Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Luns, 13 de xuño de 2011 Páx. 14435

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2011 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se anuncia a convocatoria para o período 2011-2012.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) foi creada como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e a coordinación do territorio rural galego para mellorar as condicións de vida e contribuír a frear o seu despoboamento (disposición adicional 6.ª da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, modificada pola Lei 12/2008, do 3 de decembro, pola que se modifica a Lei 7/1996 e a Lei 5/2000 e mais pola Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas).

No marco das súas funcións, desenvolvidas no Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o seu regulamento, correspóndelle a Agader a xestión dos recursos destinados á dinamización das áreas rurais de Galicia.

O Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013 (PDR), aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión CE(2008) 703, do 15 de febreiro, e modificado por Decisión C(2010) 1227, do 5 de marzo de 2010, prevé no eixe 3 diversas medidas dirixidas á mellora da calidade de vida nas zonas rurais e á diversificación da economía rural, cuxa xestión corresponde a Agader. Esas medidas están financiadas, igual que as restantes que integran o PDR, polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), xunto con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia e da Administración xeral do Estado.

Dado que a promoción do desenvolvemento rural galego debe abordarse desde unha perspectiva integral, prevese, dando continuidade á liña de apoio aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia prevista no período 2008-2009 (Resolución do 18 de xuño de 2008. DOG n.º 127, do 2 de xullo de 2008) e 2010 (Resolución do 15 de decembro de 2009. DOG n.º 250, do 24 de decembro de 2009), o apoio a actuacións de diferente natureza, que Agader vai materializar a través da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva. As subvencións centraranse nas seguintes medidas:

3.1.3. Fomento de actividades turísticas.

3.2.1. Servizos básicos para a economía e a poboación rural.

3.2.3. Conservación e mellora do patrimonio rural.

No contexto do «chequeo médico» da PAC e do Plan Europeo de Recuperación Económica (PERE), foi modificado o Regulamento (CE) n.º 1698/2005, polos regulamentos (CE) n.º 74/2009 e n.º 473/2009, que introducen unha serie de operacións específicas asociadas aos novos retos no artigo 16 bis. Para este tipo de operacións, modificouse o artigo 70.4 do citado regulamento, que permite que a porcentaxe de cofinanciamento Feader poida incrementarse para as rexións de obxectivo Converxencia ata o 90%. A modificación do Programa de desenvolvemento rural de Galicia aprobada por Decisión C(2010), do 5 de marzo, da Comisión, inclúe como un dos novos retos o fomento das enerxías renovables, que se implementará a través da medida 321 do PDR. Dada a exixencia da Comisión de establecer unha demarcación clara coas actuacións financiadas na comunidade autónoma mediante fondos Feder/Feader, Agader asinou un convenio de colaboración co Instituto Enerxético de Galicia (Inega) no que se concretan as actuacións que financiará cada unha das partes.

As operacións das medidas 313 e 321 que poidan afectar a competencia están amparadas no Regulamento (CE) n.º 1998/2006 da Comisión, do15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE (actuais artigos 107.1 e 108.1 do TFUE), ás axudas de minimis (DOUE 28.12.2006, L379).

O réxime de pagamentos parciais e anticipos que se aplicarán está autorizado polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de maio de 2011.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) é unha entidade pública instrumental das sinaladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O seu director xeral ten delegada a aprobación dos procedementos de selección de actuacións con cargo aos recursos que lle sexan asignados para o desenvolvemento do medio rural, así como a súa xestión orzamentaria e a súa distribución, segundo o acordo do Consello de Dirección do 21 de xuño de 2007 (DOG n.º 134, do 11 de xullo).

De acordo co anterior resolvo:

1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións a proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia 2011-2013, que se xuntan a esta resolución como anexo I.

2. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do período 2011-2013 que se xuntan a esta resolución como anexo II.

3. Convocar para o período 2011-2012, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, cunha dotación máxima de 6.000.000 de € que se distribuirá do seguinte xeito:

Medidas

Anualidade 2011

Anualidade 2012

Importe total (€)

Aplicación orzamentaria

31300. Fomento de actividades turísticas

48.000,00

484.190,00

532.190,00

02.01-02/31/30-656800

32110. Servizos básicos para a economía e a poboación rural

220.000,00

2.763.609,00

2.983.609,00

02.01-02/32/10- 656800

32120. Novos retos. Enerxías renovables

1.552.731,00

0

1.552.731,00

0

02.01-02/32/11-656800

32142. Fondos adicionais

496.948,00

0

496.948,00

02.01-02/32/12-656800

32322 e 32330. Conservación e mellora do patrimonio rural

33.600.00

400.922,00

434.522,00

02.01-02/32/30-656800

TOTAL

2.351.279,00

3.648.721,00

6.000.000,00

As solicitudes dirixiranse ao director xeral de Agader e presentaranse segundo os modelos do anexo 2 desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras, no prazo de 45 días naturais contados desde o seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Os citados modelos poderán descargarse na páxina web de Agader http://agader.xunta.es

Os investimentos xustificaranse documentalmente de acordo co disposto nas bases reguladoras. O prazo límite para a execución dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados e para a xustificación dos gastos será o 30 de xuño de 2012.

En 30 de novembro de 2011 deberá estar executado e xustificado correctamente o investimento correspondente a anualidade 2011.

Na resolución de concesión da axuda recollerase de forma expresa a súa distribución por anualidades.

Á vista do volume das solicitudes presentadas para cada medida, mediante resolución do director xeral de Agader poderá redistribuírse entre elas o crédito aprobado, limitándose sempre ás dispoñibilidades orzamentarias. En función desas dispoñibilidades poderán ampliarse as contías destinadas ás subvencións que se convocan, sen que isto supoña ampliación do prazo de presentación de solicitudes. De acordo co disposto no mencionado Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ambas as circunstancias comportarán as modificacións orzamentarias que procedan e a oportuna publicación no DOG.

Disposición adicional primeira.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Disposición adicional segunda. Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web de Agader http://agader.xunta.es

b) No teléfono 981 54 73 82.

c) Presencialmente, previa cita no teléfono 981 54 73 82.

Disposición derradeira primeira.

O director xeral de Agader poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta aplicación e execución destas bases reguladoras.

Disposición derradeira segunda.

Esta resolución será aplicable desde o día da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2011.

P.D. (21.6.2007)
Antonio Crespo Iglesias
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO I
Bases reguladoras das subvencións a proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia 2011-2013

I. Disposicións de carácter xeral.

A) Requisitos e regras xerais.

Todos os proxectos deberán cumprir os requisitos seguintes:

1. Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Os solicitantes poderán iniciar a execución do proxecto antes da resolución de concesión da subvención sempre que acrediten que non está iniciado na data de solicitude da axuda, ben cunha acta notarial que reflicta, de forma que faga fe, o non inicio da obra ou instalación, ou ben cunha acta de non inicio levantada por Agader por petición do interesado. Non obstante, consideraranse subvencionables os gastos realizados con anterioridade á solicitude, para o fornecemento de máquinas, aparellos ou materiais de construción, sempre que a montaxe, instalación ou incorporación in situ non tivese lugar antes da presentación da solicitude ou do levantamento da acta de non inicio, así como os gastos correspondentes a honorarios técnicos, estudos de viabilidade e adquisición de patentes.

2. Que se desenvolvan no territorio de Galicia exceptuando as zonas incluídas nos perímetros urbanos, definidos como tales no planeamento urbanístico vixente, das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

3. Que sexan finalistas, é dicir, que no momento da certificación final cumpran os obxectivos e funcións para os que foron aprobados. En ningún caso se admitirán fases de proxectos.

4. Que sexan viables financeiramente.

5. Que se axusten á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

6. Que se axusten ás especificacións indicadas para cada medida e tipo de proxecto nas presentes bases.

7. Que o promotor do proxecto non teña sido sancionado pola Consellería do Medio Rural pola comisión de infraccións en materia de subvencións no prazo dun ano se a infracción foi cualificada como leve, de dous anos se a infracción foi cualificada como grave ou tres anos se a infracción foi cualificada como moi grave. Os prazos computaranse desde a data de remate de presentación das solicitudes.

As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader e, polo tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que, para o mesmo proxecto ou finalidade, leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros...). Tamén serán incompatibles con outras axudas encadradas en calquera dos outros eixes do PDR. Igualmente, os préstamos do Banco Europeo de Inversiones (BEI), aínda sendo compatibles para un mesmo proxecto, son incompatibles para un mesmo gasto específico.

Coa excepción do anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública como privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 100% do importe do proxecto.

Aqueles beneficiarios das axudas que en 30 de xuño de 2012 non renunciasen expresamente a elas e non executasen nin xustificaran o proxecto, sen causa debidamente xustificada e comunicada a Agader, quedarán excluídos das dúas seguintes convocatorias para proxectos dinamizadores.

Os beneficiarios das axudas, de ser o caso, estarán suxeitos ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e desenvolto no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

B) Solicitudes

As solicitudes presentaranse en modelo normalizado (modelo A) no Rexistro Xeral de Agader ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, LRXAP).

Xunto coa solicitude os interesados deberán presentar a seguinte documentación:

1. Apoderamento ou designación do representante legal da entidade solicitante.

2. Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases, se procede.

3. Fotocopia do NIF da entidade solicitante

4. No caso de persoas xurídicas de carácter privado:

  • Escritura de constitución e estatutos da entidade solicitante debidamente inscritos no rexistro correspondente.
  • Certificación do órgano competente na cal se acredite o desempeño actual do cargo da persoa que actúa en representación.
  • Últimas contas da entidade e acta de aprobación destas polo órgano previsto nos estatutos da entidade, así como última memoria de actividades aprobada.

5. Declaración, segundo documento normalizado (modelo B), doutras axudas concedidas e/ou solicitadas a outras entidades públicas e/ou privadas para o mesmo proxecto, así como das axudas de minimis, para aquelas medidas que resulte de aplicación, solicitadas e/ou percibidas polos solicitantes nos tres últimos anos e a orixe dos fondos destas subvencións, debéndose indicar a orde de axudas correspondente, así como a data da resolución de concesión e, de ser o caso, de pagamento da axuda. No mesmo modelo tamén se declarará que non concorren as circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 de Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG).

Os membros asociados do solicitante que se comprometan a efectuar, en nome e por conta deste, a totalidade ou parte das actividades que fundamenten a concesión deberán presentar tamén a declaración citada.

6. Resumo do proxecto en documento normalizado (modelo C), no que se reflicta a situación de partida, os obxectivos que se perseguen coa súa posta en marcha e a metodoloxía de traballo, así como as explicacións necesarias para a correcta comprensión do proxecto. O solicitante debe ter en conta que esta información vai ser tomada en consideración para valorar o cumprimento dos requisitos dos proxectos e para aplicar os criterios do baremo sinalados na letra K) para cada tipo de proxecto.

7. Orzamento detallado, agrupado por partidas, en documento normalizado (modelo D), dos gastos necesarios para a execución do proxecto.

8. Declaración censual (modelo 036 ou 037).

9. Certificación de exención do IVE, se é o caso.

10. Certificación emitida pola entidade bancaria en que figure o número de conta de titularidade do solicitante na que quere percibir a axuda.

11. Plan de xestión (modelo F).

12. Plano do SIXPAC indicando as coordenadas da actuación.

13. No caso de que unha actuación requira proxecto técnico, presentarase anteproxecto que permita unha definición exacta da intervención que se vai realizar. Nos demais casos enviarase unha memoria valorada.

14. Tres ofertas como mínimo (modelo E), de diferentes provedores, cando o gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de execución de obra, ou de 12.000 euros no de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, salvo que polas especiais características dos gastos non existan no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Cando o beneficiario teña a obriga de solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores deberá xustificar nunha memoria a elección da oferta cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

15. Documentación acreditativa da titularidade dos terreos ou inmobles sobre os que se executa o proxecto, ou da dispoñibilidade destes durante un período mínimo equivalente ao que se vai exixir a permanencia do investimento.

16.- Informe da vida laboral da conta (ou contas) de cotización da entidade solicitante que comprenda os 12 meses anteriores ao de presentación da solicitude, cando o proxecto cree emprego.

17. Cando dúas o máis entidades cooperen de xeito efectivo no proxecto, haberán de presentar o convenio de colaboración asinado polos representantes legais das partes.

18. As acreditacións a que se refiren as normas restritivas da medida 323.

19. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación e baremación do proxecto.

