Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Mércores, 22 de xuño de 2011 Páx. 16139

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 116/2011, do 9 de xuño, polo que se modifica o Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia.

O proceso de incorporación ao dereito español da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, precisa dunha adecuación de toda a normativa reguladora do acceso ás actividades de servizos e do seu exercicio aos principios inspiradores do mercado interior.

En cumprimento deste mandado, promulgouse no ámbito autonómico a Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á citada Directiva 2006/123/CE.

Entre as leis modificadas atópase a Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia. Con base na libre prestación de servizos que rexe no mercado interior eliminouse a autorización administrativa previa das máquinas recreativas ou tipo A.

A modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, xera a necesidade de adaptar o Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, ao novo marco normativo, coa exclusión das máquinas tipo A de dous réximes limitativos: en primeiro lugar, da necesidade de homologación previa dos modelos, que se substitúe por un réxime de inscrición no Rexistro de Modelos por virtude de declaración responsable previa á comercialización e, en segundo lugar, da necesidade de obter calquera autorización asociada á explotación de máquinas.

Así mesmo, e de acordo co xa disposto no artigo 19 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, elimínanse as restricións á libre prestación de servizos no ámbito das máquinas sinaladas nas alíneas b), c) e d) do artigo 2.2 do Decreto 39/2008, do 21 de febreiro: máquinas tocadiscos ou videodiscos, máquinas ou aparellos de uso infantil accionados por moedas que permiten á persoa usuaria un entretemento consistente no goce dunha simulación mecánica e máquinas ou aparellos de natureza estritamente manual ou mecánica de competencia pura ou deporte.

As ditas máquinas non son máquinas de xogo, polo que están incluídas no ámbito de aplicación da Directiva 2006/123/CE. En consecuencia, o réxime de limitacións a que a normativa de xogo as viña sometendo carece de suficiente xustificación. En concreto, elimínase o requisito de constituírse en empresa operadora para a súa explotación, así como a necesidade de chegar a acordo coa empresa operadora das máquinas de xogo para poder instalar este tipo de máquinas nos establecementos de hostalaría.

Finalmente, elimínase a necesidade de que as empresas comercializadoras teñan aberta no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia unha oficina, almacén ou sucursal, por entenderse máis acorde coas exixencias derivadas da liberdade de prestación de servizos, así como a necesidade de que o centro de control das interconexións entre salóns de xogo, bingos e casinos deba estar nun dos establecementos que se interconecten.

Esta disposición foi sometida ao procedemento de información en materia de normas e regulamentacións técnicas e de regulamentos relativos aos servizos da sociedade da información, previsto na Directiva 98/34/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de xuño, modificada pola Directiva 98/48/CE do 20 de xullo, así como no Real decreto 1337/1999, do 31 de xullo, que incorpora estas directivas ao ordenamento xurídico español.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, oída a Comisión de Xogo de Galicia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do nove de xuño de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia.

Un. O número 2 do artigo 2 do Regulamento (Exclusións) queda redactado do seguinte xeito:

«2. Nas máquinas as que se refire a letra d) do punto primeiro deste artigo, cando o seu uso requira o pagamento dun prezo, deberá figurar necesariamente e de xeito visible a denominación, o domicilio social e o código de identificación fiscal do seu titular ou titulares».

Dous. O número 3 do artigo 2 do Regulamento (Exclusións) queda suprimido.

Tres. O artigo 4 do Regulamento (máquinas de tipo A ou recreativas) queda redactado do seguinte xeito:

«1. Son máquinas de tipo A ou recreativas aquelas que se limitan a ofrecer á persoa usuaria un tempo de uso ou de xogo, a cambio do prezo da partida, sen que poidan conceder ningún tipo de premio en metálico, en especie ou en forma de puntos cambiables por obxectos ou diñeiro. Estas máquinas poderán ofrecer como único aliciente adicional, e por causa da habilidade da persoa xogadora, a posibilidade de continuar xogando co importe inicial, en forma de prolongación da propia partida ou doutras adicionais.

