Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Xoves, 18 de agosto de 2011 Páx. 23357

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 5 de agosto de 2011 pola que se desenvolve o Decreto 189/2010, do 11 de novembro, polo que se establece o Regulamento orgánico das escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma de Galicia, e se regula a organización e o acceso ás ensinanzas de idiomas de réxime especial.

O Consello de Europa estableceu o Marco europeo común de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino, avaliación, en que se definen uns niveis de competencia lingüística e comunicativa ligados a contextos sociais de uso, ordenados progresivamente do nivel A1 ao nivel C2, co fin de establecer indicadores comúns destas competencias e promover o coñecemento de linguas.

Para os efectos de adaptar os obxectivos europeos en relación ao ensino-aprendizaxe de linguas, a Comunidade Autónoma de Galicia estableceu o currículo das ensinanzas de idiomas de réxime especial mediante a aprobación do Decreto 191/2007, do 20 de setembro, polo que se establece a ordenación destas ensinanzas e os currículos dos niveis básico e intermedio, e do Decreto 239/2008, do 25 de setembro, polo que se establece o currículo de nivel avanzado. Estes decretos, nas súas disposicións derradeiras primeiras, autorizan a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para ditar cantas normas se consideren oportunas para o seu desenvolvemento.

Finalmente, e co fin de dotar estes centros dun marco de organización, fundamento e goberno propio e diferenciado dos centros docentes que imparten ensinanzas de réxime xeral, publicouse o Decreto 189/2010, do 11 de novembro, polo que se establece o Regulamento orgánico das escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en conta o establecido nos citados decretos, procede que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria desenvolva distintos aspectos relativos á organización e funcionamento recollidos neles, especialmente os recollidos no título III do Decreto 189/2010, do 11 de novembro.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6.º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada polas leis 11/1988, do 20 de outubro, 2/2007, do 28 de marzo, e 12/2007, do 27 de xullo, e dos que lle atribúe o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto.

O obxecto desta orde é desenvolver o Decreto 189/2010, do 11 de novembro, polo que se establece o regulamento orgánico das escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma de Galicia, e regular a organización académica e o acceso ás ensinanzas de idiomas de réxime especial dispostas no Decreto 191/2007, do 20 de setembro, polo que se establecen a súa ordenación e os currículos dos niveis básico e intermedio, e no Decreto 239/2008, do 25 de setembro, que establece o currículo de nivel avanzado das ensinanzas de idiomas de réxime especial.

Artigo 2. Ámbito de aplicación.

Esta orde será de aplicación nas escolas oficiais de idiomas dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nas súas seccións.

CAPÍTULO I
Documentos de organización

Artigo 3. Proxecto educativo.

O proxecto educativo será elaborado, aprobado, avaliado e modificado de acordo co disposto no artigo 48 do Decreto 189/2010, polo que se establece o Regulamento orgánico das escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Programación xeral anual.

1. O procedemento de elaboración e o contido da programación xeral anual axustaranse ao disposto no artigo 51 do Regulamento orgánico das escolas oficiais de idiomas e ao establecido nesta orde. Así, será elaborada polo equipo directivo e terá en conta as propostas do claustro, as directrices do consello escolar e as propostas que poidan presentar os distintos sectores da comunidade educativa.

2. A programación xeral anual organizarase en varios documentos en soporte electrónico, de acordo co disposto no artigo 51.4 do Decreto 189/2010. A elaboración dos distintos documentos farase de xeito gradual en función dos seus contidos, e conformará tres capítulos.

3. O capítulo I da programación xeral anual incluirá s letras a), b), c), d), e), k) e l) do artigo 51.4 do Decreto 189/2010:

– Obxectivos específicos da escola para o curso académico.

– Medidas para a consecución dos obxectivos propostos e recursos previstos.

– Horario xeral da escola e criterios para a súa elaboración.

– Horario de atención ao público.

– Cadro xeral horario de atención titorial.

– Horario de utilización das instalacións da escola.

– Calendario de avaliación da programación xeral anual e de autoavaliación da escola.

Os documentos relativos ao capítulo I remitiranse ao Servizo de Inspección Educativa antes do 30 de setembro.

4. O capítulo II da programación xeral anual estará composto polas letras m) e n) do artigo 51.4 do Decreto 189/2010:

– O documento de organización da escola, que deberá ser cuberto en formato electrónico de acordo coas instrucións que o acompañen.

– As modificacións do proxecto educativo, se é o caso.

– As programacións didácticas dos departamentos elaboradas segundo o disposto no artigo 49 do Decreto 189/2010.

Os documentos relativos ao capítulo II da programación xeral anual remitiranse ao Servizo de Inspección Educativa antes do 15 de outubro.

5. O capítulo III da programación xeral anual estará formado polos documentos descritos nas letras f), g), h), i) e j) do artigo 51.4 do Decreto 189/2010:

– Listaxe de profesorado da escola que participa en programas de innovación educativa, se é o caso, con mención expresa dos ditos programas e as datas correspondentes.

– Programa anual de formación do profesorado.

– Programa de promoción da lingua galega.

– Programa anual de actividades culturais e de promoción de idiomas.

– Plan de autoprotección, modificacións, se é o caso, ou a observación de que segue vixente.

Os documentos relativos a este capítulo serán remitidos á Inspección Educativa antes do 15 de novembro.

5.1. Programa anual de formación do profesorado.

a) Para dar cumprimento ao establecido no artigo 8.4 i) do Decreto 189/2010, o programa anual de formación do profesorado será elaborado pola persoa responsable da vicedirección, tendo en conta as propostas do claustro e da comisión de coordinación pedagóxica, así como as actividades de formación organizadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

b) Cando a formación se realice en función das necesidades expresadas polo profesorado de cada escola, recollerase o horario, a secuenciación e a temporalización das accións específicas nas que participe a escola (grupos de traballo, seminarios permanentes, proxectos de formación e asesoramento en centros, así como calquera outra acción formativa que teña lugar na escola), así como a relación de participantes en cada unha delas.

5.2. Programa de promoción da lingua galega.

a) O programa de promoción de lingua galega axustarase ao disposto no artigo 50 do Decreto 189/2010, polo que se establece o Regulamento orgánico das escolas oficiais de idiomas.

b) Os aspectos económicos do programa de promoción da lingua galega serán recollidos pola persoa coordinadora do equipo de dinamización da lingua galega nun anteproxecto económico, que constará de dúas partes. A primeira parte fará referencia ao período inicial do curso ata o mes de decembro, e nela terase en conta o orzamento anual xa aprobado. Esta parte deberá entregarse á dirección antes do 30 setembro. A segunda parte, que será sometida á consideración da dirección co fin de que se inclúa, se procede, no seu anteproxecto de orzamento do centro, recollerá as actividades previstas desde xaneiro a final do curso e terá en conta a estimación económica que o equipo directivo estableza con base nas previsións económicas do orzamento do ano seguinte. Esta parte deberá entregarse á dirección antes do 15 de decembro.

5.3. Programa anual de actividades culturais e de promoción de idiomas.

a) Considéranse actividades culturais e de promoción de idiomas aquelas que, formando parte da programación xeral anual, teñen carácter diferenciado pola organización, temporalización, espazos ou recursos que utilizan. Así, cabe considerar neste apartado as visitas, viaxes de estudo, conmemoracións e outras actividades análogas.

b) Correspóndelle ao equipo de actividades culturais e de promoción de idiomas a elaboración do programa anual de actividades culturais e de promoción de idiomas. Este programa deberá redactarse durante o mes de setembro, e incluirá a relación secuenciada e temporalizada de:

i) As actividades culturais que se realicen en colaboración cos diversos sectores da comunidade educativa ou en aplicación de acordos con outras entidades.

ii) As actividades de promoción de idiomas que se vaian realizar.

iii) As viaxes de estudo e intercambios que se pretende realizar.

c) Os aspectos económicos do programa de actividades culturais e de promoción de idiomas serán recollidos pola persoa coordinadora do equipo nun anteproxecto económico, que constará de dúas partes. A primeira parte fará referencia ao período inicial do curso ata o mes de decembro, e nela terase en conta o orzamento anual xa aprobado. Esta parte deberá entregarse á dirección antes do 30 setembro. A segunda parte, que será sometida á consideración da dirección co fin de que se inclúa, se procede, no seu anteproxecto de orzamento do centro, recollerá as actividades previstas desde xaneiro a final do curso e terá en conta a estimación económica que o equipo directivo estableza con base nas previsións económicas do orzamento do ano seguinte. Esta parte deberá entregarse á dirección antes do 15 de decembro.

d) Correspóndelle ao equipo de actividades culturais e de promoción de idiomas a elaboración dunha memoria anual final que avaliará as actividades realizadas, de acordo co disposto no artigo 44.4 do Decreto 189/2010.

e) A participación do alumnado nas actividades culturais e de promoción de idioma ten carácter voluntario, e no caso do alumnado menor de idade, requirirá autorización previa por escrito dos pais, nais ou titores/as do alumnado se se van desenvolver fóra da escola. No suposto de que esta autorización non sexa outorgada ou de que haxa alumnado menor de idade que non dexexe participar, a dirección arbitrará o xeito máis conveniente de atender a este alumnado que non participe na actividade.

f) As escolas poderán recibir, pola realización de actividades culturais e de promoción das ensinanzas, achegas de distintas institucións ou asociacións para a realización das actividades, que en ningún caso se poderán realizar en detrimento das actividades inherentes ao currículo oficial nin ter un contido idéntico ao dunha ensinanza oficial do currículo.

5.4. Plan de autoprotección.

a) Todas as escolas deberán contar co seu correspondente plan de autoprotección. Para a elaboración deste documento, as direccións dos centros terán autonomía para establecer as directrices de traballo que se seguirán.

b) O documento será presentado ao claustro e aprobado polo consello escolar. Unha vez aprobado polo consello escolar, deberá remitirse unha copia do plan de autoprotección á xefatura territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e aos servizos de protección civil da localidade en que se atope a escola.

c) Os servizos de inspección velarán por que todas as escolas dispoñan do seu plan de autoprotección. As escolas deberán levar a cabo un simulacro de evacuación polo menos unha vez ao ano, do que deberá deixar rexistro para a súa incorporación no propio plan de autoprotección.

Artigo 5. Proxecto de xestión.

1. O proxecto de xestión axustarase ao disposto no artigo 54 do Decreto 189/2010.

2. O proxecto de xestión das escolas oficiais de idiomas recollerá a ordenación e utilización dos recursos do centro e, polo menos, os seguintes aspectos:

a) Criterios para a elaboración do orzamento anual da escola e para a distribución dos ingresos entre as distintas partidas de gasto.

b) Plan anual de ordenación e utilización do orzamento das escolas oficiais de idiomas, que se elaborará de acordo co disposto na normativa vixente relativa á xestión económica dos centros docentes públicos en niveis non universitarios.

c) Medidas para a conservación e renovación das instalacións e do equipamento.

d) Criterios para a obtención de recursos complementarios pola prestación de servizos distintos dos gravados por prezos públicos, como outros fondos procedentes de entidades públicas, privadas ou particulares, que deberán ser aplicados aos gastos de funcionamento da escola e que non poderán proceder das actividades desenvolvidas polas asociacións de pais e nais ou de alumnado no cumprimento dos seus fins.

e) Procedementos para a elaboración do inventario anual xeral do centro.

f) Criterios para unha xestión sustentable dos recursos da escola e dos residuos que xere, que, en todo caso, será eficiente e compatible coa conservación do ambiente.

g) Calquera outro aspecto relativo á xestión económica da escola non recollido na normativa vixente, á que, en todo caso, deberá supeditarse.

Artigo 6. Memorias anuais.

1. Memoria anual da escola.

A memoria anual da escola será elaborada polo equipo directivo de acordo co establecido no artigo 52 do Decreto 189/2010, e deberá ser remitida ao Servizo de Inspección Educativa antes do 10 de xullo.

Esta memoria incluirá como mínimo os puntos seguintes:

a) Avaliación interna da xestión do centro, de acordo co procedemento que se estableza para o efecto.

b) Actividade dos órganos colexiados de goberno.

c) Actividade dos órganos de coordinación docente: departamentos didácticos, comisión de coordinación pedagóxica, equipo de dinamización da lingua galega, equipo de actividades culturais e de promoción de idiomas, e coordinación do equipo das tecnoloxías da información e comunicación e biblioteca.

d) Memoria de xestión económica, desviacións orzamentarias, orzamentos extra e outros, de acordo co procedemento que se estableza para o efecto.

e) Propostas de mellora para a programación xeral anual do curso seguinte.

2. Memoria final dos departamentos didácticos.

Á vista das actas, e logo das avaliacións da convocatoria ordinaria, a persoa responsable da xefatura de departamento redactará unha memoria en colaboración co seu profesorado, que recollerá ademais dos apartados establecidos no artigo 49.9 do Decreto 189/2010 os seguintes:

a) Actas das reunións de departamento e das reunións de coordinacións de curso.

b) Seguimento das programacións didácticas.

c) Xustificación das modificacións introducidas na programación didáctica durante o curso, se é o caso.

d) Análise dos resultados de avaliación do alumnado oficial e libre.

e) Propostas de revisión da programación didáctica.

CAPÍTULO II
Horarios

Artigo 7. Horario da actividade lectiva.

As escolas oficiais de idiomas poderán organizar a súa actividade lectiva entre as 8.00 e as 23.00 horas, de luns a venres.

Artigo 8. Horario do profesorado.

1. A xornada laboral dos/as funcionarios/as docentes será a establecida con carácter xeral para os/as funcionarios/as públicos/as, adecuada de acordo co disposto na Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 23 de xuño de 2011 pola que se regula a xornada de traballo do persoal funcionario e laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e coas disposicións recollidas nesta orde.

2. O horario de dedicación a actividades na escola será de 30 horas semanais, de acordo co calendario escolar que anualmente establece a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Destas 30 horas semanais, 23 serán de presenza obrigada na escola.

3. Estas 23 horas organizaranse da seguinte maneira:

a) Con carácter xeral o horario semanal de cada docente será de 18 horas de docencia directa, correspondentes a 4 grupos ordinarios ou oferta educativa equivalente.

b) A distribución deste horario será de luns a venres entre un mínimo diario de 1 grupo e un máximo de 4 grupos ordinarios ou oferta educativa equivalente.

c) Ademais o horario de cada docente terá 1 hora semanal de titoría para a atención ao seu alumnado, e nais, pais e titores/as legais do alumnado menor de idade, se é o caso, e 1 hora de reunión do departamento.

d) As horas restantes ata completar as 23 de presenza obrigada semanal na escola serán asignadas pola dirección ás seguintes funcións:

– Ata 3 horas para coordinacións de curso, de ensino a distancia, das tecnoloxías da información e da comunicación, de probas de certificación, de actividades culturais e de promoción do idioma, de cursos de formación continua, se é o caso, ou de atención á biblioteca ou aula de autoaprendizaxe.

4. As restantes horas, ata completar as 30 de dedicación semanal á escola, seranlle computadas mensualmente a cada docente pola xefatura de estudos por:

– Participación nas reunións dos órganos de goberno e dos diferentes órganos de coordinación docente excepto nas dos departamentos didácticos computadas dentro das 23 horas semanais.

– Participación na elaboración das diferentes probas que teñan asignadas as escolas oficiais de idiomas.

– Organización e participación en actividades culturais e de promoción de idiomas aprobadas no programa anual correspondente.

– Titoría de profesorado en prácticas.

– Traballo en equipos docentes de proxectos institucionais en que participe a escola.

5. O horario semanal que exceda o establecido para actividades no centro dedicarase:

a) Á preparación das actividades docentes, tanto lectivas como non lectivas.

b) Ao perfeccionamento profesional, que poderá incluír:

– A asistencia a actividades de formación programadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou outras aprobadas pola Inspección Educativa.

– A participación noutras actividades autorizadas pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, considerando as necesidades formativas dos diferentes colectivos profesionais no contexto social da escola.

– En xeral, á atención dos deberes inherentes á función docente.

6. A permanencia mínima diaria de cada docente na escola non será inferior a 3 horas de luns a venres.

7. No caso de que un/unha profesor/a teña unha carga docente inferior a 18 horas semanais nalgún momento do curso académico, en función das distintas ofertas formativas, a dirección da escola, a través da xefatura de estudos, asignaralle unha carga docente adicional.

8. No caso de que non sexa posible completar o horario docente dun/dunha profesor/a, segundo o disposto no punto anterior, a dirección da escola asignaralle ao dito profesorado tarefas relacionadas coa elaboración, edición e revisión de probas de certificación, en colaboración coa persoa responsable da coordinación das ditas probas no departamento correspondente.

Artigo 9. Equivalencias horarias entre cursos ordinarios e outra oferta formativa.

1. Para os efectos de organización horaria do profesorado que imparta cursos de especialización para a actualización e o perfeccionamento de competencias en idiomas para o profesorado, colectivos profesionais e público en xeral, entenderase que a duración destes cursos será, con carácter xeral, de 120 horas, cunha carga docente semanal de 4,5 horas ao longo do curso académico.

2. Establécense as seguintes equivalencias a un curso ordinario:

a) Un curso de formación anual de 120 horas ou dous cursos cuadrimestrais de 60 horas cada un.

b) Un curso de formación de 60 horas e dous de 30 horas, catro cursos de 30 horas ou tres cursos de 40 horas. Excepcionalmente a Inspección Educativa poderá autorizar outras combinacións horarias, que en calquera caso deberán sumar 120 horas anuais.

c) Un curso de linguaxe administrativa galega medio ou superior e un curso de 30 horas.

d) Dous cursos de preparación para os certificados Celga.

e) Dúas titorías de inglés a distancia (That’s English).

Artigo 10. Reducións horarias do profesorado.

1. Órganos de goberno unipersoais.

As persoas responsables da dirección, vicedirección, xefatura de estudos e secretaría poderán reducir os seguintes grupos ordinarios ou oferta educativa equivalente:

a) Nas escolas con 60 ou máis docentes, incluído o profesorado das seccións, terán unha redución de ata 3 grupos ordinarios.

b) Nas escolas cun número de docentes entre 20 e 59, incluído o profesorado das seccións, terán unha redución de ata 2 grupos ordinarios.

c) Nas escolas con menos de 20 docentes terán unha redución de 1 grupo ordinario.

d) As xefaturas de estudos das seccións terán unha redución, con carácter xeral, de 1 grupo ordinario.

2. Órganos de coordinación docente.

a) As xefaturas de departamento terán unha redución dun grupo ordinario ou oferta educativa equivalente, agás naqueles departamentos formados por un/unha ou dous/dúas docentes, nos que a persoa responsable da xefatura de departamento realizará as funcións propias desta nas horas a que fai referencia o artigo 8.3 d) desta orde.

b) Coordinación do equipo de dinamización da lingua galega terá unha redución de 1 grupo ordinario ou oferta educativa equivalente.

3. No caso de que un/unha docente exerza máis dun cargo, as reducións establecidas neste artigo non poderán ser acumulables.

4. Calquera modificación horaria que implique unha alteración dalgunha destas instrucións requirirá a autorización expresa e motivada da Inspección Educativa, dentro das dispoñibilidades de profesorado do centro.

Artigo 11. Elección de horarios.

1. Na primeira semana de setembro, a xefatura de estudos comunicaralles ás xefaturas dos departamentos o número de grupos correspondentes a cada idioma e curso, organizados en bloques de horarios en función do número de docentes adscritos a cada departamento. Estes bloques horarios elaboraranse tendo en conta as propostas das xefaturas de departamento, de acordo cos criterios de equidade establecidos previamente por este.

2. Cada departamento reunirase en sesión extraordinaria para a elección dos distintos bloques de horarios. Na dita reunión levantarase acta, que será asinada por todos os membros que constitúan nese momento o departamento e, ao final da reunión, cada departamento entregará copia da acta co resultado da elección de horarios á xefatura de estudos.

3. A elección de horarios realizarase en cada departamento de xeito que o profesorado elixa un bloque na seguinte orde:

a) Persoal que accedeu ao centro en virtude de procedementos de provisión de postos de traballo convocados con anterioridade á entrada en vigor do Decreto 140/2006, do 31 de agosto:

i) O catedrático/a máis antigo/a no corpo.

ii) Persoal docente con maior número de anos de servizo efectivo como funcionario ou funcionaria de carreira nos corpos docentes con competencia docente no nivel educativo, con destino definitivo no centro.

iii) Persoal docente con maior antigüidade con destino definitivo na praza.

iv) O ano máis antigo de ingreso no corpo.

v) A pertenza ao corpo de catedráticos.

vi) A maior puntuación obtida no procedemento selectivo de ingreso no corpo.

b) Persoal que accedeu ao centro en virtude de procedementos de provisión de postos de traballo convocados con posterioridade á entrada en vigor do Decreto 140/2006, do 31 de agosto:

i) Persoal docente con maior antigüidade con destino definitivo na praza.

ii) Persoal docente con maior número de anos de servizo efectivo como funcionario ou funcionaria de carreira nos corpos docentes con competencia docente no nivel educativo.

iii) O ano máis antigo de ingreso no corpo.

iv) A pertenza ao corpo de catedráticos.

v) A maior puntuación obtida no procedemento selectivo de ingreso no corpo.

c) No suposto de que non existise persoal do corpo de catedráticos que accedese ao centro por un procedemento de provisión convocado con anterioridade á entrada en vigor do Decreto 140/2006, do 31 de agosto, terá prioridade na elección de horarios un catedrático ou catedrática que accedese ao centro por un procedemento de provisión convocado posteriormente.

4. Despois da elección de horarios, a xefatura de estudos procederá a elaborar a proposta de horarios completos do profesorado, respectando o establecido nesta orde. O horario semanal de cada docente deberá incluír as 23 horas de presenza obrigada semanal na escola.

5. A aprobación provisional dos horarios do profesorado correspóndelle á dirección da escola, que os remitirá á Inspección Educativa para a súa autorización nos primeiros dez días de setembro. No caso de non autorizalos, a Inspección devolverá os horarios á escola para que se realicen as correspondentes modificacións no prazo de 5 días.

Artigo 12. Cumprimento do horario por parte do profesorado.

1. O control do cumprimento do horario e da asistencia do profesorado corresponde á xefatura de estudos.

2. As 23 horas de presenza semanal na escola terán o carácter de lectivas para os efectos de asistencia e permisos.

3. A persoa responsable da dirección da escola deberá enviar á Inspección Educativa e publicar no taboleiro de anuncios para o profesorado, antes do día 5 de cada mes, os partes de faltas relativos ao mes anterior. No modelo que para tal efecto se estableza incluiranse as ausencias ou faltas de puntualidade de acordo co horario persoal da persoa interesada en cada caso, con independencia de que estea ou non xustificada a ausencia. Os xustificantes e solicitudes debidamente cubertos e asinados polo profesorado correspondente quedarán na escola á disposición da Inspección Educativa.

4. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, todas as faltas de asistencia ou puntualidade non xustificadas serán comunicadas pola dirección, no prazo de sete días de producírense, á xefatura territorial, co fin de proceder á oportuna dedución de haberes, logo de audiencia da persoa interesada, ou, se é o caso, para iniciar a tramitación do oportuno expediente. Da dita comunicación darase conta por escrito simultaneamente á persoa interesada.

5. Cando a Inspección Educativa constate algún incumprimento por parte da persoa que exerza a dirección, ou de calquera membro do equipo directivo, das responsabilidades que esta orde lles confire no control de asistencia do profesorado, sexa por non enviar o parte de faltas, por facelo fóra de prazo, ou por non realizar as notificacións correspondentes a que se refire o punto anterior, comunicarao á xefatura territorial para que actúe en consecuencia.

6. A solicitude e concesión, se procede, dos permisos e licenzas do persoal docente seguirá o disposto na normativa específica vixente.

Artigo 13. Horario do alumnado.

1. Con carácter xeral, o horario semanal do alumnado para cada un dos cursos ordinarios das ensinanzas curriculares establecidas pola normativa vixente para as escolas oficiais de idiomas, na modalidade presencial, será de 4,5 horas.

2. A duración de cada sesión lectiva ordinaria será, con carácter xeral, de 1,5 horas, cunha periodicidade de tres sesións semanais.

3. As escolas establecerán un procedemento de información sobre as ausencias do persoal docente, atención ao alumnado menor de idade e criterios para as substitucións das ausencias do persoal non docente.

CAPÍTULO III
Organización académica

Artigo 14. Tipoloxía da oferta educativa.

A oferta formativa das escolas oficiais de idiomas estruturarase de acordo coa seguinte tipoloxía:

1. Cursos ordinarios (correspondentes aos currículos dos distintos niveis recollidos nos decretos 191/2007 e 239/2008):

a) Cursos anuais.

b) Cursos intensivos.

c) Cursos de nivel integrado.

2. Cursos de actualización e especialización:

a) Cursos para a formación do profesorado:

i) Cursos de actualización lingüística e comunicativa para o profesorado (CALC).

ii) Outros cursos de formación en idiomas para o profesorado en colaboración cos centros de formación e recursos.

b) Cursos para colectivos profesionais e público en xeral.

c) Obradoiros de reforzo de destrezas comunicativas.

3. Ensinanza semipresencial e a distancia.

Artigo 15. Cursos ordinarios.

1. Cursos anuais.

a) De acordo co disposto no artigo 6.1 do Decreto 191/2007, a duración de cada curso nos distintos niveis será de 130 horas ao longo do curso académico.

b) Os grupos correspondentes a estes cursos terán unha carga lectiva de 4,5 horas semanais, distribuídas en tres sesións lectivas semanais de 1,5 horas cada unha, preferentemente en días alternos.

c) En función das necesidades organizativas das escolas, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá autorizar unha distribución horaria diferente da recollida neste artigo logo da solicitude motivada da dirección do centro e do informe favorable do Servizo de Inspección Educativa.

2. Cursos intensivos.

a) As escolas oficiais de idiomas poderán ofertar cursos intensivos que permitan impartir as 130 horas correspondentes a un curso anual nun só cuadrimestre, de forma que o alumnado poida completar dous cursos dun mesmo nivel, se é o caso, nun curso académico.

b) Os grupos correspondentes a estes cursos terán unha carga lectiva de 9 horas semanais, distribuídas, con carácter xeral, en catro sesións lectivas diarias de 2 horas de duración e unha sesión de 1 hora.

c) En función das necesidades organizativas das escolas, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá autorizar unha distribución horaria diferente da recollida neste artigo logo da solicitude motivada da dirección do centro e do informe favorable do Servizo de Inspección Educativa.

3. Cursos de nivel integrado.

Tendo en conta as circunstancias especiais que concorren na aprendizaxe da lingua galega, da lingua portuguesa e do español polo seu carácter de linguas ambientais, as escolas poderán ofertar, nos niveis básico, intermedio e avanzado destas ensinanzas unha modalidade de formación, baixo a denominación de «curso de nivel integrado», na que a duración de cada nivel dos estudos destas linguas sexa inferior ao establecido no Decreto 191/2007, do 20 de setembro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas de idiomas de réxime especial, de acordo coas seguintes características:

a) Os cursos de nivel integrado son cursos cunha duración dun ano académico en que se imparten os contidos básicos establecidos no currículo correspondente para cada nivel.

b) Poderán ofertarse cursos de nivel integrado na modalidade presencial na lingua galega, portuguesa e española.

c) Os cursos de nivel integrado irán dirixidos ao alumnado que teña coñecementos previos na lingua obxecto de aprendizaxe, de xeito que poida alcanzar os obxectivos establecidos no currículo nun tempo máis reducido.

d) Polas súas características, os cursos de nivel integrado terán un punto específico dentro da programación didáctica do respectivo departamento didáctico.

e) Para os efectos de oferta e formalización da matrícula, estes cursos consignaranse como un segundo curso no nivel correspondente.

f) Para a avaliación do alumnado que curse esta modalidade, as probas de febreiro asimilaranse ás probas de promoción e as de xuño ás de certificación do nivel correspondente.

Artigo 16. Cursos de actualización e especialización.

1. Cursos para a formación do profesorado.

a) Cursos de actualización lingüística e comunicativa para o profesorado (CALC).

i) Consonte o disposto no artigo 5 da Orde do 18 de febreiro de 2011, pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá programar nas escolas oficiais de idiomas cursos de actualización lingüística e comunicativa (CALC) para o profesorado que imparte as ensinanzas de educación primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional específica nos centros citados.

ii) Os cursos de actualización lingüística e comunicativa (CALC) axustaranse ao disposto na Orde do 18 de febreiro de 2011 e estarán secuenciados nun itinerario formativo segundo os niveis A2, B1 e B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas, do Consello de Europa. Cada curso terá unha duración de 120 horas, que se impartirán ao longo do curso académico, cunha distribución horaria semanal equivalente, con carácter xeral, á dun curso anual.

iii) Estes cursos organizaranse en colaboración cos centros de formación e recursos (CFR), e terán o correspondente recoñecemento como formación de profesorado para os efectos establecidos no Decreto 74/2011, do 14 de abril, polo que se regula a formación permanente do profesorado que imparte as ensinanzas establecidas na Lei orgánica de educación (LOE), en centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, o profesorado que complete os cursos de actualización lingüística e comunicativa (CALC) poderá presentarse, con carácter gratuíto, ás probas de certificación das escolas oficiais de idiomas para os efectos de obter a certificación oficial correspondente.

b) A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación educativa poderá autorizar a realización, nas escolas oficiais de idiomas, en colaboración cos centros de formación de profesorado de que dependan, doutros cursos de formación en idiomas para o profesorado sobre distintos ámbitos específicos relacionados coa práctica docente. Estes cursos terán carácter modular, cunha duración de 30, 60 ou 120 horas.

2. Cursos para colectivos profesionais e público en xeral.

a) As escolas poderán ofertar cursos destinados a distintos colectivos profesionais, como resultado do establecemento de convenios ou acordos por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e coas características de acceso, calendario e certificación que se determinen en cada caso.

b) Igualmente, as escolas oficiais de idiomas poderán ofertar cursos deseñados polo propio centro. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá autorizar estes cursos logo da solicitude motivada da dirección do centro, que inclúa a programación, duración e calendario de impartición, e do informe favorable do Servizo de Inspección Educativa.

c) Estes cursos terán unha organización modular cunha duración de 30, 60 ou 120 horas.

3. Obradoiros de reforzo de destrezas comunicativas.

a) Os obradoiros de reforzo de destrezas comunicativas constitúen unha oferta educativa, de carácter non regrado, e teñen por obxecto facilitar a práctica das destrezas comunicativas nas distintas linguas.

b) A oferta destes obradoiros estará supeditada á dispoñibilidade de recursos humanos existentes na escola, e terán a consideración de cursos monográficos para todos os efectos.

c) A programación destes obradoiros de reforzo de destrezas axustarase aos niveis correspondentes do Marco común europeo de referencia para as linguas e nela constarán de forma expresa os obxectivos específicos, os contidos e os criterios de avaliación.

Artigo 17. Ensinanza semipresencial e a distancia.

1. Sen prexuízo do disposto para a impartición das ensinanzas de réxime especial pola modalidade presencial, as escolas oficiais de idiomas poderán ofertar as súas ensinanzas en réxime oficial polas modalidades semipresencial e a distancia.

2. A organización das ensinanzas de idiomas de réxime especial nas modalidades semipresencial e a distancia será obxecto de normativas específicas por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 18. Alumnado libre.

1. De acordo co disposto no artigo 2.3 do Decreto 189/2010, poderase concorrer ás probas de certificación dos distintos niveis das ensinanzas de idiomas polo réxime libre.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co disposto na Orde do 8 de setembro de 2008 pola que se regula a avaliación e cualificación do alumnado que cursa as ensinanzas especializadas de idiomas de réxime especial que se establecen na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (DOG do 26 de setembro), organizará, polo menos, unha convocatoria anual das probas para a obtención dos certificados de nivel básico, intermedio e avanzado e que será común para os réximes oficial e libre.

3. O alumnado libre poderá matricularse en calquera nivel das probas de certificación. Non é requisito indispensable dispoñer do/s certificado/s do/s nivel/is anterior/es.

4. A superación da proba de certificación de nivel básico ou intermedio permitirá ao alumnado a incorporación ao primeiro curso do nivel intermedio e avanzado, respectivamente, do réxime de ensinanza oficial presencial en calquera escola segundo o que se dispoña na convocatoria de matrícula.

5. O alumnado non poderá estar matriculado no mesmo idioma e curso no mesmo ano académico polos réximes oficial e libre simultaneamente.

Artigo 19. Autorización da oferta educativa.

1. Antes da fin do mes de abril de cada ano, as escolas oficiais de idiomas presentarán á Inspección a súa proposta de oferta educativa para o curso seguinte.

2. Unha vez aprobada a oferta educativa provisional da escola pola Inspección e establecidos os prazos de matrícula pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a escola faraa pública a través dos procedementos establecidos que permitan a súa correcta difusión.

3. Tras o remate do proceso de matrícula, a Inspección Educativa comprobará que os grupos e cursos ofertados por cada escola conten cun número de alumnado que xustifique a súa posta en marcha, e procederá a autorizar as modificacións necesarias da oferta co obxecto de garantir o acceso ao maior número posible de alumnado e rendibilizar a oferta docente con que conte cada escola.

Artigo 20. Codificación da oferta formativa.

Para os efectos de codificación da oferta formativa das escolas oficiais de idiomas, nas súas distintas modalidades, as escolas deberán utilizar os códigos que aparecen recollidos no anexo I a esta orde.

Artigo 21. Medidas de apoio educativo para o alumnado con necesidades educativas específicas.

De acordo coa disposición adicional cuarta do Decreto 191/2007, polo que se establece a ordenación das ensinanzas de idiomas de réxime especial e os currículos dos niveis básico e intermedio, as escolas oficiais de idiomas deberán adoptar as medidas oportunas para a adaptación do currículo e das probas de certificación ás necesidades do alumnado con necesidades educativas específicas. Estas adaptacións deberán respectar no esencial os obxectivos fixados no citado decreto, ademais do que dispoña para cada caso a xefatura territorial correspondente, a través do seu equipo de orientación específica.

CAPÍTULO IV
Acceso ás ensinanzas de idiomas

Artigo 22. Condicións de acceso.

1. Cursos ordinarios.

a) Para acceder ás ensinanzas de idiomas de réxime especial será requisito ter dezaseis anos feitos no ano en que se comecen os estudos.

b) Poderán acceder, así mesmo, aquelas persoas que teñan feitos catorce anos, ou que os fagan antes do 31 de decembro do ano en que se formaliza a matrícula, para seguir as ensinanzas dun idioma distinto do cursado na educación secundaria obrigatoria como primeira lingua estranxeira.

c) As condicións xerais de acceso aos distintos cursos de cada nivel serán as establecidas no anexo II desta orde.

d) A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa establecerá as titulacións ou certificados acreditativos de ter coñecementos do idioma que permitirán o acceso directo a cursos distintos de 1.º de nivel básico.

2. Cursos de actualización e especialización. As condicións de acceso aos cursos de actualización de coñecementos de idiomas para a formación do profesorado, colectivos profesionais e público en xeral, serán establecidos nas súas convocatorias correspondentes.

3. Ensinanzas semipresenciais e a distancia. As condicións de acceso a estas ensinanzas serán obxecto de normativas específicas por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4. Acceso ás probas de certificación polo réxime libre. As condicións de acceso para o alumnado libre serán as recollidas nas letras a) e b) do punto 1 deste artigo.

Artigo 23. Probas de clasificación.

1. As probas de clasificación teñen por obxecto facilitar a incorporación a calquera curso e nivel dun idioma do alumnado que dispoña de coñecementos previos del.

2. Terán dereito a realizar as probas de clasificación para cada idioma aquelas persoas que dexexen acceder por primeira vez ás ensinanzas de idiomas na modalidade presencial.

3. Así mesmo, poderán realizar estas probas as persoas que cursaron con anterioridade estudos do idioma e que non se matricularon en réxime oficial nos dous cursos anteriores ao que dexexen acceder. Este alumnado deberá ter en conta que se o resultado da proba lle dá acceso a un curso que xa superou nese idioma non poderá cursalo de novo, polo que o resultado da proba non terá efecto.

4. As escolas oficiais de idiomas poderán realizar probas de clasificación para cada un dos idiomas que impartan, en función das solicitudes recibidas no prazo de inscrición.

5. O prazo de inscrición para as probas de clasificación será do 15 ao 30 de maio.

6. As probas de clasificación de cada idioma realizaranse nos primeiros vinte días do mes de xuño de acordo co calendario que estableza cada escola.

7. O alumnado que se inscriba nas probas de clasificación terá que realizar tamén a preinscrición no idioma correspondente, se dexexa optar a unha praza no primeiro curso do nivel básico no caso de que non obteña o acceso por proba de clasificación a un curso ou nivel superior.

8. A incorporación ao curso que determine o resultado da proba estará suxeita á dispoñibilidade de prazas no dito curso. Esta incorporación non dará dereito en ningún caso á certificación dos cursos e niveis inferiores.

9. O resultado obtido nas probas de clasificación terá validez nas dúas convocatorias seguintes, para os efectos de formalizar a matrícula en calquera das escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma de Galicia.

10. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria facilitará ás escolas oficiais de idiomas a estrutura e criterios de cualificación e corrección das probas de clasificación. Os departamentos didácticos das distintas escolas serán os responsables da elaboración, administración e avaliación destas probas.

Artigo 24. Admisión e matrícula nos cursos ordinarios.

1. O proceso de preinscrición e matrícula na modalidade presencial realizarase en período ordinario nos meses de xuño e xullo e, en período extraordinario, no mes de setembro, de acordo co calendario e as condicións que estableza anualmente a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. Todo o proceso de preinscrición e matrícula, tanto do alumnado de novo acceso como do alumnado do curso anterior que dexexe continuar os seus estudos, deberá realizarse en liña a través da aplicación informática establecida para tal efecto.

3. O alumnado que formalice a matrícula nas escolas oficiais de idiomas deberá satisfacer os correspondentes prezos públicos segundo o que se estableza na normativa vixente.

4. Ademais do alumnado que solicita cursar estudos en 1.º curso de nivel básico por primeira vez nun idioma, terá a consideración de alumnado de novo acceso o seguinte:

a) Alumnado procedente das probas de clasificación.

b) Alumnado de acceso directo por acreditación recoñecida.

c) Alumnado que se incorpora á ensinanza presencial tras superar as probas específicas de certificación polo réxime libre.

d) Alumnado procedente de traslado de matrícula.

e) Antigo alumnado que non estivese matriculado polo réxime oficial no curso anterior.

f) Alumnado oficial do curso anterior que renunciase a matrícula.

5. As escolas oficiais de idiomas farán públicas con antelación suficiente ao inicio do período de preinscrición as prazas que se ofertan en cada idioma para o alumnado do primeiro curso do nivel básico.

6. No caso dos idiomas en que a demanda supere o número de prazas ofertadas, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa establecerá o procedemento e criterios de asignación de prazas.

7. O alumnado menor de 16 anos que estea a cursar a educación secundaria obrigatoria e dexexe matricularse nas ensinanzas de réxime especial deberá achegar certificación da secretaría do centro en que estea matriculado con mención expresa da lingua estranxeira que cursa como primeiro idioma.

8. Finalizado o proceso de matrícula, e ata o 15 de outubro, no caso de que quedasen prazas vacantes, as escolas poderán cubrilas de acordo coas listaxes de espera, se as houber, ou ben atendendo as peticións de alumnado de novo acceso que non realizase o proceso de preinscrición. En calquera caso, as escolas non poderán facer pública ningunha oferta de prazas vacantes mentres existan listaxes de espera.

9. O profesorado que imparta docencia nas escolas oficiais de idiomas non poderá cursar ensinanzas de idiomas de réxime especial, en ningunha modalidade de matrícula no centro onde imparta docencia. Igualmente, tampouco poderá matricularse en ningunha escola oficial de idiomas de Galicia para a obtención de certificados correspondentes ao idioma que imparte.

10. A matrícula do alumnado nas ensinanzas de español requiren, polas súas características, dunha maior flexibilidade no proceso de matriculación. As escolas que oferten estas ensinanzas poderán establecer, ademais dos prazos comúns a todos os idiomas, períodos diferentes de matrícula, co informe favorable da Inspección Educativa e a autorización da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

11. As persoas responsables da secretaría das escolas oficiais de idiomas garantirán que as matrículas do alumnado se efectúen cos documentos acreditativos da posesión dos requisitos previos destas ensinanzas e que respecten o establecido nesta orde en relación co acceso aos cursos dos niveis correspondentes.

12. Perda do dereito á matrícula.

a) O alumnado que non formalice a súa matrícula no prazo establecido para o grupo que lle corresponda, presentando a documentación requirida na secretaría das escolas, perderá o dereito á praza asignada e só poderá matricularse ao finalizar todo o proceso de matrícula no caso de quedaren prazas vacantes.

b) A non incorporación sen xustificación debidamente razoada ante a dirección nos quince días seguintes ao inicio do curso académico, implicará a perda da condición de alumnado oficial e a escola disporá destas prazas para seren cubertas por outros/as aspirantes.

13. Información ao alumnado.

a) As escolas oficiais de idiomas darán publicidade a todos aqueles aspectos que garantan a transparencia do proceso de admisión: prazas que se ofrezan en cada idioma, listaxe do alumnado preinscrito, así como a listaxe do alumnado admitido e os correspondentes períodos de reclamacións.

b) O alumnado deberá ser informado, no momento da formalización da matrícula, de que a posta en marcha do grupo da súa elección estará condicionada ao número total de inscritos que o xustifique.

c) Para facilitar os procesos de preinscrición ou de matriculación en liña ao alumnado, as escolas habilitarán equipamentos informáticos con conexión á internet nos espazos que a escola determine para tal efecto.

d) No momento da matrícula o alumnado deberá ser informado, polo menos, de que as datas de realización das probas parciais de febreiro e finais de xuño poderán realizarse en días e horas diferentes aos horarios ordinarios das clases do curso en que se matrícula.

e) As escolas, a través das súas páxinas web, darán información sobre os prezos públicos aplicables en cada caso.

Disposición derrogatoria única.

Quedan sen efecto cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa.

Quedan autorizados/as os/as titulares das direccións xerais de Centros e Recursos Humanos e de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar todos os actos e medidas que sexan precisas para o desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día 1 de setembro de 2011.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Instrucións para a codificación da oferta formativa das escolas oficiais de idiomas

A. Codificación dos cursos ordinarios

B. Codificación dos cursos de actualización e especialización

C. Codificación dos cursos a distancia

D. Codificación do alumnado libre e de probas homologadas

A. Codificación dos cursos ordinarios

Estes grupos correspóndense coa oferta que deriva do Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro, polo que se fixan os aspectos básicos do currículo das ensinanzas de idiomas de réxime especial reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Estrutura dos códigos: idioma-curso e nivel-tipo-número (cada un dos campos irá separado por un guión)

1. Códigos dos idiomas

Alemán

AL

Árabe

AR

Chinés

CH

Español para estranxeiros

ES

Francés

FR

Galego

GA

Inglés

IN

Italiano

IT

Portugués

PO

Ruso

RU

Xaponés

XA

2. Códigos dos cursos e niveis

Básico 1

NB1

Básico 2

NB2

Básico 3

NB3

Intermedio 1

NI1

Intermedio 2

NI2

Intermedio 3

NI3

Avanzado 1

NA1

Avanzado 2

NA2

Avanzado 3

NA3

3. Códigos dos tipos de cursos

3.1. Cursos anuais: cada curso encádrase nun nivel, e a súa duración coincide coa do curso académico, con 130 horas.

Cando se trata dun grupo anual ordinario, deixarase en branco.

3.2. Cursos intensivos: cando se imparte nun cuadrimestre o horario lectivo correspondente a un curso académico. Teñen unha duración de 130 horas.

 

1.º cuadrimestre

INT-A

2.º cuadrimestre

INT-B

3.3. Cursos de nivel integrado: cando se integran nun só curso académico os contidos correspondentes a todo un nivel. Só é posible nas linguas consideradas ambientais: galego, portugués e español para estranxeiros. Duración de 130 horas. Só hai 3 niveis, que se corresponden co 2.º curso de cada nivel.

ITG

4. Número

Corresponde aos distintos grupos de cada curso (se hai un só grupo, o n.º 1; se hai máis, o número que corresponda)

Exemplos:

Curso ordinario intensivo de inglés de nivel intermedio 2 do 2.º cuadrimestre

IN-NI2-INT-B-1

Curso ordinario anual de chinés de nivel básico 1

CH-NB1-1

Curso ordinario de nivel integrado de galego de nivel intermedio

GA-NI2-ITG-1

B. Codificación dos cursos de actualización e especialización

A oferta de cursos non ordinarios confórmana os cursos de especialización para a actualización e perfeccionamento de competencias en idiomas, e para a formación do profesorado, colectivos profesionais e público en xeral (artigo 3.2 do Decreto 191/2007 polo que se establece a ordenación das ensinanzas de idiomas de réxime especial e os currículos dos niveis básico e intermedio).

Estrutura dos códigos: idioma-tipo-nivel-duración-número

1. Códigos dos idiomas

Iguais que os dos cursos ordinarios

2. Códigos dos tipos de cursos

2.1. Formación do profesorado: cursos de formación dirixidos ao profesorado de centros sostidos con fondos públicos.

Duración (horas)

a) Cursos de actualización lingüística e comunicativa (CALC)

CAL

120

b) Cursos de idiomas de contidos específicos por áreas (CLIL)

CLI

30/60/120

c) Oferta non específica: a oferta de formación aberta a todo o profesorado

FOR

30/60/120

2.2. Cursos para colectivos profesionais: oferta formativa para os profesionais de distintos sectores produtivos de Galicia no desenvolvemento da súa capacitación profesional.

a) Administración

ADM

30/40/60/120

b) Turismo

TUR

30/40/60/120

c) Comercio

COM

30/40/60/120

d) Sanidade

SAN

30/40/60/120

e) Corpos e forzas de seguridade

SEG

30/40/60/120

f) Audiovisual

AUD

30/40/60/120

g) Outros

PRF

30/40/60/120

2.3. Cursos de galego

a) Cursos preparatorios para certificados Celga:

Celga 1

CE1

60

Celga 2

CE2

60

Celga 3

CE3

60

Celga 4

CE4

60

b) Cursos de linguaxe administrativa:

Linguaxe administrativa galega nivel medio

LAM

75

Linguaxe administrativa galega nivel superior

LAS

75

2.4. Obradoiros de reforzo de destrezas comunicativas

OBR

30/60

3. Códigos dos niveis

Cursos de iniciación

INI

Cursos de actualización

ACT

Cursos de perfeccionamento

PER

Cursos de especialización

ESP

Os cursos de actualización lingüística e comunicativa (CALC) levan o código do nivel do MCER correspondente:

Curso CALC de nivel A2

A2

Curso CALC de nivel B1

B1

Curso CALC de nivel B2

B2

4. Duración

Este código consta de dúas partes, o número de horas do curso e a súa temporalización.

Número de horas do curso

O número de horas que corresponda

Temporalización:

1.º cuadrimestre

A

2.º cuadrimestre

B

Curso completo

C

5. Número

Corresponde aos distintos grupos de cada curso (se hai un só grupo, o número 1; se hai máis, o número que corresponda).

Exemplos:

Curso de actualización lingüística e comunicativa (CALC) nivel A2 120 horas

IN-CAL-A2-120C-1

Curso de iniciación de francés para o sector profesional do turismo de 60 horas no

1.º cuadrimestre

FR-TUR-INI-60A-1

Curso de alemán de actualización, de formación do profesorado CLIL de 30 horas do

2.º cuadrimestre

AL-CLI-ACT-30B-1

Curso preparatorio para o Celga2, 2.º cuadrimestre

GA-CE2-60B-1

Curso de linguaxe administrativa galega superior, 1.º cuadrimestre

GA-LAS-75B-1

Curso de italiano de actualización da oferta propia do centro de 60 h, 1.º cuadrimestre

IT-PRO-ACT-60A-1

Curso de formación do profesorado para o perfeccionamento de inglés de 120 horas

IN-FOR-PER-120C-1

C. Codificación dos cursos a distancia

Cursos a distancia: cursos correspondentes ao programa That’s English!, con titorías semanais de 1,5 horas por grupo e estrutura modular. A codificación destes cursos inclúe:

• O código de idioma (ver punto 1 dos cursos ordinarios).

• O nivel do curso (ver punto 2 dos cursos ordinarios).

• A denominación THE (cursos a distancia de That’s English!).

• O código correspondente ao módulo (descrito a continuación).

• O número do grupo (ver punto 4 dos cursos ordinarios).

THE

Módulos (1 ao 12): MDxx (xx = número do módulo)

Módulo 1

MD01

Módulo 2

MD02

Módulo 3

MD03

Módulo 4

MD04

Módulo 5

MD05

Módulo 6

MD06

Módulo 7

MD07

Módulo 8

MD08

Módulo 9

MD09

Módulo 10

MD10

Módulo 11

MD11

Módulo 12

MD12

Exemplo:

Curso That’s English! de nivel básico 2 (módulo 4)

IN-NB2-THE-MD04-1

D. Codificación do alumnado libre e de probas homologadas

O alumnado libre é aquel que se matricula na escola oficial de idiomas para a realización das probas de certificación por este réxime.

O alumnado de probas homologadas é aquel que procede dun curso CUALE-A2

Estrutura dos códigos: idioma-nivel-tipo

Alumnado libre de nivel básico

NB2-LI

Alumnado libre de nivel intermedio

NI2-LI

Alumnado libre de nivel avanzado

NA2-LI

Alumnado libre procedente de CALC de nivel A2

A2-CAL

Alumnado libre procedente de CALC de nivel B1

B1-CAL

Alumnado libre procedente de CALC de nivel B2

B2-CAL

Alumnado de probas homologadas CUALE-A2

A2-CUA

Exemplos:

Alumnado libre de nivel intermedio de francés

FR-NI2-LI

Alumnado libre procedente de CALC de inglés de nivel B2

IN-B2-CAL

Alumnado de proba homologada CUALE-A2

IN-A2-CUA

ANEXO II
Condicións xerais de acceso

1. Acceso ao nivel básico.

a) Poderá acceder ao curso nivel básico 1 de cada un dos idiomas quen cumpra os requisitos establecidos sobre acceso a estas ensinanzas establecidas nesta orde.

b) Poderá acceder ao curso nivel básico 2 de cada un dos idiomas:

– O alumnado que supere no idioma correspondente o nivel básico 1 das ensinanzas reguladas polo Decreto 191/2007, do 20 de setembro.

– O alumnado que superou no idioma correspondente o curso do nivel básico 1 das ensinanzas reguladas polo Real decreto 944/2003, do 18 de xullo, polo que se establece a estrutura das ensinanzas de idiomas de réxime especial.

– O alumnado que superou no idioma correspondente o primeiro curso do ciclo elemental das ensinanzas reguladas polo Real decreto 967/1988, do 2 de setembro, sobre ordenación das ensinanzas correspondentes ao primeiro nivel das ensinanzas especializadas de idiomas.

– Quen sexa clasificado para acceder ao curso nivel básico 2 no idioma correspondente por proba de clasificación nos termos que establece esta orde.

c) Poderá acceder ao curso do nivel básico 3 dos idiomas chinés e xaponés:

– O alumnado que supere no idioma correspondente o curso nivel básico 2 das ensinanzas reguladas polo Decreto 191/2007, do 20 de setembro.

– Quen sexa clasificado para acceder ao curso 3 do nivel básico no idioma correspondente por proba de clasificación nos termos que establece esta orde.

2. Acceso ao nivel intermedio.

a) Poderá acceder ao curso nivel intermedio 1 de cada un dos idiomas:

– O alumnado que obteña no idioma correspondente o certificado de nivel básico das ensinanzas reguladas polo Decreto 191/2007, do 20 de setembro.

– O alumnado que superou no idioma correspondente o curso do nivel básico 2 das ensinanzas reguladas polo Real decreto 944/2003, do 18 de xullo.

– O alumnado que superou no idioma correspondente o segundo curso do ciclo elemental das ensinanzas reguladas polo Real decreto 967/1988, do 2 de setembro.

– Quen estea en posesión do título de bacharel para acceder exclusivamente ao idioma cursado como primeira lingua no bacharelato.

– Quen sexa clasificado para acceder ao curso 1 do nivel intermedio no idioma correspondente por proba de clasificación nos termos que establece esta orde.

b) Poderá acceder ao curso nivel intermedio 2 de cada un dos idiomas:

– O alumnado que supere no idioma correspondente o curso do nivel intermedio 1 das ensinanzas reguladas polo Decreto 191/2007, do 20 de setembro.

– Quen sexa clasificado para acceder ao curso do nivel intermedio 2 no idioma correspondente por proba de clasificación nos termos que establece esta orde.

c) Poderá acceder ao curso nivel intermedio 3 dos idiomas árabe, chinés e xaponés:

– O alumnado que supere no idioma correspondente o curso do nivel intermedio 2 das ensinanzas reguladas polo Decreto 191/2007, do 20 de setembro.

– Quen sexa clasificado para acceder ao curso 3 do nivel intermedio no idioma correspondente por proba de clasificación nos termos que establece esta orde.

3. Acceso ao nivel avanzado.

a) Poderá acceder ao curso nivel avanzado 1 de cada un dos idiomas:

– O alumnado que obteña no idioma correspondente o certificado de nivel intermedio das ensinanzas reguladas polo Decreto 191/2007, do 20 de setembro.

– O alumnado que obtivo no idioma correspondente o ciclo elemental das ensinanzas reguladas polo Real decreto 967/1988, do 2 de setembro.

– Quen sexa clasificado para acceder ao curso do nivel avanzado 1 no idioma correspondente por proba de clasificación nos termos que establece esta orde.

b) Poderá acceder ao curso nivel avanzado 2 de cada un dos idiomas:

– O alumnado que supere no idioma correspondente o curso do nivel avanzado 1 das ensinanzas reguladas polo Decreto 191/2007, do 20 de setembro.

– O alumnado que superou no idioma correspondente o primeiro curso do ciclo superior das ensinanzas reguladas polo Real decreto 967/1988, do 2 de setembro.

– Quen sexa clasificado para acceder ao curso do nivel avanzado 2 no idioma correspondente por proba de clasificación nos termos que establece esta orde.