Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Venres, 20 de maio de 2011 Páx. 10678

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorga a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa e se aproba o proxecto denominado Proxecto de autorización de instalacións: instalación de conexión a Mugardos e rede de distribución de gas natural no termo municipal de Mugardos (A Coruña).

Examinado o expediente instruído po instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF n.º A15383284 e enderezo para efectos de notificacións na rúa Lisboa, edificio Área Central, local 31 – HIJ, 15707 – Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

ANTECEDENTES DE FEITO

Primeiro. Con respecto á autorización da distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Mugardos (A Coruña), e ante as solicitudes presentadas en concorrencia por dúas empresas (Gas Galicia SDG, S.A. e Endesa Gas Distribución, S.A.U.), a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu, con data do 15 de novembro de 2010, o trámite de competencia a favor de Gas Galicia SDG, S.A., o que implica continuar coa tramitación do procedemento de autorización administrativa unicamente con esta empresa.

Segundo. O 14 de xaneiro de 2011 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou un novo proxecto, no que se refunde o proxecto e as addendas presentadas con anterioridade á resolución do trámite de competencia, denominado Proxecto de autorización de instalacións: instalación de conexión a Mugardos e rede de distribución de gas natural no termo municipal de Mugardos (A Coruña). As características básicas das instalacións son as seguintes:

A rede de gas deséñase en dous rangos de presión, 2 < MOP (Presión máxima de operación) ≤ 5 bar e 0,1 < MOP ≤ 2 bar, en tubaxe de polietileno de varios diámetros e cunha lonxitude de 18.103 m.

A rede de 2 < MOP ≤ 5 bar, cunha lonxitude de 9.707 m, componse das seguintes canalizacións:

–A instalación de conexión do núcleo urbano de Mugardos desde a rede de gas de Fene.

–Rede de distribución de gas no Seixo.

–Conexión á rede de alta presión e conexión á rede de Reganosa (punto de entrega de gas natural).

–Rede de distribución no núcleo urbano de Mugardos.

–A instalación de conexión da rede de gas de Mugardos á rede de gas de Ares.

A rede de 0,1 < MOP ≤ 2 bar, cunha lonxitude de 8.396 m, desenvólvese no núcleo urbano de Mugardos desde o ARM (Armario de regulación e medida) ata os diferentes clientes.

O seu orzamento ascende a oitocentos oitenta e cinco mil cento vinte e cinco euros con corenta e seis céntimos (885.125,46 €).

Terceiro. Aínda que a solicitude de Gas Galicia SDG, S.A. xa fora sometida ao trámite de información pública, mediante resolución da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas de data 12 de xuño de 2008 (publicada no DOG do 11 de agosto, no BOP do 6 de agosto e nos xornais La Voz de Galicia do 14 de agosto e Diario de Ferrol do13 de agosto, e exposta no taboleiro de edictos do concello), foi necesario realizar novamente este trámite de información pública porque o novo proxecto recolle modificacións substancias respecto do que foi sometido a dita información pública.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou, con data 25 de xaneiro de 2011, resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto denominado «Proxecto de autorización de instalacións: instalación de conexión a Mugardos e rede de distribución de gas natural no termo municipal de Mugardos (A Coruña)», que foi publicada no DOG do 14 de febreiro, no BOP do 16 de febreiro e nos xornais La Voz de Galicia e La Opinión da Coruña do 15 de febreiro de 2011. A dita resolución tamén estivo exposta ao público no taboleiro de edictos do concello de Mugardos durante o prazo de vinte días.

Durante o período de información pública non se presentaron alegacións.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas trasladou as separatas do dito proxecto ás distintas Administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, con bens e dereitos ao seu cargo, afectadas pola mencionada condución de gas, para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

Cuarto. O 15 de febreiro de 2011 o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en diante, departamento territorial) informou favorablemente sobre o devandito proxecto.

FUNDAMENTOS DE DEREITO

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio, e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, modificado polo Decreto 8/2011, do 23 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP) e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Outorgar á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa e aprobar o proxecto denominado «Proxecto de autorización de instalacións: instalación de conexión a Mugardos e rede de distribución de gas natural no termo municipal de Mugardos (A Coruña)», de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contado desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 17.702,51 €, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme ao previsto no artigo 73, número 4.º da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11, número 3.º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que, en xeral, sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os cumprimentan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Cuarta. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa, subscrito polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado n.º 1.130) e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Galicia con rexistro n.º 02/2011 e data do 12 de xaneiro de 2011.

Quinta.-Unha vez construídas as instalacións autorizadas, Gas Galicia SDG, S.A. deberá presentar a solicitude de posta en marcha ante o departamento territorial, quen deberá expedila, previas as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Previamente ao levantamento da acta de posta en marcha, o departamento territorial solicitará á empresa distribuidora os ensaios e probas oportunas, así como o certificado de dirección e remate de obra, asinado por técnico competente e visado polo colexio oficial correspondente, no que conste que a construción e montaxe das instalacións se efectuaron de acordo co proxecto correspondente, acreditando así mesmo, expresamente, o cumprimento das condicións técnicas e prescricións regulamentarias de aplicación.

Sexta. Gas Galicia SDG, S.A. deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data na que o departamento territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realizar as instalacións aprobadas.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34, número 1.º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas