Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 15 de decembro de 2003 Páx. 15.322

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 3 de decembro de 2003 pola que se clasifica como mixta a Fundación Galicia Innova.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Galicia Innova, con domicilio na Coruña.

Supostos de feito:

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día vinteún de outubro de dous mil tres, ante o notario Manuel Martínez Rebollido, con número de protocolo mil oitocentos trinta e tres, por Julio Rodríguez Martín-Feriche que intervén en nome e representación da compañía mercantil Ader Recursos Humanos Empresa de Trabajo Temporal, S.A., e por Edmundo Varela Lema, que intervén en calidade de decano do Colegio Oficial de Peritos e Ingenieros Técnicos Industriales de A Coruña.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos o obxecto da fundación é a prestación de servicios a empresas, organismos públicos ou privados e demais entidades, ben directamente ou ben a través de empresas colaboradoras, cos seguintes obxectivos:

Fomenta-la innovación, a calidade, a xestión ambiental e as tecnoloxías da información, así como promover activamente a cooperación internacional, a busca de novos mercados e o comercio exterior.

Difundir, promover e executar accións de mellora da competitividade así como da investigación e o desenvolvemento.

Promove-lo desenvolvemento industrial a través da busca de alternativas eficaces para as empresas e a posta en marcha de accións de mellora en procesos industriais, nos polígonos industriais así como favorecer e promove-lo desenvolvemento de parques científicos, tecnolóxicos, ecoindustriais e ecoeficientes.

Promover accións de mellora da calidade dos servicios no ámbito da educación, da sanidade, dos asuntos sociais e do turismo

Fomenta-la adopción de medidas vinculadas ó desenvolvemento sustentable e á problemática da xestión dos residuos.

Promove-la inserción profesional, o emprego, o espírito de empresa, a adaptabilidade e igualdade de oportunidades entre homes e mulleres a través da cooperación entre institucións, a cooperación transnacional, a capacitación e a formulación temática e de asociación.

Fortalece-la responsabilidade social corporativa das empresas a través do establecemento de códigos de conducta, achegas a programas sociais, contratación de persoal con munisvalidez, campañas formativas de carácter social, apoio á xestión de organizacións sociais e campañas de voluntariado.

Promove-la planificación estratéxica para empresas e administracións públicas como ferramenta de futuro e competividade, así como a elaboración de informes vinculadas ós fins da fundación.

Favorece-las boas prácticas no ámbito do consumo así como dar cobertura legal en defensa dos dereitos e intereses dos consumidores e usuarios.

Favorecer e participar en proxectos de cooperación internacional con distintas institucións.

Incentivar medidas e accións tendentes á mellora do desenvolvemento directivo así como accións de mellora da motivación e rendemento profesional.

Promover accións de difusión e estudios sobre o cumprimento da lexislación en materia de seguridade industrial así como poñer en marcha cantas medidas sexan necesarias para mellora-la concienciación do empresario neste sentido.

Promove-lo cumprimento da normativa europea de seguridade en áreas de xogo infantil, así como poñer en marcha cantas medidas sexan necesarias para mellora-la concienciación neste sentido e calquera outra directiva comunitaria de interese para Galicia.

Convocar e celebrar congresos, xornadas, simposios e actos similares vinculados ós fins que persegue a fundación.

Contribuír á promoción e á difusión do Camiño de Santiago en tódolos seus ámbitos.

4. O padroado da fundación estará integrado por Edmundo Varela Lema como presidente, Manuel Galán Ganchegui como vicepresidente primeiro, Laureano Álvarez Torres como vicepresidente segun

do, Juan Álvarez de Mon Pan de Soraluce como secretario, e Manuel López García como vocal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como mixta da Fundación Galicia Innova, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 2 de decembro de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeneral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación Galicia Innova adscribíndoa á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia Relacións

Institucionais e Administración Pública