Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 15 de decembro de 2003 Páx. 15.393

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 30 de setembro de 2003, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, pola que se fai público o acordo do recurso de reposición contra a clasificación do monte Chaira, Navedos, Outeiro das Laixas, Ladeiriña, Mazairas, Outeiro das Míllaras e Fraga, a favor dos veciños da parroquia de Boazo, no concello da Teixeira (Ourense).

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, en sesión do 30 de setembro de 2003, adoptou en relación co terceiro punto da orde do día, estudio do recurso de reposición formulado polo Concello da Teixeira contra o acordo de clasificación do monte denominado Chaira, Navedos, Outeiro das Laixas, Ladeiriña, Mazairas, Outeiro das Míllaras e Fraga clasificado como veciñal en man común en sesión do día vintenove de maio de dous mil dous, a favor dos veciños da parroquia de Boazo, do concello da Teixeira (Ourense), o acordo que a continuación se reproduce, de conformidade cos seguintes.

Antecedentes

1. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, na súa sesión do 29 de maio de 2002, acordou clasifica-lo monte denominado Chaira, Navedos, Outeiro das Laixas, Ladeiriña, Mazairas, Outeiro das Míllaras e Fraga como veciñal en man común, pertencente ós veciños da parroquia de Boazo, do concello da Teixeira, logo de expediente tramitado para o efecto.

2. O Concello da Teixeira formula en tempo e forma recurso de reposición en solicitude de que se deixe sen efecto a citada resolución por tratarse de montes propiedade do concello, xa que no Inventario de Bens Municipais do Concello da Teixeira figuran como bens patrimoniais os montes: Común da Fraga, Común do Outeiro da Laixa, Común da Ladeiriña Pequena e Común das Chairas (3 parcelas), segundo a certificación expedida polo secretario da corporación.

3. Con data do 4 de novembro de 2002 solicítanse ó Concello da Teixeira os documentos acreditativos, nos que se incluirán o de inscrición no Rexistro da Propiedade, dos montes obxecto do recurso de reposición que figuran como bens patrimoniais do concello. Tal petición reitérase con data do 6 de maio de 2003 sen que o concello achegue a documentación requirida.

4. Conferido traslado do recurso de reposición ós promotores do expediente de clasificación do monte, presentan alegacións manifestando en resumo que con independencia da inclusión en calquera tipo de rexistro ou inventario, a titularidade dos montes veciñais, tal como establece o artigo 3 da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e cla

ramente sinala a resolución do xurado impugnada, lles corresponde ós veciños de Boazo e non ó Concello da Teixeira, polo que solicitan que sexa rexeitado o recurso de reposición e confirmada a resolución do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común do 29 de maio de 2002.

5. Con posterioridade á publicación do acordo advírtese erro na superficie total do monte, sendo a resultante da suma das superficies individuais das diversas parcelas 71 ha 70 a, aproximadamente, en lugar das 69 ha 27 a que figuran no acordo.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-Na tramitación do expediente de clasificación do monte veciñal que nos ocupa, quedou demostrado que o aproveitamento do monte se realiza en réxime de comunidade xermánica e desde tempo inmemorial, polos veciños da parroquia de Boazo na súa condición de membros dela. Concorren pois os requisitos previstos para o efecto no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para defini-lo monte Chaira, Navedos, Outeiro das Laixas, Ladeiriña, Mazairas, Outeiro das Míllaras e Fraga como veciñal en man común.

Segundo.-O Concello da Teixeira non achegue a documentación que acredite a orixe dominical pola que os citados montes figuran incluídos no inventario municipal, limitándose a presenta-la certificación do secretario da corporación relativa este extremo, que en calquera caso é irrelevante tendo en conta que o artigo 27 do Regulamento de montes veciñais, do 4 de setembro de 1992, establece que non será obstáculo para a clasificación dun monte como veciñal en man común o feito de acharse incluído nalgún catálogo, inventario, ou rexistro público, con asignación de diferentes titularidades, agás que os asentos se practicasen en virtude de sentencia dictada en xuízo declarativo.

Cabe pois, concluír que as alegacións do concello recorrente non desvirtúan os feitos que motivan a clasificación, polo que procede a desestimación total do recurso.

Terceiro.-O artigo 105.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, permite a rectificación, en calquera momento, por parte da Administración dos erros materiais, de feito, ou aritméticos existentes nos seus actos.

En consecuencia, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común

ACORDA:

Desestimar na súa totalidade o recurso interposto polo Concello da Teixeira, contra o acordo do xurado do 29 de maio de dous mil dous polo que se clasifica o monte Chaira, Navedos, Outeiro das Laixas, Ladeiriña, Mazairas, Outeiro das Míllaras e Fraga da parroquia de Boazo, concello da Teixeira, como veciñal en man común.

Proceder á corrección da superficie total do monte, a cal é de 71 ha 70 a.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa).

O que por orde do presidente do Xurado Provincial de Clasficiación de Montes Veciñais en Man Común se fai público no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento.

Ourense, 30 de setembro de 2003.

Míriam Areal López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense

Visto e prace

Agustín Prado Verdeal

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense