O Concello de Moaña eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente do Plan Xeral de Ordenación Municipal, de conformidade co previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.
I. Antecedentes.
1. Na actualidade no Concello de Moaña están en vigor unhas normas subsidiarias de planeamento municipal que foron aprobadas definitivamente o 5.2.1996.
2. Con data do 29.3.2005 emitíase informe previo á aprobación inicial, de acordo co previsto no artigo 85.1 da LOUG.
3. O Concello de Moaña aprobou inicialmente o PXOM o día 29.9.2005 e someteuno a información pública mediante anuncios nos xornais Faro de Vigo e La Voz de Galicia (18.102005 e 19.10.2005, respectivamente) así como no DOG do 18.10.2005. Simultaneamente déuselles audiencia aos concellos de Marín, Bueu, Cangas e Vilaboa.
4. En cumprimento da lexislación sectorial vixente solicitaron os seguintes informes:
4.1. Informe da Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente do 8.4.2005, previo á aprobación inicial, e do 13.12.2007, tras a aprobación provisional.
4.2. Informe do 4.9.2006 da Dirección Xeral de Obras Públicas da CPTOPT.
4.3. Informe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do Ministerio de Fomento, do 7.2.2006.
4.4. Informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 16.12.2005 e do 3.8.2007.
4.5. Informe de Augas de Galicia, favorable, do 13.7.2007.
4.6. Informe do 25.11.2005 da Deputación Provincial de Pontevedra.
5. O Pleno do Concello de Moaña aprobou provisionalmente o PXOM en sesión do 21.5.2007, tras a evacuación dos informes técnico e xurídico do 15.5.2007 e do 16.5.2007.
6. O PXOM foi remitido á CPTOPT para que resolvese sobre a súa aprobación definitiva, incluíndo documentación para xustificar a redución da franxa de solo rústico de protección de costas, para os efectos do disposto no artigo 32.2 e) da Lei 9/2002.
7. A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, na súas sesións do 17.12.2007 e do 3.4.2008, emitiu informe desfavorable sobre o expediente.
8. Consta Resolución do 30.11.2007, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, pola que se declara a inviabilidade do sometemento do PXOM de Moaña aos trámites previstos no artigo 7 da Lei 9/2006.
9. Mediante Orde do 6.5.2008, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes acordou, de conformidade co artigo 85.5 da LOUG, non outorgar a aprobación definitiva ao PXOM de Moaña, e sinalou que había que corrixir certas deficiencias.
10. O 27.6.2008, a Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento solicita a remisión do plan para os efectos de comprobar a correcta inclusión das servidumes aeronáuticas. O Concello de Moaña remite o 31.7.2008 o documento aprobado provisionalmente no Pleno do 21.5.2007.
11. Con posterioridade á Orde do 6.5.2008, constan os seguintes informes sectoriais:
11.1. Informe do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio en materia de telecomunicacións, do 3.9.2008.
11.2. Informes da Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e o Mar, do Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño, para efectos do previsto no artigo 117.2 da Lei 22/1998, de costas, do 1.10.2009, do 22.1.2010, do 7.4.2010 e do 4.10.2010 (favorable).
11.3. Informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 2.10.2009 e do 22.9.2010.
11.4. Informe do 21.10.2009 do Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural.
12. O Concello Pleno de Moaña aprobou o 14.8.2009 e o 5.8.2010 os documentos para a aprobación definitiva do PXOM, coas correccións derivadas dos informes sectoriais. E o 4.11.2010 adoptou acordo de aprobación do anexo para dar cumprimento ao informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, incorporándoo ao PXOM, e ratificou unha serie de convenios e anulou un.
13. A Dirección Xeral de Infraestruturas da CMATI emitiu informes o 29.12.2010 e o 22.3.2011 (favorable á separata aprobada polo Concello Pleno o 24.2.2011).
II. Análise, consideracións e fundamentación.
Analizado o documento e o seu propio contido, posto en comparación coas consideracións sinaladas na anterior Orde da CPTOPT do 6.5.2008, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, púidose comprobar que, en xeral, grande parte das deficiencias que se recolleran na anterior orde foron emendadas ou xustificadas na documentación remitida polo concello.
Porén, en todo caso, cómpre formular as seguintes consideracións:
II.1. Estrutura xeral e orgánica do territorio e dotacións urbanísticas.
