Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Mércores, 7 de setembro de 2011 Páx. 26607

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 30 de agosto de 2011 pola que se anuncia a apertura do tramite de información pública do documento de avaliación preliminar do risco de inundación correspondente á Demarcación Hidrográfica de Galicia Costa.

A política de augas, no marco da protección das augas, ten como obxectivo contribuír a paliar os efectos das inundacións e secas, tal e como establece no ámbito europeo a Directiva 2000/60/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas, que impón a elaboración de plans de xestión de bacía fluvial para cada demarcación hidrográfica, co obxecto de acadar un bo estado químico e ecolóxico, e contribuír a mitigar os efectos das inundacións. Esta directiva foi incorporada ao ordenamento xurídico español mediante o artigo 129 da Lei 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social, que incluíu entre os seus obxectivos que o marco para a protección das augas debe contribuír a paliar os efectos das inundacións e secas.

O fenómeno natural das inundacións foi obxecto de desenvolvemento específico mediante a Directiva 2007/60/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2007, relativa á avaliación e a xestión dos riscos de inundación, que foi trasposta ao noso ordenamento xurídico polo Real decreto 903/2010, do 9 de xullo, de avaliación e xestión de riscos de inundación.

Este real decreto impón unha serie de obrigas, como é a de establecer un marco para a avaliación e xestión dos riscos de inundación, destinado a reducir as consecuencias negativas para a saúde humana, o ambiente, o patrimonio cultural e a actividade económica, asociadas ás inundacións.

De acordo co anterior, en cada demarcación hidrográfica realizarase unha avaliación preliminar do risco de inundación co obxecto de determinar aquelas zonas do territorio para as cales se chegase á conclusión de que existe un risco potencial de inundación significativo ou nas cales a materialización dese risco se pode considerar probable.

No caso da nosa comunidade, corresponde á Administración hidráulica de Galicia, de acordo co establecido no artigo 4 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, a planificación e a adopción de medidas e instrumentos específicos de xestión e protección dos recursos hídricos e dos ecosistemas acuáticos e terrestres vinculados á auga no eido da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

Neste contexto, por parte de Augas de Galicia, dando cumprimento ao disposto no Real decreto 903/2010, do 9 de xullo, elaborouse o documento de avaliación preliminar do risco de inundación no ámbito da Demarcación Hidrográfica de Galicia Costa.

Por outra banda, o número 4 do artigo 7 do citado Real decreto 903/2010 establece que o resultado da avaliación preliminar do risco de inundación se someterá a consulta pública durante un prazo mínimo de tres meses.

Por todo o anterior, e en virtude das facultades conferidas pola Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia para os efectos de someter ao trámite de consulta pública o documento de avaliación preliminar do risco de inundación correspondente á Demarcación Hidrográfica de Galicia Costa, durante un prazo de tres meses contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. O citado documento estará á disposición do público interesado nos servizos centrais do organismo autónomo Augas de Galicia (praza Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela), nas oficinas de Augas de Galicia na Zona Galicia Centro (r/ Tomiño, n.º 16, baixo, 15781 Santiago de Compostela), Zona Galicia Norte (r/ Wenceslao Fernández Flórez, 1-2.º, 15005 A Coruña) e Zona Galicia Sur (r/ San Salvador, 2-4.º, 36201 Vigo).

Así mesmo, poderá ser consultado no enderezo electrónico http://augasdegalicia.xunta.es

A modalidade de participación neste proceso de consulta pública será por escrito, dirixido á presidencia do organismo autónomo Augas de Galicia, praza Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2011.

Francisco Menéndez Iglesias
Presidente de Augas de Galicia