O acordo de concentración parcelaria da zona norte de Mondoñedo (Mondoñedo-Lugo) foi aprobado pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural con data do 19 de abril de 2010, e publicado na forma legalmente prevista na lexislación vixente, encontrándose na actualidade pendente de firmeza.
Con posterioridade a estes actos o Concello de Mondoñedo solicita a cesión en propiedade dos predios que se indican:
Predio n.º 882 para ampliación e mellora do cemiterio de Santo André.
Predio n.º 1180 para campo da festa de Vilamor.
Predio n.º 1389 para instalación dun depósito municipal de auga.
Predio n.º 1391 para instalación dunha depuradora municipal en Vilamor.
Predio n.º 1392 para instalación dun depósito municipal.
Predio n.º 1233 para instalación dun depósito municipal de auga.
Visto o informe favorable da xunta local da zona, a Ley de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973, a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro, a Lei 7/2007, do 21 de maio, de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galicia, a Ley 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción segundo a Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións legais vixentes de aplicación ao caso.
Á vista de que o destino para o cal se solicitan os predios n.º: 882, 1180, 1389, 1391, 1392, 1233 é perfectamente subsumible no suposto recollido no artigo 32 da antedita lei galega, esta dirección xeral resolve:
1. Modificar o Acordo de concentración parcelaria da zona norte de Mondoñedo (Mondoñedo-Lugo) e adxudicar ao Concello de Mondoñedo os predios n.º: 882, 1180, 1389, 1391, 1392 e 1233, que causa baixa no fondo de terras da zona, a fin de seren destinadas aos fins indicados na parte expositiva desta resolución.
2. En caso de incumprimento dos fins para os cales son cedidos, a titularidade dos referidos predios reverterá ao fondo de terras da zona, ao patrimonio da comunidade autónoma, á da Sociedade Anónima Xestora do Banco de Terras de Galicia (Bantegal, S.A.) ou a outra entidade que corresponda, segundo o caso.
Contra esta resolución pódese interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro do Medio Rural no prazo dun mes contado a partir do día seguinte a aquel en que sexa publicada esta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Lugo, 17 de agosto de 2011.
Ramón Carballo Páez
Xefe territorial de Lugo

