Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 31 de maio de 2011 Páx. 12495

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorga a Repsol Butano, S.A. a autorización administrativa e se aproba o novo proxecto de execución de estación de almacenamento de GLP e rede de distribución para a subministración de gas propano canalizado no termo municipal da Rúa (Ourense).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Repsol Butano, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na rúa Enrique Mariñas, 36, 2.º andar, local 1, 15009 A Coruña, resultan os seguintes

ANTECEDENTES DE FEITO

Primeiro. Con respecto á autorización da distribución de gas propano canalizado no termo municipal da Rúa (Ourense), promovida pola empresa Repsol Butano, S.A., ditáronse os seguintes actos administrativos:

–Con data do 1 de febreiro de 1996 a Consellería de Industria e Comercio outorgou a Repsol Butano, S.A. a concesión administrativa para a prestación do servizo público de subministración de gas propano comercial no termo municipal da Rúa (Ourense).

–Con data do 16 de maio de 1997 a Dirección Xeral de Industria resolveu aprobar o proxecto das instalacións do centro de almacenamento de GLP (gases licuados do petróleo) e rede de distribución no termo municipal da Rúa (Ourense).

Segundo. O 2 de xullo de 2010 a empresa Repsol Butano, S.A. solicitou a modificación do proxecto de execución das instalacións de almacenamento e distribución de GLP para a subministración de gas canalizado no termo municipal da Rúa (Ourense), para o que presentou o preceptivo proxecto das instalacións. As características básicas das instalacións son as seguintes:

  • Estación de almacenamento:

Situarase no predio denominado Filgueiriña, dentro do propio municipio da Rúa, e terá unha capacidade de almacenamento de 99 m3. Estará composta por dous depósitos aéreos cunha capacidade unitaria de 49,5 m3 e demais instalacións complementarias de valvularía, vaporización, regulación e control da presión. As características fundamentais de cada depósito son:

–Marca: LAPESA.

–Modelo: LP 50A-22.

–Forma: cilíndrica horizontal.

–Lonxitude: 13.720 mm.

–Diámetro: 2.200 mm.

–Volume: 49.500 l.

–Presión de deseño: 20 bar.

  • Rede de distribución:

A rede de distribución deséñase para admitir a distribución tanto de gas propano comercial como de gas natural.

A distribución de gas aos consumidores realizarase a través dunha rede única que, partindo da estación de almacenamento de GLP, se ramifica ata chegar a cada un dos consumidores por un único camiño.

A rede de distribución estará formada por tubaxe de polietileno de media densidade SDR-11, en diámetros de 110, 90, 63 e 40 mm, terá unha lonxitude de 6.647 m e a súa presión máxima de operación (MOP) será de 2 kg/cm2.

O seu orzamento ascende á cantidade de douscentos catro mil douscentos vinte e oito euros con cincuenta e seis céntimos (204.228,56 €).

Terceiro. O 17 de setembro de 2010 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu someter a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de referencia, que se publicou no DOG do 29.10.2010, no BOP de Ourense do 25.10.2010 e nos xornais La Voz de Galicia do 5.10.2010 e La Región do 6.10.2010.

A dita resolución tamén estivo exposta ao público no taboleiro de anuncios do concello da Rúa durante o prazo de vinte días, entre o 27 de setembro e o 2 de novembro de 2010.

Durante o período de información pública non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 9 de agosto de 2010 o Departamento Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria (en diante, departamento territorial) emitiu informe favorable sobre o proxecto de referencia.

FUNDAMENTOS DE DEREITO

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio, e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias IGC 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

–Outorgar á empresa Repsol Butano, S.A. a autorización administrativa e aprobar o novo proxecto de execución de estación de almacenamento de GLP e rede de distribución para a subministración de gas propano canalizado no termo municipal da Rúa (Ourense), de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Repsol Butano, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 4.084,57 €, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme ao previsto no artigo 46 bis, punto 5 da Lei 34/1998, do 7 de outubro.

Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11, punto 3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os completan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Cuarta. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa distribuidora (visado no Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais – Delegación de Lugo, con n.º 1530/2010 e data 16.6.2010) e subscrito polo enxeñeiro técnico industrial Iván Piñeiro Vázquez (colexiado n.º 372).

Quinta. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, Repsol Butano, S.A. deberá presentar a solicitude de posta en marcha ante a xefatura territorial, quen a deberá expedir, logo das comprobacións técnicas que considere oportunas.

Previamente ao levantamento da acta de posta en marcha, a xefatura territorial solicitará á empresa distribuidora os ensaios e probas oportunas, así como o certificado de dirección e remate de obra, en que conste que a construción e montaxe das instalacións se efectuaron de acordo cos proxectos correspondentes, e acreditarase así mesmo, expresamente, o cumprimento das condicións técnicas e prescricións regulamentarias de aplicación.

Sexta. Repsol Butano, S.A. deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes, contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas necesarias para realizar as instalacións aprobadas.

Oitava. A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34, punto 1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse, de ser o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas