Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 3 de xuño de 2011 Páx. 12857

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 24 de maio de 2011 pola que se modifica a Orde do 21 de decembro de 2010, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, para actividades de educación para o desenvolvemento e para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais de desenvolvemento.

Con data do 30 de decembro de 2010 foi publicada no Diario Oficial de Galicia número 250, a Orde do 21 de decembro de 2010, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, para actividades de educación para o desenvolvemento e para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais de desenvolvemento.

A política orzamentaria, que implica o necesario equilibrio entre ingresos e gastos, esixe nestes momentos efectuar un axuste nos créditos inicialmente asignados aos diferentes centros de gasto que conforman os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, ante os posibles incumprimentos, por parte do Estado, dos compromisos de achegas do anticipo do fondo de cooperación previsto para 2011 no sistema de financiamento e nos ingresos da comunidade.

Por iso, e de acordo co principio de austeridade que preside a actuación da Administración pública, é preciso efectuar unha minoración nos créditos iniciais asignados a esta convocatoria de axudas, co galo de manter o rigor e estabilidade das contas.

Nos capítulos I, II e III do punto 2 do artigo único da citada Orde do 21 de decembro de 2010, establécense as aplicacións orzamentarias e as contías máximas, por anualidades, destinadas a financiar as subvencións convocadas, contías que, tal e como se indica na disposición adicional segunda da orde, están supeditadas á existencia de crédito suficiente nas aplicacións indicadas dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2011.

En virtude do exposto e de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como os preceptos básicos da Lei xeral 38/2003, do 17 do novembro, de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase a redacción do capítulo I do punto 2 do artigo único da Orde do 21 de decembro de 2010, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, para actividades de educación para o desenvolvemento e para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, que queda redactado como segue:

«Artigo único.

2.(......)

CAPÍTULO I
Axudas a proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación

Proxectos no exterior de ONGD:

05.06.331A.490.0, pola contía total de 1.196.400,00 euros (410.213,00 euros no ano 2011 e de 786.187,00 euros no ano 2012), e 05.06.331A.790.0, pola contía total de 615.869,00 euros (224.081,50 euros no ano 2011 e de 391.787,50 euros no ano 2012).

Proxectos no exterior dos outros axentes.

05.06.331A.490.0, pola contía total de 397.448,00 euros (163.363,00 euros no ano 2011 e de 234.085,00 euros no ano 2012), e 05.06.331A.790.0, pola contía total de 165,382,00 euros (33.627,50 euros no ano 2011 e de 131.754,50 euros no ano 2012)».

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso- Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza