Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 25 de setembro de 2003 Páx. 12.017

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 17 de setembro de 2003, conxunta da Consellería de Innovación, Industria e Comercio e da Consellería de Sanidade, pola que se convocan axudas para a realización de proxectos de investigación en establecementos sanitarios públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A xestión do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica correspóndelle á Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Consellería de Innovación, Industria e Comercio. Pola súa parte, a Consellería de Sanidade, a través do Servicio Galego de Saúde, ten encomendado entre as súas funcións, o fomento e desenvolvemento de estudios e investigacións científicas na área da saúde.

En consecuencia, co fin de potencia-la investigación no ámbito sanitario, e como complemento cara á futura incorporación ó Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica dun programa de investigación en ciencias da saúde, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio, a través da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Consellería de Sanidade, a través da División de Asistencia Sanitaria do Servicio Galego de Saúde, no marco do acordo de cooperación asinado o día 12 de xuño de 2003, deciden realizar unha convocatoria conxunta de axudas para a execución de proxectos de investigación.

Neste sentido, o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, prevé a concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Estas axudas concederanse ó abeiro do disposto nos artigos 78 e 79 desta norma.

Así mesmo, o réxime destas subvencións vén regulado especificamente no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Con este fin, cómpre establece-las bases para a concesión destas axudas axustándose ós principios de publicidade, concorrencia e obxectividade mediante o procedemento correspondente. Estas bases reunirán os requisitos esixidos conforme o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Por todo isto, e de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto a convocatoria de axudas para a realización de traballos de investigación

en Galicia, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.

Estes traballos, que versarán preferentemente sobre algunha das materias especificadas no artigo 4º, alínea b) desta orde, realizaranse nos centros, servicios e establecementos sanitarios públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Requisitos xerais.

1. Poderán acollerse ós beneficios desta convocatoria os grupos ou equipos de investigación con acreditada capacidade investigadora que pertenzan ós centros, servicios e establecementos sanitarios públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Só poderán aparecer como investigadores principais os profesionais do sector sanitario público que teñan un posto de traballo dependente da Consellería de Sanidade ou do Servicio Galego de Saúde, que realicen labores clínico-asistenciais e/ou de investigación nos centros asistenciais.

3. Os facultativos que estean en período de formación sanitaria de posgrao non poderán figurar como investigadores principais, aínda que si poderán formar parte do equipo investigador.

4. A duración dos proxectos ós que se refire a presente orde será dun ano a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se conceden as axudas correspondentes e estes deberán finalizarse, polo tanto, no ano 2004.

5. As axudas serán incompatibles con calquera outra destinada ó mesmo traballo. Non se subvencionarán traballos xa finalizados con anterioridade á data de publicación desta convocatoria.

6. O material inventariable e bibliográfico adquirido con cargo á axuda concedida serán propiedade do centro no que se executa o proxecto.

7. Os proxectos de investigación deberán respecta-los principios éticos fundamentais e cumpri-la normativa legal correspondente. Os proxectos que impliquen investigación en humanos ou utilización de mostras biolóxicas de orixe humana, deberán xunta-la preceptiva autorización emitida polo Comité Ético de Investigación Clínica de Galicia.

Artigo 3º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes das axudas dirixiranse á Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou á División de Asistencia Sanitaria do Sergas conforme o modelo recollido no anexo desta orde.

2. Estas deberán presentarse nos rexistros da Consellería de Sanidade ou do Sergas así como nos rexistros da Consellería de Innovación, Industria e Comercio ou en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Xunto coa solicitude deberase presenta-la seguinte documentación:

a) Currículo do investigador principal e, de se-lo caso, dos restantes membros do equipo, coa correspondente

xustificación orixinal ou copia compulsada dos méritos alegados.

b) CIF do organismo ó que pertence o investigador principal do proxecto.

c) Tres copias da memoria explicativa do proxecto coa seguinte estructura: introducción e xustificación do traballo, obxectivos, material e métodos, resultados esperados e interese da súa aplicación, plan de difusión e divulgación destes, datas de inicio e finalización.

d) Memoria económica do proxecto.

No concepto de gastos de persoal non se incluirán como beneficiarios os profesionais que teñan un posto de traballo dependente da Consellería de Sanidade ou do Sergas.

As cantidades dedicadas a material, a gastos de desprazamento e a outros gastos deben xustificarse pormenorizadamente na memoria do proxecto.

e) Declaración xurada do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou actividade ante as administracións públicas ou entes públicos.

f) Certificación da dirección ou xerencia do centro de traballo, no que se acredite o posto que ocupa o solicitante.

g) Certificación da dirección ou xerencia do centro de traballo, no que se acredite o coñecemento e a aprobación do proxecto, así como o compromiso de facilitar, por parte do centro, a infraestructura necesaria para a súa realización.

Para os efectos de presenta-la dita documentación así como a propia solicitude poderanse utiliza-los modelos de impresos que se atopan dispoñibles na Internet, nos enderezos seguintes:

http://www.sxid.org

http://www.xunta.es/conselle/in/index.htm

4. O prazo de presentación de instancias será de 40 días hábiles que se contarán desde o día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

5. Se a documentación achegada estivese incompleta requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días, complete ou emende as deficiencias observadas, coa indicación de que, se así non o fai, teráselle por desistido da súa petición, procedéndose conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Criterios de valoración e materias preferentes.

a) Criterios de valoración:

-Informe elaborado polos expertos na avaliación externa. A valoración deste informe non poderá exceder do 90% da puntuación total do proxecto e distribuirase como segue:

-A calidade metodolóxica do proxecto: 30%.

-O interese e oportunidade do tema: 18%.

Valorarase tendo en conta as materias que se especifican como preferentes na alínea b) deste artigo.

-A utilidade e aplicabilidade dos resultados: 14%.

-A experiencia previa e capacidade do equipo na liña de investigación que se vai desenvolver: 11%.

-Os aspectos éticos do proxecto: 8%.

-A adecuación do orzamento: 5%.

-A consecución dos obxectivos en proxectos financiados en convocatorias anteriores. Publicación e difusión dos resultados obtidos. Plan de difusión e divulgación dos resultados do proxecto actual: 4%.

-A interdisciplinariedade na composición do grupo e/ou colaboración entre distintos organismos e institucións. A valoración deste non poderá exceder do 10% da puntuación total do proxecto.

b) Materias preferentes:

-A investigación clínica, fisiopatolóxica e terapéutica.

-A investigación epidemiolóxica, en saúde pública e servicios de saúde.

-Os estudios de avaliación de procedementos diagnósticos e terapéuticos.

-A investigación en xestión clínica. Avaliación ou mellora da calidade asistencial e xestión da calidade.

-A investigación en saúde laboral.

-A investigación en saúde mental.

-A investigación en enfermidades raras e pouco frecuentes.

-A investigación en atención primaria.

-A investigación en enfermería.

-As recollidas no Plan Nacional de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, no Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica e no Plan de Saúde de Galicia.

-As que se refiran ás necesidades de saúde específicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Terán consideración prioritaria os proxectos dedicados ó estudio dos efectos sobre a saúde asociados ó accidente do Prestige.

Artigo 5º.-Avaliación e selección.

1. Tódalas solicitudes admitidas serán obxecto de avaliación por expertos externos que emitirán informe previo á proposta de resolución.

2. A selección das solicitudes será realizada por unha comisión de valoración que estará formada por cinco persoas. Tres serán designadas polo Sergas -unha, actúa como presidente, e outra, como secretario- e outras dúas, designaraas a Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

A comisión, trala comprobación de que a solicitude e a documentación anexa se adecuan ós criterios da convocatoria e, unha vez examinados os informes emitidos polos expertos externos, dictará proposta de resolución elevándoa ós órganos competentes para a súa resolución.

Artigo 6º.-Resolución.

