Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 15 de decembro de 2003 Páx. 15.333

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 432/2003, do 5 de decembro, polo que se regula a construcción, explotación e conservación do treito Alto de Santo Domingo-A52 da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense pola Sociedade Pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense e se establecen os termos da xestión.

A Xunta de Galicia persegue dota-lo seu territorio dunha ampla rede de infraestructuras viarias que posibilite a súa mellor estructuración e articulación interior. Entre estas infraestructuras viarias atópase o eixe que une Santiago de Compostela e Ourense, considerado pola Xunta de Galicia como fundamental para equilibra-lo sistema viario intrarrexional.

Por outra banda, para acada-los seus obxectivos, a Xunta de Galicia articula os mecanismos necesarios para establece-la colaboración entre as diferentes administracións e coordina-los intereses públicos coas iniciativas privadas, para impulsa-la realización das infraestructuras pendentes.

Desta forma, tralo acordo entre as administracións autonómica e central para a construcción dunha autoestrada entre Santiago de Compostela e Ourense, plasmado coa sinatura dun convenio de colaboración

o 27 de febreiro de 1997, o Ministerio de Fomento abordou a execución dun primeiro treito da autoestrada, entre Santiago de Compostela e o Alto de Santo Domingo, mediante a adxudicación dunha concesión administrativa para a súa construcción, conservación e explotación.

O interese da Xunta de Galicia por acometer de maneira inmediata o treito restante, levou a ámbalas dúas administracións a subscribir un segundo acordo o pasado 23 de decembro de 2002, polo que a Xunta de Galicia se comprometía a acomete-la continuación da autoestrada desde o Alto de Santo Domingo ata a conexión coa autovía A-52, rematando así a articulación do eixe Santiago de Compostela-Ourense.

Para iso, a Xunta de Galicia optou por un modelo de construcción e xestión que permita facer fronte ás necesidades financeiras derivadas destas actividades, destinando para este fin os recursos que tal infraestructura xere a través do correspondente prezo aboado polos seus usuarios e polas achegas da Xunta de Galicia calculadas en función dos usuarios da infraestructura.

En consecuencia, ó amparo do establecido nos artigos 23 e 25 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, trala súa recente modificación pola Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo, e, en virtude

do establecido na disposición adicional sétima da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, a construcción, conservación e explotación do treito da autoestrada entre Alto de Santo Domingo e a A-52 levarase a cabo mediante unha sociedade pública participada integramente pola Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

Con este obxecto, e segundo o establecido no artigo 25.3º da Lei 4/1994, de estradas de Galicia, establécense os termos da constitución desta sociedade, mediante o Decreto 254/2003, do 24 de abril, modificado polos decretos 310/2003, do 11 de xullo, e 400/2003, do 6 de novembro, e, créase a Sociedade Pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense, S.A., que ten por obxecto social: a construcción, conservación e explotación da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense, treito Alto de Santo Domingo-A52, incluídas as actividades dirixidas á explotación das áreas de servicio, centros de transporte e aparcamentos e calquera outra actividade, directa ou indirectamente relacionada coa súa conservación e explotación, sempre que se atopen dentro da área de influencia da autoestrada, así como as actividades que sexan complementarias da construcción, conservación e explotación dela.

Adicionalmente, de conformidade co artigo 25.3º da Lei 4/1994, de estradas de Galicia, o Consello da Xunta de Galicia, mediante decreto, debe regula-los termos da xestión da infraestructura, termos que se recollen no presente decreto.

En consecuencia, en virtude do presente decreto, da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, e do Decreto 254/2003, do 24 de abril, a Sociedade Pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense, S.A. realizará as actividades de construcción, explotación e conservación do treito Alto de Santo Domingo-A52 da autoestrada A-53, e establécense os termos xerais da xestión.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión de día cinco de decembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Atribucións.

De conformidade co disposto nos artigos 23 e 25 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, a Sociedade Pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense, S.A., en diante ASDO, constituída segundo o disposto na disposición adicional sétima da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, realizará as actividades de construcción, explotación e conservación, do treito Alto de Santo Domingo-Ourense da autoestrada A-53, Santiago de Compostela-Ourense, cos puntos de orixe e fin, localización de enlaces, ramais, área de servicio e estacións de cobramento recollidos,

e/ou previstos, no proxecto de trazado, de clave OU/03/042.01, aprobado pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda o 18 de agosto de 2003, e de acordo coas prescricións impostas por esta consellería ó mencionado proxecto no acto de aprobación, que serán de obrigado cumprimento para ASDO, de forma que a autoestrada enlace no seu inicio co treito Santiago de Compostela-Alto de Santo Domingo da A-53, dando continuidade a este, e remate na conexión coa autovía A-52.

ASDO rexerase polo establecido na Lei 4/1994, de estradas de Galicia, polo presente decreto, polo convenio previsto no seu artigo 11, así como pola normativa reguladora das estradas, nas materias que resulte de aplicación.

ASDO actuará en nome propio, e, para o cumprimento do seu obxecto correspóndelle a esta sociedade o exercicio das seguintes funcións con respecto ó treito Alto de Santo Domingo-Ourense da autoestrada A-53, Santiago de Compostela-Ourense:

-A redacción de estudios, proxectos de trazado que poidan derivarse das prescricións citadas con anterioridade, e proxectos de construcción.

-A construcción do treito de autoestrada , incluíndo a dunha área de servicio, segundo os correspondentes proxectos de construcción redactados por ASDO e aprobados pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

-A conservación, mantemento e explotación do treito de autoestrada, incluíndo a dunha área de servicio, segundo os proxectos aprobados.

-O cobramento do correspondente prezo aboado polos usuarios polo uso da infraestructura.

-Calquera outra función de asesoramento, redacción, estudio ou execución que, en relación co treito de autoestrada, se considere necesaria.

Artigo 2º.-Duración.

ASDO exercerá estas funcións ata o día 31 de decembro de 2057, podendo ser prorrogado este prazo mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia.

Unha vez finalizado o prazo, o servicio reverterá á Administración, debendo ASDO entrega-las obras e instalacións construídas en estado de conservación e funcionamento axeitado.

Artigo 3º.-Recursos da sociedade.

O financiamento dos investimentos, custos de amortización, conservación e explotación da infraestructura, así como os gastos do propio funcionamento de ASDO, cubriranse mediante os recursos propios de ASDO, os xerados pola explotación da infraestructura e daquelas outras actividades comprendidas no seu obxecto social, polas transferencias procedentes da Xunta de Galicia e polos recursos alleos que ASDO poida obter.

Artigo 4º.-Ingresos por uso da infraestructura.

Para os efectos previstos no artigo anterior, ASDO percibirá como ingresos propios os procedentes do prezo aboado polos usuarios pola utilización da

autoestrada, de acordo cos criterios e termos que normativamente se establezan. Esta contía virá determinada, con carácter xeral, pola aplicación das tarifas ó percorrido efectivo realizado polo usuario. O Consello da Xunta de Galicia aprobará as tarifas correspondentes segundo o disposto no artigo 23.2º de la Lei 4/1994, de estradas de Galicia.

En virtude do mecanismo previsto no artigo 23.3º da Lei 4/1994, de estradas de Galicia, a Xunta de Galicia realizará mensualmente transferencias de fondos públicos, con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, mediante pagamentos calculados en función dos vehículos usuarios dela (por veh.-km), a favor de ASDO, quen facturará o importe á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, en función do número de vehículos-quilómetro que houbo durante o mes anterior, e esta procederá ó seu aboamento. No primeiro semestre de cada exercicio orzamentario, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda auditará os tráficos que houbo durante o exercicio anterior, procedendo con posterioridade á correspondente liquidación, se existise diferencia entre os importes aboados no exercicio anterior e o importe que proceda en función dos tráficos reais unha vez auditados; o total das diferencias existentes será compensado, mediante aumento ou reducción pola

mesma contía, nos pagamentos efectuados polas seguintes mensualidades que se transfiran a ASDO.

ASDO poderá percibir ingresos pola explotación das áreas de servicio, centros de transporte, aparcamentos e calquera outra actividade establecida no seu obxecto social.

Artigo 5º.-Actuacións.

ASDO elaborará un programa de actuacións detallando tódalas fases que se realizarán no exercicio das súas funcións, de acordo cos criterios básicos que para a súa elaboración se inclúen como anexo.

