Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Mércores, 10 de agosto de 2011 Páx. 22939

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorga á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa, se recoñece a utilidade pública e se aproba o proxecto de execución do gasoduto denominado Eixe APA-16 Cerceda, que afecta este termo municipal da provincia da Coruña (expediente IN627A 2009/2-0).

Despois de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF A15383284 e con enderezo, para os efectos de notificacións, na rúa Lisboa, s/n, edificio Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro. O 30.10.2009 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. solicitou a autorización administrativa, o recoñecemento da utilidade pública e a aprobación do proxecto de execución do gasoduto denominado Eixo APA-16 Cerceda, que discorrerá por este termo municipal da provincia da Coruña, acompañada do preceptivo proxecto de instalacións.

A autorización de instalacións que se solicita comportará, de acordo co que establecen os artigos 103 e 105 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, os beneficios da declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación urxente para o efecto de expropiación forzosa dos bens e dereitos afectados, necesarios para o establecemento destas instalacións, e da imposición e o exercicio da servidume de paso e doutras limitacións de dominio.

As características desta instalación son as seguintes:

• O gasoduto discorre en todo o seu percorrido polo termo municipal de Cerceda, na provincia da Coruña. Ten a súa orixe na posición 04B.1, que está ao norte da Central Térmica de Meirama. O ramal de aproximación ao núcleo urbano de Cerceda rematará nun armario de regulación (AR) e augas arriba deste armario instalarase unha derivación para o futuro ramal ao Polígono Industrial do Acevedo.

• A condución realizarase en aceiro de 6, terá unha presión máxima de servizo de 16 bar augas arriba do AR e de 5 bar augas abaixo, e acadará unha lonxitude total de 4.548 m.

• As instalacións auxiliares deste gasoduto son as seguintes:

– Armario de regulación (16/5 bar) para subministración ao núcleo urbano de Cerceda.

– Válvulas de seccionamento.

– Estación de protección catódica (EPC), cos seus ánodos de sacrificio e acometida eléctrica para subministración a esta EPC.

• O seu orzamento ascende á cantidade de oitocentos vinte e oito mil trescentos sesenta e dous euros con dous céntimos (828.362,02 €).

Segundo. 23.11.2009 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu que non era necesario someter o proxecto de referencia ao trámite de avaliación de impacto ou de efectos ambientais.

Terceiro. O 28.5.2010 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu iniciar o trámite de competencia para o outorgamento da autorización administrativa do dito gasoduto, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 29.6.2010 e durante o prazo establecido (30 días), non se presentaron outras solicitudes en concorrencia. En consecuencia, continuouse co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada pola empresa Gas Galicia SDG, S.A.

Cuarto. O 31.3.2011 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que someteu a información pública a solicitude de autorización, recoñecemento da utilidade pública e aprobación do proxecto de referencia, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 27.5.2011, no BOP da Coruña do 2 de maio e nos xornais La Voz de Galicia e La Opinión da Coruña do 29 de abril, e tamén exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Cerceda durante un prazo de vinte días (do 20.4.2011 ao 14.5.2011).

Quinto. Así mesmo, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas trasladou as separatas deste proxecto ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, con bens e dereitos ao seu cargo, afectadas pola mencionada condución de gas, para os efectos de obter o seu informe ao respecto. Na seguinte táboa relaciónanse estas entidades e recóllese un resumo do seu informe:

N.º

Entidade

Resumo do informe

1

Augas de Galicia, Consellería de Medio Ambiente, Transporte e Infraestruturas

Informe do 16.3.2011: procede emitir informe favorable sobre a documentación presentada, para os únicos efectos do establecido no Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural.

2

Servizo de Infraestruturas, Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Informe do 2.2.2011: emítese informe favorable sobre o tramo da obra que discorre por fóra do dominio público, así como o que se sitúa no límite do dominio público e deberase formalizar este co disposto nas condicións técnicas que se achegan.

3

Área de Infraestruturas Ferroviarias da Subdelegación do Goberno na Coruña, Ministerio de Fomento

Non contestaron á petición de informe recibida o 22.9.2010 nin á reiteración desta petición recibida o 5.4.2011. Polo tanto, conforme o disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, enténdese a súa conformidade, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

4

Deputación Provincial da Coruña

Non contestaron á petición de informe recibida o 23.2.2011 nin á reiteración desta petición recibida o 5.4.2011. Polo tanto, conforme o disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, enténdese a súa conformidade, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

5

Concello de Cerceda

Non contestaron á petición de informe recibida o 23.2.2011 nin á reiteración desta petición recibida o 5.4.2011. Polo tanto, conforme o disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, enténdese a súa conformidade, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

6

Administración de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF)

Non contestaron á petición de informe recibida o 23.9.2010 nin á reiteración desta petición recibida o 13.4.2011. Polo tanto, conforme o disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, enténdese a súa conformidade, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Sexto. A Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre o proxecto de referencia o 11.5.2011.