1. Nos planos de clasificación non se recolle o sistema xeral portuario, cualificado en parte como sistema xeral de espazos libres e zonas verdes. Debe aclararse se o PE-3 invade os terreos do sistema xeral portuario.
2. Os equipamentos SDD-3.2– cidade deportiva (antigo SD-43*), SDA-3.1– hospital (antigo SD-44*) e SDD-3.3– campo de fútbol (antigo SD-47*) están situados en solo rústico especialmente protexido, onde non serían admisibles eses usos (artigo 47.3 da LOUG).
3. O sistema xeral viario previsto SV11– (trazado entre a avenida de Marín e a avenida de Cangas) figura imputado ao sector SUD-D-1, pero non figura na súa ficha.
4. Non consta reserva de solo para a instalación da subestación eléctrica (SDS-3.2*).
II.2. Solo urbano.
II.2.1. Clasificación do solo urbano.
Atendendo aos planos de información, non se acredita que determinados ámbitos do solo urbano reúnan os requisitos para a súa clasificación, de acordo co artigo 11 da LOUG:
1. O PXOM incluirá na delimitación do solo urbano unicamente os terreos incluídos na malla urbana existente cunha urbanización básica, e incúmprese nas áreas de:
Distrito de Moaña:
– Terreos de ordenanza 2 ao sur do SUR-D-13 (antigo SUR-D-13).
– Terreos ao longo da estrada PO-313 ao norte do cemiterio, con ordenanza 5, que, en parte, deberán ser cualificados como solo rústico de protección de augas.
Distrito de Domaio:
– Ámbito de solo urbano de núcleo periférico localizado máis ao leste do concello, limitado por solo rústico de protección forestal e polo viario SV3.
2. Con independencia das limitacións de uso e ocupación recollidas na lexislación de costas, debe clasificarse como solo urbano a fronte costeira, incluídos os térreos da zona de servidume de protección, o sistema xeral portuario e a zona de dominio público marítimo terrestre, dado o seu grao de urbanización e transformación.
3. Conforme o sinalado na epígrafe I.5.3 da Orde do 6.5.2008, os ámbitos dos plans parciais ou plans de sectorización aprobados definitivamente só poderán clasificarse como solo urbano cando estea rematada a súa urbanización; cuestión que cómpre xustificar nos ámbitos de ordenanza 6, incorporados OIPA 2, OIPA 4 (o espazo libre obtense por expropiación SJ-1.5– ZV1.5*), OIPA 6, OIPA 7, ámbito do Rosal (o espazo libre obtense por expropiación SX-1.7– ZV1.7*); así como acreditar o cumprimento dos prazos establecidos na letra d) da disposición transitoria primeira da LOUG.
Non figura representada nos planos a OIPA 7 nin se achegan datos da OIPA 8.
4. Non vén recollida a altura na zona coa ordenanza 3 ao norte no quinteiro do SUNC1.
II.2.2. Cualificación como solo urbano consolidado.
1. Varias zonas que o plan clasifica como solo urbano consolidado non teñen condición de soar, nin a poden obter con obras de escasa entidade simultáneas coa edificación. Noutras, a ordenación proxectada difire substancialmente da existente, e implican a apertura de novas vías e accesos, polo que, de conformidade co artigo 12 da LOUG, se deben incluír na categoría de solo urbano non consolidado.
Distrito de Moaña:
– Quinteiro de ordenanza 3 ao oeste do SUNC-3 na avenida Xosé Costa Alonso.
– Parcelas con fronte ao ZV 1.15 e ao norte do SUNC-26 (antes SUNC-20).
– Ámbito de ordenanzas 2 e 3, ao norte da estrada PO-551 e limitado ao oeste polo solo urbanizable SUR-D-5 (antes SUR-D-8) e ao leste polo cemiterio de Meira.
– Parcelas sen fronte a vía pública, cualificadas con ordenanza 3, situadas ao sur da estrada PO-551 e lindeiras co SUNC-13 (antes SUNC-21).
– Ámbito cualificado coa ordenanza 2 e situado ao leste da OIPA A Xunqueira, ao oeste do solo urbanizable SUR-D-5, e ao norte da estrada PO 551.
– No lugar da Moureira, quinteiros separados por vías propostas entre a PO 551 e a estrada da Moureira ao leste da praia de Meira.
Distrito de Domaio:
– Zona norte e nordeste do SUNC-20 (antes SUNC 26) de ordenanzas 1 e 2.
– Ao leste do SUR-D-10, parcelas traseiras de ordenanza 2 ao longo da PO 551 que non dan fronte a vía pública.
– Zona de ordenanza 2 ao sur do SDE-2.1 E 2.1 desvinculadas do SV7.
2. Os polígonos só poderán ser descontinuos para incluír terreos destinados a sistemas xerais (artigo 133.1 da LOUG) e non está xustificada a delimitación do SUNC-19.
3. A reserva para vivenda protexida do P-26 é inferior ao 30% (artigo 47.11 da LOUG). Non se incorpora a consideración prevista no artigo 47.13 da LOUG.
4. A ficha de desenvolvemento do P-19 entre a estrada PO-561 e o mar, en Domaio, exixe non formar pantallas. Porén, asígnase a ordenanza 3 de edificación entre medianeiras e tres alturas (epígrafe I.5.5 da Orde do 6.5.2008 e artigo 104 b) da LOUG).
5. No SUNC 18 non figuran resoltos os accesos, delimitando quinteiros sen fronte a vías.
II.3. Solo urbanizable.
1. Reiterando o sinalado na Orde do 6.5.2008, non se clasificarán como urbanizables ámbitos con características determinantes da súa clasificación como solo rústico:
1.1. Pola existencia de cursos fluviais, clasificaranse como solo rústico de protección de augas (artigo 32.2 d) da LOUG) parte dos ámbitos SUR-D-I-1, SUR-D-9, SUR-D-10 e SUR-D-13, agás xustificación da escasa entidade (artigo 32.2 d) da LOUG).
1.2. Nos sectores SUR-D-03 e SUR-D-04 quedará clara a exclusión do SJ-3.2*, que invade a franxa de 200 metros que se clasificará como solo rústico de protección de costas, agás informe da Comisión Superior de Urbanismo (artigo 32.2 e).
1.3. O SUR-D-I-1 atópase incluído dentro do espazo natural n.º 19 Montes do Morrazo delimitado polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial, polo que deberá ser clasificado como solo rústico de especial protección de espazos naturais (artigo 32.2 f) da LOUG).
1.4. Agás acreditación de soterramento, clasificaranse como solo rústico de protección de infraestruturas as liñas eléctricas de alta tensión e zonas de afección (SUR-D-3 norte, SUR-D-5, SUR-D-8, SUR-D-10 e SUR-D-11); así como os terreos afectados pola estrada PO-551 ata a liña límite de edificación (SUR-D-1).
2. Os sectores SUR-D-05, SUR-D-3 sur, SUR-D-6, SUR-D-9 e SUR-D-13 están localizados en zonas que pola súa forte pendente non semellan aptas para a transformación.
3. Na delimitación do sector SUR-D-2 non figuran resoltos os accesos.
4. No SUR-D-6 supérase o límite de sustentabilidade establecido no artigo 46.3 da LOUG.
II.4. Solo rústico.
En atención ao artigo 32.3 da LOUG, deben clasificarse como rústicos de protección de infraestruturas, sen prexuízo doutras, os terreos dentro da liña límite de edificación da autoestrada e a estrada AC-550 (artigo 32.2 c), e como solo rústico de protección de costas, as zonas clasificadas como solo rústico de protección forestal e de infraestruturas, que se atopan a menos de 200 metros da ribeira do mar (artigo 32.2 e).
II.5. Estratexia de actuación e estudo económico.
Deberá acreditarse a conformidade das administracións, distintas do concello, ás que se lles atribúe o financiamento de sistemas xerais (artigo 60.3 da LOUG).
II.6. Normativa.
1. A ordenanza n.º 3 permite edificación aberta, illada ou en agrupamentos limitados, sen definir parámetros de recuamento nos casos en que é aberta ou illada.
2. A ordenanza 4, de protección de patrimonio, está incluída nas ordenanzas de solo urbano pero fai referencia ao solo rústico de especial protección arqueolóxica. Debe establecerse a clasificación dos elementos catalogados.
3. O 20% de uso residencial en solo urbano non consolidado destinado a vivenda de protección pública (punto 9.3.2) entra en contradición co sinalado nas fichas.
II.7. Outras observacións.
1. Deberá eliminarse do solo urbano a superposición co solo rústico de protección de infraestruturas das estradas e liñas eléctricas, do solo rústico de protección de augas e solo urbanizable delimitado.
2. Os depósitos de auga deben cualificarse como sistema xeral de infraestruturas.
3. Aclararase a identificación da lonxa de Meira nos planos de ordenación (aparece cos códigos, SDS-1.2 S-1.2 e SDI-1.4 I-4, sendo este último aparentemente erróneo).
