O Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, na sección primeira do capítulo VI, regula a provisión de postos de xefatura e coordinación de persoal licenciado sanitario mediante un proceso de selección baseado na avaliación por unha comisión técnica do currículo profesional dos aspirantes e dun proxecto técnico relacionado coa xestión da unidade (procedemento chamado de «avaliación colexiada» no anexo do decreto).
O propio decreto, no artigo 43, establece que os aspirantes seleccionados obterán un nomeamento para o desempeño do posto por un período inicial de catro anos de duración. Engade que, antes da finalización do referido período, os profesionais seleccionados serán avaliados para os efectos da súa prórroga por idéntico período ou remoción, e que o procedemento de avaliación será semellante ao utilizado para o nomeamento na xefatura, con participación en todo caso dunha comisión técnica especializada.
A orde da Consellería de Sanidade do 24 de maio de 2006 (DOG do 5 de xuño), ditada en desenvolvemento do devandito decreto, estableceu as bases do procedemento para a provisión de postos de xefatura e coordinación. No que se refire ao procedemento de reavaliación a orde limítase na práctica, e sen maior desenvolvemento, a reiterar o previsto no decreto.
Neste momento, no que procede realizar as primeiras reavaliacións das xefaturas provistas consonte o sistema de avaliación colexiada, resulta preciso contar cun instrumento que, como a presente orde, desenvolva en maior grao o sistema aplicable e estableza unhas bases de necesario cumprimento para dotar de certa uniformidade os procedementos de reavaliación, de forma que estes non difiran substancialmente nas institucións sanitarias chamadas a aplicalos.
Por outra parte, no ámbito das institucións hospitalarias do Servizo Galego de Saúde está a desempeñar funcións de xefatura de servizo e de sección un colectivo de persoal licenciado sanitario que accedeu aos ditos postos consonte un réxime anterior ao Decreto 206/2005 -o previsto na orde do Ministerio de Sanidade e Consumo do 5 de febreiro de 1985- que establecía, así mesmo, o mandato de realizar un proceso de avaliación periódica, que non chegou a facerse efectivo, para resolver sobre a continuidade no desempeño dos postos. Esta orde é tamén o instrumento idóneo para normalizar esta situación e impulsar o proceso de avaliación deste último colectivo. Con esta decisión, que se incorpora a unha disposición adicional da orde, procúrase tamén outorgar o mesmo tratamento de feito a todas aquelas xefaturas de persoal licenciado sanitario que foron cubertas no seu momento baixo o principio de someterse periodicamente a un proceso de avaliación.
En último termo cómpre engadir que con esta orde, aplicable ao colectivo de persoal licenciado sanitario, se inicia o proceso de desenvolvemento normativo da reavaliación dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde; proceso este que se estenderá no futuro a outros colectivos para os que resulte procedente.
De acordo co anterior, e no uso das competencias e atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e a disposición derradeira do Decreto 206/2005,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto.
O obxecto desta orde é establecer as bases do procedemento para a reavaliación dos postos de xefatura e coordinación de persoal licenciado sanitario provistos polo procedemento de avaliación colexiada de conformidade co previsto na sección primeira do capítulo VI do Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e na orde da Consellería de Sanidade do 24 de maio de 2006 (DOG do 5 de xuño), pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
Artigo 2. Inicio do procedemento.
O procedemento de reavaliación iniciarase, antes de que finalice o período de catro anos de vixencia do nomeamento, por resolución da xerencia de xestión integrada de que dependa o posto de traballo. Cando circunstancias excepcionais, debidamente motivadas, impidan iniciar o procedemento no prazo referido, o nomeamento entenderase prorrogado exclusivamente ata a realización da preceptiva avaliación. A omisión da avaliación ou o adiamento da súa realización non suporán a consideración do nomeamento como definitivo.
A resolución pola que se inicie o procedemento notificarase á persoa que será avaliada e deberá conter, como mínimo, as seguintes mencións: composición da comisión técnica especializada que realizará a avaliación; data de realización do acto público de reavaliación; sistema de avaliación; consecuencias da avaliación en función do seu resultado (prórroga ou remoción no desempeño da xefatura).
Na mesma resolución establecerase o prazo, non inferior a un mes nin superior a dous meses, para que a persoa avaliada presente a seguinte documentación:
a) Un informe da actividade realizada nos últimos catro anos para a implantación do proxecto técnico e o cumprimento dos obxectivos, cuantitativos e cualitativos, achegados e tomados en consideración no seu momento no proceso de selección ou reavaliación.
b) Un proxecto técnico e programa de obxectivos, cuantitativos e cualitativos, para os próximos catro anos.
