Por medio deste escrito faise público que a Alcaldía do Concello de Vimianzo, consonte co ordenamento xurídico, aprobou inicialmente o nomeado Plan Especial de Dotación para Equipamento dun Cemiterio en Baíñas-Vimianzo (A Coruña). O dito acordo inicial na súa parte dispositiva sinala:
Primeiro.-Aprobar inicialmente o Plan Especial de Dotación para Equipamento dun Cemiterio en Baíñas, Vimianzo (A Coruña), redactado polos arquitectos Mª José Suárez López, colexiada nº 2.202 e Modesto E. Espasandín Domínguez, colexiado nº 2.114 e que foi promovido pola asociación veciñal San Antolín de Baíñas; este plan especial incorpora unha memoria descritiva, unha memoria xustificadora, así como as determinacións para o establecemento e a ordenación do equipamento do cemiterio e velorio, xunto con 5 planos que describen graficamente o límite parroquial (01), os usos do solo (02), o estudio da parcela (03), a zonificación da parcela (04) e as seccións do terreo (05). O dito plan especial aparece visado polo COAG, na data do 22 de maio de 2002.
Segundo.-Someter ó tramite de información pública o plan especial de referencia, xunto co expediente da súa razón, nos termos do artigo 86.1º a) da Lei 2/2002, polo prazo dun mes, con notificación individualizada ós propietarios afectados que consten relacionados na documentación do plan. Solicítese igualmente os informes sectoriais que procedan.
Terceiro.-Os custos das publicacións no DOG e en dous xornais de maior circulación na provincia, en dous días consecutivos, serán satisfeitos pola entidade promotora, logo de liquidación que lle será xirada para o efecto.
O que se fai público para xeral coñecemento, salientando que, durante o prazo de exposición ó público (un mes), o expediente inicialmente aprobado estará á disposición dos interesados nas oficinas municipais, de acordo co artigo 86 e concordantes da Lei 9/2002, do 30 de decembro.
Vimianzo, 6 de outubro de 2003.
Alejandro Rodríguez Lema
Alcalde