4. O PXOM debe establecer nas fichas de xestión dos ámbitos de desenvolvemento, as determinacións que exixe a LOUG, sen ser remitidas aos convenios urbanísticos.
5. Existe contradición no ámbito situado ao sur do predio singular en Domaio ás beiras do sistema viario SV3, que nos planos de clasificación do solo figura como solo rústico de protección de costas e nos planos de solo urbano, como solo urbano.
6. Deberá grafarse o PE5 no plano de clasificación e aclarar a súa delimitación no plano de usos, por canto inclúe solo urbano regulado pola ordenanza 2. O PE-5 superponse co SP3, zona portuaria, o que deberá corrixirse.
7. No plano 4.2.8, o SUNC 17 figura como equipamento dotacional.
8. A epígrafe do índice 9.1.9. Regulamentación dos solos urbanos segundo costas está baleiro de contido.
9. Cómpre suprimir o punto 11.7 de fichas de solo urbanizable non delimitado.
10. Non existe correspondencia entre a delimitación do PE-1 que figura no plano de usos pormenorizados (E 1:1.000) e a grafada no plano de clasificación do solo (E 1:5.000).
11. Unificarase o criterio de representación dos ámbitos dos sistemas portuarios e a liña de contorno de protección dos elementos catalogados. Na lenda dos planos de clasificación incorporarase a trama de identificación do sistema xeral portuario.
12. Débese aclarar o significado da liña vermella de trazos dos planos de clasificación.
13. Deberanse coordinar as tramas e a lenda do plano de clasificación do solo.
III. Informe en materia de costas.
– Sobre a representación no PXOM do deslindamento do dominio público marítimo terrestre aprobado pola O.M. do 17.7.2007 consta informe favorable do 4.10.2010 da Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar no cal se advirte de pequenas deficiencias na delimitación da zona de servidume de protección, que cómpre corrixir.
– No punto 6.2.1. Normativa dos sistemas xerais, o réxime establecido deberá quedar condicionado á normativa de costas, cando ocupen zona de servidume de protección e/ou o DPMT (punto II.6 da Orde do 6.5.2008).
– O réxime establecido para o solo rústico de protección de costas (punto 13.2.2.5) non se corresponde co establecido para esta clase de solo na vixente Lei 9/2002.
– Capítulo 9: debe indicarse a disposición transitoria terceira da Lei de costas e novena do seu regulamento.
– No punto 10.1, relativo ás edificacións fóra de ordenación, farase a excepción de edificacións que ocupen a servidume de protección de costas, que observarán o sinalado na disposición transitoria cuarta da Lei de costas.
– A delimitación do solo rústico de protección de costas nos planos a escala 1:5.000 non se traduce nunha liña a unha distancia de 200 m desde a liña interior da ribeira do mar (artigo 32.2 e) da Lei 9/2002) particularmente na zona leste da fronte litoral (planos 4.2.9 e 4.2.6) e entre a punta do Fondón e a zona portuaria do SP-2 (planos 4.2.8).
– A liña de 200 m está mal trazada á altura da metade da praia da Xunqueira (plano 4.2.8) polo que o solo urbanizable SUR-D-5 incide parcialmente neles, o que exixiría da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia a redución da franxa ata os 100 m.
– Mantéñense novas aliñacións dentro da zona de servidume de protección, cunha ordenanza de edificación e uso residencial (ordenanza 3) sen que quede acreditado o cumprimento da disposición transitoria terceira.3, regra 2.ª, da Lei de costas (punto II.6 da Orde do 6.5.2008):
– Ao longo da avenida Porta da Ribeira (plano 4.3.12) na fronte da praia do Amado.
– No litoral á altura da praia do Con (plano 4.3.23 do núcleo de Moaña).
– Na avenida Xosé Costa Alonso (plano 4.3.21, escala 1:1.000, do núcleo de Moaña).
– Sen prexuízo do indicado anteriormente, no polígono 19, gráfase unha posible ordenación con edificación que ocupa servidume de protección (plano 4.4.06).
IV. Informe sobre adecuación ao plan de ordenación do litoral.
O 22.6.2011, a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe emite informe en relación coa adaptación do PXOM aprobado provisionalmente ás determinacións e criterios establecidos polo Plan de Ordenación do Litoral.
Contido documental do PXOM:
Bótanse en falla documentos gráficos, como son:
– Delimitación dos espazos de interese que identifica o POL, de ser o caso, cos axustes xustificados do PXOM (artigos 14 e 15 da normativa do POL).
– Unha superposición do plano de clasificación do solo do PXOM co de modelo territorial do POL, no que se refire á área de mellora ambiental e paisaxística.
– Delimitación do núcleo de identidade do litoral (NIL) de Moaña, conforme o disposto no artigo 69.1 do POL, en que o PXOM debe establecer as determinacións dos artigos 17.1, 42 e 69.2 e as fichas das unidades de paisaxe do POL.
– Delimitación das áreas de recualificación que poida sinalar o PXOM, cuxas determinacións deben axustarse ao disposto nos artigos 17.6, 44 e 71 do POL.
Análise da coherencia entre o PXOM e o POL:
Existen ámbitos de solo urbano (consolidado e non consolidado) que inciden na área de protección intermareal e costeira, polo que o PXOM, coa precisión de análise propia deste documento, deberá axustalos aos criterios e obxectivos que establece o POL.
Máis da metade do crecemento proxéctase en área de mellora ambiental e paisaxística, sobre terreos agrícolas na franxa costeira; e tamén se prevén novos desenvolvementos sobre corredores ecolóxicos e funcionais.
Aínda que os espazos de interese están recollidos polo PXOM como solo rústico de protección forestal ou de espazos naturais, o plan debería establecer neles medidas de protección engadidas para preservar e potenciar os valores recoñecidos polo POL como fondo escénico, ben mediante a clasificación de solo rústico de protección paisaxística ou, en todo caso, mediante maiores limitacións de uso.
Solo urbano non consolidado:
Dos 26 sectores de solo urbano non consolidado que prevé o PXOM, 11 sitúanse na área de mellora ambiental e paisaxística.
Os relativos a: P-22 (O Igrexario de Tirán), P-1 (rúa Daniel Castelao), P-2 (O Con), P-5 (A Canexa), P-6 (A Canexa II), P-13 (baixada ao porto de Meira), P-15 (Predio do Cura), P-16 (O Laton II) e P-23 (Predio do Cura), están vinculados a asentamentos fundacionais ou periféricos, e enténdense compatibles co modelo proposto polo POL; mais deberán incorporar na ficha correspondente a necesidade de observar as condicións xerais do artigo 61 da normativa do POL, así como ter en conta os usos existentes na cartografía de usos e elementos para a valoración, de acordo co artigo 7 da normativa.
Polo que respecta ao P-3 (San Xosé), a ordenación proposta, nin pola intensidade prevista (1,774 m2/m2) nin polas alturas admisibles (B+6P), cabe entendela como unha mellora da calidade da fachada marítima actual, incumprindo os artigo 42 e 61.9 da normativa do POL. Considerando o desenvolvemento urbanístico compatible, o PXOM debe reformular a ordenación proposta, diminuíndo a intensidade e as alturas máximas admisibles e situando a edificación na parcela leste do polígono que está en contacto coa zona de maior densidade do núcleo urbano, de xeito que se manteña inalterada, na medida do posible, a edificación do século XIX e a súa relación co xardín existente.
Canto ao P-19 (A Tella), mesmo resultando preciso resolver a fachada marítima, dada a degradación paisaxística das traseiras das edificacións existentes, non se entende que a recualificación exclúa as edificacións existentes (sen que se indique ningunha estratexia para a súa integración paisaxística) ocupando con volumes semellantes os espazos vacantes (artigo 61.9 do POL). O PXOM reformulará as súas determinacións de xeito que a necesaria recualificación da fachada marítima non pase por unha maior acumulación de volumes, en sintonía coa condición exposta na propia ficha deste polígono sobre a necesidade de evitar a formación de pantallas arquitectónicas cara ao litoral.
Plans especiais:
Nos cinco plans especiais do bordo litoral, ademais do cumprimento do réxime do solo rústico de protección de costas da LOUG e o da Lei de costas, de ser o caso, agás no solo urbano observarase simultaneamente o réxime das áreas de protección ambiental (intermareal e costeira) e de mellora ambiental e paisaxística do POL (artigos 53 a 55 da súa normativa).
Nas fichas incluíranse entre os obxectivos os que sexan de aplicación de entre os sinalados no artigo 74 do POL, nomeadamente os relativos a minimizar as afeccións, integrar os elementos estruturais do territorio e valorizar os trazos característicos da paisaxe.
Sectores de solo urbanizable:
O PXOM de Moaña prevé 14 sectores de solo urbanizable delimitado de uso residencial: tres (SUD-R-0, SUD-R-10 e SUD-R-12) atópanse na área de mellora ambiental e paisaxística e o resto na de ordenación. Ningún deles afecta espazos de interese identificados no POL.
O PXOM debe xustificar a necesidade dos desenvolvementos na área de mellora ambiental e paisaxística, en función da necesidade de crecemento municipal e da preservación dos espazos de maior impacto ambiental e visual. Se é o caso, debe indicarse nas fichas a necesidade de observar as normas xerais que sexan de aplicación para o desenvolvemento, segundo se sinala no artigo 61 da normativa do POL.
Moaña. SUR-D-0 (Albariños):
Trátase dun ámbito fragmentado en cinco subsectores, de 330.667 m2 de superficie, situado na área de mellora ambiental e paisaxística. A proposta non completa a trama urbana, excepción que posibilita os desenvolvementos urbanísticos na área de mellora ambiental e paisaxística (artigo 64.1 do POL). Contravén o artigo 70.6 da normativa.
Domaio. SUR-D-10:
Trátase dun sector descontinuo de 41.443 m2, situado en área de mellora ambiental e paisaxística, formado por dous ámbitos separados pola estrada PO-1103, vacantes de edificación. O primeiro está en contacto con edificacións do núcleo fundacional e desenvolvemento periférico do núcleo de Palmás; mentres que o segundo supón un crecemento cara ao mar desde as edificacións de desenvolvemento periférico
No ámbito situado ao sur da PO-1103, debe xustificarse a necesidade do crecemento proposto para o núcleo de Palmás, e a situación que ocupa espazo vacante da área de mellora ambiental en lugar do espazo intersticial existente na área de ordenación.
No ámbito situado ao norte da PO-1103, a delimitación non completa unha malla urbana existente (única excepción para a posibilidade de situar crecementos urbanísticos desde desenvolvementos periféricos na área de mellora ambiental) senón que supón un crecemento cara ao mar que non ten acollida no artigo 64 da normativa do POL.
Domaio. SUR-D-12:
O sector ten unha superficie de 60.520 m2, que se desenvolverán con vivenda unifamiliar. Non existen edificacións no interior, agás unha vivenda unifamiliar. O perímetro está practicamente cheo de edificacións de vivenda unifamiliar de recente construción, que no POL teñen a consideración de asentamento funcional.
A consolidación edificatoria que ten o ámbito no seu perímetro permite considerar que ten como obxecto completar a malla urbana nun asentamento funcional. Non obstante, o PXOM debe xustificar a necesidade do crecemento proposto e a ocupación de espazo vacante da área de mellora ambiental en lugar do espazo existente na área de ordenación. De xustificarse, debe indicarse na ficha a necesidade de observar as normas xerais para o desenvolvemento dos solos que se sinalan no artigo 61 da normativa do POL.
Normas complementarias:
De acordo co artigo 90, o PXOM debe realizar un estudo da capacidade de carga das praias periurbanas (especialmente a de Tirán, O Con, O Cristo) do cal deducir as necesidades de aparcamento e, en consecuencia, planificar as oportunas solucións.
O PXOM recollerá o tramo da Senda dos Faros, incorporando o seu trazado con carácter orientativo ata que se aprobe o plan ou plans especiais que desenvolvan esta senda.
V. Resolución.
En consecuencia con todo o anteriormente exposto, e de conformidade co establecido no artigo 85.7 a) da LOUG,
RESOLVO:
Primeiro. Aprobar definitivamente, de forma parcial, o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Moaña, deixando en suspenso as áreas e determinacións obxecto de reparos nos puntod II, III e IV anteriores e, nomeadamente, os ámbitos P-3, P-19, SUR-D-I.1, SUR-D-0, SUR-D-3 sur, SUR-D-6, SUR-D-9, SUR-D-10, SUR-D-12 e SUR-D-13.
Segundo. Cómpre achegar un documento refundido, que introduza as modificacións exixidas no propio corpo desta orde.
Terceiro. No eido dos ámbitos suspendidos e determinacións que quedan fóra desta aprobación, o concello deberá introducir as correccións necesarias, e, tras a súa aprobación plenaria, serán elevados novamente ante esta consellería para a súa aprobación definitiva.
Cuarto. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Quinto. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.
Sexto. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2011.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

