Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Mércores, 31 de decembro de 2003 Páx. 16.439

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 23 de decembro de 2003 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas para a mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias e se convocan para o ano 2004.

O Regulamento (CE) 1257/1999, do consello, do 17 de maio, establece as axudas ó desenvolvemento rural a cargo do Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agrícola (FEOGA) e as súas disposicións de aplicación veñen previstas no Regulamento (CE) 445/2002, da comisión, do 26 de febreiro, modificados respectivamente polos regulamentos (CE) 1783/2003, do consello, do 29 de setembro, e 963/2003, da comisión, do 4 de xuño.

As medidas de desenvolvemento da dita normativa comunitaria en canto á mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias están recollidas no Programa Operativo Horizontal de Mellora de Estructuras e dos Sistemas de Producción Agrarios nas Rexións de Obxectivo 1 de España, así como no Programa Operativo Integrado de Galicia, regulándose as axudas a nivel estatal mediante o Real decreto 613/2001, do 8 de xuño, e a nivel autonómico, polas ordes do 7 de xuño e do 19 de decembro de 2002, desta consellería, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias.

A experiencia adquirida coa aplicación destas axudas durante as convocatorias dos anos 2002 e 2003 fai conveniente efectuar puntuais modificacións nos artigos 4º.2.C), 5º.5 e 11º.2 da Orde do 7 de xuño de 2002, precisándose as condicións dos plans de mellora para a producción de leite, así como a convocatoria anual que regula a tramitación da solicitude única de axudas a superficies, animais e indemnizacións compensatorias, así como a solicitude dotras primas gandeiras, que lles permite ás explotacións de vacún de carne acredita-la súa superficie forraxeira, e tamén os importes das axudas para a primeira instalación de agricultores mozos, en forma de prima por explotación recollidos na sección segunda, polo que neses puntos se modificarán as bases reguladoras das axudas.

Por outra banda, tendo en conta que a dita orde cumpre os requisitos previstos, para as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas e subvencións, no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, polo que, previstas na Orde do 7 de xuño de 2002 as bases reguladoras das axudas para a mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias en Galicia, con vixencia indefinida, cómpre establece-la súa convocatoria para o ano 2004, mediante esta orde que, pola súa vez, cumpre os requisitos esixidos no artigo 8.3º

do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Sección primeira: modificación da Orde do 7 de xuño de 2002.

Artigo 1º.-Modificación do artigo 4º.2.C) da Orde do 7 de xuño de 2002.

O punto 2.C) do artigo 4º quedará redactado como segue:

«2.C) Os titulares de explotacións con plans de mellora para a producción de leite deberán cumpri-lo disposto no capítulo II do anexo A do Real decreto 1679/1994, do 22 de xullo, que establece as condicións sanitarias aplicables á producción e comercialización de leite cru, leite tratado termicamente e productos lácteos.

Para estes efectos, consideraranse cumpridas as ditas esixencias, cando os resultados da análise do leite da explotación, efectuada polos laboratorios interprofesionais ou laboratorios autorizados pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, de acordo co establecido na Orde do 31 de xullo de 1998, correspondentes ás medias xeométricas dun dos tres meses anteriores ó da entrada en vigor desta orde ou da respectiva convocatoria, demostren que, alomenos, nas medias dun deses meses, o contido en xermes/ml é inferior a 100.000, en células somáticas inferior a 400.000 e que non existe presencia de auga engadida. Ademais tamén terán que demostrar que nos seis meses anteriores ó da entrada en vigor desta orde ou da respectiva convocatoria, non hai presencia de residuos de substancias farmacoloxicamente activas.

Para xustificar este requisito, e sempre que o leite sexa analizado nun laboratorio autorizado distinto do Laboratorio Interprofesional Galego da Análise do Leite (LIGAL), presentarase un boletín de análise xustificativa do exposto no parágrafo anterior.

En todo caso, cando non sexa posible tal acreditación e sempre que o plan de melloras inclúa investimentos destinados a mellora-las condicións hixiénico-sanitarias do leite e que favorezan o ambiente, poderán ser atendidas aquelas solicitudes nas que o beneficiario se comprometa a incluí-la súa explotación nunha entidade que desenvolva un programa para a mellora da calidade do leite ó abeiro da normativa da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e se comprometa a achegar xustificantes do diagnóstico e sacrificio das reproductoras con mamite crónica, de se-lo caso».

Artigo 2º.-Modificación do artigo 5º.5 da Orde do 7 de xuño de 2002.

«5. No caso de que as axudas se soliciten para realizar investimentos no sector de vacún de carne, limitaranse a explotacións gandeiras que teñan unha densidade gandeira, ó finaliza-la realización do plan, igual ou inferior a 2 UGM/ha de superficie forraxeira total, xustificándose esta superficie coa presentación, ben da documentación prevista na correspondente convocatoria desta consellería, para a solicitude única, de axudas a superficies, animais e indemnización compensatoria, así como a solicitude doutras primas gandeiras, ou ben de documento similar que indique as referencias catastrais, superficie e aproveitamento das parcelas da explotación utilizadas para a alimentación do vacún de carne. Non obstante, exceptúanse da limitación da densidade gandeira aquelas explotacións cunha dimensión igual ou inferior a 15 UGM».

Artigo 3º.-Modificación do artigo 11º.2 da Orde do 7 de xuño de 2002.

O punto 2 do artigo 11º quedará redactado como segue:

«2. Unha prima por explotación que poderá substituírse, total ou parcialmente, por unha bonificación de xuros equivalente. A contía da prima será de:

a) 15.025 euros, no caso de instalación como cotitular dunha explotación prioritaria, conforme o indicado no punto 6º B) do artigo 9, sempre que a explotación resultante requira un volume de traballo equivalente, alomenos, a dúas UTA.

Esta mesma contía aplicarase nos casos de acceso á titularidade exclusiva por compra, herdanza, doazón ou cando a primeira instalación se produza aplicando a figura da apartación, recollida na Lei 4/1995, do 24 de maio, de dereito civil de Galicia.

Esta contía tamén se aplicará para calquera outra modalidade de instalación, sempre que se acredite un gasto igual ou superior ó dito importe en compra de cota láctea ou outros dereitos de producción.

b) 13.000 euros, nos demais casos de cotitularidade, ou instalación en entidades asociativas.

c) 11.000 euros, nos casos de instalación mediante contrato de arrendamento ou parcería, ou cando a instalación se produza nunha explotación de nova creación.

Sección segunda: convocatoria das axudas para o 2004.

Artigo 4º.-Obxecto.

Esta sección ten por obxecto establece-la convocatoria, para o ano 2004, das axudas para a mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias en Galicia, de acordo coas bases reguladoras previstas na Orde do 7 de xuño de 2002, publicadas no Diario Oficial de Galicia nº 113, do 13 de xuño, coas modificacións introducidas na sección primeira desta orde e na sección

primeira desta Orde do 19 de decembro de 2002 publicada no Diario Oficial de Galicia nº 250, do 27 de decembro.

Artigo 5º.-Condicións e finalidade.

1. Para poder acceder ás distintas liñas de axuda (B, A, P e R) previstas no artigo 1 da Orde do 7 de xuño de 2002, os beneficiarios deberán cumpri-los requisitos establecidos respectivamente no artigo 2 da dita orde, para plans de mellora previsto no Real decreto 613/2001; no artigo 9, para as axudas á primeira instalación de agricultores mozos previstas no dito real decreto; e no artigo 14 para outros plans de mellora; así como as modificacións consideradas na Orde do 19 de decembro de 2002 e nesta orde, en calquera caso.

2. As ditas axudas teñen por finalidade a mellora e modernización das explotacións agrarias galegas, no marco do obxectivo establecido nos capítulos I e II do Regulamento (CE) 1257/1999, do consello, do 17 de maio.

Artigo 6º.-Prazo e presentación das solicitudes de axuda.

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ó da publicación da presente orde no DOG e rematará o 5 de marzo de 2004, ámbolos dous inclusive, en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedimento administrativo común e, preferentemente, nas oficinas agrarias comarcais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Non obstante o anterior, para os casos de primeiras instalacións de mozos motivadas por cesamento anticipado na actividade agraria acollidos ás axudas do R.D. 5/2001, ou por falecemento, xubilación ou invalidez do actual titular da explotación, o prazo permanecerá aberto ata o 30 de novembro.

2. Os interesados presentarán a solicitude de axuda axustada ós modelos e con toda a documentación establecida en cada caso, conforme se establece na Orde do 7 de xuño de 2002.

Artigo 7º.-Xustificación.

A certificación dos investimemtos e gastos farase de conformidade co previsto no artigo 22 da Orde do 7 de xuño de 2002.

Artigo 8º.-Financiamento.

1. A participación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural nas axudas recollidas no artigo 1.1º da Orde do 7 de xuño de 2002 axustarase ó disposto no Real decreto 613/2001, do 8 de xuño, sobre mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias, no relativo ó financiamento de actuacións.

2. O financiamento das axudas recollidas na Orde do 7 de xuño de 2002 efectuarase, para o ano 2004,

con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias do proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2004:

a) 09.03.614-A 774.0, para as axudas previstas no artigo 1.1º.1 da devandita orde, dotada para esta finalidade con 35.783.109 euros, dos que 12.000.000 de euros se destinarán a novas aprobacións con pagamento no exercicio 2004. A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma.

b) 09.03.614-A 777.3, para as axudas previstas no artigo 1.1º.2, dotada para esta finalidade con 12.914.760 euros dos que 2.000.000 euros se destinaran a novas aprobacións con pagamento no mesmo exercicio. A dita aplicación poderá incrementarse con fondos adicionais comunitarios e da Comunidade Autónoma.

3. De conformidade co establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilítase a tramitación anticipada de expedientes de gasto, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos do exercicio do ano 2004 aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, neste momento en trámite parlamentario, quedando sometida a concesión das axudas á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da súa resolución.

Disposicións adicionais

Primeira.-O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), á Tesourería Xeral da Seguridade Social e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición dos certificados acreditativos de atoparse ó corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, ou, se é o caso, presentar debidamente asinado o anexo que autoriza a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para que poida solicitar, no seu nome, a dita información por vía informática.

Non obstante, quedan exentos de achega-los xustificantes do cumprimento das obrigas ás que se refire o artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, as axudas especificadas no artigo 42 g) do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, condicionado á súa aprobación definitiva.

Segunda.-Os expedientes de axuda presentados ó abeiro da convocatoria de 2003 respecto dos que non recaeu resolución expresa de concesión da axuda, poderanse ter en conta na convocatoria de 2004,

sempre que o interesado así o solicite expresamente e cumpra o disposto nesta convocatoria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural