A Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, pretende eliminar os obstáculos que se opoñen á liberdade de establecemento dos prestadores nos estados membros e á libre circulación de servizos, garantindo, tanto aos destinatarios coma aos prestadores dos servizos, a seguranza xurídica necesaria para o exercicio efectivo das liberdades fundamentais do Tratado constitutivo da Comunidade Europea. A devandita directiva foi trasposta ao ordenamento xurídico español pola Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, coñecida como lei paraugas. Esta lei recolle os principios xerais que deben rexer a regulación actual e futura das actividades de servizos.
A adaptación da normativa reguladora do acceso ás actividades de servizos e do seu exercicio aos principios que a devandita lei establece produciuse a través da Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, que harmoniza o ordenamento xurídico español con aquela directiva modificando numerosas normas.
Unha das normas substancialmente modificadas por esta Lei 25/2009 foi a Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais e, máis en concreto, o seu artigo 13 sobre visados profesionais, que quedan configurados como un instrumento voluntario. Non obstante, outórgase ao Goberno a potestade de establecer os traballos profesionais que exixirán visado obrigatorio atendendo á necesaria existencia dunha relación de causalidade directa entre o traballo profesional e a afectación da integridade física e da seguranza das persoas, e á acreditación de que o visado é o medio de control máis proporcionado.
En virtude desa remisión normativa, ditouse o Real decreto 1000/2010, do 5 de agosto, sobre visado colexial obrigatorio. Este real decreto ten carácter básico en virtude do artigo 149.1.18.ª da Constitución española, que atribúe ao Estado a competencia para ditar as bases do réxime xurídico das administracións públicas, por referirse ao visado, función pública propia dos colexios como corporacións de dereito público e, en virtude do artigo 149.1.13.ª, pola especial transcendencia económica que ten o uso deste instrumento no sector dos servizos profesionais.
Nesta norma concrétanse no seu artigo 2 os nove traballos profesionais en que será obrigatorio o visado colexial como excepción á liberdade de escolla do cliente. Así mesmo, o artigo 3 establece o visado único aínda que o traballo se desenvolva en traballos parciais, por un só colexio profesional que deberá ser o competente na materia principal do traballo de acordo co previsto no artigo 5.
Non obstante a aparente claridade do marco normativo exposto atendendo á literalidade da norma, a raíz das diversas consultas recibidas, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas considera conveniente establecer unha serie de directrices tendentes a coordinar nas catro xefaturas territoriais a aplicación práctica do Real decreto 1000/2010 en materia de minas.
Por todo iso, esta dirección xeral dita a seguinte instrución que, aínda que de acordo co previsto no artigo 37.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, non ten os efectos propios dunha norma xurídica de natureza regulamentaria, a favor dunha maior transparencia na xestión administrativa e da seguranza xurídica, considérase conveniente a súa publicación para que todos os interesados poidan coñecer os criterios que seguirá a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas nesta materia.
Instrución
Primeiro. Supostos de visado obrigatorio en materia de minas.
Aos traballos profesionais que se presenten nos procedementos administrativos en materia de minas cuxa tramitación corresponda á Consellería de Economía e Industria só se lle exixirá visado colexial obrigatorio nos supostos determinados no artigo 2 do Real decreto 1000/2010, do 5 de agosto, que, en concreto e en relación ao que a esta instrución se refire, son:
a) Proxecto de execución e certificado de final de obra de edificación cuxo uso principal sexa mineiro.
b) Proxecto de voaduras especiais previsto no artigo 151 do Regulamento xeral de normas básicas de seguranza mineira, aprobado polo Real decreto 863/1985, do 2 de abril.
c) Proxectos de aproveitamentos de recursos mineiros das seccións C) e D), previstos nos artigos 85 e 89 do Regulamento xeral para o réxime da minaría, aprobado polo Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto.
Segundo. Plan anual de labores.
Non se exixirá visado sobre o plan anual de labores de calquera industria extractiva, xa que a devandita obriga non está prevista en ningún dos supostos de visado obrigatorio recollidos no artigo 2 do Real decreto 1000/2010.
Terceiro. Aproveitamento de recursos mineiros.
Unicamente se exixirá visado obrigatorio aos proxectos de aproveitamento de recursos mineiros das seccións C) e D) previstos nos artigos 85 e 89 do Regulamento xeral para o réxime da minaría, aprobado polo Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto.
Cando o proxecto de aproveitamento se desenvolva ou complemente mediante proxectos parciais ou outros documentos técnicos, o visado exixirase sobre o proxecto no seu conxunto, sen que se poida exixir visado parcial e independente de ningunha das partes e documentos que o compoñen e forman parte del.
No caso dos proxectos de aproveitamento de recursos mineiros respecto aos que non existe obriga de obter visado conforme o previsto no Real decreto 1000/2010 e que conteñan o proxecto de voadura especial ou algunha edificación que require proxecto de execución ou certificado final de obra de edificación, non se exixirá o visado sobre o proxecto de aproveitamento no seu conxunto, senón que se exixirá unicamente sobre estes traballos profesionais.
Cuarto. Establecementos de beneficio e outras instalacións.
Non se exixirá obriga de visado respecto dos traballos profesionais referidos a instalacións ou outros conceptos que non teñan o carácter de edificación de acordo co previsto no artigo 2.1. da Lei 38/1999, de ordenación da edificación.
Para os efectos do disposto no real decreto sobre visados, entenderase por edificación o proceso de construír aqueles edificios regulados pola Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación (LOE), os cales deberán reunir todos os requisitos e garantías establecidos na lei.
As obras sobre as cales existe obrigatoriedade de visado do proxecto de execución e do certificado de final de obra de edificación, mencionadas no artigo 2 do real decreto sobre visados, en relación coa LOE, son:
• Obras de edificación de nova construción, agás as de escasa entidade construtiva que non teñan carácter residencial.
• Obras de reforma substancial que alteren a configuración arquitectónica dos edificios.
• Intervencións que afecten edificacións catalogadas ou protexidas nos termos previstos no artigo 2.2.c) da LOE.
O visado sobre o proxecto de execución da edificación exixirase só para os contidos establecidos no anexo I do Real decreto 314/2006, polo que se aproba o Código técnico da edificación.
Quinto. Proxectos de voaduras especiais.
O visado será obrigatorio para os proxectos de voaduras especiais previstos no artigo 151 do Regulamento xeral de normas básicas de seguranza mineira, aprobado polo Real decreto 863/1985, do 2 de abril.
En virtude do disposto no mesmo artigo, nas explotacións mineiras cuxas voaduras teñan a consideración de especiais conforme a ITC 10.3.01, cando as devanditas voaduras vaian constituír unha actuación repetitiva, respectando en todas elas os parámetros técnicos e medidas previstas na primeira voadura, poderán admitirse proxectos tipo cuxa aprobación será independente do consumo anual de explosivos que se solicite co plan de labores, que será obxecto de informe á parte.
Sexto. Declaración responsable.
Os proxectos técnicos, os certificados de posta en marcha ou finais de obra de establecementos de beneficio e instalacións mineiras e os plans anuais de labores das industrias extractivas que non son obxecto de visado obrigatorio, cando se presenten sen visar deberán acompañarse da declaración responsable dun técnico competente, axustada ao modelo que figura nos anexos e subscrita polo técnico titulado que os asina.
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2011.
Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