A non presentación da dita documentación no prazo fixado implicará a renuncia ao desempeño do posto tras a vixencia do nomeamento.
A xerencia de xestión integrada incorporará, á resolución de inicio do procedemento, un plan de obxectivos da unidade para os próximos catro anos. O dito plan deberá contar con informe previo e favorable da Dirección de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.
Artigo 3. Sistema de avaliación.
Para superar a avaliación será preciso, en primeiro lugar, obter avaliación favorable da actividade realizada nos últimos catro anos para a implantación do proxecto técnico e o cumprimento dos obxectivos, cuantitativos e cualitativos, achegados e tomados en consideración no seu momento no proceso de selección ou reavaliación. Igualmente, deberá obterse avaliación favorable do proxecto técnico e programa de obxectivos, cuantitativos e cualitativos, que a persoa avaliada deberá presentar para os próximos catro anos. No suposto de que a resolución de inicio do procedemento fixase un plan de obxectivos da unidade, valorarase a adecuación ao dito plan do proxecto técnico e programa de obxectivos presentados pola persoa avaliada.
A actividade realizada nos últimos catro anos, e o proxecto técnico e programa de obxectivos para os próximos catro anos, serán avaliados por unha comisión técnica especializada designada consonte o previsto no artigo 7 da Orde do 24 de maio de 2006 (DOG do 5 de xuño), pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
A xerencia porá á disposición da comisión e da persoa avaliada os datos, informes e aqueloutra documentación que considere precisos para realizar a avaliación. A persoa avaliada terá a dita documentación á súa disposición durante os dez días anteriores ao acto de reavaliación.
Tras o acto de reavaliación, en que a persoa avaliada deberá expoñer á comisión o seu informe de actividade e o seu proxecto técnico e programa de obxectivos, a comisión trasladará á xerencia unha proposta motivada favorable ou desfavorable á prórroga do nomeamento.
Artigo 4. Resolución.
Cando a proposta da comisión sexa favorable á continuidade no desempeño do posto, a xerencia de xestión integrada resolverá a prórroga do nomeamento por un período de catro anos, a cuxo termo se realizará un novo procedemento de reavaliación de conformidade e cos efectos previstos nesta orde.
Cando a proposta da comisión sexa desfavorable á continuidade no desempeño do posto, a xerencia de xestión integrada resolverá a remoción no posto de traballo. A remoción virá precedida da audiencia á persoa avaliada no prazo de dez días, en que poderá formular as alegacións e achegar a documentación que considere pertinentes.
A resolución de prórroga ou remoción deberá ditarse no prazo de dous meses contado a partir do día seguinte a aquel en que finalice o prazo que a resolución de inicio do procedemento estableza para presentar a correspondente documentación.
O resultado da avaliación -confirmación ou remoción- será publicado no Diario Oficial de Galicia. No caso de remoción procederase á simultánea publicación dunha convocatoria para a provisión do posto de traballo.
Disposición adicional. Xefaturas provistas polo sistema establecido na Orde do 5 de febreiro de 1985.
As persoas que teñan accedido a postos de xefatura consonte o sistema establecido na Orde do 5 de febreiro de 1985, do Ministerio de Sanidade e Consumo, pola que se regula o sistema de promoción a postos de xefe de servizo e de sección dos servizos xerarquizados das institucións sanitarias da seguridade social, serán avaliadas para os efectos da súa continuidade no desempeño do posto.
O procedemento, órgano e sistema de avaliación, e consecuencias do resultado da avaliación serán os previstos nesta orde.
Na primeira avaliación que se realice consonte o sistema que establece esta orde, o informe previsto na alínea a) do artigo 2 será substituído por un informe sobre a organización, funcionamento e actividade da unidade asistencial nos últimos catro anos.
As persoas que accedesen a postos de xefatura consonte o sistema establecido na Orde do 5 de febreiro de 1985, e resulten removidas no desempeño da xefatura, incorporaranse a unha praza básica da categoría e especialidade, na propia institución, con carácter de destino definitivo.
Disposición transitoria.
Mentres non se creen as estruturas organizativas de xestión integrada, as funcións atribuídas nesta orde ás xerencias de xestión integrada continuarán a ser exercidas polos/as directores/as xerentes de atención especializada ou de atención primaria.
Disposición derrogatoria.
Queda derrogado o artigo 11 da Orde do 24 de maio de 2006 (DOG do 5 de xuño), pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
Disposicións derradeira.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2011.
Pilar Farjas Abadía
Conselleira de Sanidade

