Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 26 de xullo de 2011 Páx. 20868

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 12 de xullo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento da propiedade industrial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011 (código de procedemento IN525A).

A Constitución española recolle no seu artigo 149.1.º.9 como competencia exclusiva do Estado a lexislación sobre propiedade intelectual e industrial.

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 29 como competencia da Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia de propiedade industrial e intelectual.

O traspaso da competencia de execución en materia de propiedade industrial foi incluído no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, de transferencia de funcións e servizos do Estado en materia de industria, e foi atribuído o seu desempeño á Consellería de Industria polo Decreto 132/1982, do 4 de novembro.

A Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1 establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 23 de decembro de 2010, aprobou o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (en diante Plan I2C).

O Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, determina que estará integrada, entre outros departamentos, pola Consellería de Economía e Industria. O Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, establece, no seu artigo 4, que a Consellería de Economía e Industria está estruturada, entre outros órganos de dirección, pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i).

O Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria establece que lle corresponde á Dirección Xeral de I+D+i, entre outras funcións, a planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias que en materia de investigación ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia; a elaboración, xestión, coordinación e control do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica; a planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias e funcións da consellería nas materias de innovación tecnolóxica e innovación na xestión dos sectores produtivos, de infraestruturas tecnolóxicas e de propiedade industrial.

O Plan I2C ten un especial empeño en promover o crecemento empresarial, favorecendo o desenvolvemento da chamada Innovación Aberta, que se caracteriza por unha contorna de I+D+i dinámica, colaborativa, excelente e integrada, cunha aspiración competitiva de ámbito supranacional, un cadro de mando multiobxectivo e un financiamento multifonte.

En relación cos contidos desta convocatoria, cabe destacar dentro do Plan I2C, que se estrutura en retos, eixos estratéxicos e liñas de actuación asociadas aos diferentes eixos, o denominado Reto 4, de crecemento empresarial; como eixos estratéxicos compre subliñar o eixo estratéxico 4, que se orienta a dar valor ao coñecemento a través da súa transferencia ao tecido empresarial como motor de innovación e desenvolvemento económico, sendo unha das súas liñas de actuación o impulso de accións para protexer a propiedade intelectual.

Nesta convocatoria están previstas axudas ás empresas para a protección das invencións desenvolvidas por empresas en Galicia, así como para a protección dos deseños industriais creados polas empresas galegas ou para o rexistro de signos distintivos que vaian utilizar para a comercialización dos seus produtos, que quedarán suxeitas ao réxime de axudas de minimis, polo cal non poderán exceder os límites cuantitativos de 200.000 euros nun período de tres anos establecidos no Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE n.º L379/5, do 28 de decembro).

Con este apoio financeiro procúrase, así mesmo, a equiparación da actividade rexistral do noso tecido empresarial co resto do Estado español e, consecuentemente, unha mellora das condicións de competitividade de Galicia.

De acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante Lei 9/2007), esta orde tramítase na modalidade de concorrencia non competitiva, de modo que as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito dispoñible. O feito de non acudir ao procedemento de concorrencia competitiva motívase porque as axudas se outorgarán polo mero feito de cumprir uns requisitos regrados e fixados de forma clara nesta orde de subvencións, de tal maneira que non é axeitado, atendendo á finalidade e ao obxecto da axuda, establecer criterios de gradación entre os posibles beneficiarios, para os efectos de proceder á comparación das súas solicitudes.

Así mesmo, co fin de simplificar os trámites administrativos e, en consecuencia, facilitar o acceso ás axudas, optouse por unificar todo o proceso de gasto (realización e pagamento), de tal forma que soamente se presente unha solicitude de subvención, unha vez realizados e pagados os gastos subvencionables.

Consecuentemente con todo o anterior, o conselleiro de Economía e Industria, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente polas leis 11/1988, do 20 de outubro; 12/1989, do 4 de outubro e 2/2007, do 28 de maio,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía e Industria para o fomento da propiedade industrial (código de procedemento: IN525A), que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2011.

Artigo 2. Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

2. A solicitude de subvención (anexo II) e os demais anexos que a acompañan (do III ao VIII) poderanse obter, cubrir ou imprimir a través da oficina virtual desta consellería, sita no enderezo da internet: http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi da Xunta de Galicia facendo uso do enlace dispoñible co procedemento IN525A.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente na oficina do rexistro único e información no complexo administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante LRXAP-PAC).

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de novembro de 2011, salvo que se produza o suposto de esgotamento de crédito previsto no artigo 7.4.º das bases reguladoras. Neste caso, informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través das páxinas web da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez presentadas as solicitudes por parte dos interesados, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a seis meses.

Artigo 5. Información aos interesados.

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN525A, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (http://economiaeindustria.xunta.es), na súa epígrafe de «Axudas».

b) Os teléfonos 981 95 73 90 e 981 95 73 91 da devandita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico cei.infosegapi@xunta.es

d) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012 (desde Galicia) e 902 12 00 12 (desde o resto do Estado).

3. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos extremos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2011.

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión das subvencións para o fomento
da propiedade industrial (código de procedemento: IN525A)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións.

1. O obxectivo das subvencións reguladas nestas bases é fomentar a protección da propiedade industrial en Galicia, tanto a nivel nacional como internacional, para garantir a plena explotación dos resultados das nosas innovacións. Trátase de impulsar a protección, non só das innovacións técnicas (invencións), senón tamén das innovacións de forma (deseños industriais) e de imaxe (signos distintivos).

2.a. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, que no seu artigo 19.2.º, establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán excepcionar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4.º desta lei.

b. A concesión destas axudas estará en todo caso condicionada á existencia de crédito orzamentario, e, no caso de esgotamento do crédito, a Administración publicará a indicada circunstancia, o que levará consigo a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. Este réxime de axudas quedará suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado das axudas de minimis. De acordo co establecido neste regulamento comunitario:

a) Non se poderán conceder as axudas recollidas nesta orde de convocatoria ás empresas en crise, e ás empresas de sectores concretos como os de pesca e acuicultura, produción primaria, produtos agrícolas e o sector do carbón.

b) A axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. A axuda total de minimis concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada non será superior a 100.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Estes límites aplicaranse, independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido e indistintamente de se a axuda concedida polo Estado membro está financiada total ou parcialmente mediante recursos de orixe comunitario. O período determinarase tomando como referencia os exercicios fiscais empregados pola empresa no Estado membro correspondente.

4. Estas subvencións destinaranse a atender os gastos derivados da tramitación de solicitudes de títulos de propiedade industrial e da súa renovación, ante as oficinas nacionais, rexionais ou internacionais. Dentro destas tramitacións inclúense como subvencionables, sempre que cumpran os requisitos da Orde EHA/524/2008, do Ministerio de Economía e Facenda, do 26 de febreiro, pola que se aproban os gastos subvencionables dos programas operativos do Feder e do Fondo de Cohesión, os seguintes conceptos e gastos:

a) Solicitude de calquera título de propiedade industrial (invencións, creacións de formas e signos distintivos). Dentro deste concepto inclúense todos os trámites que sexan necesarios para a solicitude do título correspondente e que supoñan o pagamento dunha taxa oficial ante a oficina de propiedade industrial correspondente, así como a transformación ou a extensión territorial de títulos existentes. Terán a consideración de gastos subvencionables os seguintes:

– Os importes das taxas aplicadas polas ditas oficinas para a realización dos trámites citados.

– Os gastos de consultoría externa asociados á preparación e presentación ante as ditas oficinas da documentación correspondente aos trámites citados.

Exclúese deste concepto o trámite referido á solicitude do certificado do título de rexistro tanto da marca como do nome comercial, debido a que este trámite non require pagamento de taxa ante a Oficina Española de Patentes e Marcas.

b) Mantemento de calquera título de propiedade industrial. Dentro deste concepto inclúense todos os trámites correspondentes á renovación de marcas, nomes comerciais e deseños industriais e á renovación e posta en explotación de patentes e modelos de utilidade. Terán a consideración de gastos subvencionables os seguintes:

– Os importes das taxas aplicadas polas ditas oficinas para a realización dos trámites citados.

– Os gastos de consultoría externa asociados á preparación e presentación ante as ditas oficinas da documentación correspondente aos trámites citados.

c) Análises de rexistrabilidade de calquera título de propiedade industrial (invencións, creacións de formas e signos distintivos). Terán a consideración de gastos subvencionables os seguintes:

– Os gastos de consultoría externa asociados á realización de buscas de antecedentes rexistrais ou informes de rexistrabilidade, efectuados con carácter previo á solicitude de protección do título de que se trate.

– A subvencionalidade destes gastos está condicionada á presentación, ante a oficina de que se trate, da solicitude do título correspondente.

5. Con respecto aos gastos descritos no número 4 deste artigo non serán subvencionables os seguintes:

– O imposto sobre o valor engadido (IVE).

– Os gastos de intermediación entre o solicitante de subvención e a consultora externa prestadora do servizo para o que se solicita subvención, é dicir, soamente se subvencionarán os gastos da entidade que realizou efectivamente a tramitación, e non os da que serviu de simple intermediario.

6. O solicitante de subvención para os gastos subvencionables referidos no punto 4 letras a), b) e c) deste artigo, deberá ser o peticionario ou o titular dos títulos de propiedade industrial correspondentes.

No caso de que haxa máis dun solicitante do título de propiedade industrial, o solicitante da axuda deberá declarar que o resto das partes interesadas (cotitulares) están enteradas e conformes con que o solicitante da axuda pedise esta subvención. Deberá cubrir a correspondente declaración no anexo VII.

No caso de que os solicitantes sexan de natureza xurídica distinta e algún ou algúns deles no poidan ser beneficiarios desta subvención, de conformidade co artigo 3 destas bases, a axuda que se outorgue será proporcional aos gastos sufragados polos posibles beneficiarios segundo se declare ou se xustifique na documentación achegada.

7. Estas subvencións terán unha única anualidade, e só se admitirán aqueles gastos, dos relacionados no número 3 destas bases, que fosen realizados e pagados dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2011 e a data de presentación da solicitude de subvención. O prazo límite para a presentación de solicitudes de subvención está regulado no artigo 3.2.º desta orde.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións imputaranse á aplicación orzamentaria que se indica neste artigo, na que existe crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2011, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria. A aplicación orzamentaria coa que se financia este orde está cofinanciada nun 70% polo Feder Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 09, actuación 1 e nun 30% con FCI.

Aplicación orzamentaria. 08.02.741A.771.0.

Crédito anualidade 2011: 550.000 €.

2. A axuda que se vai conceder asume a forma de subvención a fondo perdido e a súa contía será o 70% dos gastos subvencionables, sempre que exista crédito.

3. Así mesmo, a suma das subvencións percibidas por un mesmo beneficiario, resultado de ter presentado unha ou varias solicitudes ao abeiro desta convocatoria, non poderá superar os 30.000 euros.

4. As subvencións reguladas nestas bases serán incompatibles con calquera outra axuda outorgada, para os mesmos gastos, por calquera outra Administración, organismo ou ente público ou privado.

Artigo 3. Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos na convocatoria e nestas bases, e segundo os conceptos e gastos subvencionables descritos no artigo 1.4.º destas bases, as empresas de carácter privado con personalidade xurídica que estean validamente constituídas no momento de presentación das solicitudes, que teñan o seu domicilio social ou algún centro produtivo na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que os conceptos para os que solicitan a subvención teñan aplicación directa nestes centros produtivos.

2. De acordo co establecido no Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado das axudas de minimis, non se poderán conceder as axudas recollidas nesta orde de convocatoria ás empresas en crise, e ás empresas de sectores concretos como os de pesca e acuicultura, produción primaria, produtos agrícolas e o sector do carbón.

Artigo 4. Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indican na convocatoria.

2. Xunto coas solicitudes deberá achegarse un exemplar da seguinte documentación:

Documentación administrativa:

a) Unha copia compulsada do NIF.

b) Se o solicitante é un traballador autónomo, deberá acreditarse esta circunstancia achegando copia compulsada do documento xustificativo da súa alta na Seguridade Social no réxime especial de traballadores autónomos, así como do último recibo aboado a este organismo por ese concepto.

c) Se o solicitante é unha persoa xurídica, copia compulsada do documento público acreditativo do poder co que actúa o seu representante e do seu NIF.

d) Declaración de axudas obtidas ou solicitadas, para os mesmos gastos, en calquera outra Administración, organismos ou entes públicos ou privados, que haberá de formularse segundo o modelo recollido no anexo IV desta orde. De ser o caso, para as axudas concedidas deberá presentarse copia da resolución de concesión.

e) Declaración de axudas, amparadas pola cláusula de minimis, obtidas ou solicitadas durante os últimos tres anos, en calquera outra Administración, organismos ou entes públicos ou privados, que haberá de formularse, segundo o modelo recollido no anexo V desta orde ou, de ser o caso, declaración de non ter recibido ningunha. Se é o caso, para as axudas concedidas deberá presentarse copia da resolución de concesión.

f) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento da subvención, na que conste a razón social e o NIF do titular, así como o código de banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente.

g) Declaración de cumprimento dos requisitos de beneficiario que haberá de formularse segundo o modelo recollido no anexo VI desta orde.

h) Certificados acreditativos de atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de non presentarse estes certificados, e en aplicación do establecido no artigo 5.1.º destas bases, serán solicitados polo órgano concedente.

Documentación xustificativa dos gastos:

a) Cadro de gastos, que deberá formularse segundo o modelo recollido no anexo III desta orde, no que deberán detallarse os gastos conforme as instrucións que figuran no anexo VIII.

b) Xustificantes de realización e pagamento dos gastos (para cada un dos gastos que se recollan no anexo III):

– Copia compulsada do documento que acredite a realización do trámite correspondente ante a oficina de propiedade industrial que demostre a súa realización dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2011 e a data de presentación da solicitude de subvención de que se trate.

– Copia compulsada do documento bancario acreditativo do pagamento da taxa, cando se trate de conceptos incluídos nas letras a) e b) do artigo 1.3.º.

– Copia compulsada das facturas dos provedores (que deberán reflectir para cada gasto, o seu importe e a súa descrición, co mesmo detalle que o exixido no anexo VIII) e dos documentos bancarios acreditativos do pagamento destas facturas (que permitan identificar a factura e o provedor), cando existan gastos de consultoría.

– Unha copia das buscas ou informes para os que se solicita subvención, cando se trate de conceptos incluídos na letra c) do artigo 1.3.º.

c) Calquera outro documento que se requira, en orde á determinación e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

A solicitude de subvención (anexo II) e os demais anexos que a acompañan (do III ao VIII) poderanse obter, cubrir ou imprimir a través da aplicación informática establecida no enderezo da internet http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 20.3.º da Lei 9/2007, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar daquela as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Consonte co establecido no mesmo artigo, se o solicitante indica que certos documentos que se deban usar neste procedemento xa están no poder da Administración actuante, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Neste caso, o solicitante deberá facer constar a data e o órgano en que foron presentados ou, de ser o caso, emitidos, e non poden ter transcorrido máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal, que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que se deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; non obstante, a Consellería de Economía e Industria revelaralles ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercitarse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano, San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou ben, mediante o procedemento habilitado para o efecto e que se poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

5. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.º.d) do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 6. Órganos competentes.

1. A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións; corresponderalle ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución de concesión e pagamento.

2. A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación será o órgano encargado de valorar as solicitudes e propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados. Para isto, desenvolverá de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

Artigo 7. Instrución do procedemento.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da LRXAP-PAC, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 1.1.º, resulta que o solicitante non se atopa ao corrente de pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse o solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Ata o esgotamento do crédito dispoñible, a concesión das subvencións efectuarase respectando a data de prioridade adquirida polas solicitudes, con base no establecido no punto anterior, e conforme as seguintes regras:

– A data de prioridade, para os efectos de reservar o crédito necesario para atender a posible subvención, será a data na que a correspondente solicitude de subvención se presentase, nalgún dos lugares previstos no artigo 3.1.º desta orde.

– Sempre que se cumpran os requisitos determinados nestas bases e na convocatoria, e ata o esgotamento do crédito dispoñible, as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes.

– No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes, presentadas en rexistros diferentes, a orde de prioridade virá determinada polo número e data de entrada no rexistro do Segapi.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na que se indicarán as causas desta.

5. Ao non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 8. Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite ao que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 9. Resolución e pagamento.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará ao conselleiro de Economía e Industria, que ten a competencia para resolver estas axudas, se prexuízo da súa posible delegación noutros órganos da Consellería de Economía e Industria.

2. Á vista da proposta formulada polo órgano instrutor e segundo o que dispón o artigo 21.4.º da Lei 9/2007, ao non ser tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, o conselleiro de Economía e Industria ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación que serán motivadas, de acordo cos criterios de valoración establecidos. Esta resolución deberá publicarse no DOG.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses contados a partir da presentación da solicitude de subvención polo interesado nun rexistro válido. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Segundo dispón o artigo 24 da Lei 9/2007 todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 58 da LRXAP-PAC. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.º b) da devandita lei, poderase substituír a notificación individual de concesión de axuda pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía e Industria, con indicación neste caso da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 10. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 11. Obrigas dos beneficiarios.

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indiquen nesta convocatoria, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

a) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle á Dirección Xeral de I+D+i a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) Manter o investimento asociado ao proxecto de innovación durante un período mínimo de cinco anos, unha vez rematado o proxecto.

e) Non superar as porcentaxes máximas de acumulación de axudas establecidas na normativa comunitaria europea.

f) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento de programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención, nos termos establecidos no Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro.

g) Cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) 846/2009, da Comisión, do 1 de setembro de 2009. Estas medidas están recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013 que pode consultarse na páxina web (http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/guia-intervencions-cofinanciadas-fe).

h) Os beneficiarios deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta orde, e deberán conservar a documentación xustificativa dos devanditos investimentos por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, de acordo co disposto nos artigos 60 e 90 do Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, do 11 de xullo de 2006.

Artigo 12. Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde, nas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, dará lugar á obriga de devolver, total ou parcialmente, as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei.

2. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 13. Control.

1. A Consellería de Economía e Industria poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da finalidade das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o DL 1/1999, do 7 de outubro, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 14. Publicidade.

Cando remate o prazo de presentación de solicitudes, e unha vez valoradas, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 15. Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; no Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, e na restante normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file