Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Mércores, 31 de decembro de 2003 Páx. 16.441

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 23 de decembro de 2003 pola que se convocan, para o ano 2004, as restitucións á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de determinadas conservas.

A orde da anteriormente denominada Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 28 de marzo de 2001 (DOG nº 68, do 5 de abril) regula o procedemento para a concesión de restitucións á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de determinadas conservas, conforme o previsto nos regulamentos (CEE) 136/1966 e 591/1979, do consello, e 1963/1979, da comisión, e de acordo coas funcións que lle corresponden ó Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

A devandita orde cumpre os extremos previstos, para as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas e subvencións, no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, polo que, previstas as bases reguladoras das restitucións á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de determinadas conservas, con vixencia indefinida, na Orde do 28 de marzo de 2001, cómpre establece-la convocatoria das devanditas restitucións para o ano 2004, mediante a presente orde.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3. do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, modificado polo Decreto 161/2003, do 13 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establece-la convocatoria, para o ano 2004, das restitucións á producción

para o aceite de oliva utilizado na fabricación de determinadas conservas, de acordo coas bases reguladoras previstas na Orde do 28 de marzo de 2001, publicadas no Diario Oficial de Galicia nº 68, do 5 de abril.

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

1. Para poder acceder ás restitucións á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de determinadas conservas, deberanse cumprir, conforme o artigo 3.1º da Orde do 28 de marzo de 2001, os seguintes requisitos:

a) Ter na Comunidade Autónoma de Galicia un centro de producción das conservas.

b) Levar unha contabilidade de existencias diarias para as conservas coas indicacións previstas no artigo 1 do Regulamento (CEE) 1963/1979, axustada ós modelos dos anexos VIII (A) e VIII (B) da Orde do 28 de marzo de 2001.

c) Presentar, no prazo previsto, a declaración relativa ós consumos habituais de aceite de oliva, segundo o modelo do anexo IV da dita orde.

d) Presenta-la solicitude de control á que se refire o artigo 4 da devandita orde.

e) Utiliza-lo aceite no recinto da empresa fabricante, agás autorización expresa do Servicio Provincial do Fogga, por instancia do interesado e por causa debidamente xustificada.

En todo caso, os solicitantes deberán acredita-lo cumprimento das obrigas impostas ós beneficiarios no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, do xeito previsto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

2. As ditas restitucións á producción forman parte das medidas previstas na organización común de mercados no sector das materias graxas (Regulamento (CEE) 136/1966, do consello, do 22 de setembro), que teñen por finalidade acada-los obxectivos da política agrícola común, establecidos no tratado constitutivo da Comunidade Europea.

Artigo 3º.-Solicitude de control.

A solicitude de control xunto co programa da súa fabricación presentarase unha vez que o aceite estea almacenado no establecemento de fabricación das conservas e, en calquera caso, con anterioridade á data prevista para o inicio da fabricación, de acordo co modelo do anexo I da orde desta consellería, do 28 de marzo de 2001.

A validez da solicitude de control e as modificacións no programa de fabricación axustaranse ó previsto nos puntos 2º e 3º do artigo 4 da dita orde.

Artículo 4º.-Solicitudes de restitución.

1. As solicitudes de restitución, debidamente asinadas, formularanse de acordo cos modelos establecidos nos anexos III (A) e III (B) da orde desta consellería, do 28 de marzo de 2001, facendo consta-las cantidades de aceite utilizadas no proceso de fabricación das conservas, así como a súa orixe.

De conformidade co previsto no artigo 5.3º da dita orde, o prazo de presentación das solicitudes de restitución iniciarase o día da finalización da utilización do aceite e rematará ó cabo de seis meses desde tal día.

2. As solicitudes presentaranse nos servicios provinciais do Fogga, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 5º.-Anticipos e garantías.

Presentada a solicitude de control, o fabricante poderá solicita-lo anticipo do importe da restitución, conforme se establece no artigo 8 da Orde do 28 de marzo de 2001, achegando unha garantía de acordo cos anexos V e VI da dita orde.

Artigo 6º.-Financiamento.

1. Esta convocatoria tramítase de conformidade co previsto na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, de tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001. O seu financiamento efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.60.614A.779.0, por importe de 8.302.650 euros, do orzamento de gastos do Fogga para 2004.

2. En todo caso, a concesión das restitucións condicionarase á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias, debendo procederse á tramitación do oportuno expediente de xeración e ampliación de crédito no caso de que a cantidade inicialmente consignada non resulte suficiente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os solicitantes das restitucións poderán presenta-los certificados de estar ó día das súas obrigas fiscais ou ben poderán autoriza-lo Fogga para que solicite da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Consellería de Economía e Facenda a información á que se refire o artigo 78.4º c) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, agás no caso de que o importe da axuda non exceda de 1.500 A, suposto en que estarán exentos de achega-los xustificantes correspondentes.

Segunda.-Tódalas referencias efectuadas pola Orde do 28 de marzo de 2001 ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia entenderanse feitas ó Fondo Galego de Garantía Agraria, de conformidade co previsto na disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Fondo Galego de Garantía Agraria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación desde o 1 de xaneiro de 2004.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural