Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 15 de decembro de 2003 Páx. 15.383

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental relativa ó aproveitamento hidroeléctrico modificado denominado Central de Ramallal, no río Verdugo (concello da Lama, Pontevedra), promovido pola empresa Minicentrales del Verdugo, S.L.

En cumprimento do disposto no artigo 5º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 26 de setembro de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto do aproveitamento hidroeléctrico modificado da central de Ramallal, no río Verdugo (concello da Lama, Pontevedra), promovido pola empresa Minicentrales del Verdugo, S.L., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de efectos ambientais

Examinada a documentación que constitúe o expediente ambiental, entre a que se atopan os seguintes documentos:

-Proxecto constructivo do aproveitamento hidroeléctrico no río Verdugo (Salto de Ramallal), de decembro de 2002, constituído por 8 tomos.

-Estudio de impacto ambiental do A.H. no río Verdugo. Termo municipal da Lama. Pontevedra, de abril de 2003.

-Anexo topográfico das cotas UTM do aproveitamento hidroeléctrico no río Verdugo, de maio de 2003.

-Prospección arqueolóxica intensiva da zona do aproveitamento hidroeléctrico no río Verdugo: Central de Ramallal (A Lama). Pontevedra. Memoria de actuación e estudio do impacto arqueolóxico, arquitectónico e etnográfico. Informe complementario.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última. En todo caso, a orde de prelación será:

-Declaración de impacto ambiental.

-Proxecto constructivo do aproveitamento hidroeléctrico no río Verdugo (Salto de Ramallal), de decembro de 2002, anexo topográfico das cotas UTM do aproveitamento hidroeléctrico no río Verdugo, de maio de 2003 e prospección arqueolóxica intensiva da zona do aproveitamento hidroeléctrico no río Verdugo: Central de Ramallal (A Lama). Pontevedra. Memoria de actuación e estudio do impacto arqueolóxico, arquitectónico e etnográfico. Informe complementario.

-Estudio de impacto ambiental do A.H. no río Verdugo. Termo municipal da Lama. Pontevedra, de abril de 2003.

1. Ámbito.

A presente DIA refírese á instalación e explotación da Central de Ramallal, no río Verdugo, coas características descritas no anexo I.

2. Sobre a atmosfera.

2.1. En períodos de seca procederase á humectación das superficies de remoción.

3. Sobre o solo.

3.1. A selección das superficies auxiliares de obra basearase nos seguintes criterios: superficies obxecto de afección permanente, con menor valor ambiental e con menor necesidade de acondicionamento. En todo caso, non se localizarán próximas ó curso.

3.2. Dado que non se considera na documentación presentada a reserva dunha zona para a elaboración de formigón, este necesariamente será provisto desde planta/s autorizadas fóra da zona de obra.

3.3. Tendo en conta as características da zona, durante a execución das voaduras disporanse dispositivos para evitar proxeccións e desprendementos. Este aspecto será obxecto dun exhaustivo control.

3.4. Garantirase en todo momento a estabilidade dos noiros e terrapléns, dispoñendo, se é o caso, de sistemas de contención.

3.5. O criterio exposto no punto anterior adoptarase tamén para os amoreamentos do material de escavación, á espera do seu traslado ó lugar definitivo.

3.6. Nas gabias dos camiños de acceso instalaranse dispositivos de disipación de enerxía previamente á súa vertedura, evitándose en todo caso os asolagamentos e/ou deposicións.

4. Sobre a auga.

4.1. Verificarase, previamente á restitución das augas ó seu curso natural, que na zona de obras do azude non quedan restos de materiais e/ou verteduras.

4.2. Para a realización do cruzamento do regueiro adoptaranse as medidas de protección previstas para a instalación do azude.

4.3. Na execución da canle de descarga disporanse sistemas de retención que eviten a contaminación das augas por verteduras ou arrastres.

4.4. As augas sanitarias da fase de obras non poderán ser vertidas ó medio sen tratamento previo.

4.5. Se durante o período de funcionamento do aproveitamento se producise algunha vertedura que alterase a calidade das augas, deberanse incrementa-los caudais de auga circulante ata acada-lo nivel de dilución suficiente, de xeito que se acaden os niveis de calidade establecidos para augas salmonícolas.

5. Sobre a vexetación.

5.1. Previamente á eliminación do arboredo, contarase cos permisos e autorizacións pertinentes, marcándose os exemplares que hai que eliminar.

5.2. Considerarase preferentemente á queima dos restos vexetais o seu triturado e espallado no terreo.

6. Sobre a fauna.

6.1. Manterase o réxime de caudais ecolóxicos mínimos exposto na seguinte táboa:

Réxime de caudais ecolóxicos mínimos (l/s)

O: 200.

N: 400.

D: 400.

X: 400.

F: 400.

M: 300.

A: 300.

M: 300.

X: 300.

X: 300.

A: 160.

S: 220.

6.2 O sistema de rexistro de datos de caudal ecolóxico e derivado deixarase preparado para que a Administración poida acceder a través dun ordenador remoto.

6.3. De localizárense niños das aves ligadas ós hábitats inventariadas, obxecto dun estudio especial segundo o recollido no estudio de impacto ambiental, adoptaranse medidas como a delimitación dunha zona de exclusión e paralización das obras nesta área durante a época de cría, ou outras que se consideren oportunas -debendo contar co informe favorable desta dirección xeral-. En todo caso, non se considera válida a proposta de traslado dos niños.

7. Protección do patrimonio cultural.

7.1. Garantirase, no futuro, o caudal necesario que posibilite o funcionamento dos muíños inventariados, por se chegase o caso de poñelos en valor e recupera-la actividade tradicional.

8. Sobre a paisaxe, vexetación e restauración.

8.1. Executarase o proxecto de revexetación proposto, coas modificacións que deriven da documentación requirida no punto 21.2, e tendo en conta que o espesor de terra vexetal se debe incrementar co obxecto de facilita-lo enraizamento e desenvolvemento das especies arbóreas.

8.2. Ó igual que o proxectado para o edificio da central, a caseta do azude realizarase con materiais nobres que favorezan a súa integración paisaxística.

9. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Este programa debe permitir detectar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da declaración, permitindo determinar ou cuantificar impactos e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tendo en conta o anterior, o promotor aplicará o programa de vixilancia e seguimento ambiental que aprobe esta dirección xeral unha vez avaliada a documentación requirida no punto 21.5; e remitiralle a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, dous (2) exemplares dun informe que conteña a seguinte documentación:

9.1. Informe de obras, con carácter trimestral:

9.1.1. Cronograma actualizado das obras, incluíndo a restauración e revexetación.

9.1.2. Memoria na que se recollan os controis realizados para observa-lo cumprimento do condicionado ambiental, indicando as datas de cada control, de acordo co programa de vixilancia ambiental aprobado. Incorporarase copia das autorizacións para a corta de arboraeo e de vexetación de ribeira.

9.1.3. Representación, en plano con coordenadas UTM a escala 1: 1.000 ou maior detalle, dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ó total, referido ós distintos elementos que conforman o aproveitamento, así como o lugar de toma das fotografías requiridas no seguinte punto.

9.1.4. Reportaxe fotográfica onde se reflicta claramente o desenvolvemento dos traballos, indicando nestas a data e hora de toma da fotografía.

9.2. Informe fin de obras, presentarase antes de dous (2) meses desde o remate dos traballos:

9.2.1. Representación, en plano con coordenadas UTM a escala 1: 1.000 ou maior detalle, de tódolos elementos construídos e as zonas onde se aplicaron medidas protectoras e/ou correctoras. Sinalarase, así mesmo, o lugar de toma das fotografías requiridas no seguinte punto.

9.2.2. Reportaxe fotográfica das zonas afectadas polo proxecto, indicando a data e hora da toma. Nesta, distinguiranse claramente os elementos construídos.

9.2.3. Copia do certificado de calibración dos dispositivos automáticos de medida e rexistro dos caudais.

9.2.4. Memoria do programa de vixilancia e seguimento ambiental para o período comprendido entre o último informe de obras e o fin destas.

9.2.5. Documentación acreditativa de ter notificada a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, segundo o Decreto 298/2000, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

9.3. Informe de seguimento ambiental: a partir da data de inicio da explotación presentarase con periodicidade semestral durante os dous (2) primeiros anos, e anual nos seguintes, a seguinte documentación:

9.3.1. Memoria, coas súas conclusións, na que se recollan os controis realizados para observa-lo cumprimento do condicionado ambiental, de acordo co programa de vixilancia ambiental aprobado.

9.3.2. Resultados das medicións de caudais realizadas cos dispositivos de medida de caudais. Estes resultados representaranse graficamente (tempo-caudal).

9.4. Informe ambiental previo ó abandono: nun prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do aproveitamento, remitirase ó órgano ambiental informe que conteña as accións previstas polo promotor para o abandono, especificando as

estructuras que van ser desmanteladas ou cedidas para outras actividades, a restauración e revexetación proxectada para as superficies afectadas e o destino final dos residuos xerados. Este será obxecto de avaliación por parte do órgano ambiental, sendo preciso informe favorable para a súa execución.

9.5. Informe posterior ó abandono: nun prazo máximo de dous (2) meses contados desde o final das accións previstas para o abandono, enviarase informe que conteña a descrición detallada das accións de carácter ambiental, especialmente no relativo a residuos perigosos e elementos paisaxísticos, xunto con documento gráfico que reflicta o estado final do lugar.

Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:

a) O responsable do control do seguimento ambiental contará cun libro-rexistro no que recollerá a descrición das principais características das actuacións e incidencias, os indicadores empregados para a valoración da actuación, limiares (aceptable, alerta, inadmisible), data de realización dos controis e identificación da persoa/s que os realizan, así como as medidas que, se é o caso, se adopten. Estes rexistros estarán á disposición da Administración, e servirán de base para a elaboración dos informes que se lle remitirán a esta dirección xeral.

b) A toma de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas, e deberán vir acompañadas de informe técnico.

c) O cronograma será actualizado para cada informe, e sempre deberá contempla-los labores de restauración e revexetación.

d) Incorporaranse nos informes copia da documentación acreditativa da obtención dos permisos que sexa necesario requirir.

10. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, o promotor presentará perante o órgano de bacía, quen pola súa vez llo remitirá a esta dirección xeral para a súa valoración e se procede imposición de medidas correctoras adicionais que se deriven dous (2) exemplares de:

10.1. Informe aclaratorio da execución do camiño de acceso ó azude segundo o proxectado, dado que inicialmente e coa información dispoñible, parece que se podería evita-la construcción do que denominan «camiño de acceso á central» (na zona do azude), realizando este desde unha pista existente que acada o camiño do Outeiro.

10.2. Informe aclaratorio do proxecto de restauración e revexetación respecto dos medios que hai que empregar para realizar a hidrosementeira nos noiros case verticais, tal e como se representa nos planos, así como da recuperación das bermas representadas nas seccións tipo 1 e 2 da conducción. Sinalar que estes aspectos deben vir recollidos no

presuposto de execución da instalación, considerando a totalidade das superficies e, se é o caso, o emprego de soportes para a revexetación destes noiros.

10.3. Plano, a escala 1: 1.000 ou maior detalle, no que se delimiten as superficies auxiliares de obra, acompañada de memoria xustificativa do cumprimento dos criterios recollidos no punto 14.1.

10.4. Determinación do lugar seleccionado para o depósito definitivo dos materiais de escavación (indicando coordenadas UTM que delimiten o seu perímetro), acompañado de copia da autorización emitida polo órgano competente e de plano de localización (referenciado con coordenadas UTM), así como, se é o caso, proxecto de restauración e revexetación.

10.5. Novo programa de vixilancia e seguimento ambiental no que se considere o control das actuacións con potencial afección ó medio e viabilidade das medidas protectoras e correctoras. Este programa considerará a periodicidade de realización destes controis, indicadores e parámetros ou limiares que determinen as situacións de normalidade, alerta ou inadmisible e incorporará o nomeamento do responsable/s do control do seguimento ambiental.

10.6. Resultados dos inventarios de detalle previstos no estudio de impacto ambiental para os niños das aves asociadas ós hábitats inventariados (punto 17.3) e da presencia do Salix salvifolia ssp australis' acompañado, se é o caso, de proposta de medidas protectoras.

10.7. Descrición e representación en plano da totalidade da liña de evacuación eléctrica, incorporando avaliación ambiental e do patrimonio cultural.

A antedita documentación deberá estar asinada polo técnico/s responsable/s da súa elaboración, indicando a súa titulación.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó órgano de bacía o resultado desta, non podendo o promotor proceder ó inicio das obras do aproveitamento, agás a liña eléctrica, ata que non conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No que respecta á liña de evacuación eléctrica, deberá contar co informe favorable desta dirección xeral en relación coa información requirida no punto 21.7.

Polo menos 48 horas antes do inicio das obras o promotor comunicaralle a esta dirección xeral a data de inicio destas, incorporando cronograma das obras no que se consideren os labores de restauración e revexetación.

11. Condicións adicionais.

11.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano de bacía comunicaralle a este órgano ambiental a data de notificación desta ó promotor.

11.2. O promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á dirección xeral de calidade e avaliación ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada a presente declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó órgano de bacía o acordo adoptado.

11.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor designará un responsable deste, notificándolle o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

11.4. Previamente ó inicio das obras o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas protectoras e correctoras, así como para lles facer fronte ós posibles danos que se poidan causar ó medio, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro. A proposta de aval, que deberá fixa-lo órgano de bacía, establécese no 4% do orzamento de execución por contrata, que incluirá as medidas protectoras e correctoras.

11.5. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental e será notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando así mesmo se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

11.6. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico, sobre o ambiente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental poderá paralizar cautelarmente a obra ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

11.7. Esta dirección xeral, por iniciativa propia, poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como das fases posteriores, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

11.8. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial das condicións impostas nesta declaración poderán ser causa suficiente para proceder a adoptar as medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

11.9. A declaración farase pública mediante a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O obxecto do proxecto é a instalación e explotación dun aproveitamento hidroeléctrico en réxime de explotación fluente coas seguintes características:

Caudal de deseño: 4.820 l/s.

Cota leito zona de localización do azude: 512,80 m.s.n.m.

Cota aliviadoiro do azude: 515,30 m.s.n.m.

Cota restitución ó río: 424,30 m.s.n.m.

Salto bruto: 91,00 m.

Salto útil: 90,85 m.

Salto neto: 87,51 m (G1) e 87,41 m (G2).

Potencia xerador 1: 3.250 kVA.

Potencia xerador 2: 1.375 KVA.

Azude (UTM: X 550.423; Y 4.697.269).

De gravidade de planta recta, construído en formigón en masa e disposto perpendicularmente á dirección da corrente de auga.

Areeiro:

Cunha lonxitude total de 23,10 m, formado por unha sección rectangular de 6 m de largo na entrada e 5 m a partir do by-pass colocado para a baixada dos peixes que poidan entrar na obra de derivación.

Conducción:

Cunha lonxitude total de 2.067,87 m e 1.800 mm de diámetro. Discorre aérea ou soterrada en función das características xeotécnicas do terreo.

Central (UTM: X 549.013; Y 4.696.889).

Localizada na marxe dereita do río, á cota 428,30 m.s.n.m., fronte a localidade de Gateira. O conxunto da edificación terá aspecto rústico co obxecto de non altera-la tipoloxía constructiva da zona.

Conexión á rede:

Realizarase a través dunha liña de 20 kV, que conectará a central hidroeléctrica coa subestación Conca Verdugo. O trazado irá soterrado á saída do edificio da central, ó longo dun tramo de 180 m.

Accesos:

Azude: realizarase desde a vía de Pélete, río Verdugo, executando un tramo de nova construcción cunha lonxitude de 537,671 m, largo de 4,00 m e pendente media de 9,52%. Formado por saburra nos tramos de menor pendente e formigado en pendentes maiores ou iguais ó 12%.

Central: realizarase desde unha pista existente que parte da localidade de Forno, ó que se unirán dous tramos de nova construcción. O primeiro tramo ten unha lonxitude de 301,672 m, un largo de 4,00 m e unha pendente media do 13,40%. O segundo tramo ten unha lonxitude de 312,656 m, largo de 4,00 m e pendente do 20,56%. En ámbolos dous casos o

firme estará formado por 15 cm de formigón con mallazo.

ANEXO II

Resumo dos informes

O concello da Lama sinala que non hai nada que dicir de conformidade co establecido polo artigo 58.2º da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, modificada pola Lei 11/1999.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acorda informar favorablemente o estudio de impacto ambiental relativo ó proxecto de modificación do aproveitamento hidroeléctrico no río Verdugo, C.H. de Ramallal (A Lama, Pontevedra), coas seguintes cautelas:

-Tendo en conta a presencia de varios muíños na zona afectada e, dado que, o aproveitamento hidroeléctrico do río Verdugo pode chegar a elimina-la funcionalidade dos muíños existentes, deberase facer constar na declaración ambiental que se garantirá, no futuro, o caudal necesario que posibilite o seu funcionamento, por se chegase o caso de poñelos en valor e recupera-la actividade tradicional.

-As conclusións recollidas na memoria da actuación da prospección arqueolóxica intensiva e na súa documentación complementaria incluiranse na correspondente declaración ambiental.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas condiciona o seu informe favorable á emenda das seguintes deficiencias: descrición dos posibles residuos, verteduras ou emisións que se poidan producir durante a fase de funcionamento; e estudio comparativo da situación actual e futura con ou sen a actuación derivada do proxecto obxecto de avaliación para cada alternativa derivada do proxecto.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza emite informe no que recolle:

Infórmase o proxecto de aproveitamento promovido por Minicentrales del Verdugo, S.L., en función da documentación recibida, denominada proxecto constructivo do aproveitamento hidroeléctrico no río Verdugo, Salto de Ramallal, en relación ás competencias da Dirección Xeral de Conservación da Natureza. O aproveitamento afecta as cotas 515,32 a 424,3, m.s.n.m., solicitándose un caudal concesional de 4.820 l/s.

No estudio de impacto ambiental inclúese un punto que analiza a afección á proposta de LIC Serra do Cando, co seguinte resultado:

Algúns dos hábitats incluídos na LIC non se localizan nas inmediacións do aproveitamento proxectado, polo que non se verán afectados. Ningún dos hábitats prioritarios (sinalados cun *) se verán afectados polo aproveitamento. A traza da conducción e dalgunhas vías de acceso afectarán ós hábitats 4030, 4090 e 9230; este último hábitat vese afectado nuns 650 m de lonxitude de conducción e areeiro, nas inmediacións da captación. Compróbase a non

existencia de 91E0 no tramo do curso afectado polo aproveitamento, esta hábitat atópase augas abaixo da central. A maior parte dos terreos afectados polas infraestructuras do aproveitamento hidroeléctrico atópanse poboadas por especies propias de matogueiras: Erica, Cytisus, Genista e Ulex. Aínda que se trata dun hábitat de interese comunitario, trátase dun ecosistema moi estendido en Galicia e no lugar en cuestión, sendo o seu estado de conservación favorable, xa que a súa área de distribución natural e as superficies comprendidas dentro desta área son estables. A franxa afectada, será restaurada e revexetada.

O réxime de caudais ecolóxicos mínimos que hai que manter no tramo afectado exponse na táboa a seguir:

Réxime de caudais ecolóxicos mínimos (l/s):

O: 200.

N: 400.

D: 400.

X: 400.

F: 400.

M: 300.

A: 300.

M: 300.

X: 300.

X: 300.

A: 160.

S: 220.

Considéranse suficientemente desenvolvidos e funcionais os dispositivos de franqueo e de evacuación da toma da canle, sen prexuízo das comprobacións e axustes que poidan ser necesarios unha vez que se comprobe o seu funcionamento real a súa entrada en servicio.

Considéranse suficientes as medidas adoptadas para a protección da fauna en xeral e as medidas de restauración e revexetación incluídas no correspondente plan. Admítese o réxime de caudais mínimos proposto polo promotor, por canto a súa similitude co determinado por esta dirección xeral e por ser considerado suficiente para a consecución dos fins que del se esperan.

Considéranse compatibles e suficientemente compensadas cos plans previstos, as afeccións ós hábitats da proposta de LIC Serra do Cando, hai que ter en conta que as obras se desenvolverán na marxe dereita, de solana, basicamente poboada por matogueira xerófila, polo que as afeccións á LIC son nos hábitats máis abundantes e de fácil rexeneración.

Por todo iso, considérase ambientalmente viable o proxecto analizado.

ANEXO III

Resumo das alegacións

Alfonso Gil Cota, con DNI 35129306-A, en calidade de afectado, expón:

1º) Os caudais e datos de partida empregados para a realización do estudio do caudal son insuficientes, indicando os motivos polos que realiza esta afirmación.

2º) Incúmprese a Lei 6/2001, ó ser incompleto o estudio de alternativas e a súa xustificación, ademais de non incluí-lo programa de vixilancia ambiental.

3º) Incúmprese a Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

4º) O caudal ecolóxico é insuficiente.

5º) Producirase afección a especies de alto valor ecolóxico, estando a maior parte delas recollidas no catálogo nacional de especies ameazadas, regulado polo Real decreto 439/1990.

6º) Prodúcense efectos sobre os invertebrados acuáticos, peixes, anfibios, mamíferos, vexetación, réxime de circulación natural dos ríos afectados e clima.

7º) Aféctase ó desenvolvemento turístico da zona.

8º) Contrariamente á valoración recollida no estudio, aféctase ó coto Ponte Verdugo.

9º) Aféctanse bens do patrimonio cultural (perda do Muíño da Cuña).

10º) Produciranse afeccións durante a fase de construcción da instalación.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA

E DESENVOLVEMENTO RURAL