2. Inclúense tamén neste grupo de máquinas de tipo A os aparellos, instrumentos, dispositivos ou soportes informáticos que, a cambio dun prezo por un determinado tempo de uso, sexan utilizados para a práctica de xogos recreativos e estean instalados en establecementos de pública concorrencia, que poden estar interconectados, mediante un servidor de área local, a unha rede local debidamente autorizada, ou con conexión a redes informáticas, telemáticas, vía satélite ou calquera outro medio de comunicación ou conexión a distancia que estea debidamente homologado pola dirección xeral competente en materia de xogo. En ningún caso poderán conceder estas máquinas, a través de terminais ou desde o servidor central, premios en metálico, en especie ou en forma de puntos cambiables por obxectos ou diñeiro. Así mesmo, mediante a utilización deste tipo de máquinas, tampouco se poderá acceder a sitios ou páxinas da internet en que se ofreza o cruzamento de apostas, xogos de azar ou premios en especie ou diñeiro. De todo iso será responsable a empresa titular do servidor ou ordenador central e, de ser o caso, a empresa prestadora de tales servizos informáticos.

3. Poderán inscribirse no Rexistro de Modelos máquinas de tipo «A» que, conformando un só moble, permiten a súa utilización simultánea por dúas ou máis persoas xogadoras. Para os efectos de capacidade, computarán como unha soa máquina.

4. O pagamento do prezo da partida poderá efectuarse mediante moeda corrente e/ou mediante sistemas de prepagamento debidamente homologados.

Non obstante, o pagamento do prezo da partida en aparellos informáticos tamén poderá efectuarse en efectivo ao persoal do establecemento.

5. As máquinas de tipo A ou recreativas poderán interconectarse entre elas, tanto se se atopan no mesmo salón como noutros, logo de inscrición do sistema de interconexión. Notificarase á dirección xeral competente en materia de xogo a localización exacta do centro de control do sistema de interconexión, que, en todo caso, deberá estar situado dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. As máquinas de tipo A poderán incorporar os requisitos técnicos establecidos no artigo 8 alíneas c) e d) deste regulamento».

Catro. O número 2 do artigo 9 do Regulamento (Interconexión de máquinas B) queda redactado do seguinte xeito:

«2. Coas mesmas condicións anteriores tamén se poderá autorizar a interconexión de máquinas entre os devanditos establecementos mediante sistemas debidamente homologados. Notificarase á dirección xeral competente en materia de xogo a localización exacta do centro de control do sistema de interconexión, que, en todo caso, deberá estar situado dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia».

Cinco. O número 1 do artigo 12 do Regulamento (Depósitos de moedas) queda redactado do seguinte xeito:

«1. Salvo autorización en contra, reflectida na resolución de inscrición do modelo no Rexistro de Modelos, todas as máquinas de tipo C ou de azar estarán dotadas dos depósitos internos de moedas seguintes:

a) Un depósito destinado á reserva de pagamentos, que terá como finalidade reter o diñeiro ou fichas destinadas ao pagamento automático dos premios.

b) Un depósito de ganancias, que terá como finalidade reter o diñeiro ou fichas que non sexan empregadas pola máquina para o pagamento automático dos premios. Para tal fin, este depósito deberá atoparse nun compartimento separado de calquera outro da máquina, salvo da canle de alimentación.

Estarán exentas destes depósitos as máquinas de tipo C que utilicen como exclusivo medio de pagamento de premios tarxetas prepagamento electrónicas ou magnéticas ou outro soporte físico, cambiables ou reintegrables dentro do establecemento por diñeiro de curso legal».

Seis. O artigo 15 do Regulamento (Condicións xerais de homologación) queda redactado do seguinte xeito:

«Condicións xerais para a inscrición.

1. Só poderán ser obxecto de fabricación, importación, distribución, comercialización, venda, xestión, explotación e instalación na Comunidade Autónoma de Galicia as máquinas ou aparellos sometidos a este regulamento con modelos previamente inscritos no Rexistro de Modelos desta comunidade autónoma.

2. Para a inscrición dos modelos de máquinas A especial, B e C será necesaria a homologación previa. Para a inscrición dos modelos de máquinas de tipo A bastará a súa comunicación, acompañada da documentación sinalada no artigo 21 deste regulamento.

3. Enténdese por homologación o procedemento administrativo en virtude do cal o órgano encargado do Rexistro de Modelos da Comunidade Autónoma de Galicia certifica que o prototipo de modelo que se pretende homologar e inscribir cumpre coas especificacións, características e requisitos técnicos establecidos mediante o presente regulamento».

Sete. O número 1 do artigo 18 do Regulamento (Organización do Rexistro de Modelos) queda redactado do seguinte xeito:

«1. O Rexistro de Modelos é aquel en que se inscriben os modelos das máquinas e dos outros aparellos de xogo sometidos a este regulamento, previamente homologados por cumpriren os requisitos técnicos previstos na normativa de xogo, agás para as máquinas de tipo A, que non requirirán homologación previa».

Oito. O artigo 21 do Regulamento (Solicitude de inscrición no Rexistro de Modelos) queda redactado do seguinte xeito:

«Solicitude ou comunicación para a inscrición no Rexistro de Modelos.

1. A solicitude ou comunicación para a inscrición no Rexistro de Modelos deberaa dirixir a empresa fabricante, distribuidora, importadora ou comercializadora da máquina ou aparello de xogo á dirección xeral competente en materia de xogo mediante escrito que conteña, ademais dos requisitos exixidos polo artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os seguintes datos:

a) Nome comercial do modelo.

b) Nome da empresa fabricante e número do rexistro da empresa para as máquinas fabricadas en España, ou nome da empresa importadora e número e data da licenza de importación, determinándose os datos do/da fabricante estranxeiro/a, salvo para o suposto de máquinas procedentes de Estados membros da Unión Europea ou o Espazo Económico Europeo, en que será suficiente especificar un responsable da súa comercialización.

c) Dimensións da máquina.

d) Breve descrición do xogo ou xogos no caso das máquinas de tipo A e descrición completa da forma de uso ou do xogo nas de tipo A especial, B e C.

2. Co escrito de comunicación para a inscrición dos modelos de máquinas de tipo A, presentarase a seguinte documentación:

a) Fotografías de 15×10 centímetros, nítida e en cor, dos parámetros exteriores da máquina.

b) Declaración responsable do solicitante de que o modelo cumpre as directivas europeas de aplicación e o disposto no artigo 3.1 deste regulamento.

3. Nos restantes casos, presentarase a seguinte documentación:

a) Fotografías de 15×10 centímetros, nítida e en cor, dos parámetros exteriores da máquina.

b) En exemplar duplicado, os planos da máquina e do seu sistema eléctrico.

c) Certificado de cumprimento do regulamento electrotécnico para baixa tensión, se procede.

d) Memoria de funcionamento da máquina nos termos previstos no artigo seguinte.

e) Declaración CE, de conformidade, acreditativa de que o produto satisfai todos os requisitos esenciais das distintas directivas de aplicación.

4. Os documentos sinalados nas letras b) e c) do punto anterior deberán estar subscritos por técnico competente».

Nove. O número 1 do artigo 29 do Regulamento (Exhibición de prototipos de modelos en feiras e exposicións) queda redactado do seguinte xeito:

«1. A exhibición dentro da Comunidade Autónoma de Galicia de prototipos de modelos de máquinas non inscritas con ocasión da celebración de feiras ou exposicións do sector deberaa comunicar a entidade expositora á dirección xeral competente en materia de xogo, cunha anticipación mínima de quince días á data do seu comezo».

Dez. O artigo 31 do Regulamento (Requisitos das empresas) queda redactado do seguinte xeito:

«1. Para inscribirse no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo da Comunidade Autónoma de Galicia como empresa fabricante ou importadora, comercializadora, distribuidora, empresa operadora de máquinas de xogo e de servizos técnicos ou empresas prestadoras de servizos de interconexión, empresa titular de salón recreativo ou de xogo deberanse reunir os seguintes requisitos e condicións:

a) Estar constituída baixo a forma xurídica de sociedade mercantil, de conformidade cos requisitos establecidos na lexislación mercantil vixente. O capital social deberá estar totalmente subscrito e desembolsado.

b) Ter como obxecto social, en cada caso, a fabricación ou a importación de elementos de xogo, a súa comercialización, a operación e instalación de máquinas de xogo e prestación de servizos técnicos, ou a explotación de salóns recreativos e salóns de xogo.

c) O capital social mínimo requirido para cada unha das empresas anteriormente referidas será o seguinte:

– Empresas de fabricación, importación, distribución e comercialización de máquinas de xogo: 60.000 euros (sesenta mil euros).

– Empresas operadoras de máquinas de xogo e de servizos técnicos ou empresas prestadoras de servizos de interconexión: 60.000 euros (sesenta mil euros).

– Empresas titulares de salóns recreativos e de xogo: 30.000 euros (trinta mil euros), por cada salón.

d) A participación de capital proveniente de persoas físicas ou xurídicas que non se atopen domiciliadas no espazo económico da Unión Europea non poderá exceder en ningún caso a proporción establecida na lexislación vixente do Estado.

e) No caso das empresas importadoras, ter unha representación legal con domicilio permanente dentro do territorio do Reino de España.

f) Ter constituída e depositada fianza a favor da consellería competente en materia de xogo, co importe establecido no seguinte artigo. A fianza poderá constituírse en metálico, ou mediante aval bancario ou de sociedade de garantía recíproca, e debe manterse vixente, pola integridade do seu importe, durante a vixencia da inscrición no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os casinos de xogo, os salóns recreativos e de xogo e as salas de bingo terán a consideración de empresas operadoras, exclusivamente, respecto das máquinas que exploten directamente nestes».

Once. A letra c) do número 1 do artigo 32 do Regulamento (Fianzas) queda suprimida.

Doce. O artigo 40 do Regulamento (Autorización de explotación) queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 40. Autorización de explotación.

1. A explotación dunha máquina de xogo por unha empresa operadora, a excepción das máquinas de tipo A, requirirá a obtención previa da correspondente autorización de explotación.

2. A autorización de explotación habilita a empresa operadora para explotar con carácter exclusivo unha máquina A especial, B ou C e ampara, en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a legalidade individualizada da específica máquina de xogo canto á súa correspondencia co modelo homologado e inscrito na sección correspondente do Rexistro de Modelos da comunidade autónoma e á súa titularidade.

A devandita autorización deberá ser inscrita no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo.

3. A autorización de explotación deberá ir xunto coa máquina en todos os seus traslados e instalacións e reflectirá os distintos cambios de titularidade que a máquina poida experimentar, así como renovacións, cambios de ámbito territorial ou as baixas da devandita máquina.

4. A autorización de explotación solicitaraa a empresa operadora titular da máquina, xunto co documento normalizado, ante a delegación provincial competente en materia de xogo, presentando a seguinte documentación:

Certificado de fabricación da máquina».

Trece. Engádese un novo número 3 ao artigo 41 do Regulamento (Outorgamento da autorización de explotación), que queda redactado do seguinte xeito:

«3. O disposto neste capítulo respecto ao outorgamento das autorizacións de explotación entenderase sen prexuízo do que se estableza nas normas que regulan a planificación de autorizacións de explotación de máquinas de tipo B. En todo caso, as devanditas autorizacións outorgaranse por concurso».

Catorce. A letra c) do número 2 do artigo 52 do Regulamento (Número de máquinas por establecemento) queda redactada do seguinte xeito:

«c) Nos establecementos sinalados nos artigos 49.1 c), 49.2 b) e 50.1 c): unha soa máquina de cada un dos tipos A ou recreativa, A especial e B ou recreativa con premio programado, e non poden instalarse, de xeito simultáneo, máis de dúas máquinas.

Non poderán simultanear a instalación de máquinas de xogo nun mesmo establecemento empresas operadoras distintas».

Quince. A letra b) do número 1 do artigo 62 do Regulamento (Documentación incorporada á máquina) queda redactada do seguinte xeito:

«b) A autorización de explotación, no caso das máquinas A especial, B e C».

Dezaseis. A letra b) do artigo 63 do Regulamento (Documentación en poder da empresa operadora) queda redactada do seguinte xeito:

«b) O exemplar para a empresa operadora da autorización de explotación da máquina, no caso das máquinas A especial, B e C, salvo nos casos de trámite de troco ou transmisión, nos cales se observará o disposto neste regulamento».

Disposición adicional única. Modelos normalizados de máquinas de tipo A.

Por orde da persoa titular da consellería competente en materia de xogo, adaptarase a Orde do 16 de decembro de 2008, pola que se aproban os modelos normalizados de solicitudes e autorizacións previstas no Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 39/2008, do 21 de febreiro (DOG núm. 252, do 30 de decembro de 2008), ás modificacións introducidas por este decreto. En concreto, aprobaranse os modelos de comunicación previa de localización de máquinas de tipo A, de comunicación para a inscrición dos modelos de máquinas de tipo A e da declaración responsable a que se refire o artigo 21 do Regulamento de máquinas.

Disposición transitoria única. Modelo de comunicación previa de instalación de máquinas de tipo A.

En canto non se aprobe o modelo de comunicación previa de instalación de máquinas de tipo A, empregarase o modelo de comunicación de localización aprobado como anexo XXX da Orde do 16 de decembro de 2008, pola que se aproban os modelos normalizados de solicitudes e autorizacións previstas no Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 39/2008, do 21 de febreiro (DOG núm. 252, do 30 de decembro).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza