Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Mércores, 31 de decembro de 2003 Páx. 16.443

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 23 de decembro de 2003 pola que se convocan, para o ano 2004, as restitucións á producción no sector dos cereais.

A orde da anteriormente denominada Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 24 de maio de 2000 (DOG nº 106, do 1 de xuño) regula o procedemento para a concesión de restitucións á producción no sector dos cereais, conforme o previsto nos regulamentos (CEE) 1766/1992, do 30 de xuño, do consello, relativo á OCM dos cereais (actualmente o Regulamento 1784/2003, do 29 de setembro) e 1722/1993, da comisión, do 30 de xuño, de acordo coas funcións que lle corresponden ó Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

A devandita orde cumpre os extremos previstos, para as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas e subvencións, no artigo 6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, polo que previstas as bases reguladoras das restitucións á producción no sector dos cereais, con vixencia indefinida, na Orde do 24 de maio de 2000, cómpre establece-la convocatoria das devanditas restitucións para o ano 2004, mediante a esta orde.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, modificado polo Decreto 161/2003, do 13 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establece-la convocatoria, para o ano 2004, das restitucións á producción no sector dos cereais, de acordo coas bases reguladoras previstas na orde desta consellería, do 24 de maio de 2000, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 106, do 1 de xuño.

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

1. Para poder acceder ás restitucións á producción no sector dos cereais, deberanse cumpri-los requisitos establecidos no artigo 2.1º da Orde do 24 de

maio de 2000, referidos á tenza dun centro de producción en Galicia, ó dispor da cualificación de fabricante autorizado, a levar unha contabilidade material específica e á presentación da solicitude de certificado de restitución; sen prexuízo do indicado nos puntos 2 e 3 do dito artigo.

2. As ditas restitucións á producción forman parte das medidas previstas na organización común de mercados no sector dos cereais (Regulamento (CE) 1784/2003, do 29 de setembro) que teñen por finalidade acada-los obxectivos da política agrícola común, establecidos no tratado constitutivo da Comunidade Europea.

Artigo 3º.-Solicitudes de restitución.

1. Obtido o certificado de restitución e, no caso de que o producto estea incluído no código NC 3505.10.50, presentada ademais a garantía correspondente, os fabricantes autorizados poderán solicita-lo pagamento da restitución logo de que o amidón ou fécula fosen utilizados na fabricación dos correspondentes productos autorizados. As solicitudes de pagamento da restitución, debidamente asinadas, formularanse de acordo co modelo do anexo VIII da orde desta consellería, do 24 de maio de 2000.

De conformidade co previsto no artigo 5.3º da dita orde, o prazo de presentación das solicitudes será de doce meses, contados a partir do derradeiro día de validez do certificado de restitución. Non obstante, admitiranse as solicitudes presentadas nos 18 meses seguintes ó remate do prazo anterior, minorándose o importe da restitución nun quince por cento.

2. As solicitudes presentaranse nos servicios provinciais do Fogga ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 4º.-Anticipos e garantías.

Utilizado o amidón e presentada a solicitude de pagamento da restitución, o fabricante poderá solicita-lo anticipo do seu importe, achegando unha garantía por importe igual á cantidade solicitada máis un quince por cento adicional, conforme se establece no artigo 8º da Orde do 24 de maio de 2000.

Artigo 5º.-Financiamento.

1. Esta convocatoria tramítase de conformidade co previsto na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, de tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001. O seu financiamento efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.60.614A.779.0 por importe de 10.000 euros, do orzamento de gastos do Fogga para 2004.

2. En todo caso, a concesión das restitucións condiciónase á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamenta

rias, debendo procederse á tramitación do oportuno expediente de xeración e ampliación de crédito no caso de que a cantidade inicialmente consignada non resulte suficiente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os solicitantes das axudas poderán presenta-los certificados de estar ó día das súas obrigas fiscais ou ben poderán autoriza-lo Fogga para que solicite da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Consellería de Economía e Facenda a información á que se refire o artigo 78.4º.c) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, agás no caso de que o importe da axuda non exceda de 1.500 euros, suposto en que estarán exentos de achega-los xustificantes correspondentes.

Segunda.-Tódalas referencias efectuadas pola Orde do 24 de maio de 2000 ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia entenderanse feitas ó Fondo Galego de Garantía Agraria, de conformidade co previsto na disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Fondo Galego de Garantía Agraria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación desde o 1 de xaneiro de 2004.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural