Coa finalidade de achegar un maior grao de seguridade xurídica para as partes afectadas (solicitantes e empresas distribuidoras) na resolución das controversias e discrepancias que, no contexto da actividade de distribución da enerxía eléctrica, se están a producir en materia de dereitos de acometida, trátase con esta instrución de unificar os criterios que deben aplicar os órganos administrativos competentes da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, á hora de tramitar e resolver tales discrepancias, dentro do marco da normativa vixente aplicable.
A Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, modificada pola Lei 17/2007, do 4 de xullo, no seu artigo 3.3.b) recoñece ás comunidades autónomas, a competencia para regular o réxime de dereitos de acometida e as actuacións necesarias para atender os requirimentos de subministración eléctrica aos usuarios.
Por outra parte, o artigo 3.3.d) da mencionada lei establece que corresponde ás comunidades autónomas impartir instrucións relativas á ampliación, mellora e adaptación das redes e instalacións eléctricas de transporte ou distribución da súa competencia, e supervisar o seu cumprimento. Así mesmo, determinar en que casos a extensión das redes se considera unha extensión natural da rede de distribución ou se trata dunha liña directa ou unha acometida en aplicación dos criterios que estableza o Goberno.
O número 1 do artigo 39 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, na redacción dada pola Lei 17/2007, do 4 de xullo, establece que os xestores das redes serán responsables da explotación, o mantemento e, en caso necesario, o desenvolvemento da súa rede de distribución, así como, de ser o caso, das súas interconexións con outras redes, e de garantir que a súa rede teña capacidade para asumir, a longo prazo, unha demanda razoable de distribución de electricidade.
O capítulo II do título III do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, ten por obxecto establecer o réxime económico das acometidas eléctricas e demais actuacións necesarias para atender os requirimentos de subministración de enerxía eléctrica dos usuarios, sen prexuízo do establecido polas comunidades autónomas no ámbito das súas competencias.
O Real decreto 222/2008, do 15 de febreiro, polo que se establece o réxime retributivo da actividade de distribución de enerxía eléctrica, regula no seu capítulo IV a extensión de redes de distribución e o réxime de acometidas e modifica en parte o capítulo II do título III do Real decreto 1955/2000.
Así mesmo, o Real decreto 1995/2000 derrogou o Real decreto 2949/1982 polo que se daban normas sobre acometidas eléctricas e se aprobaba o regulamento correspondente. O devandito Real decreto 2949/1982 establecía no seu artigo 4º, número 5, uns coeficientes de simultaneidade que se deben ter en conta, tanto para a realización de proxectos de instalacións eléctricas como para determinar os investimentos en alta e en baixa tensión. Non obstante, o novo Real decreto 1955/2000 non establece novos coeficientes de simultaneidade para ter en conta nos proxectos para a determinación das instalacións que se executen.
Na normativa estatal en vigor non se especifican os criterios técnicos de dimensionamento das acometidas, polo que resulta necesario definir e unificar criterios técnicos en relación coa metodoloxía para a determinación da previsión de carga e dos coeficientes de simultaneidade que hai que considerar nas extensións de rede de distribución incluídas nas acometidas eléctricas.
Por outra banda, a solución técnica aplicada a unha subministración debe ser a menos onerosa, tanto para o solicitante como para o sistema. A aplicación de coeficientes de simultaneidade minimiza tanto as instalacións que se van executar como os investimentos.
Por outra banda, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e instrucións técnicas complementarias, establece na súa instrución 10 a previsión de cargas para subministracións en baixa tensión así como coeficientes de simultaneidade que se deben ter en conta en edificios destinados a vivendas, edificios comerciais, oficinas e os destinados a unha ou varias industrias.
En función de todo o anteriormente exposto, para resolver os conflitos entre os promotores e as empresas distribuidoras de enerxía eléctrica para a determinación das instalacións necesarias para atender as solicitudes de subministración, faise necesario ditar a seguinte instrución:
INSTRUCIÓN
1. Ámbito de aplicación. Esta instrución será de aplicación ás discrepancias que en relación coas condicións de conexión ás redes de distribución da enerxía eléctrica e, en particular, en materia de dereitos de acometida, deban ser resoltas polos órganos competentes da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.
2. Obxectivo. O obxectivo desta instrución é lograr un maior grao de seguridade xurídica para os administrados establecendo a unificación de criterios, tanto desde o punto de vista procedemental coma desde o punto de vista técnico, na tramitación e posterior resolución dos expedientes que, por discrepancias suscitadas entre as partes afectadas en materia de dereitos de acometida, incoen os órganos administrativos competentes da Xunta de Galicia.
3. Definición de conceptos.
En relación coas infraestruturas de rede, e para os efectos de interpretación desta instrución, defínense os seguintes conceptos:
“Acometida eléctrica”: parte da instalación comprendida entre o punto de conexión coa rede de distribución e o primeiro elemento propiedade do solicitante da subministración.
“Extensión natural das redes de distribución”(ENR): reforzos ou adecuacións das instalacións de distribución existentes a que se conecten as infraestruturas necesarias para atender as novas subministracións ou a ampliación das existentes, que correspondan ao crecemento vexetativo da demanda.
“Instalacións de nova extensión de rede” (NER): instalacións ou infraestruturas de rede que sexa necesario realizar para a atención de solicitudes de novas subministracións ou ampliación das existentes, que non respondan a crecementos vexetativos da demanda, desde a rede de distribución existente ata o primeiro elemento propiedade do solicitante.
“Dereitos de extensión”: contraprestación económica que lle pagará á empresa distribuidora o solicitante dunha nova subministración, ou da ampliación de potencia dunha xa existente, polas instalacións de nova extensión de rede necesarias que sexan responsabilidade da empresa distribuidora.
“Potencia solicitada”: é a pedida globalmente para os futuros abonados. Obterase como resultado de sumar a potencia reflectida nos certificados de instalación (boletíns) multiplicada polo coeficiente de simultaneidade establecido na ITC-BT10, e a potencia recollida no boletín será a que queda asignada a cada subministración e que será a máxima que poida contratar o usuario final.
“Punto de conexión”: é o punto de entroncamento na rede existente da empresa distribuidora das novas instalacións necesarias para atender a solicitude de subministración.
“Reforzo de rede”: aquelas actuacións que se deban acometer na rede por parte das empresas distribuidoras para atender o crecemento vexetativo da demanda e/ou para manter, ou de ser o caso mellorar, os niveis de seguridade e calidade do servizo establecidos regulamentariamente. Considéranse reforzos as repotenciacións inferiores ao 20% da capacidade do elemento que se vai repotenciar.
“Repotenciación directa”: considérase “repotenciación directa” asociada a unha nova solicitude de subministración, conxunto de solicitudes de subministración cun mesmo punto de conexión á rede ou aumento de potencia dun xa existente, a todas aquelas actuacións de carácter mínimo, sobre a base de elementos normalizados e cumprindo os criterios para as instalacións de distribución establecidos na normativa vixente, que teñen por obxecto incrementar a capacidade dalgún elemento da rede existente, co mesmo nivel de tensión á do punto de conexión, que interveña electricamente na atención da dita nova demanda de potencia. Neste senso, considéranse como elementos do mesmo nivel de tensión os transformadores cuxa tensión secundaria se encontre no dito nivel, calquera que sexa a súa tensión primaria.
En calquera caso, para que unha determinada actuación sexa considerada como “repotenciación directa” asociada a unha solicitude de subministración, conxunto de solicitudes de subministración cun mesmo punto de conexión á rede ou aumento de potencia dun xa existente, a dita solicitude de potencia debe ser igual ou superior ao 20% da capacidade do elemento que require repotenciación.
“Crecemento vexetativo da demanda”: as actuacións que respondan aos criterios establecidos no número 4 desta instrución.
4. Criterios para a consideración de crecemento vexetativo.
a) Como regra xeral, as solicitudes de subministración darán lugar a un crecemento vexetativo da demanda para os elementos da rede de distribución de tensión superior á do punto de conexión da nova demanda, e a un crecemento non vexetativo da demanda para os elementos da rede de distribución de tensión igual á do punto de conexión da nova demanda, polo que non cabe exixir ao solicitante actuacións en redes de tensión superior á do punto de conexión, senón que tales reforzos deben ser asumidos polas empresas distribuidoras e incluídos nos plans de investimento que se deben presentar ante a comunidade autónoma. Consideraranse como elementos do mesmo nivel de tensión os transformadores cuxa tensión secundaria se atopa no dito nivel, calquera que sexa a súa tensión primaria.
b) En todo caso, consideraranse crecemento vexetativo os reforzos da rede existente, e polo tanto serán por conta das empresas distribuidoras.
5. Criterios para a imputación de custos a solicitantes ou empresas distribuidoras.
5.1. Solicitudes de novas subministracións ou ampliación das existentes de ata 100 kW en B.T. ou 250 kW en M.T. en solo urbanizado que, con carácter previo á necesidade da subministración, conten coas dotacións e servizos requiridos pola lexislación urbanística, de acordo co artigo 9.3 do Real decreto 222/2008, todas as infraestruturas necesarias para atender a subministración serán realizadas pola empresa distribuidora, dando lugar á aplicación dos correspondentes dereitos de extensión sempre que non estean incluídas dentro do correspondente plan de investimento.
5.2. Nos demais casos, cando as solicitudes de novas subministracións ou ampliación dos existentes superen os 100 kW en B.T. ou os 250 kW en A.T. en solo urbanizado, ou de calquera potencia en solo non cualificado como urbanizado ou que sendo urbanizado non conte coas dotacións e servizos requiridos pola lexislación urbanística, as infraestruturas necesarias para atender a solicitude, incluíndo as repotenciacións directas, corresponderán a NER, e serán por conta dos solicitantes, sen que proceda o cobramento de dereitos de extensión.
Estas NER serán custeadas polos solicitantes, e no caso de ser executadas por estes, deberán ser cedidas á empresa distribuidora da zona cando estas vaian ser utilizadas por máis dun consumidor. Non obstante, as repotenciacións directas serán en todo caso executadas polas empresas distribuidoras
A obriga do solicitante de sufragar o custo das instalacións de extensión da rede enténdese limitada á infraestrutura estritamente necesaria para atender a súa solicitude de subministración.
Considerarase infraestrutura estritamente necesaria aquela que se corresponde coa aplicación de modelos estandarizados, e para o seu cálculo aplicaranse os coeficientes de simultaneidade establecidos nos números 7 e 8 desta instrución.
Cando a empresa distribuidora considere oportuno dar unha dimensión á rede superior á necesaria para atender a demanda de potencia solicitada, será a empresa distribuidora quen custeará a dita superior dimensión.
Serán realizadas e custeadas pola distribuidora as actuacións de simple reforzo ou adecuación, por corresponder ao crecemento vexetativo segundo o establecido no número catro desta instrución.
De acordo co anteriormente exposto, o límite de infraestruturas que pagará o solicitante será, para cada caso, o establecido no seguinte cadro:
DEREITOS DE EXTENSIÓN
| B.T. | A.T. | |||
| P<100 kW | P>100 kW | P<250 kW | P>250 kW | |
| Solo urbanizado con servizos (certificado municipal) | Pagamento a baremo | Reserva de local A custa do solicitante | Pagamento a baremo | A custa do solicitante | 
| Outro tipo de solo | A custa do solicitante | A custa do solicitante | A custa do solicitante | A custa do solicitante | 
6. Resolución de conflitos.
Consonte a normativa aplicable correspóndelle ao xestor da rede de distribución a determinación do nivel de tensión e do punto de conexión. As discrepancias ao respecto entre solicitante e empresa deberán ser resoltas pola Administración.
O órgano competente para a resolución destes procedementos serán as correspondentes xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria da provincia onde se sitúe a petición da subministración.
Na resolución destas controversias a Administración deberá ter en conta os seguintes aspectos:
–As solicitudes de subministración deberán:
–Determinar a potencia solicitada de acordo coa normativa vixente.
–No caso de solicitudes de ata 100 kW en baixa tensión e 250 kW en alta tensión, en solo urbanizado, deberase acreditar mediante a correspondente certificación dos concellos, o cumprimento do requisito consistente na existencia previa de dotacións e servizos requiridos pola lexislación urbanística, definido segundo o establecido no artigo 12.3 da Lei 8/2007, do 28 de maio, do solo.
–A empresa distribuidora deberá xustificar suficientemente o punto de conexión elixido e a súa tensión de acordo con criterios obxectivos de capacidade, seguridade ou calidade da subministración. Para estes efectos, deberá achegar documentación técnica na cal se recolla:
–As infraestruturas eléctricas existentes, concretando a súa capacidade (definida como a capacidade do C.T. máis a da liña de M.T. máis próximas ao punto de conexión onde se solicite a subministración).
–As diferentes alternativas para realizar a alimentación eléctrica.
–A solución de alimentación eléctrica elixida.
–O punto de conexión.
–O nivel de tensión.
–As infraestruturas necesarias (novas ou de reforzo) que é preciso realizar.
A Administración analizará a dita documentación xustificativa e, de ser o caso, efectuará o labor de inspección sobre o terreo que sexa preciso.
De acordo co anterior, emitirase un informe técnico que analice as infraestruturas necesarias para atender a solicitude de subministración para cada caso concreto, de acordo cos criterios establecidos nesta instrución.
A Administración só se pronunciará sobre as partidas construtivas necesarias para atender a subministración, non sobre o seu importe.
7. Previsión de cargas eléctricas.
A acometida necesaria para atender unha nova subministración ou agrupación de subministracións, dimensionarase en función da carga total da instalación, entendida como a previsión mínima de potencia das citadas subministracións. Esta carga calcularase conforme o establecido nos seguintes puntos:
7.1. Edificios destinados a vivendas: aplicaránselles os coeficientes de simultaneidade recollidos na ITC-B.T.-10, sendo o grao de electrificación e a previsión de potencia establecidos conforme a ITC-B.T.-10.2.
7.2. En vivendas unifamiliares illadas (cada unha delas tería unha instalación de enlace independente): aplicaránselles os coeficientes de simultaneidade de 1, sendo o grao de electrificación e a previsión de potencia establecida conforme a ITC-B.T.-10.2.
7.3. En áreas de uso residencial (polígonos residenciais e urbanizacións):
A potencia prevista ou instalada en cada parcela será a suma das que resulten nas caixas xerais de protección (CXP) que existan ou se prevexan na devandita parcela. Para cada CXP, a potencia que se debe considerar calcúlase de acordo coa ITC-B.T.-10 do REBT.
O grao de electrificación das vivendas será o fixado polo técnico competente no proxecto correspondente, co mínimo de potencia establecido na ITC-B.T.-10.
7.4. En áreas de uso industrial (polígonos industriais, comerciais e de servizos): xa que estas áreas se desenvolven a través de instrumentos urbanísticos aprobados pola Administración competente en materia de urbanismo, onde se establecen os usos e fins das parcelas, ateranse a estas en canto os fins e actividades previstas en cada parcela, e será por conta do axente urbanizador determinar a potencia solicitada.
–Para o caso de edificios destinados a conter máis dunha actividade e con subministración en baixa tensión, tales como centros comerciais, centros de negocios, etc. ateranse ao establecido no R.D. 842/2002, que no número 4 da ITC-B.T.-10, establece que, de xeito xeral, a demanda de potencia determinará a carga que se preverá nestes casos que non poderá ser nunca inferior a 100 W/m2, cun mínimo por local de 3.450 kW a 230 V e coeficiente de simultaneidade 1 para o caso de edificios comerciais ou de oficinas, e de 125 W/m2, cun mínimo por local de 10.350 kW a 230 V e coeficiente de simultaneidade 1 para o caso de edificios destinados a concentración de industrias.
–Para o caso de subministracións a edificacións destinadas a unha única actividade, se non se coñece de antemán a potencia que hai que instalar nas parcelas esta será a que calcule o técnico que redacte o proxecto de electrificación, en función do uso previsto para a área de uso industrial e da planificación urbanística.
En todo caso para subministracións en baixa tensión a potencia que hai que prever, en todos os casos, corresponderase coa capacidade máxima da instalación, definida esta pola intensidade asignada do interruptor xeral automático, segundo se indica na ITC-BT-25, sendo as potencias as recollidas na Resolución do 8 de setembro de 2006, da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, pola que se modifica a do 14 de marzo de 2006, pola que se establece a táboa de potencias normalizadas para todas as subministracións en baixa tensión.
De acordo co establecido polo art. 46 do Real decreto 1955/2000, non se poderán establecer subministracións en baixa tensión con potencias superiores a 50 kW, salvo acordo coa empresa distribuidora.
Esta potencia é a que en calquera caso quedara adscrita ás parcelas. Se se produce segregación destas noutras de tamaño inferior, repartirase a devandita potencia adscrita entre as segregadas, conforme o seu tamaño ou uso previsto. Para calquera solicitude de potencia superior á adscrita, aplícase o disposto no art. 45 do Real decreto 1955/2000.
8. Dimensionamento das acometidas e extensións de redes de distribución
A acometida e a extensión da rede de distribución necesaria para atender unha solicitude de subministración, dimensionarase en función da potencia simultánea demandada polas instalacións ás cales vai alimentar.
Esta potencia simultánea calcularase multiplicando o valor da carga total das instalacións, determinada segundo o establecido no artigo anterior, por un factor denominado coeficiente de simultaneidade, que se corresponde cos indicados nos puntos seguintes:
8.1. Para as instalacións recollidas nos números 7.1, 7.2 e 7.3, a potencia demandada respecto ás instalacións será a seguinte:
1. Potencia demandada respecto á rede de baixa tensión: para cada liña de distribución en B.T. a potencia que hai que considerar calcúlase aplicando un coeficiente de simultaneidade de 0,8 sobre a suma das potencias previstas nas CXP que alimente, sempre que o número destas non sexa inferior a catro, caso en que o coeficiente que hai que considerar será a unidade. Terase en conta no cálculo a estrutura en anel da rede para o caso máis desfavorable, ademais do que se indica nas instrucións ITC-BT-06 e ITC-BT-07 do vixente REBT e nas normas particulares das empresas distribuidoras de enerxía eléctrica oficialmente aprobadas pola Administración.
No suposto de liñas subterráneas deberase prever sempre polo menos un tubo de reserva para o caso de que no futuro se produza algunha desviación da realidade co previsto.
2. Potencia demandada respecto ao centro de transformación: a potencia prevista para cada transformador nun centro de transformación calcúlase sumando as potencias previstas en todas as caixas xerais de protección que alimente, calculadas segundo o artigo 7, multiplicadas polo coeficiente 0,6; sempre que o número destas non sexa inferior a catro, caso en que o coeficiente será a unidade.
3. Potencia demandada respecto á rede de media tensión (U ≤ 30 kV): a potencia prevista para cada liña de media tensión calcularase sumando as potencias previstas dos centros de transformación (CC.TT.) que alimenten, multiplicado por 0,8; sempre que o número destes non sexa inferior a catro, caso en que o coeficiente será a unidade. Terase en conta no cálculo a estrutura en anel da rede para o caso máis desfavorable.
4. Potencia demandada respecto ás subestacións A.T./M.T.: a potencia prevista para cada transformador nas subestacións A.T./M.T. calcularase sumando as potencias previstas nos CC.TT. que alimenten, multiplicadas polo coeficiente de simultaneidade 0,65; sempre que o número destes non sexa inferior a catro, caso en que o coeficiente será a unidade.
8.2) Para as instalacións recollidas no número 7.4 (áreas de uso industrial), a potencia demandada respecto ás instalacións será a seguinte:
–En liñas de B.T. 0,8 sobre a suma das potencias previstas nas CXP que alimente, sempre que o número destas non sexa inferior a catro.
–En CC.TT. 0,7 sobre a suma das potencias previstas nas CXP que alimente, sempre que o número destas non sexa inferior a catro.
–En liñas de M.T. 0,9 sumando as potencias previstas dos centros de transformación (CC.TT.) que alimenten, sempre que o número destes non sexa inferior a catro.
–En subestacións 0,75 sumando as potencias previstas dos centros de transformación (CC.TT.) que alimenten, sempre que o número destes non sexa inferior a catro.
8.3) Para vivendas unifamiliares en núcleo rural:
Para determinar a infraestrutura que debe acometer o solicitante, solicitaráselle á empresa distribuidora unha táboa onde se recollan o número de subministracións, as potencias solicitadas en todas as saídas do C.T., coeficientes que aplica en cada tramo e as caídas de tensión.
Unha vez determinado o punto de conexión por parte da compañía distribuidora, comprobarase a caída de tensión existente nese punto (segundo a táboa que presenta a empresa).
A partir de aí realizarase a mesma táboa, incluíndo a potencia solicitada.
O reforzo que se debe executar será o correspondente a deixar no punto de conexión a caída de tensión inicial, modificando a rede existente.
Débense ter en conta as posibles singularidades, como granxas.
9. Agrupación de edificacións.
Xa que xurdiron controversias tanto en solo urbano coa condición de soar, para os efectos de reserva de local, como nos outros tipos de solos (reparcelacións ou segregación de parcela), en canto ao que se considera agrupación de edificios, cabe establecer que, co fin de evitar fraudes de lei pola división de edificacións co mesmo proxecto de execución, e tendo en conta o establecido polo artigo 46 do citado Real decreto 1955/2000 para un desenvolvemento racional e óptimo da rede, co menor custo e garantindo a calidade da subministración, así como os artigos 29, 172 e 195 da citada Lei 9/2002, en canto ás licenzas urbanísticas, considerarase, para os efectos de determinar os dereitos de extensión, que son unha única solicitude de subministración as que correspondan a edificacións que cumpran algunha das seguintes condicións: que o solicitante da subministración sexa o mesmo, que todas as edificacións teñan a mesma licenza urbanística ou que correspondan a unha actuación urbanística conxunta. Considerarase que as reparcelacións ou segregación de parcelas en solo de núcleo rural obedecen a unha actuación urbanística conxunta, con necesidade común de dotación de servizos, e deberán considerarse polo tanto unha única solicitude de subministración para todo o ámbito segregado.
Cando varias solicitudes coincidan no tempo e a súa solución teña un punto de conexión común a solución técnico - económica pode ser conxunta, sempre que isto implique unha optimización. Neste caso a repartición económico dos custos entre os solicitantes terá en conta a potencia solicitada e a situación das solicitudes respecto ás instalacións que se van realizar.
Esta instrución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de abril de 2011.
Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

 
					
					
					