ASDO deberá presentarlle á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, para a súa supervisión e aprobación tódolos proxectos, incluíndo as súas posibles modificacións unha vez autorizadas, que poderán ser acordadas con carácter excepcional e por razón de interese público, sempre que sexan debidas a necesidades novas ou causas imprevistas durante a súa elaboración.

Os proxectos de construcción deberán corresponder a obras completas, susceptibles de seren utilizadas, debendo conecta-los enlaces recollidos na descrición do treito incluída no anexo. Así mesmo, antes da apertura ó tráfico, o treito ou subtreito deberá contar co sistema de cobramento do prezo establecido e cos sistemas de control de tráfico de vehículos en funcionamento.

O Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, poderá modificar por razón de interese público, as características dos servicios prestados e as tarifas que serán aboadas polos usuarios, con informe previo da Consellería de Economía e Facenda, se as modificacións afectan o plan económico-fi

nanceiro de ASDO. Neste último suposto, e mediante as correccións necesarias, procurarase de novo o equilibrio económico-financeiro da sociedade, de modo que, considerando os parámetros obxectivos previstos no plan económico-financeiro, resulten compensados o interese xeral e o interese de ASDO.

As obras de construcción axustaranse estrictamente ó especificado nos proxectos de construcción e ó programa de actuacións aprobados pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

ASDO desempeñará as funcións relacionadas coa explotación da autoestrada, o que supón a realización das operacións de conservación e mantemento, as actuacións encamiñadas á defensa da vía e do usuario, as operacións referentes á sinalización, á ordenación de accesos, á imposición de límites e ó control do uso do dominio público viario, así como os labores de recadación do prezo aboado polos usuarios da infraestructura. Correspóndelle á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda a regulación, autorización e sanción dos usos do solo nas zonas de protección.

ASDO deberá realizar tódalas operacións precisas para atrasar en todo o posible o proceso de degradación das características funcionais e/ou estructurais dos elementos do treito de autoestrada, e co obxecto de impedi-la deterioración de todos aqueles elementos que, sen formar parte da vía poidan dificulta-lo seu correcto funcionamento. Deberá conserva-la autoestrada en perfectas condicións de utilización, procedendo á periódica reparación ou substitución daqueles elementos dela que se deterioren polo uso continuo.

Artigo 6º.-Obrigas de ASDO.

ASDO queda obrigada a prestar eficazmente o servicio en función das necesidades do tráfico, da capacidade da infraestructura, da obtención do mellor resultado posible e da optimización das contraprestacións que reciba.

ASDO velará polo mantemento da infraestructura de conformidade co que, en cada momento e segundo o progreso da ciencia, dispoña a normativa técnica, ambiental, de accesibilidade e eliminación de barreiras e de seguridade dos usuarios, que resulte de aplicación.

ASDO queda obrigada a admiti-la utilización da infraestructura por todo usuario, nas condicións que foran establecidas de acordo cos principios de igualdade, universalidade e non discriminación, mediante o aboamento do prezo previamente establecido.

ASDO deberá protexe-lo dominio público vinculado á autoestrada, en especial, preservando os seus valores ecolóxicos e ambientais. Así mesmo, sen prexuízo das competencias da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, deberá coidar da axeitada aplicación das normas sobre uso, policía e conservación da autoestrada.

ASDO deberá garanti-lo cumprimento dos indicadores de calidade fixados pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e queda,

ademais, obrigada a que en ningún punto do treito de autoestrada se supere, coa intensidade correspondente á hora 100, o nivel de servicio D (medido tal e como especifica o Manual de Capacidade de Estradas, HCM, para este tipo de vías), debendo levar a cabo, ás súas expensas e coa antelación suficiente, as ampliacións da autoestrada que resulten necesarias para que o dito nivel non sexa superado.

Artigo 7º.-Expropiación forzosa.

ASDO poderá solicitar da Administración a tramitación dos procedementos de expropiación forzosa, imposición de servidumes e desafiuzamento administrativo que resulten necesarios para a construcción, conservación e explotación da infraestructura.

Para o cumprimento das súas funcións ASDO asumirá as facultades e obrigas previstas para o beneficiario da expropiación forzosa establecidas no artigo 5.2º do regulamento da Lei de expropiación forzosa, correspondendo a facultade expropiatoria á Xunta de Galicia.

Os bens e dereitos expropiados incorporaranse ó dominio público.

Artigo 8º.-Contratación de terceiros.

Para o cumprimento das funcións que ten atribuídas, ASDO poderá celebrar contratos con terceiros sen exceder, en ningún caso, do prazo determinado segundo o artigo 2, debendo garantir:

1. O cumprimento das prescricións das directivas comunitarias que resulten de aplicación.

2. A aplicación dos preceptos do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, no concernente á capacidade das empresas, publicidade, procedementos de licitación e formas de adxudicación.

3. A inclusión de cláusulas para garanti-lo estricto cumprimento dos contratos, con obxecto de salvagarda-los intereses públicos afectados, especialmente no relativo á correcta realización das obras, as calidades dos materiais, prazos de execución, prezos establecidos e estándares de calidade.

ASDO será responsable das consecuencias derivadas da execución ou resolución dos contratos que celebre con terceiros, e responsable, así mesmo, único fronte a estes das consecuencias.

ASDO elaborará os pregos de prescricións técnicas para a licitación dos correspondentes concursos que celebre con terceiros, debendo someter á aprobación da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda as súas condicións e bases, requisito indispensable previo á súa aprobación.

Artigo 9º.-Inspección e control.

Con independencia dos propios controis exercidos por parte de ASDO en relación coa súa propia actividade, ou a actividade que teña contratada con terceiros, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, terá durante o prazo determinado segundo o artigo 2,

as facultades de inspección e control das obras que se realicen e dos servicios que se presten e exercerá as súas facultades en relación coa supervisión e aprobación dos proxectos e as súas posibles modificacións

Artigo 10º.-Delegación da Xunta de Galicia.

A Delegación da Xunta de Galicia nas sociedades galegas concesionarias de autoestradas de peaxe exercerá, en relación coa autoestrada Santiago de Compostela-Ourense, treito Alto de Santo Domingo-A52, as funcións que ten atribuídas, respecto das autoestradas en réxime de concesión competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, constituíndo o órgano de relación da Xunta de Galicia con ASDO en tódolos asuntos e incidencias que se deriven do desenvolvemento das atribucións desta sociedade.

Artigo 11º.-Convenio.

ASDO e a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda subscribirán un convenio que rexerá as relacións da Xunta de Galicia con ASDO no que se detallarán: as potestades da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda en relación coa inspección e control das actuacións de ASDO, así como en relación coa aprobación dos proxectos e a contratación con terceiros; as funcións dos directores de proxectos, construcción e explotación de ASDO; as cláusulas obrigatorias que hai que introducir nos pregos de licitación; as condicións e o procedemento de posta en servicio da autoestrada; os estándares de calidade do servicio e do estado da autoestrada; as actividades de conservación e explotación da autoestrada; os sistemas de control do tráfico e dos ingresos percibidos por ASDO; e, así como calquera outro extremo que se precise para a correcta execución das atribucións de ASDO. A subscrición deste convenio requirirá a autorización do Consello da Xunta de Galicia.

Disposición adicional

Entrada en vigor.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación oficial no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de decembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivienda

ANEXO

Descrición do tramo de autoestradas

O treito Alto de Santo Domingo-A52 da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense, de aproximadamente 30,1 quilómetros de lonxitude, enlaza no seu inicio co treito Santiago de Compostela-Alto de Santo Domingo, dando continuidade a este, e remata na conexión coa autovía A-52:

Subtreito I:

I-A: enlace de Dozón-enlace de Cea, de aproximadamente 17,3 quilómetros de lonxitude, con inicio

na conexión co treito de autoestrada Santiago de Compostela-Alto de Santo Domingo (no enlace de Dozón, 56+354) e final na conexión coa estrada OUR-204, e cun enlace completo situado no punto quilométrico 73+620 (enlace de Cea). Este subtreito conta cunha das áreas de cobramento, unha semitroncal (73+500, marxe esquerda) e outra de ramal, situadas no enlace de Cea.

I-B: semienlace sentido Ourense, de conexión coa N-525 nas proximidades de Piñor, a situación e a definición da cal se determinará nun proxecto de trazado, de forma que complete o semienlace de Dozón, sentido Santiago de Compostela, para mellora-la accesibilidade dos municipios de Dozón e Piñor de Cea.

Subtreito II:

II-A: enlace de Cea-enlace de Barbantes da autovía A-52, de aproximadamente 13,1 quilómetros de lonxitude, dando continuación ó subtreito I-A ata a conexión coas vías A-52, N-120 e OUR-402. Inclúe a construcción dunha área de servicio situada no punto quilométrico 80+465, con acceso directo en sentido Santiago de Compostela e conexión mediante un paso a distinto nivel en sentido Ourense. Este subtreito conta cunha área de cobramento semitroncal (79+000, marxe dereita).

II-B: dous enlaces situados no subtreito II-A a situación e a definición da cal se determinará nun proxecto de trazado. O primeiro deles é un enlace completo coa N-541 con obxecto de mellora-la accesibilidade dos municipios de Maside e O Carballiño, que inclúe a construcción dun ramal de conexión coa localidade do Carballiño, con sección de autoestrada; conta cunha área de cobramento de ramal. O segundo enlace, situado no punto final da autoestrada, resolve a conexión coa N-120, a OUR-402 e coa autovía A-52.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda procederá á entrega a ASDO do proxecto de trazado de clave OU/03/042.01, que desenvolve o trazado do tronco da autoestrada (subtreitos I-A e II-A), cumprido o trámite de información pública e a tramitación ambiental correspondente, o día seguinte ó da publicación oficial deste decreto no DOG.

ASDO deberá analiza-las posibles solucións para darlles cumprimento ás prescricións recollidas na resolución da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda do 18 de agosto de 2003, debendo elaborar un proxecto de trazado co desenvolvemento do trazado dos subtreitos II-A e II-B, que, dependendo do seu alcance, poderá esixir novos procesos de información pública en materia de estradas e tramitación ambiental. Nese caso, ASDO deberá realiza-las xestións oportunas para que se aprobe definitivamente o expediente de información pública, incluíndo as correspondentes á tramitación ambiental, debendo ser elaborada por esta sociedade

a documentación necesaria para completa-la tramitación.

Con obxecto de acelera-la posta en servicio da autoestrada, e, unicamente, para efectos de execución das obras de construcción, poderase dividir esta en subtreitos.

Programa de actuacións.

No prazo de 15 días, contados estes desde o día seguinte ó da publicación oficial deste decreto no DOG, ASDO presentaralle á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda o programa de actuacións para a súa aprobación, que deberá respecta-los seguintes prazos:

-Prazo de presentación de proxectos de construcción dos subtreitos I-A e II-A: 4 meses contados desde a data de remisión ó DOG da declaración de utilidade pública e urxente ocupación.

-Prazo de presentación de proxectos de trazado dos subtreitos I-B e II-B: 2 meses contados desde a data da publicación no DOG do presente decreto.

-Prazo de presentación de proxectos de construcción subtreitos I-B e II-B: 3 meses contados desde a formulación da declaración de impacto ambiental.

-Prazo para iniciación das obras: 3 meses contados desde a data de aprobación dos proxectos de construcción.

-Prazo para a apertura ó tráfico: 30 meses contados desde a data de inicio das obras de cada treito ou subtreito.

O programa de actuacións detallará tódalas fases que se realizaran no exercicio das funcións de ASDO para o cumprimento das súas atribucións, especificando os seus prazos e indicando as datas de entrega dos correspondentes proxectos, iniciación das obras e apertura ó tráfico, así como as datas límites para actuacións que non son competencia de ASDO e afecten o seu cumprimento. Deberá ter en conta os prazos para a supervisión e a aprobación dos proxectos (1 mes), funcións que serán realizadas pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda no exercicio das súas competencias; tamén deberá ter en consideración, en caso de que resulte preciso, os prazos previsibles para a aprobación definitiva do expediente de información pública dos subtreitos I-B e II-B, incluíndo a súa tramitación ambiental.

Este programa virá acompañado do correspondente diagrama de relacións e precedencias, xustificativo deste en ritmo anual e tempo máximo para a súa íntegra execución, entendéndose por tal, a construcción rematada en condicións de inmediata posta en servicio de cada subtreito.

A aprobación pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda do programa de actuacións efectuarase nos 15 días seguintes á súa remisión definitiva.

Modificación do programa de actuacións.

Calquera modificación do programa inicialmente aprobado pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda deberá ser do mesmo modo aprobado por esta no prazo de 15 días desde a súa presentación.