Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Mércores, 03 de decembro de 2003 Páx. 14.856

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 2003 pola que se convocan axudas ás corporacións locais, para programas específicos que contribúan á defensa, protección e promoción dos intereses dos consumidores e usuarios para o ano 2004.

A convocatoria destas axudas axústase ó establecido na Orde do 11 de marzo de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, anexo XVI (DOG nº 55, do 18 de marzo de 2002).

En virtude disto, e de conformidade cos artigos 24 e seguintes do Estatuto galego do consumidor e usuario, e o capítulo II do Decreto 185/1994, do 16 de xuño, sobre información e orientación ó consumidor e usuario,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Instituto Galego de Consumo, concederá axudas ós concellos de Galicia, por un importe total de cento dezaoito mil douscentos noventa e un euros (118.291 euros) con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343A.760.0 na que existe crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos do Instituto Galego de Consumo do ano 2004 quedando sometida a presente resolución á condición suspensiva de existencia de crédito para financia-las obrigas derivadas dela, unha vez aprobado polo Parlamento de Galicia o citado proxecto de orzamentos, de conformidade co artigo 1.3º en relación co 1.1º da Orde do 11 de febreiro de 1998 da Consellería de Economía e Facenda que regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto.

Artigo 2º.-Contía.

A subvención que se é o caso se outorgue non superará en ningún caso o 70 % do custo total dos gastos obxecto de financiamento.

Artigo 3º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes para as axudas económicas previstas nesta resolución, segundo modelo do anexo I, dirixiranse ós servicios provinciais ou centrais do Instituto Galego de Consumo, sendo en todo caso de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa actual redacción; inclúense os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non será necesaria a presentación de todos aqueles documentos que consten en poder da Xunta de Galicia, debendo indica-lo solicitante, co obxecto da súa rápida localización, a unidade administrativa en que se encontran.

3. As solicitudes irán xunto coa seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do órgano competente pola que se acolle á axuda, coa expresión da cantidade exacta solicitada (anexo II).

b) Certificación da poboación de feito, segundo o último censo dispoñible (anexo III ).

c) Relación do número de consultas, reclamacións e denuncias atendidas pola OMIC no ano 2003 (anexo IV).

d) Certificación, se é o caso, do secretario/a do concello da existencia de mancomunidade con outros concellos e/ou de actuacións conxuntas, para programas específicos de consumo, así como con organizacións de consumidores (anexo V ).

e) Certificado do secretario do concello do conxunto de tódalas solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, obxecto desta convocatoria, por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

f) Memoria descritiva por cada un dos programas que indique como mínimo o título do programa, o ámbito, o número e tipo de destinatarios, o custo medio por destinatario, os obxectivos do programa, a forma de avaliación e o seu custo total (anexo VI).

Artigo 4º.-Prazo.

O prazo para a presentación das solicitudes será de 40 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Emenda de defectos.

Os servicios centrais e provinciais do Instituto Galego de Consumo comprobarán se a solicitude e documentación presentadas reúne os requisitos esixidos, e no suposto da observancia dalgún defecto ou de que sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, requeriráselle o interesado para que no prazo de 10 días a partir do seguinte ó da recepción do dito requirimento emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, consideraráselle desistido da súa petición, e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da devandita lei.

Artigo 6º.-Avaliación das solicitudes.

O Servicio de Información e Educación do Instituto Galego de Consumo será o encargado da realización dos correspondentes informes de avaliación das solicitudes das axudas.

Este servicio, motivadamente, poderá requirir dos solicitantes a información ou documentación adicional, que non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 7º.-Pagamento e xustificación.

As axudas concedidas faranse efectivas despois da xustificación, polo concello beneficiario da realización dos programas, obxecto da subvención.

Para a xustificación da subvención, a corporación local deberá presentar ata o 31 de outubro de 2004:

a) Certificación do secretario/a do concello, logo do informe do interventor ou xefe de contabilidade da corporación, co visto e prace do alcalde, sobre o total dos gastos efectuados, desagregado por programas (anexo VII ).

b) Memoria descritiva por cada un dos programas realizados, que indique como mínimo o título do programa, o ámbito, o número e tipo de destinarios, o custo medio por destinatario, os obxectivos acadados do programa, a forma de avaliación e o seu custo total (anexoVI).

c) Certificación da conta bancaria na que conste o ordinal bancario, código do banco, código da sucursal e código da conta corrente, onde deba realizarse o pagamento, expedida pola entidade bancaria.

d) Certificado do secretario do concello, complementario da enviada coa solicitude do conxunto de tódalas solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, obxecto

desta convocatoria, por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

e) No caso de programas que inclúan información publicitaria relativa ás actuacións subvencionadas, deberán facer consta-lo patrocinio do Instituto Galego de Consumo e enviarán copia do material ou materiais realizados.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2003.

Víctor Tello Calvo

Presidente do Instituto Galego de Consumo