Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 1 de xuño de 2011 Páx. 12558

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 100/2011, do 19 de maio, polo que se regula a distribución de competencias en materia de expedición de certificados para a comercialización e manipulación de gases fluorados e equipamentos baseados neles.

O 25 de xuño de 2010 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, polo que se regula a comercialización e manipulación de gases fluorados e equipamentos baseados neles, así como a certificación dos profesionais que os utilizan, o cal supón a implementación nacional das medidas recollidas no Regulamento (CE) 1005/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 16 de setembro de 2009, sobre as substancias que esgotan a capa de ozono, e o Regulamento (CE) 842/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de maio de 2006, sobre determinados gases fluorados de efecto invernadoiro.

Un dos elementos clave da citada norma son as certificacións a profesionais e a empresas que comercialicen e manipulen equipamentos de refrixeración, incendios, disolventes e de alta tensión baseados en gases fluorados que establecen o Regulamento (CE) n.º 1005/2009 e o Regulamento (CE) 842/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, elementos que entran no ámbito da formación, o emprego e a seguridade industrial.

Tendo en conta a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de protección ambiental, de acordo co artigo 27 do Estatuto de autonomía, nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución española, e para lograr un adecuado e racional exercicio das competencias sobre a dita materia, resulta necesario que estas sexan distribuídas entre os órganos da Administración xeral da comunidade autónoma e con esta finalidade se aproba este decreto.

Para os efectos de regular a referida distribución competencial cómpre distinguir entre as certificacións precisas para a manipulación de gases fluorados e equipamentos baseados neles e as que son necesarias para a súa distribución.

Así, en canto á manipulación, os certificados de empresa previstos nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 304/2008, da Comisión, do 2 de abril de 2008, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (CE) 842/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, os requisitos mínimos e as condicións de recoñecemento mutuo da certificación das empresas e o persoal no relativo aos sistemas fixos de protección contra incendios e os extintores que conteñan determinados gases fluorados de efecto invernadoiro, de conformidade coa disposición adicional primeira do Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, serán competencia da consellería competente en materia de industria da comunidade autónoma. Do mesmo xeito, os certificados de empresas previstos nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 303/2008 da Comisión, do 2 de abril de 2008, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (CE) 842/2006, do Parlamento e do Consello, os requisitos mínimos e as condicións de recoñecemento mutuo da certificación das empresas e o persoal no que se refire aos equipamentos fixos de refrixeración, aire acondicionado e bombas de calor que conteñan determinados gases fluorados de efecto invernadoiro, en virtude da disposición adicional primeira do Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, serán competencia da consellería competente en materia de industria da comunidade autónoma.

En canto ás certificacións persoais, a disposición adicional segunda do Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, sinala que as comunidades autónomas comunicarán ao Ministerio da Presidencia os órganos designados competentes, de conformidade cos artigos 4.3 e 7.1 do citado real decreto.

Deste xeito, cando o certificado persoal se obteña como consecuencia da expedición dun certificado de profesionalidade, será competente a consellería con competencias en materia de traballo, en virtude do artigo 25 do Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar. Así mesmo, se o certificado se obtén logo dunha formación regrada, a competencia será da consellería competente en materia de educación, de conformidade co artigo 7.2 do Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Finalmente, no que se refire á distribución, o artigo 9.1 do Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, dispón que, conforme o artigo 13.1 do Regulamento (CE) 1005/2009, do Parlamento Europeo e do Consello, do 16 de setembro de 2009, os distribuidores de halóns deberán ser especificamente autorizados polo órgano competente da súa comunidade autónoma para introducir halóns no mercado para o seu emprego nos usos críticos enumerados no anexo VI do citado regulamento. Deste xeito, no ámbito da Comunidade Autónoma galega a competencia corresponderalle á consellería competente en materia de industria, ao abeiro do artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

Na súa virtude, por iniciativa do conselleiro de Economía e Industria, da conselleira de Traballo e Benestar e do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de maio de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

O obxecto deste decreto é determinar os órganos competentes para emitir certificados de empresa e persoais para a manipulación de equipamentos de refrixeración, incendios, disolventes e de alta tensión baseados en gases fluorados, e autorizacións para a distribución de halóns.

Artigo 2. Competencia para emitir certificados de empresa.

1. Será competente para emitir os certificados de empresa previstos nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 304/2008, da Comisión, do 2 de abril de 2008, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (CE) 842/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, os requisitos mínimos e as condicións de recoñecemento mutuo da certificación das empresas e o persoal no relativo aos sistemas fixos de protección contra incendios e os extintores que conteñan determinados gases fluorados de efecto invernadoiro, a consellería competente en materia de industria da comunidade autónoma.

2. Será competente para emitir os certificados de empresa previstos nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 303/2008 da Comisión, do 2 de abril de 2008, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (CE) 842/2006, do Parlamento e do Consello, os requisitos mínimos e as condicións de recoñecemento mutuo da certificación das empresas e o persoal no que se refire aos equipamentos fixos de refrixeración, aire acondicionado e bombas de calor que conteñan determinados gases fluorados de efecto invernadoiro, a consellería competente en materia de industria da comunidade autónoma.

Artigo 3. Competencia para emitir certificacións persoais.

Os órganos competentes para outorgar certificacións persoais, de conformidade cos artigos 4.3 e 7.1 do Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, serán a consellería con competencias en materia de educación, cando a certificación se obteña como consecuencia dunha formación regrada, ou a consellería con competencias en materia de traballo, se a certificación se obtén como consecuencia da obtención dun certificado de profesionalidade.

Artigo 4. Competencia para o mantemento do rexistro das certificacións persoais expedidas.

Cada consellería competente para emitir a certificación persoal correspondente deberá manter un rexistro actualizado dos certificados expedidos ao abeiro do artigo 7.1 do Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, con respecto á normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 5. Competencia para autorizacións de centros autorizados previstos no artigo 8.2 do Real decreto 795/2010, do 16 de xuño.

Os órganos competentes para autorizar os centros ao abeiro do artigo 8.2 do Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, serán a consellería con competencias en materia de educación e a consellería con competencias en materia laboral.

Artigo 6. Competencia para emitir autorizacións para a distribución de halóns.

O órgano competente para autorizar a distribución de halóns no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 9.1 do Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, será a consellería con competencias en materia de industria.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de maio de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza