Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2011.
Vistos por mín, Roberto Soto Sola, maxistrado xuíz titular do Xulgado de Primeira Instancia número 6 desta localidade e do seu partido xudicial, este xuízo de divorcio núm. 646/2010, promovido polo procurador Sr. Martínez Lage, en nome e representación de Virginia Cancelo Gutiérrez, asistida polo letrado Sr. Paz Esquete, fronte a Rafael Alexander Bello Linares, maior de idade, mencionado nos autos, declarado en rebeldía procesual e sen intervención do Ministerio Fiscal; non concorren fillos menores de idade ou incapaces no citado matrimonio.
Antecedentes de feito.
Primeiro. Con data do 22.6.2010, o procurador Sr. Martínez Lage, en nome e representación de Virginia Cancelo Gutiérrez, asistida polo letrado Sr. Paz Esquete, fronte a Rafael Alexander Bello Linares, maior de idade, mencionado nos autos, e sen intervención do Ministerio Fiscal, ao non concorreren fillos menores de idade ou incapaces no citado matrimonio, presentou demanda de divorcio na cal se instaba o divorcio do matrimonio contraído por ambos os litigantes o día 26.6.2006 en Brión, inscrito no tomo 26, páxina 96 do Rexistro Civil desa cidade, por concorrer a causa prevista no artigo 86.1.º do Código civil, transcorridos máis de tres meses de matrimonio.
Segundo. Unha vez admitida a demanda, mediante decreto foi declarada a parte demandada en rebeldía procesual, que consta emprazada en forma legal.
Despois de sinalar o xuízo para o día de hoxe, nel non compareceu a parte demandada –que consta citada en legal forma– e a parte demandante ratificouse na súa demanda e insta a reprodución da proba documental achegada coa demanda e mais a aplicación do previsto no artigo 770 da Lei de axuizamento civil para o caso de incomparecencia da parte demandada; tras o cal, quedaron as actuacións vistas para sentenza ao abeiro do artigo 777.6.º da Lei de axuizamento civil.
Terceiro. Na tramitación deste proceso observáronse as prescricións legais vixentes, inclusive o prazo para ditar a sentenza.
Fundamentos de dereito.
Primeiro. O procurador Sr. Martínez Lage, en nome e representación de Virginia Cancelo Gutiérrez, asistida polo letrado Sr. Paz Esquete, fronte a Rafael Alexander Bello Linares, maior de idade, mencionado nos autos, e sen intervención do Ministerio Fiscal, ao non concorreren fillos menores de idade ou incapaces no citado matrimonio, presentou demanda de divorcio na cal se instaba o divorcio do matrimonio contraído por ambos os litigantes o día 26.6.2006 en Brión, inscrito no tomo 26, páxina 96 do Rexistro Civil desa cidade, por concorrer a causa prevista no artigo 86.1 do Código civil, transcorridos máis de tres meses de matrimonio.
Logo de admitir a demanda, a parte demandada foi declarada en rebeldía procesual –que consta emprazada en forma legal– tras esgotar todas as posibilidades de investigación do seu domicilio.
Unha vez sinalado o xuízo, nel non compareceu a parte demandada –a cal consta citada igualmente–, a parte demandante ratificouse na súa demanda e instou a reprodución da proba documental achegada coa demanda e mais a aplicación do previsto no artigo 770 da Lei de axuizamento civil para o caso de incomparecencia da parte demandada, tras o cal quedaron as actuacións vistas para a sentenza ao abeiro do artigo 777.6.º da Lei de axuizamento civil.
Segundo. De conformidade co disposto no artigo 86 do Código civil, tras a súa reforma pola Lei 15/2005, «Decretarase xudicialmente o divorcio, calquera que sexa a forma de celebración do matrimonio, por petición dun só dos cónxuxes, de ambos ou dun co consentimento do outro, cando concorran os requisitos e circunstancias exixidos no artigo 81», e este precepto actualmente establece: «Decretarase xudicialmente a separación calquera que sexa a forma de celebración do matrimonio: 1.º Por petición de ambos os cónxuxes ou dun co consentimento do outro, unha vez transcorridos tres meses desde a celebración do matrimonio. Á demanda xuntarase unha proposta do convenio regulador redactada conforme o artigo 90 deste código. 2.º Por petición dun só dos cónxuxes, unha vez transcorridos tres meses desde a celebración do matrimonio. Non será preciso o transcurso deste prazo para interpor a demanda cando se acredite a existencia dun risco para a vida, a integridade física, a liberdade, a integridade moral ou liberdade e indemnidade sexual do cónxuxe demandante ou dos fillos de ambos os dous ou de calquera dos membros do matrimonio. Á demanda xuntarase proposta fundada das medidas que deban de regular os efectos derivados da separación».
A parte demandante insta á declaración da disolución do vínculo conxugal con base nunha mesma causa, a prevista no artigo 86 do Código civil, en relación co artigo 81 do Código civil, quedando constatado de forma suficiente, e o cesamento da afecttio maritalis das partes, así como a ininterrompida ruptura da convivencia conxugal, cesamento e ruptura que, pola súa vez, deben erixirse en motivo necesario e suficiente da declaración xudicial da disolución do matrimonio dos litigantes por divorcio ao abeiro da circunstancia prevista no referido artigo 86.II do Código civil, sen que sexa preciso adentrarse nas concretas circunstancias e eventuais culpabilidades incidentes en tal crise conxugal, todo o cal é conforme co actual sistema, instaurado pola Lei orgánica 15/2005, de carácter non causalista nin culpabilista, senón baseado na busca dun remedio ou solución xurídica ás situacións de crise dun matrimonio.
Por todo o cal, compételle a este xulgador acceder á solicitude articulada na demanda e declarar e decretar a disolución do matrimonio de ambos por divorcio.
Terceiro. En relación coas medidas que se deberán acordar nesta resolución xudicial, tanto de carácter persoal como de índole patrimonial e económica, inherentes ao anterior pronunciamento principal e concretadas no artigo 91 do Código civil: («... en relación cos fillos, a vivenda familiar, as cargas do matrimonio, a liquidación do réxime económico e as cautelas ou garantías específicas...»), unicamente lle sería dable a este xulgador adentrarse na análise individualizada daqueles aspectos a que se circunscribise a discrepancia entre os litigantes, sen obviar, por suposto, no caso presente, a ausencia de principios e normas de ius cogens de carácter imperativo derivada da inexistencia de fillos que exixisen tal especial e particular pronunciamento principal de disolución que fai innecesaria toda decisión ao respecto.
É para lembrar neste aspecto que o núm. 3.º do artigo 770 da Lei de axuizamento civil establece: «Á vista deberán concorrer as partes en por si, con apercibimento de que a súa incomparecencia sen causa xustificada poderá determinar que se consideren admitidos os feitos alegados pola parte que compareza para fundamentar as súas peticións sobre medidas definitivas de carácter patrimonial...».
Acreditada no acto do xuízo e na totalidade das actuacións a través da proba documental achegada pola parte demandante e mediante a ficción legal prevista no núm. 3.º do artigo 770 da Lei de axuizamento civil, dada a ausencia da parte demandada ao acto de xuízo, a improcedencia de todo pronunciamento sobre garda e custodia de fillos, sobre uso do domicilio conxugal e alimentos para estes, procede decretar, sen máis, a disolución por divorcio do matrimonio.
Cuarto. A declaración xudicial de divorcio produce a disolución da sociedade de gananciais, conforme o disposto nos artigos 95.I e 1435.III do Código civil, cuxa liquidación se efectuou no proceso previo de separación.
Quinto. Dada a especial natureza deste tipo procesual, non procede efectuar un especial pronunciamento en materia de custas procesuais.
Tras ver os artigos citados e os demais de xeral e pertinente aplicación,
Decido que, aceptando integramente a demanda de divorcio interposta polo procurador Sr. Martínez Lage, en nome e representación de Virginia Cancelo Gutiérrez, asistida polo letrado Sr. Paz Esquete, fronte a Rafael Alexander Bello Linares, maior de idade, mencionado nos autos, e sen intervención do Ministerio Fiscal, ao non concorreren fillos menores de idade ou incapaces no citado matrimonio, procede, xa que logo, decretar a disolución por divorcio do matrimonio contraído por ambos os litigantes o día 26.6.2006 en Brión, inscrito no tomo 26, páxina 96 do Rexistro Civil desa cidade, por concorrer a causa prevista no artigo 86.1 do Código civil, transcorridos máis de tres meses de matrimonio.
Unha vez firme esta resolución, remítanse os oportunos oficios para as procedentes anotacións rexistrais.
Non procede efectuar especial pronunciamento sobre as custas deste proceso.
Remítase copia desta resolución ao decanato dos xulgados de Santiago de Compostela para a súa tradución ao galego.
Esta resolución non é firme e fronte a ela cabe interpor o recurso de apelación nos prazos e termos previstos na vixente Lei de axuizamento civil para a súa resolución pola Audiencia Provincial da Coruña (art. 457 e seguintes e 776 da Lei de axuizamento civil), tras consignar o depósito de 50 euros previsto na disposición adicional 15.ª da LOPX.
Así, por esta a miña sentenza, pronúncioo, mándoo e asínoo, eu, Roberto Soto Sola, maxistrado xuíz titular do Xulgado de Primeira Instancia número 6 desta localidade e do seu partido xudicial.
Publicación. A anterior resolución foi lida e publicada en audiencia pública polo xuíz que a ditou, no día da data; dou fe.

