Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 16 de decembro de 2003 Páx. 15.412

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

CIRCULAR informativa 4/2003, do 10 de decembro, pola que se prorroga o prazo de aplicación da circular 1/2003, sobre as explotacións agrícolas e gandeiras existentes antes da entrada en vigor da nova Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

En data 5 de agosto de 2003, DOG nº 150, publícase a circular informativa 1/2003, do 31 de xullo, sobre as explotacións agrícolas e gandeiras existentes antes da entrada en vigor da nova Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Esta circular ten por obxecto atende-la demanda dos titulares de explotacións gandeiras existentes no momento da entrada en vigor da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que non conten coa preceptiva licencia urbanística, para obte-lo recoñecemento administrativo da súa situación urbanística ó abeiro do establecido na disposición transitoria décimo primeira da dita norma.

Para solventa-las dificultades de proba, esta circular facilita a acreditación da situación de feito existente no momento da entrada en vigor da Lei 9/2002, a través dun medio de proba cualificado, atendendo á proximidade temporal da entrada en vigor da lei, e determina a forma de proceder da Administración autonómica ante as solicitudes de recoñecemento que se presenten ante ela.

Se non se obtén un recoñecemento administrativo expreso da existencia da explotación, os titulares dela non estarían a salvo da incoación de eventuais procedementos de protección da legalidade urbanística, sen prexuízo de que os mesmos puideran enervarse pola proba da existencia da explotación no momento da entrada en vigor da Lei 9/2002, por calquera outro medio admisible en dereito.

Á vista do enorme interese espertado por esta circular e ante o crecente número de interesados en obte-lo recoñecemento administrativo que facilitará ós titulares das explotacións a obtención de autorizacións urbanísticas para futuras obras de rehabilitación, conservación, mellora, reforma, e incluso ampliación, e permitirá evita-la incoación de eventuais expedientes de reposición da legalidade e san

cionadores ó non ter constancia a Administración da preexistencia da explotación, tanto as organizacións sindicais agrarias como a Federación Galega de Municipios e Provincias, solicitaron da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, a ampliación do prazo de aplicación da circular informativa 1/2003, sobre as explotacións agrícolas e gandeiras existentes antes da entrada en vigor da nova Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Coa finalidade de facilitar ó máximo que tódolos interesados poidan acredita-lo suposto establecido pola disposición transitoria décimo primeira da Lei 9/2002, e, consecuentemente, poidan obte-lo título administrativo no que se reflicta o recoñecemento da explotación agropecuaria e das edificacións afectas a ela no momento da entrada en vigor da devandita lei, decídese amplía-lo prazo de aplicación da circular 1/2003, do 31 de xullo, sobre as explotacións agrícolas e gandeiras existentes antes da entrada en vigor da nova Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, establecido no seu punto quinto, ata o vindeiro 30 de abril de 2004. Transcorrido este prazo sen presenta-la solicitude de recoñecemento, os titulares das explotacións existentes non poderán acollerse ó establecido na devandita circular.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2003.

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda