María Blanco Aquino, secretaria do Xulgado do Social número dous da Coruña, fai saber que por dilixencia de ordenación, ditada no día da data no proceso seguido por instancia de Diana Fajardo Rama contra Mutua Universal, Ucalsa, S.A., Servicios Sociosanitarios, Instituto Nacional da Seguridade Social, en reclamación por ordinario, rexistrado co número 1056/2008-F, se acordou notificar a Ucalsa, S.A., Servicios Sociosanitarios, en ignorado paradoiro, a Sentenza do 14 de febreiro de 2011 co fin de que a publiquen. Transcríbese a sentenza a seguir.
“Sentenza 57/2011.
Xulgado do Social número dous da Coruña.
Procedemento: outros extremos 1056/2008.
A Coruña, 14 de febreiro de 2011.
Miguel Ángel García Lastres, xuíz substituto do Xulgado do Social número dous desta cidade, ditou esta sentenza nos autos arriba referidos, en que son parte demandante Diana Fajardo Rama, DNI 46908572-A, asistida polo letrado Sr. Páramo Sureda, e parte demandada o Instituto Nacional da Seguridade Social, representado e asistido pola letrada Sra. Goyanes Viviani, a Mutua Universal, representada e asistida polo letrado Sr. Caamaño Lado e a empresa Ucalsa, S.A., Servicios Sociosanitarios, que non comparece malia estar citada en legal forma.
Antecedentes de feito.
Primeiro. O dia 27-11-2008 entrou neste xulgado a demanda instada pola demandante contra as demandadas na cal, tras expor os feitos e fundamentos de dereito que consideraron de aplicación, solicitaba que se ditase sentenza pola cal se declarase o dereito da demandante ao aboamento das prestacións de IT por risco de lactación natural na contía e efectos regulamentarios.
Segundo. Admitida a trámite a demanda, convocáronse as partes ao acto de xuízo que tivo lugar o día 31 de xaneiro de 2011, ao cal non asistiu a mercantil Ucalsa, S.A., Servicios Sociosanitarios, malia estar citada en legal forma.
Aberto o acto, a parte demandante ratificouse na súa demanda e solicitou o recibimento do preito a proba.
O Instituto Nacional da Seguridade Social alegou excepción na falta de lexitimación pasiva, ao entender que o obrigado ao pagamento era a mutua codemandada.
Recibido o xuízo a proba, a demandante e a mutua presentaron documentación, non solicitando proba o INSS.
Terceiro. Na tramitación deste procedemento observáronse as prescricións legais.
Feitos probados.
Primeiro. A demandante, Diana Fajardo Rama, exerce a profesión de condutora para a empresa Ucalsa, S.A., quen ten concertada coa Mutua Universal a cobertura de continxencias profesionais, e percibe un salario mensual, co rateo das pagas extraordinarias, de 1003,40 euros.
Segundo. A demandante rematou o descanso por maternidade iniciado con data do 3 de xullo de 2008 e causou baixa na empresa codemandada con data do 29 de novembro de 2008, permanecendo de baixa por IT desde o 24 de novembro de 2011 ata o 28 de novembro de 2008.
Terceiro. A demandante víase imposibilitada para a extracción do leite e para a súa almacenaxe en lugar axeitado durante o desenvolvemento da súa xornada laboral.
Cuarto. Con data do 24 de outubro de 2008 a mutua demandada notificou resolución pola cal se lle denegaba a prestación por risco por non concorreren os requisitos dos artigos 134 e 135 da Lei xeral da Seguridade Social.
Quinto. Contra a citada resolución a demandante interpuxo reclamación previa, que foi desestimada pola Resolución do 17 de novembro de 2008, notificada o 20 de novembro de 2008, en que a demandada alegaba que o traballo realizado pola demandante non supón risco que afecte a calidade do leite.
Fundamentos de dereito.
Primeiro. Os feitos son probados en virtude de proba practicada e non impugnada, concretamente a documentación presentada no acto da vista.
Segundo. Con respecto á falta de lexitimación pasiva alegada polo INSS, efectivamente débese estimar, posto que da documentación que consta en autos, en consonancia co artigo 135 ter en relación co artigo 135 da Lei xeral da Seguridade Social, se desprende que sería a mutua a obrigada ao pagamento en caso de se estimar a pretensión da demandante.
Terceiro. A discusión deste procedemento versa no feito de se a demandante ten dereito ou non ao aboamento da prestación por risco durante o período de lactación.
A tal respecto o artigo 135.bis da Lei xeral da Seguridade Social, texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño, establece que “para os efectos da prestación económica de risco durante a lactación natural, considérase situación protexida o período de suspensión do contrato de traballo nos supostos en que, debendo a muller traballadora cambiar de posto de traballo por outro compatible coa súa situación, nos termos previstos no artigo 26.4 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, este cambio de posto non resulte técnica ou obxectivamente posible, ou non se poida exixir razoablemente por motivos xustificados”. O precepto, introducido pola disposición adicional décimo oitava da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, de igualdade efectiva de mulleres e homes, traspón ao dereito interno a Directiva 92/1985 do Consello, do 19 de outubro de 1992, relativa á aplicación de medidas para promover a mellora da saúde e da seguridade da muller embarazada, que dese a luz ou en período de lactación, cuxo artigo 11 prevé que se teña que establecer “o beneficio dunha prestación adecuada” ás traballadoras en período de lactación de acordo coas lexislacións ou prácticas nacionais.
O Tribunal Superior de Xustiza de Castilla La Mancha, en Sentenza do 21 de outubro de 2009, Resolución 1612/2009, recurso número 584/2009, refire que “En consecuencia e resultando que, segundo informe do facultativo do SESCAM (feito probado 3º), a incorporación da demandante ao posto de traballo unha vez rematado o descanso por maternidade, implicaría risco para a lactación natural (traballo por quendas de 12 horas en que ten que prestar atención e concentración; non poder compatibilizar esas quendas coas tomas dun lactante, nin tampouco a extracción de leite durante tales quendas, así como o estrés producido polo alto nivel de concentración e pola posibilidade de alarmas ante as cales ten que actuar, o que pode inhibir a produción de leite) e en virtude do previsto no artigo 135.bis da Lei xeral da Seguridade Social, en relación co artigo 26.4 da Lei de prevención de riscos laborais, procede declarar o dereito da demandante ao subsidio por risco para a lactación natural durante o período comprendido entre a finalización do descanso por maternidade e mentres se manteña esa situación de risco, sen que proceda facer ningún outro pronunciamento, pois a demandante, no acto de xuízo, limitou o suplico da demanda á única declaración do dereito, por canto esta resolución incorrería en incongruencia extra petita ao conceder máis do pedido”.
Tamén a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Murcia, sentenza número 224/2010, do 23 de marzo de 2010, refire que “...constando nos feitos probados circunstancias que acreditan un risco para a lactación, que non ten que ser especial cando, coma neste caso, se aprecia a súa existencia en relación co posto de traballo e a inexistencia doutro similar que poida excluír ese risco para a saúde do lactante, debido non só ás quendas rotatorias no seu caso senón tamén á exposición de axentes biolóxicos ou á carga de traballo, descrita con anterioridade nos feitos declarados probados na instancia”.
No caso que nos ocupa, a demandante presta servizos como condutora durante oito horas seguidas, nas cales non pode realizar extracción de leite materno e, mesmo non existindo outro impedimento durante o período de lactación máis ca este, da documentación médica que consta despréndese que o desempeño do traballo da demandante é incompatible co período de lactación. Polo tanto, estando acreditada medicamente a existencia do risco porque o feito de non extraer o leite materno pode supor unha inhibición da produción e/ou calidade deste, isto resulta aspecto máis que suficiente para acceder ao solicitado pola demandante e, en consecuencia, estimar a pretensión do aboamento das prestacións de IT por risco de lactación natural, xa que a posibilidade de evitar o seu traballo habitual, a condución, mellora a saúde e seguranza da muller en período de lactación, aspecto que busca a regulación efectuada pola Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, de igualdade efectiva de mulleres e homes, que traspón ao dereito interno a Directiva 92/1985 do Consello, do 19 de outubro de 1992.
Aínda que a estimación da demanda se debe concretar desde o día en que a demandante concluíu o período de descanso de maternidade iniciado o 3 de xullo de 2008, ata o 23 de novembro de 2008, xa que abandona a empresa o 29 de novembro de 2008 despois de estar de baixa por IT desde o 24 de novembro de 2008.
Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación, resolvo:
Que, logo de estimar a excepción da falta de lexitimación pasiva invocada polo INSS, estimo a demanda presentada por Diana Fajardo Rama, condenando a Mutua Universal a que, en concepto de risco durante a lactación natural, lle aboe á demandante o oportuno subsidio sobre unha base reguladora diaria de 33,45 euros e con efectos económicos desde que finalizou o descanso por maternidade iniciado o 3 de xullo de 2008 ata o 23 de novembro de 2008.
Notifíqueselles esta resolución ás partes e fágaselles saber que contra ela cabe interpor recurso de suplicación para ante a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que deberá anunciar previamente neste xulgado do social no prazo de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.
Así, por esta miña sentenza, pronúncioo, mándoo e asínoo”.
Advírtese o destinatario de que as seguintes comunicacións se farán nas dependencias deste xulgado, agás as que sexan autos ou sentenzas ou cando se trate de emprazamentos.
E para que lle sirva de notificación a Ucalsa, S.A., Servicios Sociosanitarios, expídese esta cédula de notificación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e colocación no taboleiro de anuncios.
A Coruña, 6 de abril de 2011.

