Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 26 de xullo de 2011 Páx. 20865

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 7 de xullo de 2011 sobre aprobación definitiva da modificación puntual número 2 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Curtis, no ámbito dos equipamentos públicos de Curtis, e do artigo 5.7.7 da normativa.

O Concello de Curtis remite a modificación puntual referida, solicitando a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.1 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Curtis conta cun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado definitivamente por orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 19/9/2007.

2. O proxecto de modificacións, con data de decembro de 2009, subscrito polos arquitectos Álvaro Fernández Carballada e Beatriz Aneiros Filgueira, achega Decisión do 30 de outubro de 2009, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se acorda a non necesidade de someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica e os informes técnico e xurídico (artigo 85.1 Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG) en redacción da Lei 2/2010).

3. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial o 30.7.2010, ao abeiro do artigo 85.1 da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural (LOUG).

4. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 26.10.2010, que foi sometida tanto á audiencia dos concellos limítrofes como a información pública polo prazo de dous meses (El Correo Gallego do 2.11.2010, La Voz de Galicia do 3.11.2010 e DOG do 4.11.2010). Foron presentadas varias alegacións por particulares segundo consta na certificación da secretaría municipal do 26.4.2011.

5. Constan informes do arquitecto técnico municipal e do secretario do concello, previos á aprobación inicial e do 25.5.2010 (artigo 85.1 da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural (LOUG).

6. Así mesmo, constan informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deportes do 7.2.2011 e 14.3.2011.

7. A modificación foi aprobada provisionalmente por acordo do Concello en Pleno do 25.3.2011, que desestima as alegacións presentadas.

8. Por mor da implicación de modificación de espazos libres públicos, foi elevada ante a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, que na súa sesión de 29 de xuño de 2001 emitiu informe favorable ao respecto.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación, promovida polo Concello de Curtis, afecta 34.033,30 m2 de solo urbano non consolidado (APE-13) e a parte das vías circundantes. A APE-13 ten asignada polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) unha edificabilidade de 18.989,25 m2 lucrativos en residencial de alta densidade, cuarteirón pechado (0,6398 m2/m2) e unha previsión de reservas de espazos libres locais de 4.756 m2 e de espazos libres xerais de 10.402 m2.

2. A modificación vén motivada pola existencia de edificacións que obtiveron licenza antes da entrada en vigor do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que ocupan terreos que, conforme a ordenación do plan xeral vixente, teñen a cualificación de espazo libre público de carácter local e viario, polo que quedan fóra de ordenación por total incompatibilidade, e inviabilizan a xestión da APE-13 para a obtención da carballeira catalogada (ficha CP-3 do catálogo).

3. A proposta respecto da APE-13 ten por obxecto:

a) Excluír da APE-13 as dúas edificacións construídas que pasan a solo urbano consolidado coa norma zonal 2 de residencial de alta densidade e viario.

b) Incluír na APE-13 a rúa mestre Eduardo Fariña para garantir a súa urbanización.

c) Establecer unha ordenación detallada da APE-13 con edificación lucrativa (18.114,50 m2 edificables), espazos libres de sistema xeral (10.594,43 m2), espazos libres de sistema local (4.692,80 m2) e a incorporación dunha parcela destinada a sistema xeral de equipamento público (2.293,90 m2).

d) Crear un novo grao, o 3, dentro da norma zonal 2, cunha altura de B+3P, con obriga de dispoñer soportais para edificacións que dan aos espazos libres proxectados.

e) A modificación da norma zonal 2 grao 1 aumentando a altura permitida de 13,00 a 13,50 m, por mor das normas de hábitat galego e alterando os fondos edificables.

f) A eliminación do límite de edificabilidade de 1 m2/m2 previsto nos equipamentos.

III. Análises e consideracións.

Logo de analizada a documentación remitida polo concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, púidose observar a concorrencia de razóns de interese público da modificación (artigo 94.1 da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural (LOUG); estímase non existir inconveniente na modificación proposta.

De conformidade cos artigos 89, 93.4 e 94.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual n.º 2 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Curtis, no ámbito dos equipamentos públicos de Curtis, e do artigo 5.7.7 da normativa, de acordo co artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Segundo. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2011.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas