A disposición adicional segunda, 2, da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE n.º 298, do 14 de decembro), especifica que a creación ou modificación dos ficheiros das administracións públicas só se poderá facer mediante a disposición xeral correspondente.
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) aprobou a regulación dos seus ficheiros para a súa adecuación á LOPD mediante Resolución do 24 de xuño de 2002 e resolucións posteriores.
A USC realiza actividades de investigación en diversos campos, e entre eles traballos sobre memoria histórica que poden dar lugar a resultados nos cales se aprecia que poderían figuran datos de carácter persoal.
Estes datos tratados refírense a feitos históricos, polo que lle é aplicable a lexislación de patrimonio histórico e de memoria histórica e se refiren a feitos anteriores a 1947 rescatados de varias fontes públicas (rexistros, tribunais...), polo que moitas das disposicións da LOPD e de creación deste ficheiro se deben enfocar desde esa perspectiva.
Na súa virtude, e co fin de dar cumprimento ao mandato legal do artigo 20 da LOPD, sobre creación ou modificación de ficheiros que conteñan datos de carácter persoal xestionados pola Universidade de Santiago de Compostela, e de lles asegurar aos administrados o exercicio dos seus lexítimos dereitos,
DISPOÑO:
Primeiro. Créase o Ficheiro de investigación histórica sobre os procesos de represión política durante a Guerra Civil en Galicia.
A súa descrición contense no anexo desta resolución, indicando o nivel de medidas de seguridade, en aplicación do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.
Segundo. O ficheiro que se indica no anexo rexerase polas disposicións xerais e instrucións que se detallen, e estará sometido, en todo caso, ás normas legais e aos regulamentos de superior rango que lles sexan aplicables.
Terceiro. A aprobación desta resolución non supón a supresión de ningún ficheiro de datos de carácter persoal, polo que non é necesaria a aplicación do disposto no artigo 20.3 da LOPD.
Cuarto. O ficherio ten finalidade científica e, ademais das cesións previstas para cada un dos ficheiros, poderanse realizar cesións sempre que así se recolla nunha norma ou para os efectos de lles remitir datos aos servizos estatísticos, tanto estatais coma da comunidade autónoma, para o desenvolvemento das funcións propias destes servizos ou entidades e cos límites establecidos na lei.
Quinto. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2011.
Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela
ANEXO
Ficheiro n.º 27 (Ficheiro de investigación histórica sobre os procesos de represión política durante a Guerra Civil en Galicia).
a) Identificación do ficheiro:
Ficheiro de investigación histórica sobre os procesos de represión política durante a Guerra Civil para crear unha base de datos de persoas afectadas e vítimas da Guerra Civil.
b) Órgano, ente ou autoridade administrativa responsable do ficheiro:
Vicerreitoría de Investigación. Universidade de Santiago de Compostela.
Praza do Obradoiro (Colexio de San Xerome) s/n.
15782 Santiago de Compostela.
A Coruña.
c) Órgano, servizo ou unidade en que se deberán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición:
Vicerreitoría de Investigación. Universidade de Santiago de Compostela.
Praza do Obradoiro (Colexio de San Xerome) s/n.
15782 Santiago de Compostela.
A Coruña.
d) Carácter informatizado ou manual estruturado do ficheiro:
Mixto.
e) Medidas de seguridade:
Medidas de nivel alto.
f) Tipos de datos de carácter persoal que se incluirán no ficheiro:
Datos de persoas incursas en procesos de represión política durante a Guerra Civil anteriores a 1947 e de terceiros que, se é o caso, coñecesen ou interviñesen nos feitos obxecto de estudo.
Datos especialmente protexidos: datos de ideoloxía, afiliación sindical de vítimas da Guerra Civil.
Datos de carácter identificativo: nome e apelidos, datos académicos e profesionais.
Outros tipos de datos: infraccións penais e administrativas.
g) Descrición detallada da finalidade do ficheiro e os usos previstos deste:
Xestión da investigación histórica sobre os procesos de represión política durante a Guerra Civil en Galicia para crear unha base de datos con fins científicos sobre vítimas da Guerra Civil.
h) Tipificación da finalidade e usos previstos:
Fins históricos, estatísticos ou científicos, educación e cultura, publicacións.
i) Persoas ou colectivos sobre os cales se pretende obter datos ou que resultan obrigados a subministralos:
Persoas incursas ou relacionadas con procesos de represión política obxecto de estudo científico e histórico, cidadáns.
j) Procedencia ou procedemento de recollida dos datos:
Rexistros públicos, administracións públicas, outras persoas físicas.
k) Órganos e entidades destinatarios das cesións previstas, indicando as transferencias internacionais:
Difusión de resultados da investigación.

