Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Mércores, 22 de xuño de 2011 Páx. 16149

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 117/2011, do 26 de maio, polo que se resolve o expediente de deslindamento entre os termos municipais dos concellos da Estrada e Cuntis.

O día 14 de febreiro de 2008 tivo entrada no Rexistro da Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza escrito do Concello da Estrada coa certificación do acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local, en sesión ordinaria que tivo lugar o día 4 de febreiro de 2008, sobre o inicio dos traballos de deslindamento entre os termos municipais da Estrada e Cuntis previstos para o día 21 de febreiro de 2008. Con data do 3 de marzo de 2008 tivo entrada no rexistro xeral da Xunta de Galicia escrito do Concello da Estrada en que se remite o expediente instruído relativo ao deslindamento dos termos municipais da Estrada e Cuntis, respecto do cal non existiu acordo na actuación compartida por ambos os concellos na radicación obxecto da confusión (entre monte da Espiñeira, Tres Leguiñas e Portela), na reunión do día 21 de febreiro de 2008, e solicitou a continuación a tramitación preceptiva do expediente.

Con data do 14 de marzo de 2008 tivo entrada no rexistro xeral da Xunta de Galicia escrito do Concello de Cuntis en que se remite o expediente instruído relativo ao deslindamento dos termos municipais da Estrada e Cuntis, respecto do cal non existe acordo.

O expediente de deslindamento tramitouse de conformidade co procedemento establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no Real decreto 1690/1986, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de poboación e demarcación territorial das entidades locais.

Durante a dita tramitación non existiu acordo entre os concellos da Estrada e Cuntis, e a discrepancia entre ambos os concellos estriba na interpretación sobre o terreo dos acordos recollidos nas Actas de deslindamento de 1890 e de 1958, e a zona en conflito esténdese desde Pedra Lobeira ata Pedra da Aguia situada entre os marcos 6 e 3 da acta elaborada polos concellos o 10 de marzo de 1890 e desde o marco 48 Pedra Lobeira ata o marco 55 Pedra da Aguia na acta elaborada polo Instituto Xeográfico e Catastral os días 26 e 27 de setembro de 1958 con continuación os días 8 e 9 de outubro do mesmo ano, depositada no Arquivo do Rexistro Central de Cartografía do IXN.

O Concello da Estrada manifesta fundamentar a súa proposta na acta do 10 de marzo de 1890, da cal achega unha copia compulsada e documentación gráfica coa interpretación que fai da dita acta.

Segundo consta no informe do Instituto Xeográfico Nacional, deben facerse as seguintes consideracións sobre a dita proposta:

Marco 3: faino coincidir coa Pedra da Aguia, mentres que na acta se indica que está situado a 115 metros desa pedra.

Marco 4 (Outeiros do Cerro das Tres Laguiñas): sitúao a unha distancia aproximada de 1.040 metros do seu marco 3, cando a distancia que figura na acta entre os marcos 3 e 4 é de 890 metros. A posición que atribúe A Estrada a este marco é a do marco 51 da acta de 1958, (Castelo das Tres Laguiñas).

Marco 5 (Outeiro do Castelo das Tres Laguiñas): na proposta da Estrada figura situado a unha distancia duns 540 metros do seu marco 4, mentres que a distancia que se indica na acta entre os marcos 4 e 5 é de 306 metros.

Marco 6 (Pedra Lobeira): sitúao correctamente, en coincidencia co marco 48 da acta de 1958 (denominado tamén Pedra Lobeira nesta última acta). Non obstante, ao ter situado erroneamente o marco 5, a distancia que figura na súa proposta entre os marcos 5 e 6 é duns 250 metros, cando na acta se di que estes marcos están separados 714 metros entre si.

O Concello da Estrada propón como liña límite entre cada dous marcos consecutivos a liña recta que pasa por ambos os dous, mentres que na acta de 1890 se di que a liña límite é o monte común. A proposta do Concello da Estrada é incoherente co documento en que pretendidamente a fundamenta. Nin a posición que lles atribúe aos marcos que se describen na acta de 1890 (salvo o marco 6), nin o xeito en que os une, se corresponden co disposto no dito documento.

A proposta do Concello de Cuntis vén acompañada dun documento gráfico confeccionado por un técnico colexiado do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Peritos Agrícolas da Coruña. No dito documento figura, en cor vermella, unha liña límite co rótulo «límite segundo veciños de Couselo» e outra, en cor amarela, coa indicación «límite segundo o Instituto Xeográfico». Segundo consta no informe do Instituto Xeográfico Nacional, enténdese que o Concello de Cuntis fai súa a xeometría representada en cor vermella, que coincide só parcialmente co trazado en amarelo, que é o correspondente á acta de 1958. É dicir, o Concello de Cuntis asume só en parte o trazado correspondente á acta de 1958, posto que fai pasar a súa proposta por dous marcos alleos á dita acta, existentes no terreo e que presentan determinadas marcas (un C e unha cruz gravadas). Eses dous marcos non son outros que os marcos 4 e 5 da acta de 1890, pero este concello, tal vez por descoñecemento de tal circunstancia, xustifica o feito de que a súa proposta pase por eles co argumento de que se trata de marcos relacionados con usos e costumes inmemoriais en materia de aproveitamento de montes. En conclusión, a proposta do Concello de Cuntis, mestura marcos correspondentes a dúas actas de deslindamento, a de 1958 e a de 1890, e, por conseguinte, non pode ser tida en conta na súa integridade.

Con data do 4 de xaneiro de 2010 recibiuse no rexistro xeral da Xunta de Galicia o informe do Instituto Xeográfico Nacional, do 30 de novembro de 2009, segundo o disposto no artigo 44 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Con data do 29 de decembro de 2010, a Comisión Galega de Delimitación Territorial emitiu o seu informe.

O día 4 de febreiro de 2011 recibiuse no Rexistro da Dirección Xeral de Administración Local o informe da Deputación Provincial de Pontevedra.

A motivación da resolución deste expediente reside nos seguintes fundamentos xurídicos:

1. De conformidade co disposto nos artigo 41 e 44.3.º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, os conflitos que poidan suscitarse entre municipios en relación co deslindamento dos seus termos serán resoltos polo Consello de Xunta de Galicia, logo dos informes do Instituto Xeográfico Nacional, da deputación provincial respectiva, da Comisión Galega de Delimitación Territorial e do ditame do Consello Consultivo.

No expediente de deslindamento dos termos municipais da Estrada e Cuntis obsérvase que existe un claro desacordo entre ambos os municipios ao respecto. Este suposto de feito está comprendido dentro da definición que o Consello Consultivo de Galicia, seguindo a doutrina do Consello de Estado, realizou no seu ditame número 35 do 17 de marzo de 2000, onde sinala que deslindar é identificar e distinguir os lindeiros reais que separan dous ou máis termos municipais, por non mediar acordo e existir discrepancias ou contradicións verbo dos lindeiros sinalados nunha acta de deslindamento anterior ou entre os declarados por actas precedentes e sucesivas no tempo.

En consecuencia, é necesaria a intervención do Consello da Xunta de Galicia para resolver o conflito, ao abeiro do artigo 44.3.º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. A resolución deste expediente polo Consello da Xunta de Galicia non menoscaba os dereitos dos concellos afectados, pois estes conservan o dereito a obter un pronunciamento xurisdicional sobre a controversia relativa á liña límite entre os seus termos municipais.

3. Entre a documentación que consta neste expediente de deslindamento unicamente figuran dous documentos que recollen acordo entre as partes respecto dos seus límites de xurisdición:

– A acta elaborada polo Instituto Xeográfico Catastral os días 26 e 27 de setembro de 1958, con continuación os días 8 e 9 de outubro do mesmo ano, depositada no arquivo do Rexistro Central de Cartografía do IXN.

– A acta de deslindamento, do 10 de marzo de 1890, elaborada por ambos os dous concellos en cumprimento do R.D. do 30 de agosto de 1889, do Ministerio de Facenda. Dúas copias desta acta, feitas polos respectivos secretarios municipais, encóntranse depositadas no arquivo do Rexistro Central de Cartografía do IXN.

Segundo se desprende da reiterada xurisprudencia do Tribunal Supremo, nos deslindamentos xurisdicionais deben, ante todo, terse en conta os documentos que se refiran a deslindamentos anteriores, practicados de conformidade entre os municipios interesados, e só na falta de documentos comprensibles referentes a deslindamentos anteriores se deben ter en conta aqueles outros que, aínda non sendo de deslindamento, expresan dun modo preciso que os terreos en cuestión se encontran enclavados dentro do termo ou xurisdición do municipio de que se trata (sentenzas do 18 de xaneiro e do 2 de outubro de 1936; do 4 de xuño de 1941; do 10 de decembro de 1958; do 16 de maio de 1959; do 8 de abril de 1967; do 10 de decembro de 1984 e do 4 de decembro de 1987).

A aplicación destes criterios xurisprudenciais lévanos a considerar, en primeiro lugar, a acta de 1890, posto que este é o documento máis antigo dos arriba sinalados que recolle a avinza entre os concellos respecto dos seus límites de xurisdición.

A incerteza que encontran os técnicos do Instituto para a interpretación, na zona litixiosa, do disposto nesta acta de 1890, non vén dada pola posición dos marcos, todos eles localizados (marcos 4, 5 e 6) ou reformulados (marco 3), senón polo modo en que unen eses marcos, xa que nesta acta a liña límite de termos recoñecida entre cada dous marcos consecutivos é «o monte común», e o IXN carece de información sobre a xeometría do límite do monte vixente en 1890 dado que nin consta documentación ao respecto nos seus arquivos nin foi achegada ao expediente por ningunha das partes, nin consta tampouco na documentación solicitada polo propio IXN ao Servizo Provincial de Montes da Xunta de Galicia en Pontevedra, sobre os límites vixentes e históricos dos montes na zona en conflito.

A xeometría actual do límite do monte veciñal en man común denominado Xesteiras, da parroquia de Couselo (Cuntis) co monte veciñal en man común dos lugares de Casalpaio, O Vilar e Requián, da parroquia de Frades (A Estrada), que consta na documentación facilitada polo Servizo Provincial de Montes da Xunta de Galicia nin sequera pasa polos marcos da acta de 1890 (coa excepción do marco 6) senón que coincide coa xeometría da acta de 1958.

Por conseguinte, do acordado polos concellos en 1890 na zona litixiosa, só coñecemos con rigor a situación dos marcos descritos na acta, pero descoñecemos o significado xeométrico da forma en que se acordou que unisen eses marcos: «o monte común».

Descartada a acta de 1890 como documento de deslindamento válido para resolver este litixio, polas razóns expostas no parágrafo anterior, e atendendo á xurisprudencia antes invocada, temos que pasar a considerar o seguinte acordo que consta no expediente cronoloxicamente falando, isto é, a acta de 1958.

En contra do que sucede coa acta de 1890, a acta de 1958 é perfectamente interpretable sobre o terreo na zona do conflito, dado que este último documento sinala que a liña límite entre cada dous marcos consecutivos é «a aliñación recta que pasa por ambos os dous» e que todos os marcos situados no tramo en litixio foron localizados sobre o terreo tal e como se describen na acta, sobre a base dos datos topográficos do caderno técnico asociado a esta.

4. O Instituto Xeográfico Nacional, a Comisión Galega de Delimitación Territorial da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Pontevedra consideraron nos seus preceptivos informes que a liña límite xurisdicional entre os termos municipais da Estrada e Cuntis, na zona litixiosa, sexa a que se recolle na acta elaborada polo Instituto Xeográfico e Catastral os días 26 e 27 de setembro de 1958, con continuación os días 8 e 9 de outubro do mesmo ano, por tratarse do único acordo interpretable ou comprensible hoxe en día, á luz da documentación dispoñible, entre os municipios interesados.

Coa motivación exposta nos parágrafos anteriores, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo /oído co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de maio do dous mil once,

DISPOÑO:

Primeira. Resolver a cuestión suscitada entre os concellos da Estrada e Cuntis sobre o deslindamento dos seus termos municipais, no sentido de establecer que a liña límite xurisdicional entre os termos municipais da Estrada e Cuntis, na zona litixiosa, sexa a que se recolle na acta elaborada polo Instituto Xeográfico e Catastral os días 26 e 27 de setembro de 1958, con continuación os días 8 e 9 de outubro do mesmo ano, segundo a proposta realizada polo Instituto Xeográfico Nacional e definida polas coordenadas que constan como anexo I a este decreto, e tal e como se representa no ortofotomapa E: 1:5.000 do Instituto Xeográfico Nacional que figura como anexo II deste decreto.

Segunda. Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra este decreto, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, sen prexuízo do disposto no artigo 44 da Lei 29/1988, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou calquera outro recurso que consideren oportuno.

Santiago de Compostela, vinte e seis de maio de dous mil once .

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

A continuación relaciónanse as coordenadas UTM, no fuso 29, dos marcos que, segundo a acta de 1958, están situados na zona do conflito, expresadas nos sistemas xeodésicos de referencia ED50 e ETRS89.

Marcos

X ED50

Y ED50

X ETRS89

Y ETRS89

Liña límite ao marco anterior

M.48

535146.0

4726836.6

535021.0

4726621.8

M.49

534699.4

4726600.0

534574.4

4726385.2

Liña recta

M.50

534764.2

4726432.0

534639.2

4726217.2

Liña recta

M.51

534707.9

4726181.0

534582.8

4725966.2

Liña recta

M.52

534451.3

4726145.1

534326.3

4725930.3

Liña recta

M.53

534463.6

4725886.4

534338.6

4725671.6

Liña recta

M.54

534251.5

4725446.7

534126.4

4725231.9

Liña recta

M.55

534239.7

4725233.4

534114.6

4725018.6

Liña recta

missing image file