Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Mércores, 19 de outubro de 2011 Páx. 30604

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 6 de outubro de 2011 pola que se modifica a Orde do 5 de maio pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a entidades privadas para incentivar o turismo mediante a mellora de establecementos hoteleiros do grupo I e creación ou mellora da oferta complementaria de establecementos hoteleiros existentes na Comunidade Autónoma (CT989A), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede a súa convocatoria para o ano 2011.

A Orde do 5 de maio establece as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva das subvencións a entidades privadas para incentivar o turismo mediante a mellora de establecementos hoteleiros do grupo I e creación ou mellora da oferta complementaria de establecementos hoteleiros existentes na Comunidade Autónoma (CT989A), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, publicada no Diario Oficial de Galicia número 118, do 21 de xuño de 2011, e no seu artigo 18.1 establece o prazo para presentar o proxecto de execución definitivo e o documento de nomeamento do director de obra, e no artigo 18.2 establécese como prazo de xustificación da primeira anualidade ata o 30 de novembro de 2011.

Non obstante, tendo en conta a data de convocatoria das axudas, o número de solicitudes presentadas, o elevado número de requirimentos que foi necesario realizar co obxecto de que os interesados emendasen a documentación inicialmente presentada, e as dificultades de valoración das solicitudes, xunto coa paralización da contabilidade orzamentaria, produciuse un atraso na resolución da convocatoria, polo que, co obxecto de que os beneficiarios poidan xustificar en prazo as subvencións, se considera adecuada unha modificación dos prazos de xustificación.

Á vista do anterior é necesario proceder á modificación do artigo 18.1 cambiando o prazo de presentación de documentación e o 18.2 ampliando o prazo de que dispoñen os beneficiarios para realizaren a xustificación da subvención.

Polo exposto, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1.

O artigo 18.1 e 18 .2 do anexo I queda redactado como segue:

1. No prazo dos trinta días naturais seguintes á notificación da concesión da subvención, os beneficiarios presentarán na Secretaría Xeral para o Turismo a seguinte documentación por duplicado exemplar:

a) Proxecto de execución definitivo da acción subvencionada, achegarase visado e incluirá o programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, consonte a resolución de concesión e copia compulsada do nomeamento de dirección de obra.

O dito proxecto e programa teñen que ser conformes co determinado na resolución de concesión da subvención, e, para os efectos da súa validez para incorporar ao expediente, deberán ser avaliados polo Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Secretaría Xeral para o Turismo.

b) Documento acreditativo ou contrato, do nomeamento do director da obra e director da execución material da obra.

2. Para cobrar a primeira anualidade (2011) da subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 30 de decembro de 2011 para presentar nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria a documentación que a seguir se indica:

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo V.

b) Certificación de obra por conceptos, en modelo normalizado, que se compón de portada, certificación en orixe, por partidas e capítulos, segundo medicións e prezos recollidos no proxecto de execución, elaborada polo arquitecto e arquitecto técnico da obra, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra.

No caso de obras menores con orzamento de execución material superior a 50.000 euros os beneficiarios presentarán certificado de fin de obra asinada por persoal técnico competente.

c) Facturas, que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias, ou, na súa falta, copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento. En todo caso o importe reflectido na certificación de obra debe ser consecuente co xustificado coas ditas facturas.

d) Licenza urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado. O dito documento é preceptivo, non se procederá ao pagamento da anualidade mentres non se presente.

e) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social, e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ningunha Administración pública. Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

f) Declaración responsable onde se recollan expresamente os compromisos a que se fai referencia no artigo 16 das bases reguladoras.

g) Declaración actualizada de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Pode utilizarse actualizado o anexo IV: modelo de declaracións.

h) Xustificante orixinal do depósito da garantía presentada no caso de pagamentos de importe superior a 18.000,00 euros, de acordo co establecido no artigo 62 en relación co 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A modificación do prazo de xustificación establecido non afectará os demais previstos na orde.

Disposición derradeira única.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2011.

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo