Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Xoves, 30 de xuño de 2011 Páx. 17618

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura e Turismo

DECRETO 121/2011, do 16 de xuño, polo que se aproba a marca turística de Galicia e se regula a súa utilización.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencias exclusivas para a promoción e ordenación do turismo no seu ámbito territorial en función do artigo 148.1.18 da Constitución española e do 27.21 do Estatuto de autonomía.

Estas competencias foron consecuentemente desenvolvidas en todos estes anos de autonomía e o turismo tivo sempre unha presenza relevante e constante na política xeral do goberno galego, consciente do potencial e do papel que podía xogar un sector clave en dúas vertentes: na económica, polo peso importante no conxunto da economía galega, onde representa case o 10,5% do PIB da comunidade autónoma e un índice de emprego do 10,3% da poboación empregada, e na social, onde Galicia se presenta ante o mundo cunha imaxe nova e renovada, orgullosa do seu pasado, respectuosa coas súas tradicións, cultura, lingua, patrimonio cultural e ambiente, pero mirando cara ao futuro para enfrontarse aos retos que se lle presentan.

Neste contexto, a Xunta de Galicia segue a apostar polo crecemento e a calidade dun destino único e singular, un multidestino de posibilidades nos principais segmentos de mercado: rural e de natureza, náutico e mariñeiro, termal, gastronómico, cultural, etc.

Pero para iso facía falta un sinal de identidade, que estableza un vínculo emocional con aqueles a que se dirixe e sexa aceptado por aqueles a que representa: as galegas e os galegos.

A primeira marca turística de Galicia dá resposta a esta necesidade e reúne, arredor desa imaxe, todos os valores e elementos simbólicos que Galicia representa e nos cales se sustenta a súa percepción exterior como destino turístico.

Galicia ten que ter unha imaxe facilmente identificable que resalte a personalidade da comunidade e a amose como destino turístico. Unha marca que sirva para poder desenvolver unha estratexia de promoción a través desta imaxe de marca forte que nos posicione no mercado nacional e internacional.

A marca gráfica resultante recoñece os nosos sinais de identidade e diferéncianos dos competidores, en definitiva, unha marca que representa perfectamente a singularidade dun destino chamado Galicia.

O proceso de arquitectura de marca seguiu a metodoloxía rigorosa de traballo de campo na península Ibérica para traballar tanto o slogan como a grafía da marca e a súa estética en función dos valores emocionais que Galicia evoca aos turistas que xa a coñecen, aos propios galegos e galegas e aos que só oíran falar da comunidade sen ter estado aínda nela. Todo este traballo sentou os cimentos para que, mediante un concurso público, se chegase ao resultado presentado xa publicamente e que xa foi obxecto de promoción a nivel nacional e internacional.

O Decreto 337/2009, do 11 de xuño, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, establece no seu artigo 5 Un.d) que lle corresponde á Secretaría Xeral para o Turismo a explotación e potenciación dos recursos turísticos de Galicia directamente ou a través da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. (Turgalicia, S.A.), mediante a promoción, publicidade, relacións públicas e outras accións de notoriedade, tanto no interior de Galicia como no resto de España e no exterior, sen prexuízo das competencias da Administración xeral do Estado.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezaseis de xuño de dous mil once

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da marca turística de Galicia.

Apróbase a marca turística de Galicia segundo as características e instrucións reflectidas no correspondente manual básico, que figura como anexo deste decreto.

Artigo 2. Utilización da marca turística pola Administración da Comunidade Autónoma.

Os departamentos da Xunta de Galicia, os seus organismos autónomos, as axencias públicas autonómicas, as entidades públicas empresariais, os consorcios autonómicos, as fundacións do sector público autonómico e as sociedades mercantís públicas autonómicas, sen prexuízo da observancia do vixente código de identificación corporativa da Xunta de Galicia aprobado polo Decreto 409/2009, do 5 de novembro, utilizarán como elemento adicional a marca turística, segundo as prescricións do manual básico que figura como anexo deste decreto, en todas as súas accións de comunicación audiovisuais, escritas ou plásticas.

Destas accións exceptúanse as de comunicación audiovisual das emisións de Televisión de Galicia, S.A., en canto utiliza a marca propia con elementos identificadores de Galicia.

A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia nas súas relacións de colaboración con outras administracións deberá exixir, sempre que o seu obxecto o permita, que se faga constar a marca turística de Galicia.

Artigo 3. Utilización da marca turística de Galicia por outras persoas e entidades.

A utilización da marca turística de Galicia por persoas físicas ou xurídicas, entidades e institucións non integrantes da Administración da comunidade autónoma requirirá solicitude dirixida á Sociedade Imaxe e Promoción Turística de Galicia (Turgalicia, S.A.), que é a competente para outorgar as correspondentes licenzas e autorizacións.

As licenzas e autorizacións outorgaranse con suxeición á normativa vixente en materia de propiedade intelectual e industrial e condicionadas en todo caso ao respecto das normas de uso contidas no manual de utilización da marca.

Artigo 4. Fomento do uso da marca turística.

A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia fomentará o emprego polas entidades locais galegas da marca turística de Galicia e instará a estas a solicitar a autorización pertinente para o seu uso en todas as actuacións que desenvolvan no exercicio das súas competencias, especialmente naquelas de comunicación pública e promoción.

Disposición transitoria única.

1. Seguirán utilizándose, ata que se esgoten, as existencias de material impreso anteriores á súa entrada en vigor.

2. Con independencia do establecido no número anterior, a imaxe corporativa institucional aplicarase sempre que proceda á adquisición, reposición ou reedición de todo elemento que deba exhibila.

Disposición derrogatoria única.

Derrógase o Decreto 370/2009, do 23 de xullo, polo que se regula a utilización da imaxe corporativa do Xacobeo 2010.

Disposición derradeira primeira. Facúltase o conselleiro de Cultura e Turismo para o desenvolvemento e execución do disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo

ANEXO

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file