Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Martes, 14 de xuño de 2011 Páx. 14765

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2011, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se determinan os prazos e se ditan instrucións no procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de graos medio e superior en réxime ordinario e para as persoas adultas para o curso académico 2011-2012.

O Decreto 30/2007, do 15 de marzo, polo que se regula a admisión do alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu título V os criterios de admisión nos ciclos formativos de graos medio e superior de formación profesional específica.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, regula nos seus capítulos IX e X o acceso, a admisión e a matrícula nos ciclos formativos de grao medio e de grao superior.

A Orde do 5 de xuño de 2007 pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de graos medio e superior en réxime ordinario e para as persoas adultas, na súa disposición derradeira primeira autoriza a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar as normas precisas para o seu desenvolvemento, así como para fixar prazos diferentes aos previstos nesta orde para a admisión de solicitudes e para a formalización de matrícula.

Así mesmo, a Orde do 5 de novembro de 2010 pola que se establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para as persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial, regula nos seus artigos 5, 6 e 7 a admisión para esas modalidades, e na súa disposición derradeira primeira autoriza a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar as medidas precisas para a súa execución.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Prazo de presentación de solicitudes de admisión e documentación.

1. Con independencia do réxime solicitado, ordinario ou de persoas adultas, e consonte o disposto na Orde do 5 de xuño de 2007 pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de graos medio e superior en réxime ordinario e para as persoas adultas, os prazos de presentación de solicitudes de admisión para o curso 2011-2012 serán os seguintes:

a) O prazo ordinario será do 17 de xuño ao 4 de xullo, ambos os dous incluídos.

b) O prazo extraordinario abranguerá desde o día 1 ao 12 de setembro, ambos os dous incluídos.

2. A documentación que cumprirá presentar será a establecida no artigo 12.º da devandita orde, para ciclos formativos polo réxime ordinario, e no artigo 13.º, para módulos profesionais polo réxime para as persoas adultas na modalidade presencial, e a establecida no artigo 5.º da orde do 5 de novembro de 2010, para módulos profesionais polo réxime para as persoas adultas na modalidade a distancia ou semipresencial.

Con todo, cando os estudos se realizasen en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia e en ensinanzas ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, non cumprirá a achega da documentación relativa aos requisitos de acceso, agás naqueles casos en que a Administración educativa así o demande.

Cando se trate de homologacións de estudos estranxeiros de bacharelato en que se reflicta a nota media, non cumprirá a achega da documentación do país de orixe.

3. Con independencia dos requisitos xerais de acceso e de acordo coa disposición adicional segunda da citada Orde do 5 de xuño de 2007 e o artigo 31 da Orde do 23 de abril de 1999 pola que se regula o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, a admisión ao ciclo formativo de grao medio de mergullo a media profundidade requirirá ter dezaoito anos cumpridos no momento de presentación da solicitude, así como superar unha serie de probas físicas en instalacións en terra e en piscina, un exame médico, unha avaliación psicolóxica de aptitude para o mergullo profesional e unha proba de compresión e tolerancia ao oxíxeno hiperbárico.

Dado que por motivos de seguranza ou saúde a admisión neste ciclo formativo está ligada á superación de probas de carácter psicofísico, só se terán en conta as solicitudes presentadas nos centros que impartan estas ensinanzas.

Para a realización das devanditas probas as persoas aspirantes deberán achegar un certificado médico vixente no momento de presentación da solicitude.

Segundo. Procedemento de admisión e matrícula no período ordinario polo réxime ordinario.

1. As secretarías dos centros, ademais de recoller as solicitudes para a admisión a ciclos formativos de graos medio e superior, cargarán os datos de inscrición para o primeiro curso na aplicación informática Ciclosadmision, facilitada pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

A formalización dos datos na aplicación informática realizarase desde o 17 de xuño ata as 14.00 horas do día 4 de xullo.

2. Os centros que reciban solicitudes de alumnado que acceda con titulacións obtidas fóra do territorio do Estado español deben formalizar os datos na aplicación informática, agás a puntuación outorgada polo expediente académico, que lle corresponde á Subdirección Xeral de Formación Profesional. Para tales efectos, o centro, que será o encargado de gardar a documentación orixinal e de velar por ela, procederá á remisión inmediata por fax á Subdirección Xeral de Formación Profesional do expediente académico expedido no estranxeiro, así como da documentación xustificativa dos requisitos académicos (artigos 22 e 12 da Orde do 5 de xuño de 2007, respectivamente), facendo constar na primeira páxina a condición de orixinalidade ou cotexo da devandita documentación.

O prazo para a súa recepción na Subdirección Xeral de Formación Profesional finalizará o día 4 de xullo.

3. Nos centros que reciban solicitudes de alumnado que acredite algún tipo de discapacidade, o xefe ou a xefa do departamento de orientación realizará un ditame de escolarización para o que contará, de ser necesario, coa axuda do equipo de orientación específico da provincia correspondente. Neste ditame, cuxa finalidade é a de proporcionar unha orientación específica ao alumnado, incluirase a proposta razoada de escolarización en función das necesidades do alumno ou a alumna, que, en consecuencia, poderá modificar a súa solicitude.

O centro enviará polo trámite de urxencia á Subdirección Xeral de Formación Profesional a solicitude do alumno ou a alumna, e a documentación a que fai referencia a alínea e) do artigo 12 da Orde do 5 de xuño do 2007.

O prazo para a súa recepción na Subdirección Xeral de Formación Profesional finalizará o día 4 de xullo ás 14.00 horas.

A comisión autonómica de escolarización, á vista desta documentación, valorará as limitacións para poder cursar con aproveitamento as ensinanzas, co obxecto de garantir a eficacia da formación e do posterior exercicio das competencias profesionais inherentes ao título, e emitirá ditame provisional de escolarización que remitirá a cada centro educativo o día 8 de xullo. Os centros deberán informar de xeito individualizado a cada unha das persoas incluídas na listaxe.

Logo de emitido o ditame provisional de escolarización, pódese presentar reclamación ante o presidente ou a presidenta da comisión autonómica de escolarización nos días 11 e 12 de xullo. O ditame definitivo de escolarización emitirase o día 18 de xullo. Os centros deberán informar de xeito individualizado a cada unha das persoas afectadas.

4. As persoas solicitantes de admisión ao ciclo formativo de grao medio de mergullo a media profundidade serán informadas no momento da inscrición polo centro que imparta o devandito ciclo da data, o lugar e a hora en que se vaia realizar a proba a que se fai referencia no punto 3 da disposición primeira desta resolución. Os resultados destas probas exporanse antes do 18 de xullo no taboleiro de anuncios do centro.

5. Os centros farán pública o día 6 de xullo a relación provisional de persoas solicitantes no taboleiro de anuncios, ordenada alfabeticamente, con indicación da puntuación conseguida e das opcións de preferencia, que deberá aprobar o consello escolar ou consello social.

Esta publicación realizarase, así mesmo, na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es/fp

Establécese un prazo de reclamacións ata o día 12 de xullo ás 13.00 horas.

6. Logo de resoltas as reclamacións presentadas ante o consello escolar ou consello social correspondente, os centros terán de prazo ata o día 12 de xullo ás 14.00 horas para cargaren na aplicación informática os datos coas modificacións xurdidas das reclamacións. O día 18 de xullo farase pública nos taboleiros de anuncios dos centros e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp a listaxe definitiva de solicitantes.

7. O día 19 de xullo publicarase no taboleiro de anuncios dos centros educativos e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp a primeira relación ordinaria de persoas admitidas en cada ciclo formativo de grao medio ou superior, onde aparecerán as persoas solicitantes por orde decrecente de puntuación. Esta relación e as sucesivas elaboraranse a través da aplicación informática de xestión facilitada pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e deberaas aprobar en cada centro o consello escolar ou consello social.

8. No prazo abranguido desde o día 19 ao día 22 de xullo ás 13.00 horas deberase matricular ou ben renunciar o alumnado admitido en cada ciclo no centro en que fose adxudicado, segundo os anexos VII e VIII da Orde do 5 de xuño de 2007. O feito de renunciar á adxudicación dunha praza é condición indispensable para quedar en listaxe de espera nas opcións de maior preferencia. As persoas solicitantes admitidas que non se matriculen e non presenten renuncia no prazo indicado perderán o dereito á súa praza e, nese caso, procederase á súa escolarización ao final do proceso, se houber vacantes.

Os centros teñen de prazo ata as 14.00 horas do día 22 de xullo para cargaren os datos na aplicación informática.

9. O día 26 de xullo, a comisión autonómica de escolarización publicará a segunda relación ordinaria de persoas admitidas en cada ciclo formativo de grao medio ou superior, onde deben aparecer as persoas solicitantes por orde decrecente de puntuación.

10. No prazo abranguido desde o día 26 ao día 29 de xullo ás 13.00 horas deberase matricular ou ben renunciar o alumnado admitido en cada ciclo no centro en que fose adxudicado, segundo os anexos VII e VIII da Orde do 5 de xuño de 2007. O feito de renunciar á adxudicación dunha praza é condición indispensable para quedar en listaxe de espera nas opcións de maior preferencia. As persoas solicitantes admitidas que non se matriculen e non presenten renuncia no prazo indicado perderán o dereito á súa praza e, nese caso, procederase á súa escolarización ao final do proceso, se houber vacantes.

Os centros teñen de prazo ata as 14.00 horas do día 29 de xullo para cargaren os datos na aplicación informática.

11. Se logo de cada unha das adxudicacións a que se fai referencia nos puntos 7 e 9 anteriores existisen prazas vacantes e non houbese listaxe de espera, liberaranse as prazas do ciclo formativo ata o 29 de xullo ás 13.00 horas para aquel alumnado que acredite o cumprimento dos requisitos de acceso. Os centros efectuarán a matrícula por estrita orde de chegada das solicitudes.

A relación dos ciclos formativos coa condición de liberados e o número de prazas dispoñibles en cada un deles poderase consultar en calquera momento na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp.

12. No procedemento de admisión ao segundo curso, os órganos competentes serán os establecidos no artigo 14.º da Orde do 5 de xuño de 2007.

13. No caso do alumnado que deba formalizar a matrícula no segundo curso por ter pendente de superación unicamente o módulo de formación en centros de traballo e, de ser o caso, o módulo de proxecto, entenderase a presentación da solicitude como formalización de matrícula, para os efectos de tramitación dos correspondentes convenios para o desenvolvemento do referido módulo.

14. A comisión autonómica de escolarización poderá realizar a acumulación de prazas de acceso mediante proba e por acceso directo a partir da primeira adxudicación do mes de xullo.

Terceiro. Procedemento de admisión e matrícula no período extraordinario polo réxime ordinario.

1. Os centros que reciban solicitudes de alumnado que acceda con titulacións obtidas fóra do territorio do Estado español procederán segundo se establece no punto 2 da disposición segunda desta resolución. O prazo para a recepción das solicitudes na Subdirección Xeral de Formación Profesional para proceder ao baremo dos expedientes finalizará o día 12 de setembro ás 13.00 horas.

2. Os centros que reciban solicitudes de alumnado con necesidades educativas especiais ou que acrediten algún tipo de discapacidade procederán segundo se establece no punto 3 da disposición segunda desta resolución.

O prazo para a súa recepción na Subdirección Xeral de Formación Profesional finalizará o día 12 de setembro ás 14.00 horas.

A comisión autonómica de escolarización emitirá ditame provisional de escolarización que remitirá a cada centro educativo o día 15 de setembro. Os centros deberán informar de xeito individualizado a cada unha das persoas incluídas na listaxe.

Logo de emitido o ditame provisional de escolarización, pódese presentar reclamación ante o presidente ou a presidenta da comisión autonómica de escolarización nos días 15 e 16 de setembro. O ditame definitivo de escolarización emitirase o día 19 de setembro. Os centros deberán informar de xeito individualizado a cada unha das persoas afectadas.

3. Os centros farán pública o día 14 de setembro a relación provisional de persoas solicitantes no taboleiro de anuncios, ordenada alfabeticamente, con indicación da puntuación conseguida e das opcións de preferencia, que deberá aprobar o consello escolar ou consello social.

Esta publicación realizarase, así mesmo, na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es/fp

Establécese un prazo de reclamacións ata o día 16 ás 13.00 horas.

4. Logo de resoltas as reclamacións presentadas ante o consello escolar ou consello social correspondente, os centros teñen de prazo ata o día 16 de setembro ás 14.00 horas para cargaren na aplicación informática os datos coas modificacións xurdidas das reclamacións. A listaxe definitiva de solicitantes farase pública o día 20 de setembro nos taboleiros de anuncios dos centros e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp

5. O día 20 de setembro farase pública nos taboleiros de anuncios dos centros e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp a primeira relación extraordinaria de persoas admitidas en cada ciclo formativo de grao medio ou superior por orde decrecente de puntuación. Esta relación e as sucesivas elaboraranse a través da aplicación informática de xestión facilitada pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e deberaas aprobar en cada centro o consello escolar ou consello social.

6. No prazo comprendido entre o día 20 e o día 23 de setembro ata as 13.00 horas, deberase matricular ou ben renunciar o alumnado admitido en cada ciclo no centro en que fose adxudicado, segundo os anexos VII e VIII da Orde do 5 de xuño de 2007. O feito de renunciar á adxudicación dunha praza é condición indispensable para quedar en listaxe de espera nas opcións de maior preferencia. As persoas solicitantes admitidas que non se matriculen e non presenten renuncia no prazo indicado perderán o dereito á súa praza e, nese caso, procederase á súa escolarización ao final do proceso, se houber vacantes.

7. O día 27 de setembro farase pública nos taboleiros de anuncios dos centros e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp a segunda relación extraordinaria de persoas admitidas en cada ciclo formativo de grao medio ou superior por orde decrecente de puntuación.

8. No prazo abranguido desde o día 27 ao día 30 de setembro ás 13.00 horas deberase matricular ou ben renunciar o alumnado admitido en cada ciclo no centro en que fose adxudicado, segundo os anexos VII e VIII da Orde do 5 de xuño de 2007. O feito de renunciar á adxudicación dunha praza é condición indispensable para quedar en listaxe de espera nas opcións de maior preferencia. As persoas solicitantes admitidas que non se matriculen e non presenten renuncia no prazo indicado perderán o dereito á súa praza e, nese caso, procederase á súa escolarización ao final do proceso, se houber vacantes.

Os centros teñen de prazo ata as 14.00 horas do día 30 de setembro para cargaren os datos na aplicación informática.

9. Se logo de rematado o prazo de presentación de solicitudes ou despois de cada unha das adxudicacións a que se fai referencia nos puntos 5 e 7 existisen prazas vacantes e non houbese lista de espera, liberaranse as prazas do correspondente ciclo formativo para o alumnado que acredite o cumprimento dos requisitos de acceso. Os centros efectuarán a matrícula por estrita orde de chegada das solicitudes.

A relación dos ciclos formativos coa condición de liberados e o número de prazas dispoñibles en cada un deles poderase consultar en calquera momento na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp

10. A comisión autonómica de escolarización poderá realizar a acumulación de prazas de acceso mediante proba e por acceso directo a partir da primeira adxudicación do mes de setembro.

11. O proceso de matriculación neste réxime rematará o día 7 de outubro. A partir desta data, non se producirá matriculación ningunha sen autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Esta autorización farase por medio da aplicación informática que xestiona a admisión.

Cuarto. Procedemento de admisión e matrícula polo réxime para as persoas adultas nos períodos ordinario e extraordinario, nas modalidades presencial, semipresencial e a distancia.

1. Os prazos de presentación de solicitudes serán os mesmos que os establecidos na disposición primeira desta resolución.

2. No caso do alumnado que acredite algún tipo de discapacidade ou do alumnado con titulacións obtidas fóra do territorio do Estado español, procederase de acordo co establecido nos puntos 2 e 3 da disposición segunda desta resolución, ou 1 e 2 da disposición terceira desta resolución.

3. As datas de publicación das relacións provisionais do alumnado solicitante, os correspondentes prazos de reclamacións, as datas de publicación das relacións definitivas, as datas de publicación das relacións de persoas solicitantes adxudicadas, así como os prazos de matriculación, serán os mesmos que os establecidos para o réxime ordinario nas disposicións segunda e terceira desta resolución.

4. No caso do alumnado que teña pendente de superación unicamente o módulo de formación en centros de traballo e, de ser o caso, o módulo de proxecto, entenderase a presentación da solicitude como formalización de matrícula, para os efectos de tramitación dos correspondentes convenios para o desenvolvemento de dito módulo.

5. O alumnado adxudicado na modalidade a distancia ou semipresencial xuntará, coa correspondente solicitude de matrícula, un enderezo de correo electrónico para os efectos de activación do acceso á plataforma de teleaprendizaxe e comunicacións relacionadas con esta modalidade de formación.

Quinto. Solicitude de convocatoria extraordinaria.

1. O alumnado que esgotase as convocatorias ás que tiña dereito poderá solicitar a autorización dunha única convocatoria extraordinaria para poder rematar os seus estudos polo réxime ordinario, de acordo co procedemento e nas condicións que se establecen no artigo 24 da Orde do 5 de xuño de 2007, pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de graos medio e superior en réxime ordinario e para as persoas adultas.

No caso dos centros privados e públicos non dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a dirección dará traslado das solicitudes ao centro público a que estea adscrito no prazo máximo de cinco días hábiles.

2. O prazo de presentación de solicitudes de convocatoria extraordinaria abranguerá desde o 17 de xuño ata o 30 de setembro, de acordo co establecido no artigo 24.5 da citada orde do 5 de xuño de 2007. No caso do alumnado que teña pendente de superación unicamente o módulo de formación en centros de traballo, poderá solicitarse en calquera momento do curso académico co fin de efectuar a matrícula no devandito módulo nas condicións establecidas no artigo 6.5 da Orde do 28 de febreiro de 2007 pola que se regula o módulo profesional de formación en centros de traballo da formación profesional inicial, para o alumnado matriculado en centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. De acordo co artigo 24.4 da citada Orde do 5 de xuño de 2007, logo de concedida a convocatoria extraordinaria, o alumno ou a alumna deberán formalizar a matrícula no ciclo formativo dun centro educativo que teña a condición de liberado para rematar os seus estudos.

Disposición adicional primeira. Erros no número do documento de identificación.

De detectárense erros na aplicación informática no número do documento de identificación (DNI, NIE, pasaporte ou documento de identidade da Unión Europea), poderase solicitar a súa corrección en calquera momento a través de reclamación, segundo o modelo de solicitude do anexo I desta resolución e dispoñible na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp

A esta solicitude deberáselle achegar unha fotocopia do documento de identificación e deberá estar asinada polo director ou a directora do centro, quen enviará por vía de urxencia a reclamación orixinal presentada na secretaría do centro á Subdirección Xeral de Formación Profesional. Non cumprirá que o centro realice trámite adicional ningún coa aplicación informática.

Disposición adicional segunda. Número mínimo de solicitudes de matrícula.

1. De acordo co artigo 19.4 da Orde do 5 de xuño de 2007, a formalización da matrícula nos centros sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria quedará condicionada a que estea cargado na aplicación informática antes do 9 de setembro un número mínimo de doce solicitudes de matrícula admitidas por cada centro educativo nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, e de oito solicitudes en cada centro do resto de Galicia, para cada un dos ciclos formativos de grao medio ou superior, tanto no réxime ordinario como na oferta modular polo réxime para as persoas adultas na modalidade presencial.

2. De acordo co artigo 8.2 da Orde do 5 de novembro de 2010, a autorización da oferta nos centros públicos de módulos profesionais dun ciclo formativo de formación profesional na modalidade a distancia e semipresencial quedará condicionada a que exista un número mínimo de vinte solicitudes antes do 9 de setembro.

Disposición adicional terceira. Modalidades de bacharelato preferentes e materias vinculadas para cada ciclo formativo de grao superior.

1. No caso do acceso a ciclos formativos de grao superior, a relación de modalidades de bacharelato preferentes e materias vinculadas será a que se recolle nos anexos II A) e II B) da presente resolución.

2. En relación coa preferencia no acceso a ciclos formativos de grao superior establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, as modalidades de bacharelato de tecnoloxía e de ciencias da natureza e da saúde establecidas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, terán a mesma consideración para os efectos de acceso que a modalidade de ciencias e tecnoloxía establecida pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

3. En relación coa preferencia no acceso a ciclos formativos de grao superior establecidos ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, a modalidade de bacharelato de ciencias e tecnoloxía establecida pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, terá a mesma consideración para os efectos de acceso que as modalidades de tecnoloxía e de ciencias da natureza e da saúde establecidas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Disposición adicional cuarta. Admisión a ciclos formativos de grao medio mediante a acreditación de titulacións académicas de acceso directo ao grao superior.

As persoas solicitantes de admisión mediante acceso directo a ciclos formativos de grao medio que en lugar de presentar algunha das titulacións ou estudos superados a que se fai referencia no artigo 5.º da citada orde do 5 de xuño de 2007 presenten directamente un título universitario, un título de técnico superior ou un título de bacharel da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, ou da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou estudos equivalentes aos anteriores, participarán no proceso de admisión cunha puntuación de cinco puntos, con independencia de que por estas titulacións tivesen unha maior puntuación no caso de solicitar o acceso a ciclos formativos de grao superior.

Disposición adicional quinta. Constitución de grupos.

Non computará para os efectos de constitución de grupos o alumnado de segundo curso do réxime ordinario que teña pendente de superación unicamente o módulo de formación en centros de traballo e/ou o módulo de proxecto, de ser o caso.

Disposición adicional sexta. Reserva de prazas para as persoas que cumpran os requisitos de deportista galego ou nacional de alto nivel ou rendemento.

1. De acordo co artigo 9.3 do Real decreto 971/2007, do 13 de xullo, sobre deportistas de alto nivel e alto rendemento, todos os ciclos formativos disporán, con carácter xeral, dun 5% adicional de prazas reservadas para as persoas que cumpran os requisitos de deportista galego ou nacional de alto nivel ou rendemento.

2. A reserva de prazas a que se fai referencia no punto anterior para o ciclo medio de mergullo a media profundidade realizarase descontando as prazas reservadas respecto do total das prazas ofrecidas. En ningún caso se incrementará o número de prazas ofrecidas.

Disposición adicional sétima. Prazas vacantes do réxime ordinario.

1. As prazas que resulten vacantes, logo de finalizadas as correspondentes fases de admisión e matrícula polo réxime ordinario, poderán ser ocupadas en réxime de persoas adultas.

2. No caso de ciclos formativos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en proceso de implantación, unicamente será de aplicación aos módulos profesionais do primeiro curso.

3. Para tales efectos, o día 10 de outubro os centros educativos farán pública no taboleiro de anuncios unha relación de todos os módulos profesionais liberados en cada ciclo formativo. A matrícula farase no prazo abranguido entre o 10 e o 14 de outubro, por estrita orde de chegada de solicitudes.

O proceso de matriculación neste réxime rematará o día 14 de outubro. A partir desta data non se producirá matriculación ningunha sen autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Esta autorización farase por medio da aplicación informática que xestiona a admisión.

Disposición transitoria primeira. Matriculación no réxime ordinario do alumnado afectado pola implantación dos novos títulos de formación profesional ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

1. O alumnado que ao remate do curso académico 2010-2011 teña módulos superados dun ciclo formativo establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, non cumpra os criterios de promoción ao segundo curso e se vexa afectado pola entrada en vigor das novas ensinanzas dos títulos a que se fai referencia no anexo III desta resolución deberá matricularse no primeiro curso das novas ensinanzas, para o cal se aplicará o réxime de validacións establecido no anexo IV do real decreto polo que se estableza o título correspondente.

2. O alumnado que ao remate do curso académico 2010-2011 teña módulos superados dun ciclo formativo establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e se vexa afectado pola implantación do segundo curso das novas ensinanzas a que se fai referencia no anexo IV da presente resolución deberá matricularse no curso que corresponda das novas ensinanzas, logo da aplicación do réxime de validacións establecido no anexo IV do real decreto polo que se estableza o título correspondente.

3. O alumnado que estivese matriculado e non causase baixa no curso 2010-2011 polo réxime de persoas adultas nun ciclo formativo establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e se vexa afectado pola entrada en vigor das novas ensinanzas dos títulos a que se fai referencia no anexo III desta resolución poderá solicitar praza no segundo curso polo réxime ordinario, sen ter en conta os criterios de promoción, para os efectos de rematar o ciclo formativo que se extingue. En todo caso, o cómputo de duración dos módulos pendentes non pode superar as horas máximas establecidas para a matrícula no réxime de persoas adultas.

Disposición transitoria segunda. Matriculación no réxime para as persoas adultas do alumnado afectado pola implantación dos novos títulos de formación profesional ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

O alumnado con módulos superados do título correspondente establecido pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, que se vexa afectado pola entrada en vigor das novas ensinanzas establecidas ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a que se fai referencia no puntos primeiro e segundo da disposición transitoria primeira desta resolución, e desexe continuar os seus estudos polo réxime para as persoas adultas, deberá matricularse nas novas ensinanzas con aplicación do réxime de validacións establecido no anexo IV do real decreto polo que se estableza o título correspondente.

Disposición transitoria terceira. Realización do módulo de formación en centros de traballo en títulos extinguidos.

O alumnado que teña pendente de superación unicamente o módulo de formación en centros de traballo dun título extinguido establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, poderá cursalo no ano académico 2011-2012 nalgún dos centros educativos que ofreceran o devandito ciclo formativo no curso académico 2010-2011.

Disposición derradeira.

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación para o curso 2011-2012.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2011.

José Luis Mira Lema
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

ANEXO I
Solicitude de corrección do número do documento de identificación

Proceso de admisión de alumnado aos ciclos formativos de formación profesional específica.

Don/Dona_________________________________________, que presentou a solicitude para inscribirse/matricularse nos ciclos formativos/módulos de formación profesional específica no IES/CIFP_______________________________ e figura na aplicación informática co seguinte número de DNI/NIE/pasaporte______________________, solicita a súa corrección e substitución polo número de identificación______________, para o que achega fotocopia compulsada deste.

.........................................., ........... de................................ de 200.....

Asinado:.....................................

Visto e prace: o/a director/a do centro.

Asinado:.....................................

Subdirección Xeral de Formación Profesional

ANEXO II A)
Modalidades preferentes e materias vinculadas do bacharelato para o acceso
a ciclos formativos de grao superior establecidos ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo

Familia profesional

Ciclos de grao superior

Modalidades de bacharelato

Materias de bacharelato

Actividades agrarias 

Xestión e organización de empresas agropecuarias

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Ciencias da terra e do ambiente

Xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Ciencias da terra e do ambiente

Actividades físicas e deportivas

Animación de actividades físicas e deportivas

Calquera modalidade de bacharelato

Actividades marítimo-pesqueiras

Navegación, pesca e transporte marítimo

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Debuxo técnico

Produción acuícola

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Bioloxía

Supervisión e control de máquinas e instalacións do buque

Ciencias da natureza e da saúde.

Tecnoloxía

Electrotecnia

Administración 

Administración e finanzas

Ciencias da natureza e da saúde

Humanidades e ciencias sociais

Economía e organización de empresas

Secretariado

Ciencias da natureza e da saúde

Humanidades e ciencias sociais

Economía e organización de empresas

Artes gráficas

Deseño e produción editorial

Artes

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Debuxo técnico

Produción en industrias de artes gráficas

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Tecnoloxía industrial II

Comercio e márketing

Comercio internacional

Ciencias da natureza e da saúde

Humanidades e ciencias sociais

Economía e organización de empresas

Servizos ao consumidor

Ciencias da natureza e da saúde

Humanidades e ciencias sociais

Economía e organización de empresas

Xestión comercial e márketing

Ciencias da natureza e da saúde

Humanidades e ciencias sociais

Economía e organización de empresas

Xestión do transporte

Ciencias da natureza e da saúde

Humanidades e ciencias sociais

Economía e organización de empresas

Comunicación, imaxe e son

Imaxe

Artes

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Física

Produción de audiovisuais, radio e espectáculos

Ciencias da natureza e da saúde

Humanidades e ciencias sociais

Tecnoloxía

Economía e organización de empresas

Realización de audiovisuais e espectáculos

Artes

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Física

Son

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Física

Edificación e obra civil

Desenvolvemento de proxectos urbanísticos e operacións topográficas

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Debuxo técnico

Realización e plans de obra

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Debuxo técnico

Electricidade e electrónica

Desenvolvemento de produtos electrónicos

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Electrotecnia

Sistemas de regulación e control automáticos

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Electrotecnia

Sistemas de telecomunicación e informáticos

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Electrotecnia

Fabricación mecánica

Óptica de anteollos

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Tecnoloxía industrial II

Produción por fundición e pulvimetalurxia

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Tecnoloxía industrial II

Hostalaría e turismo

Animación turística

Artes

Humanidades e ciencias sociais

Segunda lingua estranxeira

Imaxe persoal

Asesoría de imaxe persoal

Ciencias da natureza e da saúde

Humanidades e ciencias sociais

 

Estética

Ciencias da natureza e da saúde

Humanidades e ciencias sociais

Bioloxía

Industrias alimentarias

Informática

 

Madeira e moble

Desenvolvemento de produtos de carpintaría e moble

Artes

Tecnoloxía

Debuxo técnico

Produción de madeira e moble

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Tecnoloxía industrial II

Mantemento de vehículos autopropulsados

Mantemento aeromecánico

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Electrotecnia

Mecánica

Mantemento de aviónica

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Electrotecnia

Mantemento e servizos á produción

Mantemento de equipo industrial

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Tecnoloxía industrial II

Prevención de riscos profesionais

Ciencias da natureza e da saúde

Humanidades e ciencias sociais

Tecnoloxía

 

Química

Fabricación de produtos farmacéuticos e afíns

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Química

Plásticos e caucho

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Química

Química ambiental

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Química

Sanidade

Anatomía patolóxica e citoloxía

Ciencias da natureza e da saúde

Bioloxía

Dietética

Ciencias da natureza e da saúde

Bioloxía

Documentación sanitaria

Ciencias da natureza e da saúde

Humanidades e ciencias sociais

 

Hixiene bucodental

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Bioloxía

Imaxe para o diagnóstico

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

 

Laboratorio de diagnóstico clínico

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Bioloxía

Ortoprotésica

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Debuxo técnico

Próteses dentais

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

 

Radioterapia

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

 

Saúde ambiental

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Ciencias da terra e do ambiente

Servizos socioculturais e á comunidade

Animación sociocultural

Ciencias da natureza e da saúde

Humanidades e ciencias sociais

Tecnoloxía

Integración social

Ciencias da natureza e da saúde

Humanidades e ciencias sociais

Tecnoloxía

Interpretación da lingua de signos

Calquera modalidade de bacharelato

Téxtil, confección e pel

Curtidos

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Química

Procesos de confección industrial

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Debuxo técnico

Procesos de ennobrecemento téxtil

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Química

Procesos téxtiles de fiadura e tecedura de calada

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Tecnoloxía industrial II

Procesos téxtiles de tecedura de punto

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Tecnoloxía industrial II

Vidro e cerámica

Fabricación e transformación de produtos de vidro

Ciencias da natureza e da saúde

Tecnoloxía

Química

ANEXO II B)
Modalidades preferentes e materias vinculadas do bacharelato para o acceso
a ciclos formativos de grao superior establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación

Familia profesional

Ciclos de grao superior

Modalidades de bacharelato

Materias de bacharelato

Actividades físicas e deportivas 

Administración e xestión

Agraria

Artes gráficas

Artes e artesanías

Comercio e márketing 

Edificación e obra civil

Proxectos de edificación

Ciencias e tecnoloxía.

Artes.

Electricidade e electrónica

Sistemas electrotécnicos e automatizados

Ciencias e tecnoloxía

Enerxía e auga

Eficiencia enerxética e enerxía solar térmica

Ciencias e tecnoloxía

Fabricación mecánica

Programación da produción en fabricación mecánica

Ciencias e tecnoloxía

Construcións metálicas

Ciencias e tecnoloxía

Deseño en fabricación mecánica

Ciencias e tecnoloxía

Hostalaría e turismo

Xestión de aloxamentos turísticos

Humanidades e ciencias sociais

Axencias de viaxes e xestión de eventos

Humanidades e ciencias sociais

Guía, información e asistencias turísticas

Humanidades e ciencias sociais

Dirección de cociña

Ciencias e tecnoloxía

Dirección de servizos de restauración

Ciencias e tecnoloxía

Imaxe persoal

Imaxe e son

Industrias alimentarias

Vitivinicultura

Ciencias e tecnoloxía

Procesos e calidade na industria alimentaria

Ciencias e tecnoloxía

Industrias extractivas

Informática e comunicacións

Administración de sistemas informáticos en rede

Ciencias e tecnoloxía

Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma

Ciencias e tecnoloxía

Desenvolvemento de aplicacións web

Ciencias e tecnoloxía

Instalación e mantemento

Desenvolvemento de proxectos de instalacións

térmicas e de fluídos

Ciencias e tecnoloxía

Mantemento de instalacións

térmicas e de fluídos

Ciencias e tecnoloxía

Madeira, moble e cortiza

Marítimo-pesqueira 

Química

Química industrial

Ciencias e tecnoloxía

Química

Laboratorio de análise e de control de calidade

Ciencias e tecnoloxía

Química

Sanidade

Audioloxía protésica

Ciencias e tecnoloxía

Seguridade e ambiente

Servizos socioculturais e á comunidade

Educación infantil

Humanidades e ciencias sociais

Téxtil, confección e pel

Patronaxe e moda

Ciencias e tecnoloxía

Deseño e produción de calzado e complementos

Ciencias e tecnoloxía

Artes.

Transporte e mantemento de vehículos

Automoción

Ciencias e tecnoloxía

Vidro e cerámica

Desenvolvemento e fabricación de produtos cerámicos

Ciencias e tecnoloxía

ANEXO III
Relación de reais decretos de títulos de formación profesional establecidos
ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, nos que se inicia
a implantación do primeiro curso no ano académico 2011-2012 substituíndo,
de ser o caso, os equivalentes establecidos pola Lei orgánica 1/1990,
do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo

– Real decreto 1631/2009, do 30 de outubro, polo que se establece o título de técnico en xestión administrativa e se fixan as súas ensinanzas mínimas (modificado polo Real decreto 1126/2010, do 10 de setembro).

– Real decreto 1129/2010, do 10 de setembro, polo que se establece o título de técnico en xardinaría e floraría e se fixan as súas ensinanzas mínimas.

– Real decreto 690/2010, do 20 de maio, polo que se establece o título de técnico superior en proxectos de edificación e se fixan as súas ensinanzas mínimas.

– Real decreto 1127/2010, do 10 de setembro, polo que se establece o título de técnico superior en sistemas electrotécnicos e automatizados e se fixan as súas ensinanzas mínimas.

– Real decreto 687/2010, do 20 de maio, polo que se establece o título de técnico superior en dirección de cociña e se fixan as súas ensinanzas mínimas.

– Real decreto 688/2010, do 20 de maio, polo que se establece o título de técnico superior en dirección de servizos de restauración e se fixan as súas ensinanzas mínimas.

– Real decreto 452/2010, do 16 de abril, polo que se establece o título de técnico en elaboración de produtos alimentarios e se fixan as súas ensinanzas mínimas.

– Real decreto 451/2010, do 16 de abril, polo que se establece o título de técnico superior en procesos e calidade na industria alimentaria e se fixan as súas ensinanzas mínimas.

– Real decreto 450/2010, do 16 de abril, polo que se establece o título de técnico superior en desenvolvemento de aplicacións multiplataforma e se fixan as súas ensinanzas mínimas.

– Real decreto 686/2010, do 20 de maio, polo que se establece o título de técnico superior en desenvolvemento de aplicacións web e se fixan as súas ensinanzas mínimas.

– Real decreto 1793/2010, do 30 de decembro, polo que se establece o título de técnico en instalacións frigoríficas e de climatización e se fixan as súas ensinanzas mínimas.

– Real decreto 1792/2010, do 30 de decembro, polo que se establece o título de técnico en instalacións de produción de calor e se fixan as súas ensinanzas mínimas.

– Real decreto 1128/2010, do 10 de setembro, polo que se establece o título de técnico en carpintaría e moble e se fixan as súas ensinanzas mínimas.

– Real decreto 254/2011, do 28 de febreiro, polo que se establece o título de técnico en cultivos acuícolas e se fixan as súas ensinanzas mínimas.

– Real decreto 453/2010, do 16 de abril, polo que se establece o título de técnico en electromecánica de vehículos automóbiles e se fixan as súas ensinanzas mínimas.

ANEXO IV
Relación de decretos polos que se establecen os currículos de formación
profesional establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio,
de educación, nos que se inicia a implantación do segundo curso no ano
académico 2011-2012 substituíndo, de ser o caso, os equivalentes establecidos pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo

– Decreto 178/2010, do 1 de outubro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en instalacións de telecomunicacións.

– Decreto 188/2010, do 7 de outubro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en produción agroecolóxica.

– Decreto 182/2010, do 7 de outubro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en produción agropecuaria.

– Decreto 190/2010, do 14 de outubro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en deseño en fabricación mecánica.

– Decreto 177/2010, do 1 de outubro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en administración de sistemas informáticos en rede.

– Decreto 172/2010, do 23 de setembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en axencias de viaxes e xestión de eventos.

– Decreto 167/2010, do 23 de setembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en guía, información e asistencias turísticas.