Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na Batundeira 2, Velle, Ourense, aprécianse os seguintes
Antecedentes de feito.
Primeiro. Con data do 31 de marzo de 2008, a citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica L.M.T., C.T. e R.B.T. derivada Segán-San Vitoiro de Ribas de Miño-1.ª fase, no concello do Saviñao, presentando o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE do 27 de decembro do 2000, número 310), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e xuntando a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE do 28 de novembro de 1997, n.º 285) e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado, que a desenvolve.
Segundo. Con datas do 11-5-2009 e 28-10-2009 a empresa beneficiaria presenta os anexos n.º 1 e 2, respectivamente, motivados polos requirimentos do Servizo de Enerxía e Minas de datas 5-3-2009 e 14-9-2009.
Terceiro. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante resolución do Departamento Territorial de Economía e Industria de Lugo do 11 de novembro de 2010. Esta resolución foi publicada no diario El Progreso de Lugo do 26 de novembro de 2010, no BOP de Lugo do 2 de decembro de 2010 e no DOG do 15 de decembro de 2010, no taboleiro de anuncios do citado departamento territorial e no taboleiro de anuncios do concello do Saviñao. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.
Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.
Cuarto. Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
Quinto. Durante o período no que se someteu ao trámite de información pública realizouse a seguinte alegación:
1. O 17 de decembro de 2010, Josefina Díaz López (predio n.º 46) presenta un escrito de alegacións nas que, discrepando das afeccións estimadas en canto á superficie e árbores que se van expropiar, formula un anticipo de folla de aprecio, no que solicita indemnización polos conceptos e importe que considera convenientes, incluída a expropiación total do predio.
Sexto. Polos servizos técnicos do departamento territorial de Economía e Industria emítese informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, informan os referidos servizos técnicos que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica ás que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 57 da Lei 54/1997, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre os que a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.
A este feitos son de aplicación os seguintes
Fundamentos de dereito.
Primeiro. A Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Decreto 36/2001, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; no Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia e no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (que modifica o anterior).
Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da citada Lei 54/1997, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
Terceiro. Á vista da alegación presentada por Josefina Díaz López, da contestación a estas pola empresa promotora e do resto da documentación que consta no expediente, considérase que aquela non impide continuar coa tramitación por canto non corresponde nesta fase do procedemento, nin a este órgano administrativo, entrar na valoración do menosprezo derivado das ocupacións e imposicións de servidumes de paso da liña eléctrica considerada, o cal é competencia do Xurado de Expropiación de Galicia. A este órgano achegaráselle o expediente logo da elaboración das actas previas á ocupación (momento no que se comprobará coas oportunas medicións e comparecidos no terreno as dimensións reais do predio e o alcance das afeccións) e da incorporación das follas de taxación contraditoria que presenten as partes, tal como se recolle no cap. II da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE número 351, do 17 de decembro).
Cuarto. Consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, causando a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.
De acordo co que antecede e, en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial
RESOLVE:
Primeiro. Autorizar a Unión Fenosa Distribución S.A. o establecemento da instalación eléctrica denominada L.M.T., C.T. e R.B.T. derivada Segán-SanVitoiro de Ribas de Miño-1.ª fase, no concello do Saviñao, coas seguintes características técnicas principais:
1. Liña de media tensión aérea núa ao C.T. intemperie proxectado en Segán de Arriba, con orixe no apoio n.º D94 existente pertecente á liña CHA8040523 procedente da saída CHA804 (Currelos 4) da subestación Chantada e final no centro de transformación intemperie proxectado en Segán de Arriba, cunha lonxitude de 1.703 metros en condutor LA 56/54,6 mm2.
2. Centro de transformación intemperie emprazado en Segán de Arriba cunha potencia de 100 kVA e relación de transformación 20.000/400-230 V.
3. Liña de baixa tensión aérea con orixe no centro de transformación proxectado en Segán de Arriba e unha lonxitude de 299 metros.
4. Liña de baixa tensión soterrada con orixe na rede de baixa tensión aérea e unha lonxitude de 65 metros.
Segundo. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica L.M.T., C.T. e R.B.T. derivada Segán-San Vitoiro de Ribas de Miño-1.ª fase e os anexos n.º 1 e 2 visados os días 24-3-2008, 27-4-2009 e 19-10-2009 cos números CO080842,CO091255 e CO093087, respectivamente e asinados polo enxeñeiro industrial Rubén Menéndez Fernández.
Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto deste expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que polo representante da Administración se dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario El Progreso de Lugo do 26 de novembro de 2010, no BOP de Lugo do 2 de decembro de 2010 e no Diario Oficial de Galicia do 15 de decembro de 2010, expostas no taboleiro de anuncios do Departamento Territorial de Economía e Industria de Lugo (agora Xefatura Territorial de Economía e Industria) e no taboleiro de anuncios do concello do Saviñao. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas, se poderán formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante esta Xefatura Territorial de Economía e Industria, (edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla 70, código postal 27071, Lugo).
Todo isto de acordo coas condicións seguintes:
Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto L.M.T., C.T. e R.B.T. derivada Segán-San Vitoiro de Ribas de Miño-1.º fase e os seus anexos presentados pola empresa Unión Fenosa Distribución, S.A.
Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento, se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.
Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, e as disposicións transitorias do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.
Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta xefatura territorial.
Quinta. O prazo para a execución das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de notificación/publicación desta resolución.
Sexta. A Administración resérvase para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.
Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
A publicación desta resolución se realízase tamén para os efectos previstos no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, intentada a notificación, non se puidese realizar e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan de conformidade co establecido no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa de 1954.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación nos termos establecidos nos artigos 107, 110, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Lugo, 5 de abril de 2011.
José Manuel Vázquez Leirado
Xefe territorial de Lugo

