Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 15 de decembro de 2003 Páx. 15.323

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 5 de decembro de 2003, conxunta da Consellería de Sanidade e a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, pola que se regula o establecemento de subvencións para a realización de programas destinados a prestarlles atención ós enfermos con trastornos mentais persistentes nos dispositivos de apoio comunitario dependentes das asociacións de familiares de enfermos psíquicos e outras entidades sen ánimo de lucro.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no artigo 33.2º establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de seguridade social, agás as normas que configuran o seu réxime económico.

De conformidade co Decreto 44/2002, do 8 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Sanidade, esta consellería é a responsable da dirección e coordinación das políticas sanitarias e sociosanitarias coa protección sanitaria dos sectores sociais máis desfavorecidos ou máis vulnerables.

Así mesmo, de conformidade co Decreto 212/2003, do 3 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, correspóndelle a esta consellería o exercicio das competencias e funcións en materia de política de servicios sociais.

O Decreto 306/2001, do 15 de decembro, conforme co disposto nos artigos 15 e 18 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, establece unha nova estructura orgánica do Goberno de Galicia. Posteriormente, o Decreto 310/2001, do 17 de decembro, procede a fixa-la estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e sinala no seu artigo 8 B) a adscrición do Servicio Galego de Saúde, como organismo autónomo de carácter administrativo, á Consellería de Sanidade. Entre as súas competencias correspóndelle a promoción da saúde mental, a proposta e xestión dos plans e programas no ámbito da comunidade autónoma e a coordinación dos dispositivos dedicados á saúde mental.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 24 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ós capítulos IV e VII dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se van a imputa-los correspondentes gastos.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime

financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias e da función pública e actuación administrativa, establécense os requisitos xerais aplicables ás subvencións concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Por todo o anteriormente dito, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de acordo co establecido nos artigos 78.3º e 78.6º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias de función pública e de actuación administrativa, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o establecemento de subvencións económicas ás entidades sen ánimo de lucro que lles prestan atención ós enfermos con trastornos mentais persistentes nos dispositivos de apoio comunitario, ben sexan centros de rehabilitación psicosocial e laboral, pisos protexidos, vivendas de transición ou unidades residenciais.

A solicitude, tramitación e concesión das subvencións obxecto da presente orde axustarase ó disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e da función pública e actuación administrativa, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o devandito texto refundido en materia de axudas e subvencións, e a orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998.

Artigo 2º.-Destinatarios.

1. Poderán solicita-las subvencións contidas na presente orde as asociacións, federacións ou calquera outra entidade de iniciativa social titular ou responsable na xestión dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral, pisos protexidos, vivendas de transición ou unidades residenciais, situados na Comunidade Autónoma de Galicia e que realicen actividades destinadas á rehabilitación das persoas con trastornos mentais persistentes.

2. Para poder recibir esta axuda deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Ademais, no caso de solicitar axuda para as actividades que se van realizar nos centros de rehabilitación psicosocial e laboral, deberán estar inscritos no Rexistro de Centros, Servicios e Establecementos Sanitarios da Consellería de Sanidade ou ter presentada a correspondente solicitude de inscrición.

No caso de piso protexido, vivenda de transición ou unidade residencial, deberán terlle solicitado a súa autorización á Consellería de Sanidade, consonte o disposto no Decreto 347/2002, do 5 de decembro, polo que se regulan os pisos protexidos, vivendas de transición e unidades residenciais para persoas con trastornos mentais persistentes.

3. As asociacións que foron beneficiarias deste tipo de axudas no ano 2003 poderán recibir axudas para a apertura de novos recursos de apoio comunitario e/ou aloxamento alternativo á institucionalización no ano 2004, sempre que esta nova creación sexa considerada necesaria pola Consellería de Sanidade. Neste caso só será esixible que a entidade estea inscrita no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais.

Artigo 3º.-Tipos de axudas.

Os tipos de axuda que se poderán solicitar son os seguintes:

a) De contratación de persoal para a realización de actividades e programas específicos para a rehabilitación dos trastornos mentais persistentes, así como para o mantemento dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral.

b) Para a atención, mantemento e xestión do piso protexido, vivenda de transición ou unidade residencial dirixido a prestarlles atención a estes colectivos.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre as subvencións.

1. A axuda necesaria para a realización das actividades poderá acorda-lo financiamento total ou parcial do gasto, sen que en ningún caso implique duplicidade, de tal xeito que a suma das subvencións concedidas por todo tipo de organismos públicos percibidas coa mesma finalidade non supere o 100% do importe total do gasto efectuado.

2. Para a concesión das axudas regulamentadas nesta orde destinaranse 1.885.005 euros, con cargo ás aplicacións orzamentarias 11.01.311A.480.0, 16.02.212D.484.1 e 50.01.2223.480.1 do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2004, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do 17 de outubro. A citada cantidade poderase incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

3. As actuacións polas que se vai subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio do año 2004.

4. As delegacións provinciais ou, se é o caso, os servicios centrais das Consellerías de Sanidade e de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, poderán efectua-las comprobacións que consideren

oportunas en canto ó cumprimento dos requisitos esixidos pola lei.

Artigo 5º.-Solicitudes.

As solicitudes formularanse nos modelos oficiais que se facilitarán nas delegacións provinciais ou servicios centrais das consellerías de Sanidade ou Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, así como en calquera das oficinas de información administrativa de Atención ó Cidadán da Xunta de Galicia segundo modelo normalizado que figura no anexo I da presente orde, á que se lle xuntarán os seguintes documentos:

1. Documentos comúns.

a) Memoria descritiva da institución segundo o modelo oficial (anexo II).

b) Ficha de solicitude de transferencia bancaria segundo o modelo oficial (anexo III).

c) Certificación bancaria das contas correntes nas que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida.

d) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

e) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal debidamente cotexada

f) Declaración das contías concedidas no ano 2003 para a mesma finalidade procedente de calquera Administración ou entes públicos nacionais ou estranxeiros, ou negativa, sé é o caso.

g) Documentación estatística relativa á institución e ós distintos centros ou servicios xestionados, debidamente cuberta nos modelos oficiais conforme o anexo VIII da presente orde.

h) Compromiso expreso de ceder a favor da Xunta de Galicia os dereitos dos resultados obtidos no caso de congresos, reunións científicas, estudios e publicacións, así como de presentar un informe destes.

2. Documentos específicos para cada tipo de axuda.

2.1. De contratación de persoal para a realización de actividades e programas específicos para a rehabilitación dos trastornos mentais persistentes, así como para o mantemento dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral.

a) Documento no que conste a identificación do centro, cadro de persoal coa súa titulación debidamente acreditada mediante fotocopia da titulación cotexada así como a tarefa específica para realizar no centro (anexo IV).

b) Orzamento desagregado dos gastos previstos, de acordo cos epígrafes de programa e xestión (anexo V).

c) Memoria explicativa do programa específico onde consten os motivos para a súa realización, así como os fins que se perseguen e os posibles usuarios que se beneficiarían deste (anexo VI).

2.2. Para a atención, mantemento e xestión do piso protexido, vivenda de transición e unidade residencial dirixido a prestarlles atención a estes colectivos.

a) Memoria explicativa do programa, gastos derivados da xestión e mantemento do recurso, así como da necesidade de persoal (anexo VII).

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes e documentación.

As solicitudes presentaranse nun prazo de corenta días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde, nas delegacións provinciais ou servicios centrais das consellerías de Sanidade, Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, nas direccións provinciais ou servicios centrais do Sergas, ou en calquera dos lugares ós que fai referencia o artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como no Decreto 200/2003, do 20 de marzo, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se procede á creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ó cidadán.

Artigo 7º.-Tramitación dos expedientes.

Terminado o prazo de presentación de solicitudes, a Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaria da Consellería de Sanidade examinará os expedientes para comprobar que reúnen os requisitos esixidos pola presente orde, reclamándolles por escrito ós interesados os datos, os documentos e as aclaracións que considere necesarios para completa-lo expediente, con apercibimento de que se non o fixesen nun prazo de dez días se considerarán desistidos da súa petición, segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na redacción deste artigo dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. Completados os expedientes serán remitidos para o seu informe preceptivo á Comisión de Valoración, que efectuará a proposta de resolución que remitirá ás secretarías xerais das consellerías de Sanidade e Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

2. Para tal efecto constituirase unha comisión composta polos seguintes membros:

a) Presidente: o subdirector xeral do Programa de Atención Sociosanitaria da Consellería de Sanidade.

b) Vocais:

-O subdirector xeral de Atención a Persoas con Discapacidade da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

-O xefe do Servicio de Programas para Discapacitados da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

-O xefe do Servicio de Saúde Mental do Sergas.

c) Secretario: o xefe da área social da Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaria da Consellería de Sanidade.

Artigo 9º.-Criterios de prioridade na concesión das subvencións.

1. As axudas previstas nesta orde atenderán á seguinte prioridade:

a) Estimación de persoas con trastorno mental persistente da poboación maior de 14 anos e menor de 65 do concello onde se atopa o recurso e limítrofes (puntos=número estimado divido por 10).

b) A non existencia doutro centro de rehabilitación psicosocial e laboral, definidos como tal na Orde do 23 de outubro de 1998 de regulación dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral para os enfermos mentais crónicos como desenvolvemento dos dispositivos de apoio comunitario mencionados no Decreto 389/1994, polo que se regula a saúde mental en Galicia, na mesma área sanitaria (5 puntos).

c) Gasto efectuado no ano 2003 pola entidade na contratación de persoal por un mínimo de 30 horas semanais para a atención directa ós usuarios no recurso que se solicita (puntos=gasto efectuado dividido por seis mil).

d) Informe favorable da adecuada coordinación cos diferentes dispositivos de saúde mental expresado polo coordinador da área sanitaria do Sergas (5 puntos).

e) Anos de antigüidade de funcionamento do recurso (un punto por cada ano de antigüidade).

f) Entidades que tiñan asinado un convenio de colaboración, debidamente xustificado, coa Consellería de Sanidade ou outros departamentos da Xunta de Galicia para a realización de actividade similar á que se regula na presente orde. (10 puntos por cada ano anterior a 1997).

2. Na asignación de axudas para a creación de novos recursos durante o ano 2004, teranse en conta os criterios a) e b), así como un informe da súa necesidade, emitido pola Consellería de Sanidade, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e polo Servicio de Saúde Mental do Sergas.

Artigo 10º.-Resolución e formalización das subvencións.

1. Realizado o expediente, o secretario xeral da Consellería de Sanidade e a secretaria xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, por delegación, procederán á súa resolución no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria,

trala proposta da comisión e despois da súa fiscalización pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

2. Transcorrido o prazo máximo para resolve-lo procedemento sen que recaese resolución expresa, poderase entender desestimada a concesión da subvención.

3. Delégase nos secretarios xerais destas consellerías a facultade para autorizar e dispoñer dos gastos previstos por esta orde, así como para propoñe-la ordenación dos pagamentos correspondentes.

4. As resolucións recaídas serán motivadas e seranlles notificadas ós interesados para a execución da subvención outorgada.

5. Poderán ser modificadas as ditas resolucións no caso de alteración das circunstancias que serviron de base para o seu outorgamento. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvención ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

6. O importe das subvencións outorgadas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

7. As resolucións recaídas poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase recorrer potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que as dictou, no prazo dun mes se o acto é expreso ou tres meses se non o é, ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 11º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. Dictada a resolución pola que se concede a subvención, procederase ó pagamento da forma que se indica nos parágrafos seguintes, en función da contía concedida:

a) O primeiro 50% da totalidade da subvención, con carácter de anticipo á conta da liquidación.

Para facer efectivo este primeiro pagamento deberánselle remitir á Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaria os seguintes documentos:

-Copia cotexada da contratación do/os traballador/es.

-Copia da alta na Seguridade Social, se é o caso.

-No caso de traballadores por conta propia, copia cotexada do NIF ou alta fiscal, así como previsión do número de horas nas que efectuará o seu traballo e a contía anual.

b) Poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva, a medida que o beneficiario xustifique os gastos que nunca serán superiores ó 80% da subvención concedida.

c) O 20% restante farase efectivo unha vez que o beneficiario xustifique a totalidade da subvención concedida mediante orixinais ou fotocopias cotexadas e por ese concepto.

As certificacións e xustificantes dos gastos remitiránselle á Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaria da Consellería de Sanidade que os conformará.

2. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. Así mesmo, a entidade obxecto da subvención deberá presentar, antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, ante a delegación provincial respectiva ou nos servicios centrais, e dirixido á Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaria, un balance de ingresos e gastos comprensivo de todo o ano natural así como unha memoria das actividades realizadas no exercicio. Cumprir este trámite considérase requisito previo para a concesión de subvencións nos exercicios seguintes.

Artigo 12º.-Outras obrigacións das entidades subvencionadas.

Ademais do establecido nesta orde, e tendo en conta o disposto no artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e da función pública e actuación administrativa, os beneficiarios destas subvencións deberán:

a) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información, a condición de subvencionada polas consellerías de Sanidade e de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

b) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes das consellerías.

c) Autoriza-la inspección dos centros e as actividades polos órganos competentes das consellerías de Sanidade ou de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

d) Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos e das condicións que se determinan na concesión da subvención.

e) Facilitar toda a información que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 13º.-Revogación e reintegro.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde, así como a duplicidade das axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración, institución, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda ou do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 14º.-Infraccións e sancións.

No relativo a esta materia, rexerá o disposto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse os secretarios xerais das consellerías de Sanidade e de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2003.

José Mª Hernández CochónMaría José Cimadevila Cea

Conselleiro de SanidadeConselleira de Asuntos

Sociais, Emprego e

Relacións Laborais

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA