Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Xoves, 18 de agosto de 2011 Páx. 23481

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da planta de coxeración situada no concello da Pobra do Caramiñal (A Coruña), titularidade de Beltaine Renovables, S.L.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 9 de setembro de 2010, Beltaine Renovables, S.L., presentou unha solicitude para obter a autorización administrativa dunha instalación de coxeración situada na rúa Baiuca baixo, no concello da Pobra do Caramiñal (A Coruña).

Segundo. O 16 de marzo de 2011, publicouse no Diario Oficial de Galicia número 53, e o 23 de marzo de 2011 no Boletín Oficial da provincia da Coruña número 56, a solicitude indicada no antecedente de feito primeiro, sen que se teña constancia de que se presentase ningunha alegación. As características do proxecto que se someteu a información pública son as seguintes:

Solicitante: Beltaine Renovables, S.L.

Domicilio social: lugar de Bodión, Abanqueiro s/n, 15930 Boiro.

Denominación: Coxeración GNL Escurís, S.L.

Situación: A Pobra do Caramiñal.

Características técnicas:

– Container insonorizado prefabricado para albergar o grupo motoxerador e as unidades de control de potencia.

– Un motor-xerador síncrono Stanford PE-734 E2 dunha potencia de 1.000 kWe (cos phi=1) a 0,4 kV, equipo de protección, medida e control.

– Caldeira de vapor pirotubular RG-CEY a 10 bares, de recuperación de calor, con economizador CEY-EC 99/15.

– Circuíto de LT de aceiro ou carbono de 2″ con bomba de recirculación, intercambiador, electrorradiador, intercambiador de placa e válvula de tres vías.

– Un transformador de 1.250 kVA, cunha relación de transformación 20/0,4 kV.

– Centro prefabricado de formigón para instalar os seguintes equipos: 1 cela de protección de transformador, 1 cela de conexión de liña, 1 cela de remonte, 2 celas de medida, 1 cela de tensión, modificación das actuais celas de medida e fronteira con UFD.

Terceiro. O 29 de abril de 2011 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña emitiu informe favorable á solicitude achegada.

Cuarto. O 7, 9 e 23 de xuño e o 4 de xullo de 2011 Beltaine Renovables, S.L., solicita a aprobación do proxecto de execución e completa a información necesaria para os fins pretendidos.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 28 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, establece que a construción, explotación, modificación substancial, a transmisión e o peche de instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial estará sometida ao réxime de autorización administrativa previa, que terá carácter regrado, correspondéndolle o seu outorgamento á Administración autonómica.

Segundo. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que atribúe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de industria, seguridade industrial, solo industrial, metroloxía, metais preciosos, enerxía e minas.

Terceiro. O artigo 121 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, establece no punto 1 que os solicitantes de autorizacións administrativas de instalacións de produción de enerxía eléctrica deberán acreditar a súa capacidade legal, técnica e económico-financeira para a realización do proxecto.

Beltaine Renovables, S.L., acredita a capacidade técnica mediante un contrato de asistencia técnica subscrito por un período de cinco anos cunha mercantil que acredita experiencia na actividade de produción de enerxía eléctrica.

Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar administrativamente a instalación de coxeración titularidade de Beltaine Renovables, S.L., situada na rúa Baiuca baixo, concello da Pobra do Caramiñal (A Coruña).

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da devandita instalación, Proyecto de ejecución de instalación de coxeración de 1.000 kW con motor de gas natural en Escurís, S.L., asinado polo enxeñeiro industrial do ICAI Adelaido Rodríguez Gil, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de ICAI o 18 de agosto de 2010, co número 1738/10.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto referido no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.

Segunda. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa parte, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

Terceira. O prazo para a posta en servizo das instalacións que se autorizan será de nove meses contados a partir da data de publicación desta resolución.

Cuarta. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Beltaine Renovables, S.L.

Quinta. Con carácter previo á posta en servizo das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, ou por incumprimento das condicións impostas.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Oitava. Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á devandita instalación, o titular e/ou explotador deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas nos artigos 11 e 12 do Real decreto 661/2007, do 25 de maio, e presentará a documentación que figure nas instrucións que dite esta dirección xeral en desenvolvemento da citada orde.

Contra esta resolución que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas