Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 3 de xuño de 2011 Páx. 12862

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2011 pola que se convoca o proceso de selección de entidades colaboradoras coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, para a xestión de subvencións destinadas ao acceso dos cidadáns a novas conexións a internet, e pola que se aproban as bases reguladoras das ditas subvencións, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2011 e 2012, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria (procedemento administrativo PR524A).

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, de conformidade co Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, exerce as competencias de liderado das iniciativas en materia da sociedade da información, así como as de fomento da innovación no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación.

Nesta resolución aplícase o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dependentes, en particular o referido ás comunicacións electrónicas.

O Programa operativo de Galicia 2007-2013 reitera que o desenvolvemento da Sociedade da Información constitúe un piar fundamental da Axenda de Lisboa polo seu efecto multiplicador sobre outros sectores, e recolle entre os seus obxectivos o acceso dos cidadáns ás tecnoloxías da información e as comunicacións que se desenvolverán mediante a concesión de axudas para a implantación e acceso á internet dos cidadáns.

Neste marco, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica está a impulsar unha serie de medidas dinamizadoras da sociedade da información, entre as que está esta convocatoria de axudas.

Nesta convocatoria prevense axudas para a contratación, durante un período mínimo de 12 meses, de novas conexións de internet.

No referente ás actuacións desta convocatoria é preceptivo indicar que estarán cofinanciadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 1 «Desenvolvemento da rconomía do voñecemento (I+D+i, dociedade da información e TIC)», tema prioritario 13 «Servizos e aplicacións para o cidadán», actuación 1.13.1. Polo tanto, a súa tramitación queda condicionada ao cumprimento da normativa da Unión Europea nesta materia.

En consecuencia, e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto convocar a selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión das subvencións para a promoción da contratación de novas conexións de internet para cidadáns, así como aprobar as bases reguladoras das ditas subvencións para os anos 2011 e 2012.

Para lograr a dita promoción arbítrase un programa de axudas nos anos 2011 e 2012, para a contratación, durante un período mínimo de 12 meses, do servizo da internet que teña asociada unha velocidade de transferencia de datos de, como mínimo, 1 Mbps no sentido da rede ao usuario (DL), considerando unha modalidade de acceso sen restrición horaria.

Artigo 2. Entidades colaboradoras.

As entidades colaboradoras terán como función a promoción da contratación e subministración do servizo de internet indicado no artigo 1 actuando como canle entre os destinatarios das accións subvencionables e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Esta colaboración estenderase desde a comprobación inicial dos requisitos documentais dos solicitantes da axuda, a realización ante a Secretaría Xeral dos trámites para solicitar a axuda, a execución das accións vinculadas á axuda, o aboamento da contía da axuda aos beneficiarios mediante o correspondente desconto nas respectivas facturas, a xustificación da axuda e a súa certificación ante a Secretaría Xeral. Con posterioridade, as colaboradoras recuperan da Secretaría Xeral os importes subvencionados.

As entidades que soliciten a adhesión e obteñan a consideración favorable da súa solicitude deberán posteriormente asinar un convenio de colaboración con esta secretaría xeral e acadarán a condición de entidades colaboradoras, con suxeición ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita Lei 9/2007. No dito convenio figurará necesariamente a asunción pola entidade colaboradora do custo correspondente á alta da liña e ao importe da tarifa correspondente ao primeiro mes de servizo de cada novo usuario.

Entenderase por entidades colaboradoras:

–Empresas privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, que teñan a súa sede social ou algún centro de traballo en Galicia, que realicen actividade económica con ánimo de lucro como operadores de telecomunicacións, que oferten servizos da internet na Comunidade Autónoma de Galicia coas características técnicas especificadas no artigo 1, e que acrediten os requisitos establecidos de solvencia técnica económica e eficacia recollidos no artigo seguinte.

Adicionalmente ao xa exposto, non poderán acadar a condición de entidade colaboradora as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial.

Artigo 3. Solvencia técnica e eficacia das entidades colaboradoras.

A acreditación da solvencia técnica e da eficacia da entidade colaboradora estará suxeita aos seguintes elementos:

a) Emprego dos medios electrónicos, informáticos e telemáticos dispostos pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para a presentación da solicitude de adhesión da entidade colaboradora, así como na tramitación e xestión das actuacións recollidas nesta convocatoria.

Estes medios estarán baseados en estándares de uso común e/ou amplamente difundidos, e recollerán polo menos o coñecemento e necesario emprego da sinatura electrónica, técnicas de escaneado e dixitalización de documentación, a navegación en ferramentas da internet e a integración co Rexistro Telemático da Xunta de Galicia.

b) Existencia de páxina web propia da entidade colaboradora.

c) Identificación da situación censual de alta da entidade colaboradora nunha epígrafe do imposto de actividades económicas relacionada co desenvolvemento do tipo de actividades recollidas nesta resolución.

d) Inscrición no Rexistro de Operadores da Comisión do Mercado das Telecomunicacións como provedor público de acceso a internet, así como a posesión dos títulos habilitantes para o uso do dominio público radioeléctrico, cando a solución técnica empregada pola entidade colaboradora para proporcionar o servizo subvencionable requira a utilización do dominio público radioeléctrico.

e) Existencia de sede e/ou puntos de venda ao público na Comunidade Autónoma de Galicia, desde onde se poidan desenvolver as actividades recollidas neste réxime de axudas.

f) Dispoñibilidade e emprego de certificado dixital de usuario por parte do representante legal da entidade colaboradora e por parte do interlocutor único que defina a propia colaboradora para o despacho cotián dos asuntos.

A acreditación da solvencia económica, dado que a participación da entidade colaboradora supón un desconto pola súa parte nas facturas emitidas aos destinatarios da axuda, para a recuperación posterior mediante xustificación ante a Secretaría Xeral, non será necesario que se acredite para estas actuacións.

Artigo 4. Prazo e forma de presentación de solicitudes de participación e comunicacións electrónicas na selección das entidades colaboradoras.

O prazo de presentación de solicitudes de participación será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As entidades interesadas en participar no presente procedemento poderán solicitar a súa consideración como entidade colaboradora presentando os formularios normalizados que figuran, exclusivamente para efectos informativos, como anexo III desta resolución.

De acordo co establecido no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dependentes, establécese a obrigatoriedade de comunicación por medios electrónicos ao seren as entidades colaboradoras empresas que, por razón da súa capacidade económica, técnica e dedicación profesional, teñen garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos.

Tendo en conta o anterior, as solicitudes presentaranse en formato electrónico, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, a través da aplicación informática correspondente a que se accede seleccionando o procedemento PR524A, dentro da ligazón de «Axudas» desta secretaría xeral, sita no enderezo da internet http://imit.xunta.es, ou aquel que poida substituílo, mediante sinatura electrónica do representante legal da entidade solicitante, téndose que cumprir os requisitos de «presentación electrónica das entidades colaboradoras» que se definen e achegan no anexo II, de acordo co establecido no artigo 24.2 do decreto de Administración electrónica.

3. Así mesmo, de acordo co disposto no artigo 24.2 antedito, tamén se utilizarán medios electrónicos para as seguintes comunicacións:

–Emenda de documentación.

–Alegacións ao trámite de audiencia.

Exclusivamente para as comunicacións sinaladas neste punto 3, a documentación presentarase a través do Servizo de Achegas de Documentación dispoñible na web da Secretaría Xeral (http://imit.xunta.es), ou accedendo directamente ao seguinte enderezo:

http://www.xunta.es/apps/axudas/login.do?cod_cons=PR&cod_proc=999A

Artigo 5. Contido e documentación nas solicitudes de participación das entidades colaboradoras.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse no lugar e prazo que se indican no artigo 4 da resolución de convocatoria.

2. As solicitudes estarán compostas polos formularios normalizados e o resto da documentación definida neste artigo. Nalgúns casos a documentación poderá identificaranse polo solicitante como «información accesible» (véxase anexo II) de xeito que a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica poderá acceder á dita documentación sen que sexa presentada polo solicitante. É altamente recomendable identificar como accesible toda a documentación posible, polos erros que se evitan ao solicitante, así como pola eficacia e eficiencia que pode acadarse na xestión administrativa. Considerando o anterior, as solicitudes deberán estar compostas pola seguinte documentación:

2.1. Formularios normalizados de solicitude obtidos a través da aplicación informática sinalada no artigo 2 da convocatoria, e que só terán validez se están debidamente asinados polo/s representante/s legal/is da entidade correspondente:

2.1.a. Anexo III (modelo normalizado da solicitude, 3 follas), que contén a seguinte información:

–Identificación do representante legal da entidade colaboradora.

–Datos de localización.

–Enderezo completo e datos de contacto da súa sede na Comunidade Autónoma de Galicia.

–Enderezo da páxina web propia da entidade colaboradora.

–Enderezo de correo electrónico do interlocutor único da entidade colaboradora.

–Identificación do interlocutor único da entidade colaboradora, que levará o despacho cotián dos asuntos tramitados baixo este réxime de axudas e que deberá dispor dun certificado dixital de usuario, para realizar os trámites telemáticos que se poidan establecer.

–Identificación da situación censual de alta da entidade colaboradora nunha epígrafe do imposto de actividades económicas relacionada co desenvolvido do tipo de actividades recollidas nesta resolución.

–Descrición cualitativa e cuantitativa sobre o volume de negocio desenvolvido durante o exercicio fiscal anterior con respecto ás actividades recollidas neste réxime de axudas.

–Relación da documentación que se achega en ficheiros electrónicos

2.1.b. Anexo IV (modelo de declaracións expresas, 1 folla), coa seguinte información:

–Declaración de que os datos presentados son certos.

–Declaración de que coñece as condicións da convocatoria e que cumpre cos requisitos establecidos.

–Declaración de non estar incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora recollidas nos númeroos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

–Autorización para obter información telemática con outras administracións públicas. sobre o cumprimento das obrigas tributarias estatais, autonómicas e coa Seguridade Social; ou denegación da dita autorización.

–Autorización para obter información telemática coa AEAT ou a través do SVDI dos datos informativos necesarios (NIF, DNI ou NIE, nome e apelidos ou razón social e domicilio fiscal).

–Declaración do cumprimento da normativa en materia de protección de datos de carácter persoal por parte da entidade colaboradora.

–Declaración da representación dos solicitantes.

Estes formularios normalizados presentaranse sen engadir novos datos e sen realizar emendas nin riscaduras no seu formato orixinal, o que será causa de inadmisión a trámite.

2.2. Documentación técnica adicional:

–Enderezo completo e datos de contacto dos seus puntos de venda ao público na Comunidade Autónoma de Galicia.

–Memoria en que se indique o modo de prestación de servizos da internet, localidades onde está dispoñible o servizo coas características técnicas exixidas no artigo 1, relación de medios humanos e materiais para a xestión do programa de axudas, así como unha descrición do procedemento para a recepción de solicitudes por parte dos interesados. Para estes efectos, indicarase un número de teléfono gratuíto para atender as solicitudes provenientes desta resolución, onde os interesados poidan contactar co operador para os efectos da subvención, tanto para informar sobre o procedemento de recepción de solicitudes como para atender e resolver as incidencias que puidesen xurdir durante o desenvolvemento e vixencia da colaboración coa entidade colaboradora. Neste teléfono débese poder atender o solicitante na lingua oficial escollida por este.

–Plan de comunicación en que se detallará o programa de difusión e a campaña divulgativa entre os potenciais usuarios.

2.3. Documentación acreditativa da solvencia técnica e económica da entidade colaboradora.

–Certificado de inscrición no Rexistro de Operadores da Comisión do Mercado das Telecomunicacións como provedor público de acceso a internet.

–Resolución de inscrición dos ficheiros no RXPD, en cumprimento da obriga de notificación disposta na Lei orgánica 15/1999.

–Acreditación de estar en disposición dos títulos habilitantes para o uso do dominio público radioeléctrico, cando a solución técnica empregada pola entidade colaboradora para proporcionar o servizo subvencionable requira a utilización do dominio público radioeléctrico.

–Certificado de clasificación empresarial outorgada pola Xunta Consultiva de Contratación Administrativa do Ministerio de Economía e Facenda: tipo V, servizos de tecnoloxía da información e comunicacións, subgrupo 4, servizos de telecomunicacións, e categoría D, anualidade media igual ou superior a 600.000 euros.

2.4. Documentación xurídico-administrativa da entidade colaboradora:

a) Documento/s público/s acreditativo/s do poder con que actúa o representante legal. Esta documentación deberá ser a de outorgamento do poder ou, de ser o caso, a de nomeamento do representante, e deberá estar en vigor na data de presentación da solicitude. A documentación ten que presentarse íntegra e nela deberá figurar expresamente a súa inscrición no rexistro que legalmente puidese corresponder.

b) NIF da entidade colaboradora.

c) DNI do representante legal, sen prexuízo do dereito a non presentar este documento segundo o Decreto 255/2008 (DOG n.º 221, do 13 de novembro) no caso de que o interesado o identifique como «información accesible» (véxase anexo II). Os estranxeiros residentes presentarán o NIE.

d) DNI do interlocutor único da entidade colaboradora para o despacho cotián dos asuntos tramitados baixo este réxime de axudas, sen prexuízo do dereito a non presentar este documento segundo o Decreto 255/2008 (DOG n.º 221, do 13 de novembro) no caso de que o interesado o identifique como «información accesible» (véxase anexo II). Os estranxeiros residentes presentarán o NIE.

e) Certificación bancaria da titularidade da conta onde se realizarían os ingresos da Secretaría Xeral á entidade colaboradora. A conta bancaria tamén poderá ser identificada nos formularios de solicitude como xa existente no sistema informático de xestión económica da Xunta de Galicia.

2.5. Certificados de estar ao día das obrigas coas administracións públicas.

Como caso xeral, estes certificados non teñen que ser achegados, xa que a solicitude de adhesión implica a autorización á Secretaría Xeral para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda.

Excepcionalmente, no caso de que o solicitante denegue expresamente a dita autorización, facéndoo constar nos propios formularios de solicitude, deberá achegar certificados acreditativos de:

–Estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

–Estar ao día nas súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

–Estar ao día nas súas obrigas e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

3. A documentación indicada nos puntos 2.2.3, 2.2.4 e 2.2.5 deste artigo, consonte os criterios de solvencia e eficacia, deberá anexarse mediante arquivos en formato PDF, que deberán obterse (pola entidade solicitante) como copias dixitalizadas a partir dos documentos orixinais, garantindo e responsabilizándose o solicitante da fidelidade co orixinal co emprego da súa sinatura electrónica avanzada ante o Rexistro Electrónico, todo isto de conformidade co disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos. Non obstante, poderá identificarse que xa se dispón desa documentación na Secretaría Xeral en aplicación do artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 6. Órganos competentes.

A Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información pertencente á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica será o órgano competente para a instrución do procedemento de selección das entidades colaboradoras, e corresponderalle á titular da Secretaría Xeral ditar a resolución que corresponda.

Artigo 7. Instrución do procedemento de selección das entidades colaboradoras.

A tramitación das solicitudes de participación efectuarase coas solicitudes presentadas dentro dos prazos establecidos nesta resolución.

De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude de adhesión non reúne algún dos requisitos exixidos nesta resolución requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5 desta resolución resulta que non se pode acreditar que o solicitante está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar documentación, logo de aplicarse o disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992.

Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderán requirirse as entidades solicitantes para que presenten cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Revisadas as solicitudes de participación e as emendas feitas en función dos cumprimento dos requisitos exixidos, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que estimen pertinentes. Porén, poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 8. Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que elevará á titular da Secretaría Xeral, quen ditará a correspondente resolución que conterá a consideración favorable de todas aquelas entidades solicitantes que reúnan os requisitos exixidos nesta convocatoria para as entidades colaboradoras.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de 6 meses contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. As resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro. Ao tratarse dun proceso selectivo, substituirase a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Coa publicación no DOG poderán remitirse os beneficiarios para que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 9. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas pola titular da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a titular da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 10. Aceptación ou renuncia e sinatura dun convenio de colaboración coas entidades colaboradoras.

A notificación da resolución ás entidades que sexan seleccionadas favorablemente incluirá a invitación da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica á sinatura dun convenio de colaboración para que acaden a condición de Entidades Colaboradoras, con suxeición ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita Lei 9/2007.

A notificación da resolución favorable establecerá un prazo máximo de 10 días para a sinatura do convenio de colaboración. Transcorrido o dito prazo sen que a entidade seleccionada asine o convenio entenderase que a entidade renuncia á súa sinatura. A notificación tamén establecerá o procedemento de sinatura do convenio.

O convenio de colaboración que se asinará recollerá o disposto nas bases reguladoras que se achegan como anexo I a esta resolución. Tamén recollerá os requisitos de personalidade, solvencia e eficacia que figuran nesta resolución.

Artigo 11. Publicación no DOG da relación de entidades colaboradoras e inicio das actuacións de axuda aos cidadáns.

No ano 2011, logo da sinatura do convenio de colaboración coas entidades colaboradoras, publicarase no DOG unha relación completa das entidades colaboradoras asinantes. O prazo de presentación das solicitudes de axuda quedará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta relación de entidades colaboradoras e permanecerá aberto ata o 31 de decembro ou ata que se esgote o crédito orzamentario. Neste último caso, as solicitudes presentadas entre a data de esgotamento do crédito e o 31 de decembro de 2011, inclusive, pasarán a formar parte dunha lista de espera e terán prioridade, por orde de presentación, para seren atendidas cando se abra o prazo correspondente ao ano 2012.

No ano 2012 o prazo de presentación de solicitudes quedará aberto desde o 2 de xaneiro ata o 30 de setembro, ou ata que se esgote o crédito orzamentario.

No caso de esgotamento do crédito, a Administración deberá publicar no DOG a indicada circunstancia, o que suporá a non admisión das solicitudes posteriores ao esgotamento do crédito, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 12. Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código PR524A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica a través das seguintes canles:

a) Páxina web oficial da Secretaría Xeral (http://imit.xunta.es), na súa epígrafe de «Axudas».

b) O teléfono 881 99 50 58 da dita secretaría xeral.

c) O enderezo electrónico «sxmit.axudas@xunta.es».

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde fóra de Galicia o 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a titular da Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información para que dite as instrucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Condicionamento do pagamento.

A adxudicación e pagamento da subvención a que se refiren estas bases quedará, en todo caso, condicionado á aprobación da modificación dos criterios de selección de operacións correspondente ao Programa operativo de Galicia Feder 2007-2013.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2011.

Mª Mar Pereira Álvarez
Secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión de subvencións aos cidadáns para novas conexións a internet, coa participacion de entidades colaboradoras

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións.

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a promoción do acceso dos cidadáns á internet.

Para lograr a dita promoción considérase a participación dun conxunto de entidades colaboradoras na xestión das subvencións e arbítrase un programa de axudas nos anos 2011 e 2012 para a contratación e permanencia de novas conexións a internet por parte dos cidadáns.

Estas bases reguladoras prevén o uso e aplicación de medios electrónicos nos procedementos de concesión e xustificación das axudas, con indicación dos trámites que se cumprirán por esta vía e os medios electrónicos e sistemas de comunicación que se utilizarán, de conformidade co artigo 14.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O procedemento de concesión das axudas reguladas ao abeiro desta orde quedará suxeito aos regulamentos (CE) 1080/2006 (DOUE 31-7-2006), 1083/2006 (DOUE 31-7-2006) e 1828/2006 (DOUE 15-2-2007), relativos ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e demais normativa vixente.

Artigo 2. Actuacións subvencionables e non subvencionables.

1. Consideracións xerais sobre as actuacións.

De conformidade co disposto no artigo 29 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada.

Os gastos subvencionables e non subvencionables defínense de acordo co establecido na Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE n.º 53, 1.3.2008).

2. Descrición das actuacións subvencionables.

Consideraranse como investimentos subvencionables a contratación da prestación dun servizo de conexión a internet durante un período de, polo menos, 12 meses. O dito servizo de conexión deberá ter asociada unha velocidade de transferencia de datos de, como mínimo, 1 Mbps en sentido da rede ao usuario (DL), considerando unha modalidade de acceso sen restrición horaria.

Non se considera subvencionable a contratación de tarifas de datos en teléfonos móbiles.

Dado que a primeira cota mensual correrá a cargo da entidade colaboradora, entenderase como investimento subvencionable as cotas mensuais dos 11 meses seguintes a partir do segundo. O custo do IVE considerarase investimento subvencionable ao non ser susceptible de recuperación ou compensación por parte dos cidadáns. En ningún caso o custo de contratación poderá ser superior ao valor de mercado.

Cada solicitante só poderá ser beneficiario dunha axuda ao abeiro deste réxime de axudas.

En todo caso, os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados con posterioridade á aprobación previa por parte da Secretaría Xeral.

Artigo 3. Beneficiarios.

1. Poderán solicitar e beneficiarse destas axudas as familias con domicilio na Comunidade Autónoma de Galicia cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 9.000 € que soliciten un novo acceso á internet, entendendo por renda per cápita familiar a renda familiar dividida entre o número de membros da unidade familiar computables.

Para os efectos do cálculo da renda per cápita, computarán por dous os membros da unidade familiar cunha discapacidade igual ou superior ao 33%, que acrediten unha pensión de incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez ou que teñan recoñecida a condición de pensionista de clases pasivas cunha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

Nesta convocatoria terase en conta o exercicio fiscal 2010 para os efectos de determinar a renda per cápita familiar.

A renda familiar obterase por agregación das rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas. Os membros da unidade familiar que presentasen declaración do imposto sobre a renda de 2010, para os efectos do cálculo da renda familiar sumarán os recadros 455 (base impoñible xeral) e o 465 (base impoñible do aforro) da declaración.

2. Para os efectos previstos nesta convocatoria, considérase que conforman a unidade familiar:

–Os pais non separados legalmente e, se for o caso, o titor ou persoa encargada da garda e protección do menor.

–Os fillos menores de idade, con excepción dos emancipados.

–Os fillos maiores de idade con discapacidade física, psíquica ou sensorial ou incapacitados xudicialmente, suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

–Os fillos solteiros menores de vinte e cinco anos e que convivan no domicilio familiar en 31 de decembro do ano 2010.

Cando non exista vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai e todos os fillos dos pais que convivan con eles e que reúnan os requisitos do punto anterior. No caso de que non exista convivencia deberá acreditarse documentalmente mediante o correspondente certificado de empadroamento, do mesmo xeito que se acreditará mediante certificado de defunción o falecemento dalgún dos proxenitores.

A separación ou divorcio acreditarase mediante sentenza xudicial que a determine ou convenio regulador onde conste a custodia do menor. No caso de separación ou divorcio dos proxenitores con custodia compartida acreditada mediante sentenza xudicial, as rendas de ambos os proxenitores incluiranse dentro do cómputo da renda familiar.

3. O domicilio de instalación da nova conexión deberá ser o de residencia, aspecto que se comprobará mediante coincidencia do dito enderezo no DNI ou no certificado de empadroamento expedido para o efecto. No dito domicilio non pode haber contratada ningunha conexión de internet de 1Mbps ou superior no momento de efectuar a solicitude nin ter sido dada de baixa polo solicitante (ou por calquera familiar dentro do cuarto grao de consanguinidade ou segundo grao de afinidade) polo menos nos tres meses anteriores á publicación desta convocatoria.

O novo contrato de conexión a internet deberá manterse por un período mínimo dun ano, contado desde a data de alta no servizo.

En todo caso, deberá tramitarse a solicitude exclusivamente a través de calquera das entidades colaboradoras que sexan seleccionadas pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica en procedemento público e aberto.

Concederase unha única subvención por unidade familiar.

Para poder ser beneficiario desta axuda será requisito que na súa residencia exista a posibilidade técnica de contratar unha conexión da internet cunha das operadoras de telecomunicacións adheridas ao programa.

Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, con independencia das comprobacións que preceptivamente deba efectuar o órgano xestor.

Artigo 4. Financiamento e concorrencia.

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica destinará para o financiamento destas axudas, que terán a modalidade de subvención, os créditos globais correspondentes ás aplicacións orzamentarias que se mencionan, coa seguinte distribución:

Aplicación orzamentaria

Denominación

Ano 2011

Ano 2012

04.70.571A.781.0

Achegas a familias e institucións sen fin de lucro

900.000 €

570.460 €

Este crédito está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2007-2013, eixo 1 «Desenvolvemento da economía do coñecemento (I+D+i, sociedade da información e TIC)», tema prioritario 13 «Servizos e aplicacións para o cidadán», actuación 1.

Estas cantidades poderán incrementarse en función das solicitudes presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito, e publicarase no DOG o aludido incremento na súa contía.

A intensidade da axuda será do 40% do custo da tarifa mensual de conexión a Internet a partir do segundo mes de servizo e ata completar un ano, cunha contía máxima de 180 € e condicionada á permanencia no servizo durante un ano. A alta da liña e o importe da tarifa correspondente ao primeiro mes será asumido pola entidade colaboradora.

As axudas recollidas nesta resolución serán compatibles con calquera outro tipo de axuda pública ou persoal que poida recibir o beneficiario para o mesmo investimento, sempre e cando a acumulación de axudas non supere a totalidade do custo elixible da operación e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas, na normativa nacional e comunitaria aplicable.

Ao estar este réxime de axudas dentro do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, os gastos cofinanciados por un fondo non poderán acollerse a outras axudas procedentes do mesmo fondo ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios, de conformidade co artigo 34 do Regulamento (CE) 1083/2006.

Artigo 5. Entidades colaboradoras.

As entidades colaboradoras terán como función a promoción da contratación e subministración do servizo de internet actuando como canle entre os beneficiarios das accións subvencionables e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Esta colaboración estenderase desde a comprobación inicial dos requisitos documentais dos solicitantes da axuda, a realización ante a Secretaría Xeral dos trámites para solicitar a axuda, a execución das accións vinculadas á axuda, o aboamento da contía da axuda aos beneficiarios mediante o correspondente desconto nas respectivas facturas, a xustificación da axuda e a súa certificación ante a Secretaría Xeral. Con posterioridade, as colaboradoras recuperan da secretaría xeral os importes subvencionados.

As entidades colaboradoras serán seleccionadas por convocatoria que se publicará no DOG, e deberán posteriormente asinar un convenio de colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, con suxeición ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Entenderase por entidades colaboradoras as empresas privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, que teñan a súa sede social ou algún centro de traballo en Galicia, que realicen actividade económica con ánimo de lucro como operadores de telecomunicacións, que oferten servizos de internet na Comunidade Autónoma de Galicia coas características técnicas especificadas no artigo 1 da convocatoria e que acrediten, así mesmo, os requisitos establecidos de solvencia técnica, económica e eficacia recollidos neste artigo.

Adicionalmente ao xa exposto, non poderán acadar a condición de entidade colaboradora as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial.

A acreditación da solvencia técnica e da eficacia da entidade colaboradora estará suxeita aos seguintes elementos:

a) Emprego dos medios electrónicos, informáticos e telemáticos dispostos pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para a presentación da solicitude de adhesión da entidade colaboradora, así como na tramitación e xestión das actuacións recollidas nesta convocatoria.

Estes medios estarán baseados en estándares de uso común e/ou amplamente difundidos, e recollerán cando menos o coñecemento e necesario emprego da sinatura electrónica, técnicas de escaneado e dixitalización de documentación, a navegación en ferramentas da internet e a integración co Rexistro Telemático da Xunta de Galicia.

b) Existencia de páxina web propia da entidade colaboradora.

c) Identificación da situación censual de alta da entidade colaboradora nunha epígrafe do imposto de actividades económicas relacionada co desenvolvemento do tipo de actividades recollidas nesta resolución.

d) Inscrición no Rexistro de Operadores da Comisión do Mercado das Telecomunicacións como provedor público de acceso a internet, así como a posesión dos títulos habilitantes para o uso do dominio público radioeléctrico, cando a solución técnica empregada pola entidade colaboradora para proporcionar o servizo subvencionable requira a utilización do dominio público radioeléctrico.

e) Existencia de sede e/ou puntos de venda ao público na Comunidade Autónoma de Galicia, desde onde se poidan desenvolver as actividades recollidas neste réxime de axudas.

f) Dispoñibilidade e emprego de certificado dixital de usuario por parte do representante legal da entidade colaboradora e por parte do interlocutor único que defina a propia colaboradora para o despacho cotián dos asuntos.

A acreditación da solvencia económica, dado que a participación da entidade colaboradora supón un desconto pola súa parte nas facturas emitidas aos beneficiarios, para a recuperación posterior mediante xustificación ante a secretaría xeral, non será necesario que se acredite para estas actuacións.

Artigo 6. Forma e prazo de presentación das solicitudes dos cidadáns.

1. A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica propiciará solucións telemáticas avanzadas a través de ferramentas das tecnoloxías da información e as comunicacións que permitan optimizar os procedementos de tramitación de expedientes de subvencións, e que garantan a máxima difusión e publicidade desta iniciativa.

2. Para ser beneficiario o interesado deberá tramitar a súa solicitude exclusivamente a través de calquera das entidades colaboradoras que sexan seleccionadas para este réxime de axudas, mediante algunha das seguintes modalidades:

–Solicitude presencial, a través dun dos distribuidores das entidades colaboradoras.

–Solicitude telefónica, a través dun dos teléfonos gratuítos habilitados para o efecto por parte das entidades colaboradoras. No caso de escoller esta modalidade de solicitude, o solicitante non precisará achegar ningunha documentación debendo declarar toda a documentación como «información accesible» (véxase anexo II).

3. A solicitude da axuda presentarase conxuntamente coa solicitude de alta no servizo da internet. Para cada solicitude dos interesados, as colaboradoras presentarán un proxecto de avaliación previa ante a Secretaría Xeral. Necesariamente a execución do investimento subvencionado deberá realizarse unha vez obtida a correspondente aprobación por parte da Secretaría Xeral, e non se aceptarán investimentos realizados con anterioridade.

4. Para os efectos anteriores, as entidades colaboradoras comprobarán a idoneidade da documentación dos solicitantes para ser beneficiarios, para o cal obterán do solicitante o seguinte:

a) Nome e apelidos, NIF ou NIE, do solicitante e dos membros da unidade familiar; enderezo completo para efectos de notificación, enderezo da vivenda que se vai dotar de conexión a internet.

b) Datos e características do servizo de conexión a internet que se vai contratar.

5. Ademáis do anterior, o solicitante deberá identificar como «información accesible» (véxase anexo II) ou, en caso contrario, presentar a seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou NIE do beneficiario e dos demais membros da unidade familiar.

b) Certificado de empadroamento dos membros da unidade familiar.

c) Copia da última declaración da renda dos membros da unidade familiar.

6. Unha vez obtida a documentación anterior, a entidade colaboradora solicitará a avaliación previa a través da aplicación informática que facilitará para o efecto esta secretaría xeral e o acceso á cal virá definida no convenio de colaboración, sen prexuízo de posteriores modificacións.

7. Así mesmo, as colaboradoras obterán un documento de declaracións, autorizacións, aceptación e sometemento ás condicións establecidas nesta resolución, que deberá ser aceptado polo solicitante no caso de solicitude telefónica, ou asinado e remitido posteriormente á secretaría xeral co resto da documentación requirida para a xustificación da axuda, no caso de solicitude presencial. O dito documento conterá polo menos a seguinte información:

1. Declaración expresa de axudas solicitadas, obtidas ou que se vaian solicitar para o mesmo proxecto en calquera outra Administración, entes públicos persoais, nacionais ou internacionais.

2. Declaración de estar incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora recollidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007.

3. Declaración expresa de que no domicilio en que se solicita a subvención non hai contratada ningunha conexión de 1Mbps ou maior no momento de efectuar a solicitude nin foi dada de baixa polo solicitante (ou por calquera familiar dentro do cuarto grao de consanguinidade ou segundo grao de afinidade) polo menos nos tres meses anteriores á publicación desta convocatoria.

4. Declaraciónque identifique os membros da unidade familiar.

5. Que autoriza a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para acceder á documentación que identifica como «información accesible», cando sexa de aplicación (véxase anexo II).

8. Para os trámites que se realizarán na aplicación informática mencionada no número 6 deste artigo, o interlocutor da colaboradora necesitará posuír e empregar un certificado dixital, en vigor, conforme co disposto no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se crea o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

9. O prazo de presentación de solicitudes de avaliación previa por parte das entidades colaboradoras ábrese a partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación íntegra das ditas entidades, nos termos que se recollan na súa convocatoria de selección.

A data límite para a realización da reserva é o 30 de setembro de 2012, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito previsto no artigo 2 das bases reguladoras Neste caso, informarase do peche adiantado do prazo de solicitude mediante a páxina web da SXMIT.

Artigo 7. Procedemento de concesión das axudas.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, que establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán excepcionar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 desta lei, e facendo uso da tramitación prevista no artigo 22 da dita lei.

As solicitudes de avaliación previa revisaranse en función do previsto neste réxime de axudas e da adecuación ás condicións xerais do mercado dos investimentos solicitados. A Secretaría Xeral aprobará, ou non, estas solicitudes previas de axuda en función da revisión efectuada, así como das dispoñibilidades orzamentarias. Atenderanse as solicitudes seguindo a orde de presentación ata esgotar o crédito dispoñible. Poderán empregarse procedementos telemáticos automáticos de revisión das solicitudes de avaliación previa, que permitan a aprobación dentro dos criterios establecidos neste réxime de axudas, así como a notificación da dita aprobación ás entidades colaboradoras, segundo o disposto na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. As notificacións telemáticas ás entidades colaboradoras terán lugar cos efectos legais previstos no artigo 28 da citada Lei 11/2007, sen menoscabo do dereito que o asiste a entidade colaboradora para requirir que a notificación fose efectuada por outros medios, de acordo co disposto no númeroo 4 do artigo 28.

No momento en que a Secretaría Xeral esgote a consignación orzamentaria establecida no artigo 4 destas bases reguladoras, para cada anualidade, porao en coñecemento das colaboradoras e non aprobando ningunha nova solicitude, sen menoscabo da tramitación ordinaria das aprobacións previas xa comunicadas.

Adicionalmente, no caso de esgotamento do crédito, a Administración deberá publicar no DOG a indicada circunstancia, o que levará consigo a non admisión das solicitudes posteriores ao esgotamento do crédito, sen prexuízo de que a administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

c) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

d) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Verificado o cumprimento das condicións de beneficiario e a reserva de fondos dispoñibles, notificarase a concesión da solicitude e a entidade colaboradora disporá dun prazo máximo dun mes para dar de alta o servizo.

Se aprobada a solicitude, a operadora non pode atender o compromiso contraído de ofrecer o servizo de internet, xa sexa por motivos técnicos ou de prazos, esta deberá comunicalo coa maior brevidade posible tanto a esta secretaría xeral como ao solicitante, para que o interesado poida optar por contratar con outra operadora das adheridas ao programa, sempre que se encontre dentro do prazo habilitado para a súa realización. A non observación deste punto poderá dar lugar á perda da condición de colaboradora.

A aprobación previa recollida neste artigo concede á colaboradora un prazo de 2 meses para a alta da liña e a xustificación da primeira factura correspondente á solicitude aprobada, desde a data de aprobación, que poderá ser verificada en todo momento polas colaboradoras na citada aplicación informática. O incumprimento do dito prazo no proceso de xustificación suporá de xeito automático a desistencia da tramitación da aprobación previa e corresponderá ao seu arquivo por parte da secretaría xeral.

Artigo 8. Desenvolvemento das actuacións.

Unha vez que unha actuación conte coa aprobación previa, as colaboradoras darán de alta a correspondente liña, comezarán a prestar o servizo e periodicamente emitirán as preceptivas facturas.

A contía da axuda aprobada será descontada pola colaboradora, no momento da emisión de cada factura mensual ao beneficiario, como unha redución na cantidade que se ingresará do importe total da factura. Esta redución calcularase aplicando un desconto do 40% sobre a tarifa mensual de conexión durante os once meses seguintes ao primeiro desde a alta do servizo, ou ata que chegue a unha axuda acumulada máxima de 180 €, segundo o establecido no artigo 4 destas bases reguladoras.

Non será posible traspasar o incentivo dunha operadora que sexa entidade colaboradora a outra operadora, aínda que esta tamén o sexa e non se teña feito uso, no momento do traspaso, do total dos meses de conexión incentivados. Igualmente, a interrupción do contrato, antes do fin do total dos meses incentivados, e o cambio da oferta contratada por outra inferior terá como consecuencia a perda da totalidade da subvención, aínda que posteriormente se renove o contrato ou se continúe este coa nova oferta.

Se a permanencia en alta no servizo da internet dun beneficiario non alcanza a duración de 12 meses, isto suporá a perda da totalidade da subvención concedida. Igual consecuencia terá a falta de pagamento de dous recibos mensuais sucesivos, así como a interrupción do contrato de conexión.

Calquera modificación sobrevida nos datos incluídos na solicitude de avaliación previa (por exemplo, erro nos datos do beneficiario, nos importes, na oferta que se subvencionará, etc) implicará a anulación da solicitude pola entidade colaboradora, e deberá proceder á presentación dunha nova solicitude de avaliación previa.

Artigo 9 . Xustificación e pagamento das axudas ás entidades colaboradoras.

Para solicitar o aboamento das cantidades subvencionadas aos beneficiarios, as entidades colaboradoras presentarán ante a Secretaría Xeral a seguinte documentación:

a) Certificación emitida polo interlocutor único das liñas dadas de alta, cunha relación detallada por beneficiario en que se inclúan os seguintes datos: código de expediente, identificación do número da primeira factura, data da primeira factura, contía desta e observacións complementarias.

b) Certificación emitida polo interlocutor único de que a entidade colaboradora dispón da seguinte documentación en formato papel e copia informática ou, de ser o caso, en gravación telefónica, que lle poderá ser requirida pola Secretaría Xeral ou por calquera dos órganos de control en calquera momento:

–Copia do DNI ou NIE, en vigor, en que conste o domicilio dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do dereito a non presentar este documento segundo o Decreto 255/2008 (DOG n.º 221, 13.11.2008) no caso de que o interesado o identifique como «información accesible» (véxase anexo II) ou, de ser o caso, certificado de empadroamento.

–Documento da aceptación expresa de condicións, asinada polo beneficiario.

c) Copia en soporte informático, en formato PDF ou calquera outro que se poida indicar no convenio, da factura emitida, na cal deberá estar acreditada a publicidade con fondos Feder (véxase anexo II- Obrigas de publicidade).

Admitirase, así mesmo, a documentación sobre facturas e pagamentos electrónicos sempre que cumpran os requisitos exixidos para a súa aceptación no ámbito tributario.

Adicionalmente, unha vez esgotado o período subvencionado, as colaboradoras deberán ter achegado a totalidade das facturas emitidas no período incentivado.

A Secretaría Xeral poderá solicitar da colaboradora ou do beneficiario calquera información complementaria que poida considerar durante a tramitación do convenio.

A falsidade ou inexactitude nos datos recollidos nas solicitudes de aprobación previas así como nas certificacións citadas poderá dar lugar á anulación da adhesión da colaboradora ao convenio, así como á aplicación do réxime sancionador previsto na normativa de aplicación en materia de subvencións públicas.

Habilitarase un mecanismo de presentación telemática da xustificación das axudas que facilite tamén a presentación agrupada dos proxectos, e que será de uso obrigatorio para as colaboradoras.

As axudas aos beneficiarios atenderanse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, ou 2012 segundo corresponda.

Segundo o disposto no artigo 7 destas bases reguladoras, a aprobación previa dun proxecto concede á colaboradora un prazo de 2 meses para a alta da liña e a xustificación da primeira factura do dito proxecto, polo que a colaboradora terá que ir xustificando os proxectos conforme os vaia realizando.

O incumprimento do dito prazo no proceso de xustificación suporá de xeito automático a desistencia das aprobacións previas en curso e procederase o seu arquivo por parte da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

A Secretaría Xeral de Modernización en Innovación Tecnolóxica poderá verificar polos medios que se consideren oportunos que o proceso se levou a cabo segundo o establecido. Comprobada a documentación e o proceso, se procede, esta secretaría xeral realizará periodicamente propostas de pagamento polo total da subvención concedida para reintegrar ás entidades colaboradoras os importes das axudas anticipadas por estas. Estas contías que ingresará a Xunta de Galicia ás entidades colaboradoras non supoñen ningún tipo de subvención ás ditas entidades, senón que é unha subvención aos beneficiarios finais.

Cando se produzan as causas indicadas no segundo parágrafo deste artigo que leven á perda do incentivo por parte do solicitante, a entidade colaboradora debe notificalo a esta secretaría xeral. Neste caso, se a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica xa tivese transferido o importe correspondente ao incentivo, regularizarase a situación de oficio no seguinte pagamento á entidade colaboradora ou, de ser o caso, esta reintegrará o importe total correspondente ás baixas ocorridas, sen que se poidan reclamar á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

Con carácter xeral, realizaranse pagamentos parciais á conta da liquidación final nas condicións establecidas no artigo 31.6 da Lei 9/2007. O aboamento da subvención farase efectivo da seguinte forma:

O pagamento do incentivo do 40% do custo da conexión ata un máximo de 180 €, realizarao a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, mediante aboamento á operadora adherida coa cal o beneficiario teña contratado a conexión a internet, por cesión deste, nas condicións establecidas nas bases reguladoras. O pagamento efectuarase por transferencia bancaria á conta da operadora adherida, indicada por esta no proceso de adhesión.

A operadora destinará o importe do incentivo a minorar o custo da conexión a internet contratada polo beneficiario.

Esta circunstancia reflectirase nos correspondentes recibos mensuais emitidos pola operadora, os cales conterán o código de expediente correspondente.

Para o pagamento das axudas aprobadas por parte da Secretaría Xeral ás colaboradoras, en referencia á acreditación por parte dos beneficiarios de estar ao día das obrigas coa Facenda Pública do Estado e da Administración autónoma así como coa Seguridade Social, observarase o disposto no artigo 49.Un.i) da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, sobre a exención do dito trámite no caso de axudas con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo VII, «Transferencias de capital», destinadas a familias e institucións sen fins de lucro, cando non superen os 3.000 euros individualmente.

Procederase ao reintegro das subvenciones percibidas nos supostos establecidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 10. Garantías.

Dado que a colaboración recolle a entrega ou distribución dos fondos, de conformidade co disposto no artigo 72.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá eximirse da presentación de garantías tras a aprobación ao respecto do Consello da Xunta.

Artigo 11. Órganos competentes.

A entidades colaboradoras participan na xestión deste réxime de axudas nos termos previstos nestas bases reguladoras.

A Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, pertencente á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponderalle ao titular da Secretaría Xeral ditar a resolución que corresponda.

Artigo 12. Incumprimento, reintegros e sancións.

O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de se o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II «Do reintegro de subvencións» da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da dita Lei 9/2007.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Os beneficiarios someteranse ás actuacións de inspección e control que esta secretaría xeral poida efectuar respecto á xestión destas axudas, e que permitan a xustificación financeira ante a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e o Tribunal de Contas, de acordo co establecido na Lei 9/2007.

b) A falsidade ou inexactitude nos datos e documentos presentados polos beneficiarios poderá dar lugar á anulación da aprobación previa, ou ben con posterioridade á revogación da axuda e ao seu reintegro, así como á aplicación do réxime sancionador previsto na normativa en materia de subvencións públicas.

c) De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, os beneficiarios consenten a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar excepto nos supostos legalmente establecidos.

d) O beneficiario deberá manter o contrato do servizo subvencionado, durante un período mínimo de 12 meses. Necesariamente o servizo será proporcionado para domicilios situados en Galicia.

e) Os beneficiarios deben encontrarse ao día do pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado, da Administración autónoma así como coa Seguridade Social, sen menoscabo do recollido no artigo 49.Un.i) da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

f) Os beneficiarios deberán conservar a documentación por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, tal como se define no artigo 89, número 3, do Regulamento 1083/2006, do Consello, e deberán restituír a subvención outorgada nos casos en que concorra causa de reintegro.

g) Os beneficiarios deberán presentar declaración das axudas obtidas e solicitadas para o mesmo investimento en calquera outra Administración, organismo ou ente público ou privado

Artigo 14. Obrigas das entidades colaboradoras.

Son obrigas das entidades colaboradoras:

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 12 da Lei 9/2007, así como daquelas outras específicas que se indiquen no anexo desta convocatoria, as entidades colaboradoras das axudas concedidas ao abeiro desta resolución quedarán obrigadas a:

a) As entidades colaboradoras someteranse ás actuacións de inspección e control que esta secretaría xeral poida efectuar respecto á xestión destas axudas, e que permitan a xustificación financeira ante a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e o Tribunal de Contas, de acordo co establecido na Lei 9/2007.

b) As entidades colaboradoras realizarán todos os trámites ante a Secretaría Xeral para a obtención das axudas por parte dos solicitantes. Así mesmo, verificarán que estes reúnen os requisitos establecidos nesta resolución para ter a condición de beneficiarios, e emitirán certificación da verificación feita. Para isto obríganse a presentar as solicitudes para a súa aprobación previa pola Secretaría Xeral, tal como se recolle no artigo 7 das bases reguladoras, e a presentar a documentación xustificativa do desenvolvemento, tal como se recolle no artigo 9 deste anexo.

c) As colaboradoras deben estar ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado e da Administración autónoma, así como coa Seguridade Social.

d) Comunicar calquera variación substancial relativa á información inicial presentada en relación coa solicitude de adhesión.

e) Achegar trimestralmente á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica a relación e documentación xustificativa dos pagamentos realizados polos beneficiarios durante o trimestre anterior.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos temos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de control e comprobación da pista de auditoría sobre os gastos.

g) As colaboradoras deberán conservar os xustificantes e o resto da documentación relacionada coa axuda outorgada durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, tal como se define no artigo 89, número 3 do Regulamento 1083/2006.

h) As colaboradoras cumprirán as obrigas en materia de protección de datos de carácter persoal derivadas da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e da normativa aplicable.

i) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que se deriven da execución do proxecto, por existir cofinanciamento entre a Unión Europea-Feder e Xunta de Galicia. Seguiranse as indicacións recollidas nas «obrigas de publicidade» (véxase anexo II).

As colaboradoras deberán tamén cumprir as obrigas específicas de publicidade recollidas no artigo seguinte.

Artigo 15. Plan de comunicación e obrigas específicas de publicidade.

1. Co obxecto de dar a coñecer dunha maneira máis efectiva as características desta subvención aos seus posibles destinatarios, as entidades colaboradoras elaborarán un plan de comunicación e divulgación, que deberá ser presentado xunto coa solicitude de adhesión, no cal se indicará os medios técnicos e recursos dispoñibles, detallaranse as canles de comercialización que van utilizar e as accións que se executarán respecto de cada un deles, baixo a supervisión da SXMIT, e establécense os seguintes requisitos mínimos:

–As entidades colaboradoras disporán na súa web de información suficiente respecto ao alcance desta subvención (cantidade subvencionada, requisitos e obrigas dos beneficiarios, condicións da subvención, vixencia, etc), das accións que se desenvolverán para solicitar a axuda, as distintas modalidades de servizo e as tarifas asociadas. Xunto con esta información, manterase un vínculo cun sitio da internet da Secretaría Xeral (http://imit.xunta.es), ou outro que se poida definir no convenio, onde se facilite información detallada. Así mesmo, disporán cando menos dun teléfono e un enderezo de correo electrónico para canalizar as consultas dos interesados.

–As entidades colaboradoras tamén disporán na súa web dunha listaxe de todos os puntos de venda coa súa correspondente localización e teléfono de contacto, ou na súa falta unha aplicación onde o interesado poida consultar de forma directa o punto de venda máis próximo ao seu domicilio.

–Disporase nos puntos de venda de materiais específicos descritivos da oferta (folletos, carteis, etc.).

Para todo o establecido neste punto, seguiranse as indicacións recollidas nas «obrigas de publicidade» (véxase anexo II).

2. En todas as canles de comercialización que se establezan no plan de comunicación, incluíndo a PLV (publicidade no lugar de venda), telemarketing, cuñas de radio, correspondencia a domicilio e correos electrónicos de forma masiva, deberase referenciar a participación da Xunta de Galicia e a Unión Europea–Feder sempre que se publicite unha promoción subvencionada, mediante unha mensaxe previamente aprobada pola SXMIT, e na que se recolla a entidade promotora da subvención e as condicións desta.

3. As entidades colaboradoras presentarán unha campaña publicitaria con insercións nos xornais de maior tiraxe das provincias onde cada colaboradora dea servizo e cuñas de radio en polo menos dúas emisoras de ámbito galego, nas cales se faga referencia ás promocións subvencionadas indicando o cofinanciamento da Xunta de Galicia e os Fondos Feder. Esta mensaxe será consensuada coa SXMIT, que recibirá un planning de insercións pechado con datas e medios.

4. Do mesmo xeito, cando se solicite a contratación de calquera servizo obxecto de subvención as entidades colaboradoras deben informar sobre a axuda, independentemente da canle de contratación empregada, mediante a mensaxe antes comentada.

Esta mensaxe informativa da axuda debe conter independentemente da canle de comercialización ou contratación empregada, polo menos, información sobre a contía da axuda e as súas condicións, así como a vixencia da axuda (2012 ou esgotamento de fondos) e cofinanciamento da Xunta de Galicia e os fondos Feder.

5. As entidades colaboradas estarán obrigadas a entregar á SXMIT un informe de seguimento do plan de comunicación coa periodicidade que esta determine, no cal se indicará o detalle das actividades de comunicación e divulgación realizadas en cada un das canles establecidas para a súa aprobación por ela.

6.Na factura emitida pola colaboradora ao beneficiario, deberá atribuírse explicitamente a orixe da dita axuda á Xunta de Galicia e á Unión Europea, mediante o programa Feder. Para isto incluirase a frase «Subvención novos accesos da internet mediante banda larga. Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e Unión Europea – Feder», e a continuación indicarase a contía da axuda expresada en euros, cos límites establecidos no artigo 4 destas bases reguladoras (40% do investimento e ata 180 €).

O incumprimento das obrigacións de comunicación e publicidade durante o período de vixencia da subvención poderá levar á perda da condición de entidade colaboradora.

Conforme a normativa autonómica, estatal e europea en materia de axudas públicas, a Secretaría Xeral establecerá as canles de publicidade desta convocatoria conforme os medios que sexan necesarios, incluíndo a información sobre as entidades colaboradoras e sobre os beneficiarios e as contías percibidas, empregando medios electrónicos e mesmo a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 16. Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 17. Consentimentos e autorizacións dos solicitantes das axudas.

1. Coñecemento da convocatoria. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos nela recollidos e a responsabilidade sobre a inclusión dos ditos datos, mesmo a responsabilidade que se asume por posibles erros realizados a título de simple neglixencia.

2. Publicidade de axudas e sancións. De conformidade co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consente expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

Tamén, de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007.

Igualmente, as propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) n.º 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

3. Acceso a datos. Para os efectos da documentación definida nesta resolución como «información accesible» (véxase anexo II), de conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, a presentación da solicitude polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia e economía e facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, facéndoo constar expresamente no formulario de solicitude; debenrá presentar entón as certificacións a que fai referencia este número.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo 20.3 da Lei 9/2007, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa consta en poder da Secretaría Xeral, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a esa documentación.

4. Responsabilidade sobre os datos de contacto. Cando o interesado identifique, de xeito voluntario, un enderezo electrónico e/ou un teléfono móbil para a recepción de avisos referentes a esa solicitude concreta, enténdese que consente a recepción de información complementaria sobre o seu expediente polas «canles personalizadas» (véxase anexo II) que estableza a Secretaría Xeral para tal fin, sempre que os datos facilitados polo solicitante sexan correctos.

Artigo 18. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro deste réxime de axudas poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

–Recurso potestativo de reposición ante a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

–Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 19. Incompatibilidade.

As axudas recollidas a través desta resolución serán compatibles con calquera outro tipo de axuda pública ou privada que poida recibir o beneficiario para o mesmo investimento, sempre e cando a suma das diferentes contías recibidas non supere o importe do servizo que se pretende subvencionar.

Artigo 20. Publicidade das subvencións concedidas.

Dado que os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, son de contía inferior a 3.000 €, non será necesaria a publicación no DOG, e poderase substituír esta pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, segundo o disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007.

Artigo 21. Protección de datos.

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica velará polos datos de carácter persoal incorporados a este procedemento administrativo e observarase o disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na súa normativa de desenvolvemento. Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros agás de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 22. Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, observarase o disposto na normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

ANEXO II

Definicións e descricións aplicables, por orde alfabética:

–Contido mínimo do convenio de colaboración coas entidades colaboradoras.

–Información accesible.

–Obrigas de publicidade.

–Presentación electrónica das entidades colaboradoras.

Contido mínimo do convenio de colaboración coas entidades colaboradoras.

O convenio de colaboración que, de conformidade co disposto no artigo 10 da resolución de convocatoria, as entidades que sexan seleccionadas deberán asinar para acadar a condición de entidades colaboradoras recollerá, en todo caso, os requisitos de personalidade, solvencia e eficacia, que figuran na resolución antedita; o seu carácter non retribuído; a súa duración que, en ningún caso, poderá exceder do 30/09/2012; así como as distintas obrigas que asumen as ditas entidades colaboradoras en virtude do disposto nas bases reguladoras.

Información accesible:

O órgano xestor deste procedemento administrativo facilítalles ás entidades colaboradoras e aos cidadáns o exercicio dos seus dereitos de non presentar documentación que conste na Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica ou poida ser obtida polo órgano xestor mediante consulta con outras administracións públicas, segundo se recolle no artigo 6 das bases reguladoras e coas particularidades que se identifican a continuación.

Para exercer o dereito a non presentar algúns destes documentos debe ser declarada polo solicitante como «información accesible», identificando nos formularios normalizados este feito e achegando neles os datos correctos que lle permitan ao órgano xestor acceder á dita información. Os documentos que se poden identificar como accesibles son os seguintes:

–NIF, DNI, NIE, segundo corresponda para cidadáns e entidades colaboradoras.

–Documento acreditativo do poder de representación, no caso das entidades colaboradoras.

–Certificados de inexistencia de débedas coa AEAT, a TXSS e a Facenda da Comunidade Autónoma, no caso das entidades colaboradoras.

–Certificado de empadroamento dos membros da unidade familiar, para os cidadáns.

–Copia da última declaración da renda dos membros da unidade familiar, para os cidadáns.

a) Caso xeral, para todos os documentos:

Poderá considerarse «información accesible» cando o solicitante declare que a dita documentación está en poder da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, sempre que se manteña vixente, e se identifique nos formularios normalizados de solicitude o ano de presentación e o código de procedemento administrativo para o cal foi presentada, e non pasasen máis de 5 anos desde a dita presentación. Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992 e no artigo 20.3 da Lei 9/2007.

Tamén poderá facerse uso da información dispoñible no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia, dependente da Consellería de Facenda, no caso das empresas inscritas no dito rexistro.

b) Casos particulares co DNI ou NIE e certificado de empadroamento:

No caso específico do DNI ou o NIE e o certificado de empadroamento poderá considerarse «información accesible» cando o solicitante autorice nos formularios normalizados de solicitude que o órgano xestor poida acceder ao sistema de verificación de datos de identidade e residencia do Ministerio de Administracións Públicas, de conformidade co Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos (DOG n.º 221, 13.11.2008).

Para o caso particular do DNI ou NIE, o solicitante tamén poderá autorizar o órgano xestor para obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria os datos identificativos necesarios (identificador do NIE-DNI, apelidos e nome e domicilio fiscal), en lugar de aportar ditos documentos, comprobando que os datos declarados polo solicitante son exactos. Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 6.2.b e no artigo 9 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

c) Caso particular de poderes de representación inscritos nun rexistro mercantil:

Poderá considerarse «información accesible» cando o solicitante identifique nos formularios normalizados que o documento xa está inscrito nun Rexistro Mercantil, en lugar de achegar o dito documento, accedendo o órgano instrutor á citada información mercantil, sen custo ningún para o solicitante e comprobando que os datos declarados polo solicitante son exactos e que están en vigor. Será condición necesaria neste caso que os representantes teñan plenos poderes de administración da entidade mercantil tales como a Administración única, administración solidaria ou mancomunada, ou mesmo o cargo de conselleiro delegado. Nos formularios de solicitude deberá escollerse entre os indicados o tipo de apoderamento, rexistro mercantil provincial da inscrición e o número da inscrición (1.ª no caso da escritura de constitución, 2.ª, 3.ª, etc).

Para outros apoderados de entidades mercantís distintos dos anteriores, aínda que dispoñan de poderes xerais ou especiais inscritos nun rexistro mercantil, non poderá acreditarse a súa representación por esta vía dadas as características técnicas da consulta ao rexistro mercantil, e terase que achegar a documentación segundo o indicado no artigo 5.2.4 da convocatoria.

Advírtese que con este procedemento as empresas non teñen que achegar á Xunta de Galicia múltiples escrituras que recollen distintos feitos rexistrais ao longo da vida da sociedade, tales como constitución, modificación de obxecto social, cambio de nome ou denominación social, renovación de cargos, etc, xa que a información facilitada polo rexistro mercantil está actualizada incluíndo todos os datos vixentes.

Advírtese que o acceso público á información do rexistro mercantil non está suxeita a autorización polo interesado, mais a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica só accederá á dita información cando o interesado expresamente identifique que non presenta determinada documentación por xa estar inscrita nun rexistro mercantil, sen menoscabo da posibilidade que ten o órgano xestor para comprobar outras circunstancias que poidan concorrer no expediente como a existencia de declaración concursal ou outras circunstancias inscritibles que imposibiliten a concesión dunha axuda pública.

Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 6.2.b e no artigo 9 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

d) NIF e copia da última declaración da renda:

Para o caso particular do DNI ou NIE, o solicitante tamén poderá autorizar a órgano xestor para obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria os datos identificativos necesarios (identificador do NIF, razón social e domicilio fiscal ou nivel de renda), en lugar de achegar os ditos documentos, comprobando que os datos declarados polo solicitante son exactos. Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 6.2.b e no artigo 9 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Para todos os casos en que se identifique «información accesible», no suposto de erros nos datos achegados polo propio solicitante, imposibilidade material de obter a documentación, ou se a información non fose válida, ou con erros ou inexistente, o órgano competente poderá requirir o solicitante para a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

e) Caso particular de certificados de inexistencia de débedas:

Esta documentación ten nun principio a consideración de «información accesible», xa que a presentación da solicitude supón a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda.

Non obstante, o solicitante pode denegar expresamente esta autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio os ditos certificados, facéndoo constar nos formularios normalizados de solicitude, tendo entón o solicitante a obriga de obter e presentar a documentación correspondente.

Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007.

Para todos os casos en que se identifique «información accesible», no suposto de erros nos datos achegados polo propio solicitante, imposibilidade material de obter a documentación, ou se a información non fose válida, ou con erros ou inexistente, o órgano competente poderá requirir o solicitante para a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Obrigas de publicidade.

En cumprimento do Regulamento (CE) 1828/2006 (DOUE 15.2.2007), as entidades deberán facer constar, na publicidade ou na información que se xere en relación co proxecto subvencionado, o cofinanciamento dos seus activos con fondos europeos Feder, así como pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Para isto empregarán a lenda «Proxecto cofinanciado», xunto co correspondente escudo normalizado da Xunta de Galicia e o emblema normalizado da Unión Europea coa lenda «Unha maneira de facer Europa. Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional».

A Consellería de Facenda dispón na súa web unha guía de publicidade que poderá ser usada polos beneficiarios (http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/area-de-planificacion-e-fondos), ben que, a Secretaría Xeral facilitará información sobre estas obrigas e o xeito de cumprilas, debendo ter en conta que:

–Cando o proxecto se materialice expresamente nun sitio da internet deberán realizarse en lugar visible as citadas referencias na páxina de inicio desta, así mesmo establecerase un enlace cara á páxina web da Comisión Europea relativa ao Fondo.

–Cando o proxecto dese lugar a documentación (facturas, manuais, caderniños, folletos, notas informativas, CD-Rom, etc.) deberán constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

Presentación electrónica das entidades colaboradoras:

Para a presentación electrónica de solicitudes e demais documentación, considerarase o seguinte:

1. Será necesario que o presentador da solicitude posúa a representación legal da empresa ou entidade solicitante, e como tal figure identificado nos formularios normalizados de solicitude.

2. O presentador deberá posuír algún dos seguintes certificados:

□ DNI electrónico, conforme co disposto no Real decreto 1586/2009, do 16 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 1553/2005, do 23 de decembro, polo que se regula a expedición do documento nacional de identidade e os seus certificados de sinatura electrónica.

□ Certificado electrónico en vigor baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre–Real Casa da Moeda, conforme co disposto no Decreto 164/2005, de 16 de xuño.

□ Calquera outro certificado dixital aceptado polo Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

Advírtese que os certificados deben ter exclusivamente atributos de persoa física, polo que se acredita a vontade da dita persoa física, e non serán válidos aqueles certificados electrónicos que ademais están vinculados a persoas xurídicas, xa que a vontade da persoa xurídica está limitada nestes certificados a un determinado alcance (por exemplo: exclusivamente para fins tributarios ante a AEAT, gastos menores dunha contía, etc).

3. Neste tipo de presentación, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán xuntar ao expediente copias dixitalizadas dos documentos que se lles requiren, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. A Administración Pública poderá solicitar do correspondente arquivo ou rexistro o cotexo do contido das copias dixitalizadas achegadas. Ante a imposibilidade deste cotexo e con carácter excepcional, poderá requirirlle ao particular a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Neste tipo de presentación o solicitante tamén pode identificar determinada documentación como «información accesible» polo órgano xestor, polo que non tería a obriga de presentala. En todo caso, o solicitante deberá achegar en formato electrónico a documentación técnica e económica a que se fai referencia no artigo 5 das bases reguladoras.

Para achegar xunto cos formularios normalizados calquera destes documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF, cuns requisitos mínimos de resolución a 300 dpi e polo menos en branco e negro. A aplicación informática definida na convocatoria, para facilitar a obtención dos formularios normalizados, permitirá no momento da presentación telemática anexar aos citados formularios estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis dese tamaño, deberá xerarse con menor tamaño, ou partirse en varios arquivos PDF para ser anexados separadamente. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Unha vez asinados co certificado electrónico do presentador os formularios normalizados e todos os documentos que acompañen a solicitude, procederase á transferencia telemática de dita documentación ao Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no rexistro de entrada, e nese momento, empregando as características da aplicación telemática, expedirase un recibo en que quedará constancia do feito da presentación segundo o recollido no dito Decreto 164/2005, e que poderá ser impreso e gardado polo interesado. A obtención do dito recibo (no cal entre outros datos, aparecerán a data, a hora e minutos da presentación e o número de entrada no Rexistro Electrónico) é o que lle garante ao solicitante que a presentación tivo lugar sen erros, e serve para acreditar ante terceiros o dito feito.

De conformidade co disposto no artigo 10 da Lei 11/2007, o servizo de presentación electrónica ante o Rexistro Electrónico respectará os principios de accesibilidade e usabilidade de acordo coas normas establecidas ao respecto, estándares abertos e, de ser o caso, aqueles outros que sexan de uso xeneralizado polos cidadáns. Estes principios non impiden que algún estándar particular non estea dispoñible. Así mesmo, de conformidade coa disposición transitoria única da Lei 11/2007, os rexistro telemáticos existentes no momento da entrada en vigor da dita lei, como é o caso do creado polo Decreto 164/2005, serán considerados rexistros electrónicos, e regularanse polo disposto na citada lei.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file