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que se non o fixese se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da LRXAP.

Non será necesario que os solicitantes presenten a documentación que xa conste en poder de Agader, sempre que indiquen os datos que permitan localizala e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

C) Consentimentos e autorizacións.

A presentación da solicitude de axuda comportará a autorización do solicitante para que Agader obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos, polo que queda liberado o solicitante de achegar as correspondentes certificacións. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso deberá entregar a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Por outra banda, se por razóns técnicas ou doutra índole as ditas certificacións non puidesen ser obtidas por Agader, poderán serlle requiridas ao solicitante.

Nos supostos previstos no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da LSG, as referidas certificacións poderán ser substituídas pola declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das referidas obrigas.

Segundo o previsto no artigo 15 da LSG, Agader publicará no DOG as subvencións concedidas ao abeiro destas bases.

Así mesmo, de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na administración pública galega, Agader publicará na súa páxina web as concesións das axudas reguladas nestas bases, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos de carácter persoal e da súa publicación. Ademais, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a solicitude da axuda significa o consentimento para que os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso, sexan incluídos e feitos públicos no citado rexistro, que depende da Consellería de Facenda.

Non obstante, os interesados poderán pedir que non se fagan públicos os seus datos cando poidan afectar a honra e a intimidade persoal e familiar das persoas físicas, segundo o establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio.

D) Instrución do procedemento, valoración dos proxectos e proposta de adxudicación.

1. Os actos de instrución necesarios para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución realizaraos de oficio a Subdirección de Coordinación e Planificación para o Desenvolvemento Rural.

2. As solicitudes serán valoradas en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios de adxudicación e baremación previstos nestas bases por unha comisión de avaliación que será a responsable de propoñer a resolución final ao órgano competente para resolver.

A comisión de avaliación estará composta polo director xeral de Agader, ou persoa en quen delegue, que a presidirá; o secretario xeral de Agader, que actuará de secretario desta, con voz e sen voto; as/os titulares das subdireccións de Relación cos Grupos de Acción Local e de Coordinación e Planificación para o Desenvolvemento Rural de Agader; catro persoas nomeadas polo director xeral de Agader por proposta das consellerías de Cultura e Turismo, Traballo e Benestar, Medio Rural e Economía e Industria , esta última pertencente ao Inega.

3. Poderán excluírse os proxectos que, logo da súa valoración de acordo cos criterios aplicables, obteñan unha puntuación inferior a 30 puntos, ao considerarse que non acadan os niveis mínimos de viabilidade e cobertura dos obxectivos da presente convocatoria.

4. Os proxectos admitidos recibirán unha porcentaxe de subvención en función dos puntos obtidos na valoración, segundo os criterios recollidos nestas bases.

No caso de empate terase en conta, en primeiro lugar, o criterio de localización xeográfica, e en segundo lugar, a data de presentación da solicitude.

O resultado da análise plasmarase nun informe que o órgano de instrución elevará, xunto coa proposta de resolución definitiva da comisión de avaliación, ao órgano competente para resolver.

5. A proposta de resolución expresará de forma motivada a relación de proxectos para os que se propón a concesión da axuda, coa identificación, en relación a cada proxecto, do beneficiario, medida, fontes de financiamento, importe e porcentaxe da subvención proposta respecto dos conceptos, a súa avaliación e os criterios de valoración seguidos para efectuala e mais, se é o caso, as condicións xerais ou especiais que deban cumprirse para poder percibir a axuda. De ser o caso, contará cunha lista dos proxectos admitidos que non acadasen subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible. Así mesmo, expresará, de xeito motivado, a relación de proxectos para os que non se propón a concesión de subvención, por falta de documentación, por non reunir os requisitos ou por non acadar a puntuación mínima necesaria.

6. No suposto de que algún beneficiario renuncie á subvención concedida, decaia no dereito á súa percepción ou proceda o reintegro de acordo co previsto nestas bases e na normativa que resulte de aplicación, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto. Actuarase de igual xeito cando, por razóns de dispoñibilidade orzamentaria, se acorde incrementar o crédito máximo inicialmente previsto nesta convocatoria.

E) Resolución das solicitudes.

O director xeral de Agader resolverá motivadamente a selección dos proxectos. O prazo para ditar resolución expresa e notificala aos interesados será de seis meses contados desde o día seguinte a aquel en que remate o prazo para presentación das solicitudes. O interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo transcorrido o prazo anterior sen que se teña notificado a resolución expresa.

Ademais de publicarse no DOG as subvencións concedidas ao abeiro destas bases, as notificacións vinculadas a este procedemento, ao se tratar dun procedemento selectivo de concorrencia competitiva e acolléndose ao recollido no artigo 59 da LRXAP, faranse a través do taboleiro de anuncios da sede da Agader (rúa dos Camiños da Vida, s/n, edificio Witland, 2.º A. Santiago de Compostela) e na web de Agader http://agader.xunta.es.

Notificada a resolución, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días, contados desde a notificación de concesión da subvención, para comunicarlle a Agader a súa aceptación. Transcorrido ese prazo sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada a dita resolución.

Nas notificacións indicarase, de modo expreso, que a subvención foi concedida en virtude dun programa cofinanciado polo Feader e o eixe do PDR de Galicia en que se enmarca o proxecto.

F) Xustificación e pagamento das axudas.

1. O beneficiario xustificará a subvención documentalmente e presentará toda a documentación requirida na resolución de concesión da subvención, e solicitará o pagamento mediante a presentación do modelo L.

Cando o importe que derive da solicitude de pagamento presentada polo beneficiario exceda en máis do 3% da comprobación efectuada por Agader sobre a admisibilidade dos gastos, aplicarase unha redución adicional pola diferenza entre ambos os importes.

2. Para cada un dos gastos realizados achegaranse as facturas orixinais ou documentos probatorios de valor equivalente e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento. Agader selará as facturas indicando a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando, neste último caso, a porcentaxe que resulte afectada pola subvención e, posteriormente, devolveraas ao promotor.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

  • Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.
  • Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado. Neste caso, achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

Non se admitirán pagamentos en metálico.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, a xustificación do pagamento realizarase mediante a achega do correspondente extracto bancario, acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco.

Para os efectos da súa xustificación, as facturas que se paguen de xeito fraccionado deberán incluírse no expediente nunha única solicitude de pagamento.

3. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas por Agader na resolución de concesión da subvención e responder de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada. Sen necesidade de instar procedemento de modificación da subvención, Agader poderá aceptar variacións nas partidas de gasto aprobadas, coa condición de que as variacións non superen en conxunto o 20% do orzamento, que non aumente o importe total do gasto aprobado e que non desvirtúen as características do proxecto e condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión.

4. Se o beneficiario xustifica conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60% do importe do investimento subvencionable entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención. Se a xustificación é superior ao 60%, pero sen acadar o 100% do investimento subvencionable, percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

Na fase de xustificación do gasto Agader poderá contrastar os prezos achegados polo beneficiario por calquera dos medios previstos no artigo 30, número 5, da LSG co fin de comprobar que os gastos subvencionables se axustan ao valor de mercado. En caso de discrepancia minoraranse os importes aprobados na concesión da axuda.

5. No caso dunha actuación que requira proxecto técnico, o promotor deberá xuntar á xustificación a/s correspodente/s certificación/s de obra asinada/s por técnico competente.

6. Cando a subvención se conceda para a adquisición de maquinaria e equipamento, no momento da xustificación deberase xuntar unha relación dos equipamentos subvencionados en que conste a marca, modelo e número de serie ou referencia equivalente para a súa identificación. Estes mesmos datos deben figurar, ademais, na correspondente factura.

7. Se o proxecto supón a adquisición de bens inmobles ou terreos debe presentarse un certificado dun taxador independente cualificado ou dun organismo debidamente autorizado que confirme que o prezo de compra non supera o valor de mercado e que o ben se axusta á normativa que resulte de aplicación.

8. Cando a subvención se conceda para a realización de estudos, proxectos técnicos, planos e documentos similares, entregarase a Agader un exemplar en soporte informático adecuado para posibilitar a súa difusión. Tamén deben achegar copias se hai edición de libros, folletos, guías, etc.

9. O beneficiario deberá acreditar, se é o caso, que aplicou á actividade subvencionada os rendementos financeiros xerados polos fondos librados por Agader.

10. No momento da xustificación final da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario volverá presentar a declaración contida no modelo B sobre o conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto.

11. As operacións de investimento incluirán unha visita in situ para comprobar o remate da operación obxecto da solicitude de pagamento. Os gastos xustificados deben coincidir cos compromisos adquiridos segundo a resolución de concesión da subvención.

12. Deberá xustificarse o número de empregos creados, se é o caso.

13. Se o beneficiario previse a imposibilidade de presentar no prazo establecido a xustificación final, poderá solicitar ao director xeral de Agader unha ampliación do devandito prazo, que non excederá da metade do inicialmente concedido nin do 30 de setembro de 2012.

A solicitude de prórroga deberá ter entrada no Rexistro Xeral de Agader antes de finalizar o prazo de execución e xustificación co obxecto de poder resolver dentro do dito prazo, de acordo co establecido no artigo 49.3 da LRXAP. Polo tanto, as solicitudes presentadas en prazo polos medios previstos no artigo 38.4 da LRXAP, pero que non tivesen entrada no Rexistro Xeral de Agader antes de finalizado o prazo de referencia, non serán tidas en conta. En calquera caso, a concesión de prórroga é potestativa de Agader.

Transcorrido o prazo establecido na convocatoria ou, de ser o caso, na resolución de concesión de prórroga para a xustificación dos investimentos sen terse presentado esta, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comporta a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades que derivan da LSG.

14. Previamente ao pagamento deberá acreditarse que o beneficiario se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia nin é debedor por resolución de procedencia de reintegro.

15. As actuacións ás que se refire o punto 2 da medida 323 deberán presentar coa primeira xustificación a pertinente autorización de intervención sobre o ben de que se trate (artigo 54 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia).

16. Para proceder ao pagamento final do expediente, o promotor deberá presentar os permisos, inscricións, informes de conformidade, e/ou licenzas requiridas pola normativa autonómica ou local para o tipo de actividade de que se trate.

17. Poderán concederse pagamentos á conta e pagamentos anticipados de conformidade co disposto no artigo 31.6 da LSG, nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009 e no artigo 56 do Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro.

De acordo coa autorización do Consello da Xunta de Galicia do 12 de maio de 2011 o importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados poderá alcanzar o 100% da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados sen que supere o 80% do importe da axuda concedida. Poderán realizarse ata dous pagamentos á conta, ata un máximo do 80% do importe da axuda.

Igualmente, poderán realizarse pagamentos á conta sen constituír as garantías previas reguladas no artigo 67 do Decreto 11/2009.

18. Os beneficiarios das medidas de investimento poderán solicitar o aboamento dun pagamento anticipado (modelo K), que non poderá superar o 50% da axuda concedida, sen que, en ningún caso, supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. O pagamento dos anticipos supeditarase á constitución dunha garantía bancaria, nos termos previstos no artigo 67 do Decreto 11/2009, que deberá cubrir o 110% do importe correspondente. Non obstante, no caso das entidades públicas locais, abondará coa garantía escrita da súa autoridade competente, a cal deberá acadar o 110% do importe anticipado; a dita garantía recollerá de xeito expreso o compromiso de aboar o importe cuberto pola garantía no caso de que non se estableza o dereito ao importe anticipado.

A garantía a que se refire o parágrafo anterior terá validez ata que Agader autorice a súa cancelación ou devolución, unha vez que o promotor acredite a realización e pagamento dos investimentos e o cumprimento dos obxectivos e condicións estipulados na resolución de concesión da axuda.

G) Reintegro da subvención.

1. Procederá o reintegro das contías percibidas indebidamente e a exixencia dos xuros de demora, calculados entre o tempo que medie entre a notificación da resolución do procedemento de reintegro ao interesado e o seu reembolso efectivo polo obrigado (segundo a Instrución do Organismo Pagador OP/5/2008, relativa a determinados aspectos sobre a recuperación dos pagamentos indebidos con cargo aos fondos Feader), nos supostos previstos no artigo 33.1 da LSG.

O procedemento de reintegro tramitarase nos termos previstos no artigo 77 do Decreto 11/2009.

2. Non procederá o reintegro da axuda nos seguintes supostos:

  • Expropiación dunha parte importante do ben subvencionable, se esta expropiación non era previsible o día en que se concedeu a subvención.
  • Catástrofe natural grave que afecte considerabelmente os bens da empresa subvencionada e impida o seu normal funcionamento.

3. Tendo en conta o artigo 14.1.n da LSG, cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e este acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, a cantidade a reintegrar será unha porcentaxe da subvención percibida igual á do tempo de incumprimento da actividade ou requisito exixido (mantemento do emprego, prestación do servizo, mantemento do ben, etc.).

H) Modificación da subvención.

Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da subvención concedida mediante o modelo correspondente (modelo I). En particular, a variación do orzamento aceptado pola Agader, coa precisión sinalada na letra F), e a obtención concorrente de subvencións, axudas ou recursos outorgados por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. Tamén dará lugar á modificación da subvención a alteración das condicións establecidas na resolución de adxudicación da subvención. Una vez recaída a resolución de concesión e, en todo caso, antes de que remate o prazo para a realización da actividade, o beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido.

No suposto de que as novas circunstancias afecten criterios tidos en conta no baremo, procederase a rebaremar o proxecto, podendo, neste caso, dar como resultado unha modificación, á baixa, da subvención concedida ou a perda do dereito.

Para a modificación da resolución de concesión non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

Os beneficiarios terán a obriga de comunicar á Agader calquera alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención.

A modificación poderase autorizar sempre que:

a) A modificación solicitada non desvirtúe a finalidade da axuda e non supoña incremento do orzamento.

b) Non exista prexuízo a terceiros.

c) Os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de concorrer na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

I) Obrigas dos beneficiarios.

Con carácter xeral, son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 11 da LSG e, en particular, as establecidas nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

Cando un beneficiario non poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A non renuncia poderá conducir á instrución dun expediente sancionador en materia de subvencións. A solicitude de renuncia efectuarase no modelo H e Agader deberá pronunciarse a tal efecto.

Os membros asociados do beneficiario que se comprometan a efectuar, en nome e por conta deste, a totalidade ou parte das actividades que fundamenten a concesión terán tamén a consideración de beneficiarios da subvención, polo que tamén deberán cumprir e acreditar os requisitos exixidos para cada tipo de beneficiario.

Con carácter xeral, o beneficiario está obrigado a respectar o destino do investimento, polo menos, os 5 anos posteriores á data da resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

Os bens subvencionados quedarán afectos á actividade subvencionada un mínimo de cinco anos desde a resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes. Para garantir o cumprimento deste compromiso, Agader poderá exixir que se constitúa un aval pola contía da subvención concedida.

No caso de bens inscritibles nun rexistro público deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida. Deberán ser inscritos estes aspectos no rexistro público correspondente.

No caso de estudos, planos e outros de natureza similar, o beneficiario deberá garantir a súa dispoñibilidade pública durante un período mínimo de 5 anos contados desde a resolución de pagamento final do proxecto.

Os beneficiarios deben publicitar a concesión da axuda do seguinte xeito:

  • Se o investimento consiste en obra civil, mediante unha placa cos logotipos das administracións financiadoras. O tamaño mínimo da placa será A4 (297x210 mm).
  • Se o investimento consiste en maquinaria ou elementos móbiles, mediante a instalación dun adhesivo perdurable cos logotipos das administracións financiadoras. A dimensión dos adhesivos adaptarase ao tamaño do obxecto.

Os vehículos deberán estar debidamente rotulados ou cun adhesivo perdurable colocado nas portas laterais deste. O tamaño mínimo do anagrama, texto, etc. da rotulación ou do adhesivo será A4.

  • Para estudos ou materiais gráficos, mediante a inclusión dos logotipos das administracións financiadoras na portada dos documentos xerados.

Agader facilitará modelos aos beneficiarios ao través da súa páxina web.

  • Cando o orzamento da obra civil supere os 100.000 euros, o beneficiario colocará un valo publicitario durante a execución das obras, que non poderá retirar ata a visita de comprobación in situ. Para infraestruturas superiores a 500.000 euros o valo será permanente.

O 25% do espazo, como mínimo, dos valos e placas estará ocupado pola descrición do proxecto, o logotipo do Feader e o lema: «Feader: Europa inviste no rural». Todas as actividades informativas e publicitarias incorporarán a bandeira europea e o lema anterior.

As publicacións, carteis, audiovisuais e calquera información ofrecida por medios electrónicos que versen sobre medidas e actividades subvencionadas con estas axudas indicarán claramente na páxina de portada a participación da Comunidade Europea e a contribución do Feader ao financiamento.

O beneficiario deberá conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, polo menos, durante o período de permanencia dos investimentos e está obrigado a facilitar a información que lle requira Agader e a someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

Os beneficiarios estarán obrigados a levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas ao proxecto subvencionado (artigo 75.1.c.i do Regulamento (CE) 1698/2005).

J) Conceptos subvencionables.

A expensas do establecido na normativa específica de cada medida, con carácter xeral serán subvencionables os seguintes conceptos:

1. Construción ou mellora de inmobles. Os bens inmobles só poderán utilizarse en relación cos obxectivos do proxecto.

2. Adquisición de terreos non edificados, ata un máximo do 10% do gasto subvencionable, e adquisición de edificios xa construídos e os terreos sobre os que se asentan, ata un máximo do 25% do gasto subvencionable. En ambos os casos axustarase aos seguintes condicionantes:

  • Deberá achegarse un certificado dun taxador independente cualificado ou dun organismo debidamente autorizado que confirme que o prezo de compra non supera o valor de mercado e que o ben se axusta á normativa que resulte de aplicación.
  • Deberá acreditarse mediante declaración do propietario que o ben inmoble non recibiu nos últimos 10 anos ningunha subvención nacional ou comunitaria
  • Os bens inmobles só poderán utilizarse en relación cos obxectivos do proxecto.
  • Os edificios non poderán albergar servizos administrativos de carácter público.

En casos excepcionais e debidamente xustificados, Agader poderá autorizar –logo de conformidade da Autoridade de Xestión do PDR– a superación do límite do 10% para adquisición de terreos en operacións relacionadas coa conservación do ambiente.

3. Adquisición de maquinaria, aplicacións informáticas, equipamento e material non funxible necesarios para o desenvolvemento da actividade, ata o valor de mercado.

4. IVE non recuperable cando sexa custeado de forma efectiva e definitiva por beneficiarios distintos das persoas que non son suxeitos pasivos, a que se refire a sexta directiva 77/388/CEE. Os concellos e organismos de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, alínea 1 da Directiva 2006/112/CE do Consello. Polo tanto, o IVE soportado por estes non será subvencionable.

5. Custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen, entendendo por tales: honorarios de redacción de proxectos e de dirección de obra. O importe total dos custos xerais non poderá superar o 10% do gasto subvencionable.

6. Páxinas web, sempre que acheguen a árbore co seus contidos, utilicen dominios de segundo nivel (.com, .org, .net, .es., info, .nom, etc) debidamente reservados e acheguen o compromiso de reserva durante os cinco anos posteriores á data da resolución de pagamento final, e estean aloxadas nun servidor (Hosting), puntos todos estes que deberán acreditar de modo fidedigno.

7. Medios de transporte. Só se subvencionarán medios de transporte imprescindibles para a prestación de servizos necesarios para o desenvolvemento do proxecto. Estes medios dirixiranse só ao transporte de persoas.

8. Achegas en especie, que se limitarán a man de obra voluntaria non remunerada e traballos realizados con maquinaria propia. O valor destas contribucións deberá poder calcularse e auditarse por separado, e non poderán estar vinculadas a operacións de enxeñaría financeira.

O gasto público destinado a unha operación que inclúa contribucións en especie non poderá ser superior ao total dos gastos, excluídas as contribucións en especie, ao final da operación. A valoración das achegas en especie calcularase con base nos custos de referencia, e dicir, estarán referidos a unha base obxectiva de prezos cuxa referencia deberá incluírse no orzamento para consulta, comprobación e aprobación por parte de Agader. Os proxectos que prevexan axudas en especie deberán achegar un informe elaborado por técnico competente na materia no cal se valoren detalladamente (medicións, materiais, rendemento, prezos, etc.) tanto os custos do proxecto como, diferenciadamente, os das achegas en especie. O máximo autorizado para man de obra voluntaria non remunerada será de 10 €/hora.

No caso de que para a subvencionabilidade do investimento sexa exixible proxecto de obra, no seu orzamento as achegas en especie deberán aparecer diferenciadas e desagregadas do resto das unidades de obra.

As achegas en especie deberán recollerse no orzamento presentado coa solicitude, non se admitirán posteriores inclusións e/ou modificacións a alza.

Con carácter xeral, para todas as operacións, non son subvencionables:

1. O IVE, excepto o IVE non recuperable nos proxectos non produtivos cando sexa custeado de forma efectiva e definitiva polo suxeito pasivo.

Os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, alínea 1 da Directiva 2006/112/CE do Consello.

2. Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

3. Os gastos anteriores ao levantamento dunha acta de non inicio, a excepción dos gastos recollidos na letra A) punto 1 destas bases, ou ben anteriores á presentación da solicitude de axuda, respecto daqueles proxectos que non requiran acta de non inicio.

4. A reposición ou mera substitución de equipamento e maquinaria.

5. Maquinaria, equipamento e materiais non funxibles de segunda man.

6. As obras de mantemento.

7. As taxas e licenzas administrativas.

8. Os gastos de aluguer e os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro.

9. As partidas de gastos xerais e beneficio industrial dos proxectos, agás nos proxectos de promoción pública, cando estas partidas formen parte do prezo de licitación de acordo coa normativa de contratación administrativa.

K) Criterios de baremación.

Común a todas as medidas.

I. Localización xeográfica do proxecto: 20 puntos.

Valoraranse dous aspectos: 1) O nivel de desenvolvemento económico do concello medido pola renda familiar dispoñible por habitante (RFDH) do ano 2007; e 2) A variación da poboación do concello no período 2005-2010 segundo os datos do INE.

1. Asignación de puntuación para o RFDH (sendo 100 a media galega):

  • Concellos cun RFDH inferior ou igual a 70: 10 puntos.
  • Concellos cun RFDH maior de 70 e menor ou igual a 80: 8 puntos.
  • Concellos cun RFDH maior de 80 e menor ou igual a 90: 6 puntos.
  • Concellos cun RFDH maior de 90 e menor ou igual a 100: 4 puntos.
  • Concellos cun RFDH maior de 100: 0 puntos.

2. Asignación de puntuación para a variación da poboación:

  • Concellos cunha caída da poboación igual ou maior ao 10%: 10 puntos.
  • Concellos cunha caída da poboación igual ou maior ao 7,5% e menor do 10%: 8 puntos.
  • Concellos cunha caída da poboación igual ou maior ao 5% e menor do 7,5%: 6 puntos.
  • Concellos cunha caída da poboación igual ou maior ao 2,5% e menor do 5%: 4 puntos.
  • Concellos cunha caída da poboación igual ou maior que 0 e inferior a 2,5%: 2 puntos.
  • Concellos que incrementan poboación: 0 puntos.

No caso de mancomunidades de concellos, asociacións ou agrupacións de ámbito supramunicipal, aplicarase a media ponderada dos concellos en que se desenvolva o proxecto.

Os proxectos que non teñan localización física determinada terán 0 puntos por localización xeográfica.

II. Cooperación de varias entidades ou organismos públicos no proxecto: ata 8 puntos.

III. Carácter innovador ou efecto demostrativo do proxecto. Valoraranse novas formas de prestar servizos, presentación de produtos, explotación de recursos da zona, novas formas de comercialización, produtos/servizos de alta demanda, …): ata 6 puntos.

IV. Creación de emprego: 2 puntos por cada 0,25 UTA, ata un máximo de 10 puntos. Computaranse polo equivalente anual de empregos a tempo completo. Para os efectos de baremación só se terá en conta o emprego neto creado, e sempre e cando este represente, como mínimo, o equivalente a 0,25 empregos anuais:

V. Capacidade de influencia sobre o tecido socieconómico sendo complementario de accións produtivas ou con capacidade de xeralas no tempo: ata 5 puntos.

VI. Coñecementos técnicos ou profesionais do promotor. Experiencia ou formación no sector, experiencia ou formación en outros sectores relacionados ou en proxectos similares. Só será puntuable cando o promotor acredite este aspecto: ata 5 puntos.

VII. Utilización de enerxías renovables: 4 puntos.

VIII. Utilización de TIC: 2 puntos.

IX. Calidade do programa de xestión e da memoria: ata 8 puntos.

X. Capacidade económica e financeira do promotor para desenvolver o proxecto: ata 5 puntos.

XI. Utilización do galego. Valorarase o compromiso de utilización da lingua galega por parte do promotor na execución e desenvolvemento do proxecto, de acordo co previsto no artigo 20.2.l da LSG. Este compromiso formalizarase marcando a epígrafe correspondente no modelo C: 2 puntos.

Específico para a medida 313.

I. Actuacións integrais: ata 5 puntos.

II. Ámbito de aplicación do proxecto.

  • Municipal: 2 puntos.
  • Supramunicipal: 4 puntos.

III. Promoción da desestacionalización do turismo: 5 puntos.

IV. Promoción de produtos e recursos locais: 4 puntos.

V. Incidencia sobre colectivos determinados (dependentes, persoas maiores, nenos): ata 7 puntos.

Específico para a medida 321.

I. Proxectos que fomenten a integración social: ata 10 puntos.

II. Proxectos que supoñan dotacións e mellora de servizos, infraestruturas e equipamentos: ata 8 puntos.

III. Servizos adaptados a persoas con mobilidade reducida: ata 7 puntos.

Específico para a medida 323.

I. Interese do ben que se vai valorizar: ata 9 puntos.

II. Actuacións integrais: ata 10 puntos.

III. Incidencia sobre colectivos determinados (dependentes, persoas maiores, nenos): ata 6 puntos.

L) Normativa de aplicación.

Na medida en que as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras están previstas pola UE, rexeranse polas seguintes normas:

  • Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, aprobado por Decisión da Comisión C(2008) 703, do 15 de febreiro de 2008 e modificado por Decisión da Comisión C(2010), do 5 de marzo.
  • Regulamento (CE) n.º 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), modificado polo Regulamento (CE) n.º 74/2009, do 19 de xaneiro e 473/2009, do 25 de maio, do Consello.
  • Regulamento (CE) n.º 1974/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) n.º 1698/2005 relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader, modificado polos regulamentos (CE) n.º 1175/2008, do 27 de novembro, 363/2009, do 4 de maio, 482/2009, do 8 de xuño, e 108/2010, do 8 de febreiro, da Comisión.
  • Regulamento (CE) n.º 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) n.º 1698/2005 no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.
  • Regulamento (CE) n.º 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE (actuais artigos 107.1 e 108.1 do TFUE), ás axudas de minimis (DOUE 28.12.2006, L379).
  • Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (BOE n.º 1, do 1 de xaneiro de 2010).

Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na comunidade autónoma, en particular a seguinte:

  • Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
  • Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
  • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
  • Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
  • Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

M) Réxime de recursos.

As resolucións dos procedementos instruídos ao abeiro destas bases esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

  • Potestativamente, recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación, se a resolución é expresa. Se non o é, o prazo será de tres meses contado desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos do silencio administrativo.
  • Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, se a resolución é expresa. Se non o é, o prazo será de seis meses, contados desde o día seguinte a aquel no que se entenda desestimada a solicitude por silencio administrativo.

II. Normas específicas para cada medida.

Medida 313. Fomento de actividades turísticas.

1. Obxecto.

Constitúe o obxecto desta medida:

  • A consolidación e mellora da oferta turística e as infraestruturas turísticas nas zonas rurais, apoiando actuacións que contribúan a crear condicións favorables para o desenvolvemento das iniciativas empresariais no sector.
  • A posta en valor da riqueza histórica, cultural, patrimonial, natural e paisaxística das zonas rurais.

2. Beneficiarios.

Asociacións, fundacións e entidades privadas sen ánimo de lucro interesadas en promover actividades turísticas no medio rural.

Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Actividades subvencionables.

3.1. Creación e desenvolvemento de produtos e servizos turísticos.

3.2. Accións de promoción e comercialización de produtos e servizos turísticos.

3.3. Infraestruturas turísticas de pequena escala dirixidas á información, atención e recepción de visitantes

3.4. Adecuación, acondicionamento e equipamento de espazos naturais para a práctica do deporte

4. Tipo e intensidade da axuda.

A intensidade da axuda será como máximo do 75%. A contía da axuda non superará o importe máximo de 200.000 € por proxecto.

A axuda para as actuacións incluídas nesta medida que teñan a consideración de axuda de estado ampáranse no Regulamento (CE) n.º 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE (actuais artigos 107.1 e 108.1 do TFUE), ás axudas de minimis (DOUE 28.12.2006, L379). As axudas que se concedan a entidades locais ou entidades dependentes destas, e a entidades privadas sen ánimo de lucro, na medida en que non exerzan unha actividade económica, non se cualifican como empresas no sentido do artigo 107.1 do Tratado CE, polo que non constitúen axudas de estado.

5. Normas e restricións.

As actuacións a subvencionar están condicionadas polo convenio de colaboración subscrito pola Consellería de Cultura e Turismo e Agader, con data do 4 de abril de 2011, que pode consultarse na páxina web de Agader http://agader.xunta.es

Non serán subvencionables os proxectos que impliquen a creación de novas prazas de aloxamento.

Non se financiarán investimentos en deportes náuticos, actividades hípicas, campamentos de verán e campos de golf.

As rutas de sendeirismo non serán subvencionables.

A sinalización e paneis de información turística só serán financiables se están dentro de proxectos que formen parte do obxecto desta medida.

Os proxectos en que máis do 50% do investimento consista en aplicacións informáticas, estudos, vídeos promocionais, páxinas web ou traballos de consultoría en xeral, terán un límite máximo de axuda de 20.000 € por proxecto, sempre que vaian ligados a un proxecto de investimento.

Non serán elixibles aqueles proxectos cuxo investimento consista única e exclusivamente nos conceptos considerados no parágrafo anterior.

Medida 321. Servizos básicos para a economía e a poboación rural.

1. Obxecto.

O obxecto desta medida é apoiar a implantación e mellora dos servizos á poboación rural, en especial daqueles que respondan ás novas necesidades dos habitantes e empresas das áreas rurais.

2. Beneficiarios.

Asociacións, fundacións, comunidades veciñais de montes en man común e entidades privadas sen ánimo de lucro. Asociacións e confederacións de empresarios. Concellos e mancomunidades de concellos consorcios e entidades dependentes das anteriores con participación maioritaria dos concellos.

Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Actividades subvencionables.

3.1. Proxectos sen ánimo de lucro dirixidos á implantación e mellora de servizos asistenciais, culturais, educativos, recreativos, deportivos e de lecer.

3.2. Proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxía renovables. Os proxectos limitaranse ao uso da enerxía solar fotovoltaica ou térmica.

3.3. Medios de transporte para a prestación de servizos necesarios para o desenvolvemento do proxecto ou para cubrir necesidades de áreas con baixa densidade de poboación.

3.4. Proxectos de creación e desenvolvemento de centros de servizos para empresas, outras infraestruturas para redes de cooperación e servizos entre empresas, así como equipamentos a pequena escala que faciliten a implantación ou mellora de empresas en ámbitos rurais, fomentando en especial a redución da fenda dixital e a implantación de novas tecnoloxías.

4. Tipo e intensidade da axuda.

A intensidade máxima da axuda poderá alcanzar ata o 100% para as entidades públicas e ata o 75% para outros beneficiarios. A contía da axuda non superará o importe máximo de 200.000 € por proxecto, agás para os proxectos de enerxías renovables que non superarán os 120.000 €.

A axuda para as actuacións previstas nesta medida que teñan a consideración de axuda de estado, así como os proxectos financiados no marco dos novos retos, ampáranse no Regulamento (CE) n.º 1998/2006 da Comisión do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE (actuais artigos 107.1 e 108.1 do TFUE), ás axudas de minimis (DOUE 28.12.2006, L379). As axudas que se concedan a entidades locais ou entidades dependentes destas, e a entidades privadas sen ánimo de lucro, na medida en que non exerzan unha actividade económica, non se cualifican como empresas no sentido do artigo 107.1 do Tratado CE, polo que non constitúen axudas de estado.

5. Normas e restricións.

Unicamente se subvencionará o equipamento de locais sociais promovidos por entidades privadas sen ánimo de lucro cando os proxectos fagan referencia a centros de uso aberto á poboación en xeral, e a axuda máxima de 15.000 € por proxecto. Non se subvencionará a construción de novos edificios con destino a locais sociais.

Os concellos só poderán solicitar proxectos encadrados na epígrafe 3.2.

A potencia dos proxectos de enerxía solar fotovoltaica non poderán superar os 40 kW; e os proxectos de enerxía solar térmica non poderán superar unha superficie de 150 m2 de paneis si o destino da enerxía é o quentamento de piscinas, 50 m2 si é para polideportivos e 35 m2 para o resto das edificacións.

Nos proxectos que impliquen o aproveitamento de enerxías renovables, no caso da enerxía solar térmica, non serán subvencionables aquelas instalacións dedicadas á xeración de auga quente sanitaria (AQS) ou climatización de piscinas que sexan obrigatorias en virtude do documento básico HE 4-Contribución solar mínima de auga quente sanitaria do Código Técnico da Edificación (CTE), aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, independentemente da porcentaxe de contribución solar que cubra a instalación solar proxectada nestes usos. Para instalacións afectadas polo CTE que tamén se dedican a outras aplicacións non obrigadas pola normativa, só se poderá obter axuda pola parte correspondente a estas últimas aplicacións.

Os proxectos en que máis do 50% do investimento consista en aplicacións informáticas, estudos, vídeos promocionais, páxinas web ou traballos de consultoría en xeral, terán un límite máximo de axuda de 20.000 € por proxecto, sempre que vaian ligados a un proxecto de investimento.

Non serán elixibles aqueles proxectos cuxo investimento consista única e exclusivamente nos conceptos considerados no parágrafo anterior.

Medida 323. Conservación e mellora do patrimonio rural.

1. Obxecto.

O obxecto desta medida é favorecer a conservación e a valorización do patrimonio natural e cultural das zonas rurais. Preténdese apoiar a preservación da calidade paisaxística e da diversidade biolóxica, así como incentivar a conservación e a valorización dos elementos patrimoniais e culturais das zonas rurais.

2. Beneficiarios.

Asociacións, fundacións e outras entidades privadas sen ánimo de lucro. Comunidades de montes veciñais en man común.

Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Actividades subvencionables.

3.1. Centros de interpretación da natureza e proxectos relacionados coa restauración, mellora e posta en valor do patrimonio natural.

3.2. Proxectos relacionados coa restauración, mellora e posta en valor do patrimonio etnográfico e cultural: museos, posta en valor de recursos arqueolóxicos (exceptuando a intervención arqueolóxica sobre o ben) e a recuperación de construcións de interese arquitectónico, etnográfico e cultural.

4. Tipo e intensidade da axuda.

Por tratarse de actuacións de conservación do patrimonio natural e cultural que non presentan carácter produtivo, poderán alcanzar una intensidade de axuda pública de ata o 100%. A contía da axuda non superará o importe máximo de 200.000 € por proxecto.

5. Normas e restricións.

As actividades encadradas no punto 1) serán subvencionables sempre e cando o ben sobre o que se pretende actuar estea situado en zona declarada como espazo protexido na Rede Natura ou como hábitat de interese comunitario. Esta circunstancia será comprobada de oficio por Agader no oportuno rexistro da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.

Os promotores que pretendan recuperar as construcións a que fai referencia o punto 2) deberán acreditar coa solicitude que a construción esta incluída no Inventario do patrimonio cultural de Galicia (artigo 22.1 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia). O pagamento da subvención estará condicionado á conformidade da mencionada consellería sobre a intervención levada a cabo.

Non será elixibles aqueles proxectos en que as acreditación a que se refiren os dous parágrafos anteriores non estean estendidas en sentido positivo.

Os proxectos en que máis do 50% do investimento consista en aplicacións informáticas, estudos, vídeos promocionais, páxinas web ou traballos de consultoría en xeral terán un límite máximo de axuda de 20.000 € por proxecto, sempre que vaian ligados a un proxecto de investimento.

Non serán elixibles aqueles proxectos cuxo investimento consista única e exclusivamente nos conceptos considerados no parágrafo anterior.

ANEXO II
Formularios en modelos normalizados para a xestión da convocatoria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file