Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 25 de setembro de 2003 Páx. 12.022

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2003, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da Empresa Mixta de Augas de Ferrol, S.A. (Emafesa).

Visto o expediente do convenio colectivo da Empresa Mixta de Augas de Ferrol, S.A. (código de convenio 1504052), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 28-5-2003 e complementado os días 11-7-2003 e 15-7-2003, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social polo comité de empresa o día 27-5-2003, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 17 de xullo de 2003.

Elisa Madarro González

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo de traballo da Empresa Mixta

de Augas de Ferrol, S.A. (Emafesa)

Capítulo I

Ámbito e vixencia

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio colectivo será de aplicación a tódolos traballadores e traballadoras da Empresa Mixta de Augas de Ferrol, S.A., e regulará as condicións laborais entre estes e a dirección da empresa.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

As disposicións contidas no presente convenio colectivo rexerán en tódolos centros de traballo abertos pola empresa Emafesa e aqueles outros que se poidan crear, situados no ámbito territorial da provincia da Coruña, onde a empresa realiza as súas actividades de encoro, depuración, transporte, almacenamento, distribución de auga potable e saneamento.

Artigo 3º.-Vixencia e denuncia do convenio.

O presente convenio terá unha vixencia de 3 anos (2002-2004), iniciándose esta con efectos do 1 de xaneiro de 2002, e rematando o 31 de decembro de 2004. O presente convenio prorrogarase ó seu termo de ano en ano automaticamente, se non fose denunciado con dous meses de antelación ó remate da súa vixencia inicial ou prorrogada.

A denuncia deste convenio deberá efectuarse por calquera das partes, mediante comunicación escrita á outra parte asinante e á autoridade laboral, segundo o previsto en canto a prazo no parágrafo anterior.

En caso de prórroga por non ser negociado un novo convenio, experimentará unha suba salarial do IPC previsto.

Este convenio entrará en vigor o día da súa sinatura con independencia da data da súa publicación, mantendo o seu contido normativo e obrigacional mentres non se negocie un novo convenio.

Capítulo II

Xornada de traballo

Artigo 4º.-Xornada de traballo.

Con carácter xeral, en materia de traballo e descansos, estarase ó que, en cada momento, estableza a lexislación vixente.

Artigo 5º.-Calendario laboral.

A empresa e os representantes dos traballadores e traballadoras negociarán o calendario laboral do ano seguinte no mes de decembro do anterior ano, publicando este no taboleiro dos diferentes centros de traballo. O calendario laboral deberá incluír necesariamente os días festivos oficiais (estatais, autonómicos

e locais) e os horarios de traballo para cada réxime de xornada e, se é o caso a programación do réxime de quendas, retén e as datas hábiles para o desfrute de vacacións e descansos compensatorios. Neste sentido a empresa procurará que as quendas sexan rotativas entre os traballadores que desenvolven unha mesma actividade.

Capítulo III

Retribucións dos grupos profesionais

Artigo 6º.-Retribucións dos grupos profesionais.

As retribucións dos grupos profesionais son as reflectidas no anexo I deste convenio.

Así mesmo, no anexo II reflectirase a contía dos atrasos relativos ó ano 2002.

As horas extraordinarias retribuiranse coa recarga do 75% sobre o valor da hora normal.

Artigo 7º.-Pagas extraordinarias.

O salario estará composto por catorce pagas, das cales dúas delas serán extraordinarias, unha de verán que se devengará desde o un de xaneiro ata o 30 de xuño, aboándose o 15 de xuño, e a outra, de Nadal, que se devengará desde o 1 de xullo ata o 31 de decembro, aboándose o 15 de decembro.

Capítulo IV

Prestacións sociais

Artigo 8º.-Baixas por enfermidade e accidente.

A empresa complementará ata o 100% do salario da empregada ou empregado con motivo da súa baixa por incapacidade temporal derivada de accidente laboral desde o primeiro día da baixa. Así mesmo, a empresa complementará ata o 100% do salario do empregado ou empregada con motivo da súa baixa por incapacidade temporal derivada de continxencias comúns a partir do décimo sexto día de baixa inclusive.

Artigo 9º.-Recoñecemento médico.

Anualmente, nas datas que a empresa indique, e por conta desta realizarase un recoñecemento médico completo. Así mesmo, as traballadoras terán dereito a un recoñecemento xinecolóxico cada dous anos.

Será facilitado a cada empregado un resumo do dito recoñecemento médico.

Así mesmo, os novos empregados, antes da súa admisión, serán sometidos a un recoñecemento médico.

Artigo 10º.-Licencias e permisos retribuídos.

O traballador ou traballadora logo de aviso e xustificación poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e tempos seguintes:

a) Por matrimonio, 15 días naturais ininterrompidos.

b) Por matrimonio de fillos e fillas, irmáns, pais, 1 día natural.

c) Por xestación ou parto segundo a lexislación vixente.

d) Por paternidade, 2 días. En caso de desprazamento 4 días.

e) Por enfermidade grave ou falecemento de cónxuxe, fillos ou fillas, ou parentes ata segundo grao de consaguinidade ou afinidade ou persoas que convivan co traballador ou traballadora, 3 días.

f) Quen, por razóns de garda legal teña ó seu coidado algún menor de seis anos ou maior diminuído físico ou psíquico, terá dereito á diminución da súa xornada de traballo no tempo que o interesado estime preciso, con reducción proporcional das súas retribucións.

g) Por traslado de domicilio habitual, 1 día.

h) Para acudir a exames e demais probas de aptitude ou avaliación en centros oficiais, os días da súa celebración.

i) O traballador ou traballadora cun fillo ou filla menor de nove meses terá dereito a unha hora diaria de ausencia do traballo. Este período de tempo poderá dividirse en dúas fraccións.

Artigo 11º.-Vacacións.

Todo o persoal suxeito a este convenio desfrutará dunhas vacacións anuais de trinta días naturais comezando, en calquera caso, o seu desfrute en día laborable.

Con carácter xeral as vacacións concederanse durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, con carácter rotativo.

Os traballadores e traballadoras, poderán troca-las súas vacacións comunicándollo á empresa con dous meses de antelación e sempre e cando realice o mesmo servicio que a persoa coa que a permute.

Artigo 12º.-Roupa de traballo.

A empresa proverá, gratuitamente o persoal operario a roupa de traballo e equipamentos necesarios e axeitados para os seus traballadores e traballadoras.

A roupa de verán terá que ser entregada ó longo do mes de maio do ano que corresponda, e a de inverno ó longo do mes de outubro, tamén do ano que corresponda.

Para o persoal obreiro o equipamento consistirá:

Inverno: dous pantalóns, dúas camisas, unha cazadora, un xersei ou chaleco.

Verán: dous pantalóns, dúas camisas e unha cazadora.

As botas de auga, botas de seguridade, traxe de auga, luvas e anorac repartiranse segundo as necesidades particulares de cada traballador ou traballadora.

Ás e ós analistas serán provistos de dúas batas brancas ó ano ou en todo caso as que o seu estado ou deterioración así o recomenden.

Aqueles aspectos da roupa de traballo que afecten a seguridade e hixiene, serán sometidos a informe do comité de seguridade e saúde antes da súa adquisición.

As pezas de roupa de traballo renovaranse a pedimento do traballador ou traballadora segundo o seu uso ou deterioración, e logo da entrega das pezas usadas.

Capítulo V

Outras disposicións

Artigo 13º.-Dereitos lingüísticos.

Os traballadores e traballadoras teñen o direito a desenvolve-la súa actividade laboral e profesional no idioma galego.

Así mesmo a empresa non empregará discriminacións nin estereotipos sexistas na linguaxe utilizada nas circulares ou calquera outra forma de comunicación.

Artigo 14º.-Traballos en domingos, festivos, noites e dispoñibilidade.

1. Nos postos de traballo sometidos a quendas (ETAP), e para efectos da percepción dos complementos correspondentes, as quendas quedan do seguinte xeito:

Quenda de noite: desde as 23.00 horas do día anterior ás 7.00 horas.

Quenda de mañá: desde as 7.00 horas ata as 15.00 horas.

Quenda de tarde: desde as 15.00 horas ata as 23.00 horas.

2. A nocturnidade corresponderá as horas comprendidas entre as 23.00 e as 7.00 horas.

3. As quendas en Noiteboa, Nadal, Noitevella e Aninovo remuneraranse do seguinte xeito:

Tarde de Noiteboa e Noitevella: 30 euros.

Noite de Noiteboa e Noitevella: 80 euros.

Mañá de Nadal e Aninovo: 80 euros.

Tarde de Nadal e Aninovo: 80 euros.

O resto de quendas non terán ningún complemento por estes conceptos.

4. Dispoñibilidade en Noiteboa, Nadal, Noitevella e Aninovo.

Os reténs para os días de Noiteboa, Nadal, Noitevella e Aninovo remuneraranse con 30 euros.

Artigo 15º.-Dereito supletorio.

No non previsto neste convenio aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores, no convenio colectivo estatal das industrias de captación, elevación, conducción, tratamento, depuración e distribución de auga ou norma que, se é o caso, o substitúa, e demais normas reguladoras do dereito do traballo e demais lexislación vixente.

Artigo 16º.-Dereitos sindicais.

Cada membro do comité de empresa disporá dun crédito de 16 horas mensuais para o desenvolvemento das súas funcións representativas e sindicais.

Estas horas poderán acumularse trimestralmente.

En caso de solicitude de acumulación superior a 16 horas a comunicación farase con 5 días de antelación á dirección da empresa. No resto dos casos a notificación farase segundo a lexislación vixente.

Artigo 17º.-Comisión mixta de garantía.

As partes negociadoras acordan establecer unha comisión paritaria como órgano de interpretación, conciliación e vixilancia do cumprimento do presente convenio.

A comisión estará integrada paritariamente por dous representantes da parte social pertencentes ó comité de empresa e por dous representantes da parte económica. As partes poderán contar con asesores e xuntaranse por instancia de calquera delas cantas veces sexa necesario, debendo celebrarse a xuntanza dentro dos cinco días seguintes á convocatoria.

Serán funcións específicas da comisión paritaria as seguintes:

a) Interpretación do convenio.

b) Vixilancia do cumprimento do convenio.

c) Estudio e valoración das novas disposicións legais de promulgación posterior á entrada en vigor do presente convenio que puidesen afectar ó seu contido.

d) Cantas outras actividades tendan a unha eficacia práctica do convenio e a unha mellor solución interna dos conflictos.

As reunións da comisión paritaria non se descontarán do crédito de horas sindicais.

Artigo 18º.-Interpretación e aplicación.

As dúbidas e diverxencias que poidan xurdir sobre a aplicación deste convenio serán sometidas á comisión mixta paritaria, antes de presenta-la reclamación pertinente ante a xurisdicción competente.

A dita comisión deberá emitir un informe e a súa resolución no prazo máximo de cinco días a partir do día en que foi solicitada.

As funcións e actividades da comisión mixta paritaria non obstaculizará en ningún caso o libre acceso á xurisdicción administrativa e contenciosa prevista na lei.