1. A adxudicación das solicitudes efectuarase mediante resolución conxunta dos conselleiros de Innovación, Industria e Comercio e de Sanidade, de acordo co disposto no artigo 72 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como co establecido no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo máximo para resolve-las solicitudes presentadas ó abeiro desta convocatoria será de 6 meses, contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

3. Esta resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Recursos.

1. A resolución pola que se conceden as axudas porá fin á vía administrativa e contra ela os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio ou ante o conselleiro de Sanidade, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ou no prazo de tres meses desde que se entendan desestimadas as solicitudes por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Así mesmo, esta resolución poderá ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses que se contarán a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ou de seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, en virtude do artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 8º.-Aceptación da axuda.

Cada beneficiario deberá realizar un acto expreso de aceptación da axuda e das súas condicións, dirixido á División de Asistencia Sanitaria do Sergas (edificio administrativo de San Lázaro, s/n. 15703 Santiago de Compostela) ou á Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento (rúa dos Feáns, 7. Local C. 15706 Santiago de Compostela), no prazo máximo de 10 días naturais que se contarán a partir do seguinte ó da publicación da resolución das axudas no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido ese prazo sen efectua-la aceptación, entenderase que o beneficiario renuncia á axuda.

Artigo 9º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10º.-Xustificación dos fondos recibidos.

1. Antes do 15 de novembro de 2003 os beneficiarios deberán remitirlle á División de Asistencia Sanitaria ou á Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento unha memoria do labor desenvolvido ata esa data.

2. Así mesmo, ó remate do proxecto, enviarán memoria completa da investigación desenvolvida, na que se indicarán os seguintes epígrafes: introducción, xustificación e obxectivos, material e métodos, resultados obtidos, discusión, posibilidades de divulgación/difusión e conclusións.

Artigo 11º.-Finalización dos traballos.

1. Os traballos e mailos resultados obtidos serán propiedade dos seus autores, pero no momento de facelos públicos deberán facer referencia explícita da axuda recibida da Xunta de Galicia. Enviarase un exemplar das publicacións correspondentes, no caso de habelas, á División de Asistencia Sanitaria do Sergas.

2. A Xunta de Galicia reserva para si o dereito de emprega-los resultados destes traballos para a realización dos seus propios estudios e planificacións.

Artigo 12º.-Orzamento.

1. O orzamento global previsto é de trescentos mil euros (300.000 A) achegados a partes iguais polas consellerías de Sanidade e Innovación, Industria e Comercio, con cargo ás aplicacións do Sergas 5001.2223.640.8 e 5001.2223.640.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 e ás aplicacións orzamentarias da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento 08.05.432A.740.0 e 08.05.432A.781.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2003 e 2004. A través do acordo de cooperación asinado entre as dúas consellerías o día 12 de xuño de 2003, realizouse unha ampliación de crédito nas aplicacións da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento con cargo ás ditas aplicacións orzamentarias do Sergas. Consecuentemente, a distribución dos fondos para os dous anos queda como segue:

Partidas orzamentarias08.05.432A.740.008.05.432A.781.0

Ano 2003225.000 A15.000 A

Ano 200460.000 A

2. O importe máximo de cada axuda non superará os doce mil euros (12.000 A).

Artigo 13º.-Prazo e forma do pagamento.

1. O pagamento das axudas efectuarase despois de que o organismo correspondente expida certificación xustificativa da realización do gasto correspondente á anualidade de que se trate. Así mesmo, previamente ó último pagamento, deberase presentar declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. As axudas aboaranse mediante transferencia ó organismo ó que pertenza o investigador principal do proxecto.

Artigo 14º.-Control.

Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Innovación, Industria e Comercio e a Consellería de Sanidade, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas, así como á obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida por estes últimos.

Artigo 15º.-Interpretación e reintegro.

1. O director xeral da División de Asistencia Sanitaria do Sergas e o director xeral de Investigación e Desenvolvemento resolverán tódalas incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

2. O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases desta

convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas, de conformidade co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e seguindo o procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, pola que se regula o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2003.

José Mª Hernández CochónJuan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Sanidade Conselleiro de Innovación,

Industria e Comercio

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E

VOLUNTARIADO