Sétimo. Durante o período de información pública legalmente establecido presentouse unha alegación por parte de Miguel Ángel Arias Arias, en representación da empresa Lignitos de Meirama, S.A. (Limeisa), na que se manifesta o seguinte:

– Respecto do predio C-CE-3A04, do cal aparece como titular, indica que non é da súa propiedade.

– Respecto do predio C-CE-2A05, do cal aparece como titular María Milagros Bandal Becerra, indica que é da súa propiedade.

– No predio C-CE-1A03, dos 1.113 metros lineais que se afectan, 710 corresponden a Limeisa e o resto a Gas Natural SDG, S.A.; mentres que no predio C-CE-2A02, a afección corresponde integramente a Limeisa.

– As afeccións dos predios C-CE-2A04 e C-CE-2A06 son de 463 e 69 metros lineais respectivamente, en lugar dos 453 e 78 que figuran na relación de bens e dereitos afectados.

– Ante a posibilidade de que unha infraestrutura singular existente propiedade de Limeisa, o pico de vertedura das cintas transportadoras de estéril e carbón, puidese verse afectada polo tramo do gasoduto que afecta o predio C-CE-2A08, solicita un desprazamento do trazado proxectado co obxecto de preservar este elemento singular que se recolle no proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para a implantación dun parque industrial, comercial e lúdico en Meirama (Cerceda).

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, modificado polo Decreto 8/2011, do 23 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP) e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. Á vista da alegación presentada por Miguel Ángel Arias Arias, en representación da empresa Lignitos de Meirama, S.A. (Limeisa), da contestación da empresa Gas Galicia SDG, S.A. a esta alegación e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

– En canto aos cambios de titularidade solicitados sobre os predios C-CE-3A04 e C-CE-2A05, indícase o seguinte: tomouse razón deles; non obstante, será durante o acto de levantamento de actas previas á ocupación, ao cal serán oportunamente convocados todos os afectados, cando se poderá demostrar a titularidade dos correspondentes predios, achegando a documentación acreditativa necesaria.

– En canto ás manifestacións sobre a afección dos predios C-CE-1A03 e C-CE-2A02, respecto dos metros lineais afectados e da parte da afección que lle corresponde aos distintos titulares, indícase que se tomou nota delas e, despois de efectuar as comprobacións oportunas, procederase, se é o caso, a facer as correspondentes correccións.

– En canto ás manifestacións sobre a afección dos predios C-CE-2A04 e C-CE-2A06, respecto dos metros lineais afectados, indícase que se tomou nota delas e, despois de efectuar as comprobacións oportunas, procederase, se é o caso, a facer as correspondentes correccións.

– En canto á solicitude de desprazamento do trazo proxectado no predio C-CE-2A08, para evitar a posible afección da infraestrutura de Limeisa (o pico de vertedura das cintas transportadoras de estéril e carbón), indícase que durante a reformulación da zona de afección, previa ao inicio da obra, a empresa promotora fará as comprobacións oportunas e tratará de evitar a afección da dita infraestrutura.

Cuarto. En canto aos bens e dereitos afectados por este gasoduto e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes ou, de ser o caso, pendentes de emitir.

De conformidade cos preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

• Outorgar á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa, recoñecer a utilidade pública e aprobar o proxecto de execución do gasoduto denominado Eixo APA-16 Cerceda, que afecta este termo municipal da provincia da Coruña, de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 16.567,24 €, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73, punto 4.º da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11, punto 3.º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Cuarta. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa, subscrito polo enxeñeiro industrial Fernando Ortega Álvarez (colexiado n.º 902, Colexio de Galicia) e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, na súa delegación da Coruña, con rexistro n.º CO110042 e data 11.1.2011.

Quinta. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá presentar a solicitude de posta en marcha ante a xefatura territorial, quen deberá estendela, previas as comprobacións técnicas que considere oportunas. Previamente ao levantamento da acta de posta en marcha, a xefatura territorial solicitará á empresa distribuidora os ensaios e probas oportunas, así como o certificado de dirección e remate de obra, asinado por técnico competente, en que conste que a construción e montaxe das instalacións se efectuaron de acordo co proxecto correspondente, e acreditará, así mesmo, expresamente, o cumprimento das condicións técnicas e prescricións regulamentarias de aplicación.

Sexta. Gas Galicia SDG, S.A. deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realizar as instalacións aprobadas.

Oitava. A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34, punto 1.º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos; ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, conforme o establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas