellería de Economía e Facenda na que se tramite a taxación pericial contradictoria.
Co fin de regula-las actuacións que faciliten o cumprimento da norma mencionada, por proposta conxunta da Dirección Xeral de Tributos, Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro e da Intervención Xeral,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Depósito do contribuínte.
O contribuínte que promovese a taxación pericial contradictoria constituirá un depósito polo importe dos honorarios a favor do que saíse designado como perito terceiro. Este comunicaralle ó órgano administrativo competente os seus datos identificativos no momento de notificarlle a solicitude de provisión de fondos. O depósito constituirase mediante comparecencia por si ou por representante acreditado ou en virtude de mandato verbal, na delegación territorial da Consellería de Economía e Facenda, presentando o impreso de constitución de depósito recollido no anexo I, acompañado da entrega do seu importe en efectivo ou ben en cheque nominativo de entidade financeira a favor do Tesouro Público da Comunidade Autónoma de Galicia, ou tamén mediante transferencia á conta da delegación da Consellería de Economía e Facenda que se indique na solicitude de constitución do depósito.
Presentada a documentación anterior, a sección de tesourería da delegación procederá a entregar ó presentador o comprobante, acompañado do orixinal do documento expedido pola entidade financeira acreditativo da transferencia, conservando unha copia deste. No caso de que a presentación se realizase por correo, a remisión do comprobante e demais documentación realizarase polo mesmo medio ó enderezo que expresamente fixese consta-lo contribuínte ou, no seu defecto, ó seu domicilio fiscal.
Para os efectos do cumprimento dos prazos de que dispón o interesado para a realización do depósito, terase en conta, no caso de efectuarse mediante transferencia, a data de presentación, persoal ou por correo, do impreso de comprobante do anexo I, sempre e cando se reciba o seu importe na conta da delegación. Non obstante, no caso de presentación por correo, considerarase como data de constitución do depósito a de recepción do citado impreso na delegación territorial correspondente.
Este ingreso contabilizarase con aplicación ó concepto extraorzamentario 320105 Depósito previo do contribuínte para a práctica de taxación pericial contradictoria.
Artigo 2º.-Depósito da Administración.
O órgano administrativo competente efectuará o depósito a favor do perito terceiro designado no procedemento de taxación pericial contradictoria no prazo de dez días, que comezará a contar desde o seguinte ó de entrada na delegación da solicitude de provisión de fondos realizada polo citado perito.
Para iso remitirase, mediante oficio, o impreso de constitución de depósito do anexo II, de referencia modelo D.D-8. Unha vez recibido na Caixa Xeral de Depósitos, procederase a emitir mandamento de pagamento extraorzamentario a favor da Caixa Xeral de Depósitos con aplicación ó concepto 310003 Anticipos para taxacións periciais contradictorias, que se expedirá en formalización, cun desconto polo mesmo importe no concepto 320106 Depósito previo da Administración para taxacións periciais contradictorias, cursándoo á intervención delegada para a súa contabilización, acompañado do duplicado do impreso de constitución do depósito que figura como anexo a esta orde.
Unha vez efectuada a formalización do depósito, a sección de tesourería comunicará a quen teña ó seu cargo a xestión do imposto de que se trate, a circunstancia de terse constituído os depósitos tanto da Administración como do suxeito pasivo, remitíndolle o comprobante do depósito constituído pola Administración.
Artigo 3º.-Cancelación e devolución do depósito.
Unha vez que o perito terceiro entregue a taxación efectuada, procederase da seguinte forma:
1. Se, de acordo co previsto no artigo 52.2º da Lei xeral tributaria, corresponde ó suxeito pasivo o pagamento dos honorarios do perito terceiro e non acreditase no prazo de 10 días ter satisfeito o seu importe directamente ó perito terceiro, o órgano administrativo competente expedirá a correspondente dilixencia de cancelación e devolución a favor do terceiro perito beneficiario do depósito, ó encabezamento do dorso do comprobante orixinal do depósito constituído polo suxeito pasivo. Unha vez recibido o comprobante na Caixa de Depósitos, expedirase mandamento de pagamento a favor do perito terceiro logo de retención, de se-lo caso do IRPF, con aplicación ó concepto 320105. Se se acreditase
a realización do pagamento directamente ó perito terceiro por parte do suxeito pasivo, polo mesmo procedemento realizarase a devolución do depósito ó suxeito pasivo sen a retención por IRPF.
Nos mesmos termos procederase a expedi-la dilixencia de cancelación e devolución a favor do Tesouro da Comunidade Autónoma do depósito constituído en formalización pola Administración interesada, e expedirase mandamento de pagamento en formalización con aplicación ó concepto 320106 e desconto polo mesmo importe no concepto 310003.
2. Se, polo contrario, o pagamento dos honorarios corresponde á Administración, seguirase o mesmo procedemento anteriormente descrito, coa variante de que o depósito constituído polo contribuínte seralle devolto a este con aplicación ó concepto 320105, e do constituído pola Administración disporase a favor do terceiro perito con aplicación ó concepto 320106, logo de desconto da retención á conta do IRPF pola cantidade que proceda.
Artigo 4º.-Contabilización do pagamento en formalización.
Non máis tarde do 30 de novembro de cada exercicio, os interventores territoriais delegados expedirán certificación compresiva do importe imputado no concepto 310003 por taxacións periciais contradictorias resoltas, que lle correspondese pagar á
Administración, e remitirana á Dirección Xeral de Tributos da Consellería de Economía e Facenda.
As intervencións territoriais delegadas, simultaneamente e polo importe certificado, contabilizarán un mandamento de pagamento extraorzamentario ó concepto 331001 Operacións por conta doutras oficinas, con desconto ó concepto 310003, de forma que o líquido resultante sexa cero.
A Dirección Xeral de Tributos, á recepción das certificacións e polo importe total, expedirá un documento ADOK en formalización con aplicación ó concepto correspondente do orzamento de gastos; e con desconto ó concepto 331001.
Disposición derrogatoria
Queda derrogada a Orde do 9 de xullo de 1993 pola que se regula o procedemento para a constitución e aplicación dos depósitos previos na práctica das taxacións periciais contradictorias.
Disposición derradeira
Entrada en vigor.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2003.
José Antonio Orza Fernández
Conselleiro de Economía e Facenda

